Otidiphaps nobilis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Otidiphaps»)

Otidiphaps nobilis

O. nobilis aruensis no zoo de Cincinnati.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
(sen clasif.): Columbimorphae
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Subfamilia: Otidiphabinae
Xénero: Otidiphaps
Gould, 1870
Especie: O. nobilis
Nome binomial
Otidiphaps nobilis
Gould, 1870
Subespecies
Véxase o texto

Otidiphaps nobilis, coñecida na bibliografía internacional como pomba faisán, é unha especie de ave, endémica de Nova Guinea, pertencente á subclase das neornites, infraclase dos neognatos, superorde das neoaves, granorde dos columbimorfos, orde das columbiformes, e da súa única familia dos colúmbidos, e tamén a única da subfamilia dos otidifabinos, así como a única representante do único xénero desta, Otidiphaps.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dunha gran pomba terrestre, que se asemella a un faisán na súa morfoloxía externa, particularmente na súa cola comprimida lateralmente e as ás arredondadas, ao que alude o seu nome vulgar. Como non hai ninguna ave galiforme en Nova Guinea, a pomba faisán ocupa o nicho ecolóxico das perdices ou dos pequenos faisáns, mentres que a súa parente, a pomba coroada (Goura cristata), ten un estilo de vida semellante ao dos faisáns máis grandes, pitas do monte ou os pavos.

É unha especie moi silenciosa que se alimenta de sementes e froitos caídos. Aniña no chan baixo árbores e arbustos, poñendo no niño un único ovo que choca durante aproximadamente catro semanas.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

O seu hábitat son as selvas chuviosas de Nova Guinea e as illas adxacentes. Pódese atopar en outeiros e áreas montañosas baixas, pero tamén nas terras baixas. Atópase en Indonesia e Papúa Nova Guinea, onde se encontra en Batanta e Waigeo e nas montañas do oeste de Nova Guinea ao leste de Nassau e Oranje Ranges, desde o nivel do mar até os 2 050 m de altura.[3][4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Tamto o xénero como a especie foron descritos en 1870 polo naturalista e ornitólogo inglés John Gould, na páxina 62 da súa obra The Annals and magazine of natural history; inluding zoology, botany, and geology.

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

O nome científico do xénero fai referencia ás súas similitudes coa familia das avetardas (Otididae). Concretamente, o nome Otidiphaps está formado polos elementos do latín científico otid- e -phaps (ambos tirados do grego antigo, e unidos por un -i- epentético para faciliar a pronuncia). O primeiro elemento está tirado da raíz do xenitivo do nome ὠτίς ōtís, 'abetarda'; e o segundo, de φάψ pháps, 'pomba salvaxe'.[5]

O nome común reflixte a súa adaptación a manterse no solo do bosque como un faisán asiático oriental, ao que se parece.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Segundo o ITIS e a clasificación de referencia do Congreso Ornitolóxico Internacional, a especie comprende as seguintes catro subespecies:[2][6]

  • Otidiphaps nobilis Gould, 1870
    • Otidiphaps nobilis aruensis Rothschild, 1928
    • Otidiphaps nobilis nobilis Gould, 1870
    • Otidiphaps nobilis cervicalis E. P. Ramsay, 1880
    • Otidiphaps nobilis insularis Salvin & Godman, 1883

Status[editar | editar a fonte]

O tamaño da poboación global de Otidiphaps nobilis non foi cuantificado, pero a especie descríbese a miúdo como bastante común en zonas montañosas, aínda que localmente escasa nalgures.[4]

Sospéitase que a poboación está diminuíndo lentamente debido á deforestación do seu hábitat forestal primario, pero a taxa de declive non foi cuantificada.[1]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que a especie ten unha área de distribución moi grande e que, polo tanto, non se achega aos limiares do criterio de tamaño vulnerábel, e a pesar de que a tendencia da poboación parece estar diminuíndo, non se cre que o descenso sexa o suficientemente rápido como para achegarse aos limiares de vulnerábel. O tamaño da poboación non foi cuantificado, pero non se cre que se achegue aos limiares para o criterio de tamaño da poboación vulnerábel. Por estas razóns a especie é avaliada como LC (pouco preocupante).[1]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2016): Otidiphaps nobilis na Lista vermella da UICN. Versión 2019-1. Consultada o 3 de xuño de 2019.
  2. 2,0 2,1 Otidiphaps nobilis Gould, 1870 no ITIS.
  3. del Hoyo, Elliott & Sargatal 1997.
  4. 4,0 4,1 Gibbs, D.; Barnes, E. & Cox, J. (2001): Pigeons and doves: a guide to the pigeons and doves of the world. New Haven, Connecticut: Yale University Press ISBN 0-3000-7886-2.
  5. Otidiphaps no Merriam-Webster's Unabriged Dictionary.
  6. Order Comumbiformes. Family Columbidae, na IOC World Bird List. Versión 9, 2019.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]