Patacón (moeda holandesa)
- Para outras moedas denominadas patacón, ver a páxina de homónimos: Patacón.
O patacón ou patagón (en neerlandés: patacon; en castelán: patacón; en portugués: patacão; en italiano: pataccone; en alemán: albertusthaler; en francés: écu à la croix de Bourgogne) é un tipo de tálero, unha moeda de prata aparecida inicialmente a principios do século XVII nos Países Baixos españois e que chegou a ser moi popular na economía dos países da contorna do mar Báltico, onde se converteu na principal moeda de cambio nese século.[1][2][3][4]
Características
[editar | editar a fonte]O peso do patacón era substancialmente menor que o do tálero estándar, que era o padrón monetario do Sacro Imperio romano. Producíase unha cuñaxe de nove pezas e media por marco de prata no canto de nove, polo que estas pezas contiñan 24,65 gramos de prata pura na súa aliaxe.[5]
Ademais da unidade emitíronse moedas fraccionarias con valores de medio, un cuarto, un oitavo (ou escalin) e un dezaseisavo de patagón.[6]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Na tradición alemá, o nome albertusthaler ("tálero de Alberte") asóciase co nome do gobernador dos Países Baixos e duque de Borgoña Alberte VII de Austria, cuxo busto aparece representado nas primeiras series destas moedas.
Na tradición francesa coñécese como écu à la croix de Bourgogne, porque o tálero era unha moeda equivalente ao escudo francés (écu) e este en concreto, o patacón, caracterizábase por amosar nos seus reversos a Cruz de Borgoña, símbolo da soberanía española.
O termo "patacón" ou "patagón", que foi o que se impuxo en case todos os países (coas súas adaptacións idiomáticas), ten a súa orixe na palabra árabe bataqa, forma apocopada da expresión abu taca, que literalmente significa "o pai da fiestra". Con esta orixe, a palabra española pataca comezou a estenderse por Europa (en provenzal: patac; en francés: pataque, en italiano: patacca), xunto co seu aumentativo patacón, como denominación da moeda española de oito reais cuñada nas colonias de América, de ampla circiulación internacional desde o século XVI, que nos seus inicios amosaba a imaxe do Vello e o Novo Mundo enmarcados entre as columnas de Hércules, que ás veces se entendían como o marco dunha fiestra. Esta moeda española foi a base de moedas de prata de gran módulo, como o tálero centroeuropeo ou o dólar estadounidense.[7][8][9]
O patacón orixinal (albertusthaler)
[editar | editar a fonte]Os primeiros patacóns amosaben nos seus anversos as armas borgoñoas rodeadas pola lenda latina ALBERTUS ET ELISABETH D. G. ARCHIDUC. AUSTR. DUCES BURG. BRA. Z. ("Alberte e Isabel, pola graza de Deus, arquiduques de Austria, Borgoña, Brabante e Zelandia). Nos reversos, a cruz de Borgoña (derivada, nesta ocasión da de Santo André) formada por dúas polas cortadas e con abrochos, frondosas nos seus extremos, entrecruzadas nos seus centros, de onde pendura o colar da Orde do Vélaro de Ouro coa inscrición PACE ET IUSTITIA ("paz e xustiza").
A cuñaxe deste patacón orixinal ou albertustaler continuou nos Países Baixos ata o final da dominación española, cara ao ano 1700, e foi substituído nesta rexión polo tálero coñecido como kronentaler en 1755, a nova moeda de cambio establecida no territorio do Sacro Imperio Romano por María Tareixa I de Austria.[10]
Propagación e imitacións
[editar | editar a fonte]Nas Provincias Unidas cuñáronse táleros de 1659 a 1802 coas mesmas características metrolóxicas aós orixinais patacóns, aínda que a súa denominación formal era a de "ducados de prata". Nos seus anversos tiñan o escudo de armas do león de holanda e nos reversos un home de pé con armadura. A maioría destas moedas foron cuñadas en Anveres e en Bruxelas.
Para o comercio na Europa Oriental a partir do Báltico (fundamentalmente Polonia, Rusia e Imperio Otomán) o patacón era un importante medio de pagamento internacionalmente recoñecido no século XVIII. En Rusia facíanse contramarcas nas moedas orixinais dos Países Baixos para garantir o seu recoñecemento oficial e circularon amplamente antes da aparición do rublo.
No entanto, nas rexións de Livonia, Curlandia e Semigalia cumpriu esperar ata 1810 para ver este tipo de táleros aparecer entre as transaccións comerciais.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición de patacón no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ "Patagones". En Moneda Hispánica (en castelán)
- ↑ "Patacón". En Rubio Santos, Enrique. Glosario numismático Numisma. Barcelona, 2011 (en castelán)
- ↑ "Le Patagon Arquivado 22 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Museo do Banco Nacional de Bélxica (en francés)
- ↑ Descrición do patagón. "Dictionnaire numismatique". En Migne, Jean-Paul. Encyclopédie théologique : ou, Série de dictionnaires sur toutes les parties de la science religieuse. Tomo 32. 1832 (en francés)
- ↑ "Patagon". En Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865 (en alemán)
- ↑ "Patacca". En Vocabulario Etimologico di Pianigini. Albrighi & Segati. 1907 (en italiano)
- ↑ "Pataccone". En Vocabulario Etimologico di Pianigini. Albrighi & Segati. 1907 (en italiano)
- ↑ "Pataca". En García de Diego, V. Diccionario Etimológico Español e Hispánico. Madrid, Ed. SAETA., 1956 (en castelán)
- ↑ Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865. Páxina 837 (en alemán)
- ↑ Pierer's Universal-Lexikon. Altemburg. 1857-1865. Páxina 18 (en alemán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "La evolución del Thaler o Taler Arquivado 27 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". Cervera Colecciones.