Hipólita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Heracles reduce a Hipólita (Joseph Kuhn-Régnier, 1936)

Na mitoloxía grega, Hipólita foi unha das raíñas das Amazonas, un pobo guerreiro formado unicamente por mulleres. Era filla de Ares, deus da guerra, e da raíña Otrere (filla de Ares) [1], e irmá de Melanipa, Antíope e Pentesilea.

Heracles e o cinto de Hipólita[editar | editar a fonte]

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [2], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O noveno destes traballos foi traer para Admete, filla de Euristeo, o cinto máxico que usaba a raíña das Amazonas, regalo do seu pai Ares como símbolo do poder que tiña sobre o pobo das Amazonas [3].

Para realizar este traballo, Heracles organizou unha expedición con varios voluntarios, que embarcaron nunha soa nave [4]. Tras diversas aventuras aportaron en Temiscira, no país das Amazonas, onde Hipólita saíu ó seu encontro. Heracles explicoulle o motivo da súa viaxe e Hipólita accedeu de grado a entregarlle o cinto, como mostra do amor que espertara nela. Pero, Hera, nun novo intento de facer fracasar a Heracles nos seus traballos, disfrazouse como unha das amazonas e propagou o conto de que a raíña fora secuestrada polos forasteiros [5]. Como era de esperar, as Amazonas atacaron o barco para rescatar á súa raíña, ataque que Heracles interpretou como unha traizón de Hipólita [6] e a matou, quitándolle o cinto e a machada. Logo repeleu con éxito o ataque, matando un gran número delas.

"Pero Hera, adoptando a figura dunha das amazonas, iba e viña entre o xentío dicindo que os estranxeiros raptaran á raíña e así, as amazonas, armadas e a cabalo, cargaron contra a nave. Cando Heracles as veu armadas, crendo que era froito dunha traizón, deu morte a Hipólita e arrebatoulle o cinto. Despois de loitar coas demais, fíxose á mar e tocou terra en Troia.
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 9)
Heracles e Hipólita (150-160 a.C., Museo Arqueolóxico, Turquía)

Outra versión do mito di que a loita entre Heracles e as Amazonas comezou xa co desembarco. Os homes de Heracles capturaron como prisioneira a Melanipa, a irmá de Hipólita, e esta accedeu a un intercambio, da irmá polo cinto. Tamén se engade que, ademais de Melanipa, tamén foi capturada outra irmá, Antíope, que Heracles entrega en matrimonio a Teseo, un dos seus compañeiros de expedición. Ou ben foi Teseo quen capturou a Hipólita e quen lle deu o cinto a Heracles, e a cambio este permiteulle tomar a Antíope como escrava.

"Matou e roubou o cinto á amazona Hipólita, filla de Marte e da raíña Otrera, e logo entregou Antíope a Teseo como escrava".
(Hixino: Fábulas 30)

Heracles volveu a Micenas e entregou o cinto a Euristeo, quen llo deu á filla. O resto do botín deullo ó templo de Apolo en Delfos e a machada á raíña de Tracia, Ónfale.

Iconografía[editar | editar a fonte]

A primeira representación deste episodio prodúcese no século VII a.C. e reaparece nunha métopa do templo E de Selinunte (c. 465 a. C.), para continuar ata tempos modernos (por exemplo, con Delacroix). Como norma xeral, o motivo forma parte dunha escena da Amazonomaquia, sendo moi escasas as representascións de Hipólita entregando voluntariamente o cinto.

Hipólita na guerra contra Atenas[editar | editar a fonte]

Existe unha tradición na que Hipólita non morre neste episodio senón que, posteriormente, dirixe un ataque contra Atenas para recuperar a Antíope. Os atenienses, ás ordes de Teseo, fan fracasar o ataque, e Hipólita fuxe a Mégara, onde morrerá de pena.

Unha variante conta que Teseo abandona a Antíope tras ter un fillo con ela, Hipólito[7], para casar con Fedra [8]. Antíope quere vingarse e leva ás Amazonas á voda para intentar matar a Teseo, Fedra e tódolos invitados, pero morre a mans dos homes de Teseo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En xeral, crese que as Amazonas eran fillas de Ares e a náiade Harmonía.
  2. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  3. Tamén se di que o cinto pertencía a unha filla de Briareo, un dos Hecatonquiros (Apolonio de Rodas).
  4. Segundo Pseudo-Apolodoro, pero nove, segundo outras fontes.
  5. Ou pretendían facelo.
  6. A morte de Hipólita a mans de Heracles é a tradición máis aceptada.
  7. Tamén se di que este é fillo de Teseo con outra das Amazonas, Melanipa, ou mesmo con Hipólita.
  8. Resulta común crer que Teseo casa con Fedra tras abandonar a Ariadna, irmá desta.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 370.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 528-537.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 9 [a numeración segue a utilizada neste texto].