Paul Simon
Paul Frederic Simon, nado en Newark, Nova Jersey o 13 de outubro de 1941, é un cantautor norteamericano[1]. Formou dúo con Art Garfunkel a finais dos anos 50 como Tom and Jerry e na década seguinte xa como Simon and Garfunkel ata a súa separación en 1970. Paul Simon foi o autor da música e da letra de todas as cancións orixinais do dúo. Entre as máis coñecidas están "The Sound of Silence", "Homeward Bound", "Mrs. Robinson", "Cecilia" e "Bridge Over Troubled Water"[2].
A súa carreira en solitario levouno a experimentar con músicas e ritmos de moi diferentes partes do mundo coma Suráfrica, Brasil e Porto Rico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Simon and Garfunkel
[editar | editar a fonte]Simon foi o compositor do dúo Simon and Garfunkel, autores de diversos álbums de grande éxito como Bridge Over Troubled Waters (1970). Antes de unirse a Garfunkel, Simon compuxera e gravado máis de 30 cancións entre 1957 e 1964, ano en que o dúo gravou o seu primeiro disco coa compañía Columbia Records.
Simon e Garfunkel contribuíron tamén á banda sonora da película de 1967 O graduado, protagonizada por Dustin Hoffman e Anne Bancroft. Paul Simon compuxo a canción "Mrs. Robinson" especialmente para a película; no filme tamén aparecen outras cancións do dúo. A canción "Mrs. Robinson" conseguiu dous premios Grammy.
En 1970 con Simon and Garfunkel gravan para o selo CBS o álbum El Cóndor Pasa cuxo principal tema era precisamente o nome do vinilo, música do peruano Daniel Alomías Robles e co acompañamento na quena do boliviano Uña Ramos, para a canción Duncan en 1972 volve utilizar os sons andinos da quena.
Aínda que xa levaban unha década separados (o dúo disolveuse en 1971), Simon reuniuse de novo con Garfunkel en 1981 para realizar un concerto no Central Park de Nova York. Aínda que iniciaron un novo álbum xuntos, Garfunkel decidiu retirarse do proxecto xa que non estaba de acordo con algunhas das letras propostas por Simon. Este álbum acabou sendo unha gravación de Paul Simon en solitario, Hearts and Bones.
En 2003 Simon e Garfunkel reuníronse de novo para iniciar unha xira, primeiro polos Estados Unidos de América e despois polo resto do mundo (2004).
1971–presente
[editar | editar a fonte]Trala separación de Simon e Garfunkel, Paul Simon iniciou unha carreira en solitario. En 1972 publicouse Paul Simon. En realidade non era o seu primeiro álbum en solitario xa que en 1965 gravara o disco Paul Simon Song Book que se publicou unicamente en Gran Bretaña. Este álbum editouse en CD e foi remasterizado en 2004.
A principios de 1973 Paul Simon volveu ao estudo tardando apenas 6 meses en ter terminado o seu novo álbum, o que constitúe todo un récord na súa carreira, onde a miúdo a preparación dunha obra nova adoita levarlle uhha media de 18 meses. O froito foi There Goes Rhymin´ Simon, editado en xuño, un dos seus LPs máis otimistas e máis coesos, no que se palpa a influencia da música gospel. O álbum alcanzou o nº 2 das listas, gañando un disco de ouro. Del extraéronse como singles dous dos grandes clásicos na discografía de Simon: "Kodachrome" e "Loves Me Like A Rock". Outro tema do álbum, "American Tune", foi elixida pola revista Rolling Stone como Canción do Ano 1973. En maio, un mes antes da saída do disco, iniciou Paul Simon a súa primeira vira desde a ruptura con Garfunkel, facéndoo en Boston. En abril de 1974 un disco gravado en directo durante este tour foi editado baixo o título de Live Rhymin´.
O 18 de outubro de 1975, Simon and Garfunkel apareceron no programa de TV Saturday Night Live, cantando vellos temas xuntos e promocionando os seus iminentes novos discos en solitario. En decembro sae o novo LP de Simon, titulado Still Crazy After All These Years, realizado cos mellores músicos de sesión do momento e fortemente inspirado no jazz. As letras, agás incursións no xenocidio xudeu ou o béisbol, atópanse marcadas pola dura experiencia do recente divorcio do autor. O álbum foi un grande éxito, chegando a nº 1 e vendendo máis dun millón de exemplares. Nel incluíase a canción "My Little Town", gravada xunto a Garfunkel. Con todo, as cancións máis famosas deste disco serían "50 Ways To Leave Your Lover" e a que dá nome ao disco.
A cerimonia de entrega dos Grammy tivo lugar en marzo de 1976 e nela Paul Simon obtivo dous galardóns por "Still Crazy After All These Years", correspondentes a Álbum do Ano 1975 e a Mellor interpretación vocal masculina de 1975.
Decide por estas datas tomarse un respiro no que se refire á publicación de novo material, o segue actuando en directo, aparecendo en programas de televisión (memorable o seu dúo con George Harrison no Saturday Night Live) e facendo algún papel no cine (interpretou a produtor Tony Lacey na película de Woody Allen Annie Hall).
En febreiro de 1979 Paul Simon firma o seu novo contrato coa Warner, tras haber #ter que indemnizar a CBS con 1,5 millóns de dólares e entabla un longo litixio xudicial contra esta última compañía por negarse a pagarlle os royalties dos seus discos. Este preito fallaríase finalmente a favor de Paul, quen así mesmo conseguiría que Warner fixésese coa propiedade e volvese editar todos os seus discos en solitario gravados con CBS. O resto do ano pásao traballando no guión e nas cancións do seu próximo proxecto, a película One-Trick Pony.
En agosto lánzase o álbum que contén as cancións que compuxo para o filme e que como este leva por título One-Trick Pony o cal subiría ata a posición 12 dos hits nos Estados Unidos. En setembro extraeuse do mesmo o single "Late In The Evening", que se colocou no nº 6 das listas. Aínda que as cifras de vendas foron boas resultaron decepcionantes en comparación co grande éxito que alcanzou o álbum anterior.
Actuacións en vivo
[editar | editar a fonte]Paul Simon actuou en Galiza unha soa vez. O 18 de xullo de 1991 ofreceu un concerto no Coliseum da Coruña, dentro da súa xira Born At The Right Time, na que presentaba o seu máis recente álbum The Rythm of The Saints (1990).[3] O saxofonista Michael Brecker e o trompetista Chris Botti tamén participaron no concerto xunto cunha numerosa banda composta na súa maior parte por músicos africanos e brasileiros coma Vincent Nguini, Ray Phiri, John Selolwane, Armand Sabal-Lecco, Mingo Araújo, Dom Chacal e Cyro Baptista.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Paul Simon (1972)
- There Goes Rhymin' Simon (1973)
- Paul Simon in Concert: Live Rhymin' (1974)
- Still Crazy After All These Years (1975)
- One Trick Pony (1980)
- Hearts and Bones (1983)
- Graceland (1986)
- The Rythm of The Saints (1990)
- Paul Simon's Concert in the Park (1991)
- Songs from The Capeman (1997)
- You're the One (2000)
- Surprise (2006)
- So Beautiful or So What (2011)
- Stranger to Stranger (2016)
- In the Blue Light (2018)
- Seven Psalms (2023)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Paul Simon | Biography lyricsfreak.com
- ↑ Bronson, Fred (2003). Billboard Books, ed. The Billboard Book of Number 1 Hits. ISBN 0-8230-7677-6.
- ↑ "Paul Simon- You Can Call Me Al (Coruña, 18 Julio 1991)". 2019-07-16. Consultado o 2024-08-30.