Saltar ao contido

Pica alpina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pica alpina
Anthus spinoletta
Carl von Linné 1758 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Nome curto
A. spinoletta Editar o valor en Wikidata
 Categoría taxonómica
 Combinación orixinal
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAves
OrdePasseriformes
FamiliaMotacillidae
XéneroAnthus
EspecieAnthus spinoletta Editar o valor en Wikidata
(Linnaeus, 1758) Anthus spinoletta Editar o valor en Wikidata
Cifras e dimensións
Masa2,73 g peso de nacemento Editar o valor en Wikidata
Envergadura26 cm Editar o valor en Wikidata
Localización
 Área de distribución
 Mapas
Distribución
Códigos e identificadores
Freebase/m/01xt7b Editar o valor en Wikidata
ITIS178489 Editar o valor en Wikidata
OTT695342 Editar o valor en Wikidata
UICN22718571 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

A pica alpina,[1] Anthus spinoletta, é unha especie de ave paseriforme da familia dos motacílidos pertencente ao xénero Anthus.[2]

É un paxaro pequeno, de entre 15,5 e 17 cm de lonxitude,[3] que cría nas montañas da rexión Holártica,[4] aínda que con distribución descontinua,[5] no sur de Europa e das zonas temperadas do sur de Asia até a China. En Galicia é escasa e só pode verse en zonas de montaña lindantes con Asturias e Castela.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 na páxina 166 do volume 1º do seu Systema Naturae baixo o nome de Alauda spinoletta.[2]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Alauda spec Linnaeus, 1758
  • Alauda spinoletta Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Anthus spinoletta petrosus (Montagu, 1798)

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Recoñécense as subespecies seguintes:[2]

  • Anthus spinoletta blakistoni Swinhoe, 1863
  • Anthus spinoletta coutellii Audouin, 1826
  • Anthus spinoletta spinoletta (Linnaeus, 1758)

Características

[editar | editar a fonte]
Anthus spinoletta entre a vexetación
Anthus spinoletta spinoletta
Ovo

É un paxaro de corpo robusto de plumaxe pouco rechamante, predominantemente de cor parda escura polas partes superiores e co raiado na rexión ventral, típico das picas, falta ou é difuso, axeitada para confundirse co chan. A plumaxe invernal parécese á de Anthus petrosus (e incluso nas patas, xeralmente escuras) pero é algo máis pálida e máis parda polas partes superiores (non, gris olivácea) e a cor das inferiores é branca, con listas máis marcadas. A "cella" e as bandas alares son xeralmante máis pálidas. As plumaa rectrices externas son brancas.[3]

Fóra da época reprodutora resulta difícil de diferenciar da pica costeira (Anthus petrosus), en especial da subespecie Anthus petrosus littoralis. Nesa época o peito e o ventre teñen listas gris acastañadas e a parte superior ten manchas escuras sobre fondo gris amarronado. A permanencia da "cella" e dun anel branco nas pálpebras, permiten a identificación.[Cómpre referencia]

As plumas exteriores da cola, que son brancas coma a neve, permiten identificala cando voa. Tamén o comportamento cando voa é distintivo: a pica alpina cando é molestada voa rapidamente cara a arriba até moita altura e non se volve pousar até que voa unha boa distancia. O Anthus petrosus voa menos, preto do chan e pousa enseguida. Ademais, no inverno, esta última especie prefire vivir na beira do mar, mentres que a pica alpina prefire as augas doces.[Cómpre referencia]

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]
Anthus spinoletta spinoletta

A especie cría en pasteiros alpinos e prados altos de montaña con praderíaas curtas e rochas, arbustos ou árbores espallados, xeralmente con algunhas zonas húmidas, moitas veces en ladeiras de montañas e tamén en zonas pedregosas con silveiras no lado leste das serras. No inverno atópase en zonas costeiras salgadas, lagoas, marismas, bordos herbosos de lagos e ríos, granxas, arrozais e outros cultivos de rega. En Europa, a posta de ovos ocorre desde finais de abril até principios de xullo. O niño é unha cunca feita de talos e follas de herba con algo de musgo incorporado e forrado de material máis fino e algúns pelos. Sitúase no chan no costado dunha marxe ou oco, xeralmente ben disimulado pola vexetación ou ás veces ao final dun túnel. Normalmente póñense de catro a seis ovos. Aliméntase principalmente de invertebrados, pero tamén toman algo de materia vexetal. A especie é principalmente un migrante de curta distancia ou altitudinal, con migracións regulares desde as altas montañas até as terras baixas no outono.[6]

