O proceso independentista catalán fixo que varios partidos políticos cataláns replantearan parte dos seus principios estatutarios. Durante a década de 2010, Convergència pasou do autonomismo ao soberanismo e posteriormente ao independentismo. Durante esa evolución, rompeuse a histórica coalición Convergència i Unió co seu socio Unió Democràtica de Catalunya. Ademais, no verán de 2014 o presidente fundador do partido, Jordi Pujol, confesou ter unha fortuna oculta no estranxeiro. Co obxectivo de pasar a páxina da corrupción no partido, a dirección do mesmo decidiu que era necesaria unha refundación, pero a causa de varias convocatorias electorais foise pospoñendo ata 2016.[3] En xaneiro dese ano Artur Mas, en ser substituído por Carles Puigdemont como presidente da Generalitat, asumiu a tarefa de preparar a refundación do seu partido.
Vista xeral do congreso fundacional do Partit Demòcrata Català.
O 8 de xullo de 2016 celebrouse o último congreso de Convergència Democràtica de Catalunya, no que se acordou a súa refundación nun novo partido que tería o seu primeiro congreso entre o 8 e 10 de xullo. Inicialmente a dirección de CDC presentou dúas opcións para o nome do partido: Més Catalunya e Catalans Convergents, pero as bases do partido manifestaron o seu rexeito as dúas propostas e o 9 de xullo presentaron tres novas propostas consensuadas nunha comisión de asociados: Junts per Catalunya, Partit Demòcrata Català e Partit Nacional Català. O 10 de xullo, nunha primeira volta de votacións descartouse a opción de Junts per Catalunya, e na segunda, Partit Demòcrata Català impúxose por 871 votos enfronte aos 657 da opción de Partit Nacional Català.[4] Despois da elección do nome, Demòcrates de Catalunya, a escisión soberanista de UDC, anunciou que emprendería accións legais xa que o novo nome podía dar lugar á confusión entre as dúas formacións.[5]
Os candidatos a presidir a dirección nacional do partido realizaron un proceso de primarias, que se celebrou os días 23 e 24 de xullo na nova sede da rúa Provença de Barcelona.[6] Días antes Jordi Turull e Germà Gordó anunciaron que non se presentarían, dando paso a novos candidatos. Aprováronse Artur Mas e Neus Munté como tándem presidencial e Marta Pascal e David Bonvehí como cordinadores xerais. Mercè Conesa gañou a Santi Vila nas eleccións á Presidencia do Consello Nacional.[7]
A dirección do Partit Demòcrata está encabezada por un presidente e unha vicepresidenta en parella mixta e representa o máximo órgano de representación institucional do partido, aínda que non ten funcións executivas. Un grao por debaixo atópase a dirección executiva formada por un coordinador xeral e once membros, seguindo criterios de paridade de xénero.[2]
Tamén haberá un comité nacional, con 50 representantes das seccións territoriais, e un consello nacional con 300 integrantes. A asemblea nacional do partido reunirase aproximadamente cada dous anos.[2]
Os membros do partido só poden compaxinar un cargo orgánico cun institucional e establécese un sistema de primarias para a elección de novos cargos, que terán unha limitación de oito anos, exceptuando os cargos de ámbito municipal.
O partido defínese como independentista e defende un estado catalán independente en forma de república. Para conseguilo non descarta realizar pasos «unilaterais» se España bloquea o resto de vías legais. Respecto do modelo social, o partido defende un estado de benestar onde «o sistema educativo, o sistema de saúde e a protección e a acción social sexan os fundamentos que sustenten unha igualdade real de oportunidades».[9] Tamén defende a seguridade como unha das principais liberdades, quere establecer un discurso respecto da inmigración baseado nos «dereitos e as responsabilidades, a familia como un modelo aberto pero ao mesmo tempo como eixo central da sociedade, e a sustentabilidade, como unha nova realidade económica». En termos económicos, potencia a economía de mercado pero «cun rostro social». No campo da educación, continuarán apoiando a liberdade de escoller escola.