Saltar ao contido

Pirítoo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pirítoo
Imaxe
 Instancia de
 Venerado por
Biografía
 Sexo
Actividade
 Cargo ocupado
Familia
 Nai
Clia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
 Pai
 Cónxuxe
 Fillo/a
Polipetes (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
VIAF31153124349524492652 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/0l723 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

Na mitoloxía grega, Pirítoo era o fillo de Ixión, rei de Tesalia, e Día [1]. Casou con Hipodamía (filla de Butes), coa que tivo un fillo, Polipetes. Na festa do día da voda, os centauros, invitados á mesma, intentaron raptar á noiva. Este feito deu comezo a unha violenta batalla entre centauros e lápitas (os parentes de Pirítoo), na que venceron estes segundos, o que se interpreta como o triunfo da civilización helénica sobre a barbarie.

O centauro Euritión intenta raptar a Hipodamía mentres Pirítoo (á esquerda) e Teseo (á dereita) a defenden (detalle dunha crátera de figuras vermellas, c. 350-340 a.C., Museo Británico)

A batalla entre centauros e lápitas

[editar | editar a fonte]

Pirítoo e Hipodamía invitaron á súa voda ós centauros, cos que ela tiña unha relación de parentesco. Os centauros terminaron emborrachándose [2], e Euritión intentou violar e raptar á propia Hipodamía mentres que o resto deles se abalanzaron sobre as outras invitadas e mesmo sobre os homes mozos presentes. Os compatriotas de Pirítoo, os lápitas, ós que se uniu Teseo, amigo de Pirítoo, saíron en defensa das súas mulleres e comezaron unha forte loita contra os centauros, que foron derrotados[3].

"Porque a ti, o máis bestial dos bestiais centauros, Éurito, ardíache o corazón tanto polo viño como pola visión da noiva, e reinaba unha embriaguez que duplicaba a luxuria. De socato... a acabada de casar é raptada pola forza, agarrada polos cabelos. Éurito colle a Hipódame; os demais, a que cada un gustaba ou podía... Por azar había alí preto unha antiga crátera con altos relevos; lévántaa o fillo de Exeo [é dicir, Teseo] , erguéndose máis enorme do que de por si era, e lánzaa contra o rostro do seu adversario. Este, vomitando pola ferida e pola boca callóns de sangue, miolos e viño, de costas sobre a area enchoupada, pateaba".
(Ovidio: Metamorfosis XII 219-239)
Centauromaquia (Piero di Cosimo, 1500-1515, National Gallery de Londres)

A amizade entre os dous heroes xorde dunha proba que Pirítoo quixo someter a Teseo, do que sabía da sona que tiña, para comprobar as capacidades deste. Pirítoo rouboulle os rabaños de gando que Teseo tiña en Maratón (ou, simplememte, atacou Maratón). Cando se atoparon fronte a fronte, quedaron namorados da beleza do outro, e Pirítoo renunciou ó combate ofrecéndose a reparar os animais roubados e declarándose escravo de Teseo. Este, que non quixo ser menos, declinou a oferta e acordou esquecer todo o pasado. Xuráronse amizade eterna e, desde aquela, compartiron tódalas fazañas.

Outras aventuras de Pirítoo

[editar | editar a fonte]

Pirítoo e Teseo foron dous dos participantes na partida de caza do Xabaril de Calidón que dirixiu Meleagro [4], aínda que non tiveron ningunha actividade relevante.

"... ata que se xuntaron Meleagro e unha escollida presa de mozos ansiosos de gloria: ... Teseo e Pirítoo, feliz parella de amigos...".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 303)

Teseo acampañara a Heracles a conseguir o cinto da raíña das amazonas Hipólita, nun dos traballos que tivo que cumprir para Euristeo, e tomou por esposa (ou como escrava) a Antíope, irmá de Hipólita. Pero algunhas fontes engaden que, posteriormente a estes feitos, Teseo e Pirítoo regresaron onda as Amazonas e que foi nesta segunda viaxe cando Teseo raptou a Antíope [5].

Noutro momento, ámbolos dous amigos decidiron tomar por esposas a cadansúa filla de Zeus e, así, Pirítoo tomou parte do rapto de Helena (cando esta era aínda moza), para Teseo, e Teseo acompañou a Pirítoo ata os Infernos, para buscar a Perséfone, esposa de Hades. Pero Hades tendeulles unha trampa: invitounos a un banquete e unha vez que os tivo sentados á mesa, deixounos encadeados ós asentos. Heracles, cando foi polo can Cérbero, conseguiu rescatar a Teseo, pero non puido salvar a Piritoo [6].

"Cerca das portas do Tártaro, Heracles atopou ós seus amigos Teseo e Pirítoo atados a cadeiras de tortura. Liberou a Teseo pero veuse obrigado a deixar alí a Pirítoo".
(Robert Graves: Los mitos griegos, 561)

A tradición evemerista converte o mito nunha visita de Teseo e Pirítoo á corte do rei Hedoneo, en Epiro. Este estaba casado cunha Perséfone e tiña unha filla chamada Core. Aínda que a intención daqueles era raptar ás dúas, presentáronse coa excusa de pedir á filla en matrimonio, pero xa fora prometida a quen lograse vencer a un can intratable chamado Cerbero. Hedoneo deuse conta do engano e mandou deter ós dous, entregando a Pirítoo á voracidade de Cerbero, que o comeu dun bocado, e metendo a Teseo na cadea. Co tempo veu Heracles, que era amigo de Hedoneo, e conseguiu que o puxera en liberdade,

Loita dun centauro e un lápita (métopa 31, Partenón, hoxe no Museo Británico)

Iconografía

[editar | editar a fonte]

A Centauromaquia, como se coñece a loita de centauros e lápitas, foi recollida en numerosas obras clásicas, destacando o frontón occidental do templo de Zeus en Olimpia (c. 460 a.C.) ou as métopas do friso sur do Partenón (c. 445 a.C.).

Tamén é representada na Idade Moderna (Miguel Anxo, Jordaens, Rubens, etc.) e Contemporánea (Giorgio de Chirico), ben en escenas de loita colectivas, ben en escenas individualizadas de Teseo contra un centauro (pouco comúns).

  1. ↑ Homero, na Ilíada, faino fillo de Zeus e Día.
  2. ↑ Os centauros tiñan sona de seren personaxes salvaxes, luxuriosos, violentos cando estaban borrachos, como resultaba habitual neles, excepto Folo e Quirón, os dous únicos centauros sabios e rectos.
  3. ↑ Apolodoro: Epítomes 1, 21.
  4. ↑ Pseudo-Apolodoro I, 8, 2; Ovidio VIII, 303. Hixino non menciona a Pirítoo na relación de membros da partida (Hixino, 173).
  5. ↑ Robert Graves, 386.
  6. ↑ Segundo Graves, Pirítoo non puido escapar do Inferno polo feito de ser mortal, mentres que Teseo era fillo de Poseidón.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 418-419.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, 210-458 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].