Reprodúcese entre abril e xuño, podendo facer unha ou dúas niñadas.[Cómpre referencia]

Poboación

[editar | editar a fonte]

En Europa a poboación reprodutora estímase entre 1,62 e 3,16 millón parellas, o que equivale a 3,23-6,32 millóns de individuos maduros. A poboción europea é un 25 % do total global, polo que unha estimación moi preliminar do tamaño da poboación mundial é de 12,92 a 25,28 millóns de individuos maduros, aínda que é necesaria unha validación adicional desta estimación. Sospéitase que a poboación é estábel a falta de probas de calquera descenso ou ameaza substancial. Estímase que a poboación europea é estábel [7]

Nalgunhas zonas demostrouse que os animais de pastoreo teñen un impacto negativo significativo no éxito da nidificación desta especie.[8] Tamén se pensa que está ameazada polo cambio climático.[9][10] Ademais, tamén se demostrou que a expansión das pistas de esquí é prexudicial para esta especie.[11]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución extraordinariamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio do tamaño da área de distribución, combinado coa extensión/calidade do hábitat, que a tendencia de poboación parece ser estábel e, polo tanto, a especie non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerabel segundo o criterio de tamaño da poboación, por todos estes motivos o status da especie é avaliado como LC (pouco preocupante).[12]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Distribución

[editar | editar a fonte]

En Galicia habita nas montañas da metade oriental, cunha máis grande presenza nas da provincia de Ourense, habitualmente entre os 600 e os 1 600 m de altitude. A súa falta nas serras que dividen as provincias de Lugo, Coruña e Pontevedra, suponse que se debe a unha prospección incompleta.[4]

É sedentaria, aínda que efectúa desprazamentos altitudinais. É pouco común, aínda que pode ser abundante en zonas axeitadas.[4]

Vive en rochedos entre matos de Vaccinium, Erica e Genista.[4]

Fenoloxía da migración

[editar | editar a fonte]

Aínda que varía segundo as condicións climáticas, a especie realiza movementos de aproximación aos cumios desde primeiros de abril, comezando o descenso a zonas máis cálidas a partir de primeiros de novembro.[4]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O período de aniñamemto vai desde finais de maio até finais de xullo.[4]

A principal é a alteración do seu hábitat polos continuos incendios forestais.[4]

  1. Conde Teira, M. A. (1999): "Lista de nomes galegos para as aves ibéricas" Chioglossa 1: 121-138.
  2. 1 2 3 4 Anthus spinoletta (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultad o 9 de decembro de 2021.
  3. 1 2 Svensson & Grant 2001, p. 246.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 VV.AA. 1995, p. 483.
  5. Bernis, F. (1971): Aves migradoras ibéricas. Vol. II, Fascículos 7-8. Madrid: Sociedad Española de Ornitología.
  6. Tyler 2016.
  7. BirdLife International (2015): "European Red List of Birds". Office for Official Publications of the European Communities, Luxembourg.
  8. Pavel, V. (2004): "The impact of grazing animals on nesting success of grassland passerines in farmland and natural habitats: a field experiment". Folia Zoologica-Praha 53 (2): 171-178.
  9. Ebenhöh, H. (2003): "Zur Bestandsentwicklung von Berg-und Wiesenpieper (Anthus spinoletta und A. pratensis) am Feldberg im Schwarzwald". Naturschutz südl. Oberrhein 4 (2003).
  10. Melendez, L. & Laiolo, P. (2014): "The role of climate in constraining the elevational range of the water pipit Anthus spinoletta in an alpine environment". Ibis 156 (2): 276-287.
  11. Caprio, E., Chamberlain, D. & Rolando, A. (2014): "Skiing, birds and biodiversity in the Alps". Proceedings of the BOU’s 2014 Annual Conference: Ecology and conservation of birds in upland and alpine habitats.
  12. BirdLife International (2018): Anthus spinoletta na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 9 de decembro de 2021.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Liagzóns externas

[editar | editar a fonte]