O Patelas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O Patelas
Nacemento16 de agosto de 1916
 A Patela
Falecemento31 de marzo de 2009
NacionalidadeEspaña
editar datos en Wikidata ]

Xosé Raido, nado na Patela (Cuntis) o 16 de agosto de 1916 e finado o 31 de marzo de 2009, foi un gaiteiro e artesán de instrumentos tradicionais, tamén coñecido como O Patelas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De mozo aprendeu a tornear nun pequeno taller familiar na súa aldea natal. Facía gaitas e palletas, curtía as peles de cabra ou de ovella para facer foles e construía instrumentos de percusión: pandeiretas, pandeiros, bombos e tamboriles. Chegou a formar un grupo de gaitas que actuaba nas ruadas.

Tras un tempo desprazouse a Ponferrada para traballar no taller de carpintaría de ENDESA. Entrou en contacto con outros gaiteiros galegos, chegando a formar parte de polo menos cinco cuartetos de gaitas. Estivo algún tempo traballando en Lugo, onde trabaría unha boa amizade cos membros dunha das máis emblemáticas formacións galegas de música tradicional, Os Montes. Patelas animou a Antón Corral, que acababa de incorporarse ao grupo, a dedicarse á construción de instrumentos tradicionais. Tempo despois entrou na escola de gaitas da Deputación Provincial de Lugo e posteriormente a ser director do obradoiro de instrumentos tradicionais da Universidade Popular de Vigo e da banda de gaitas Xarabal.

Retirouse en 1976, ano no que se estableceu definitivamente na súa casa da Patela. Alí fundou un grupo infantil de música e baile tradicional que actuou moito nos concellos próximos, como Catoira, A Estrada, Moraña, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Vea e A Ulla, aínda que tamén noutros máis afastados coma Lugo, Vilalba, Manzaneda ou Ponferrada.

Axudou a relanzar a grupos que contarían coa presenza dos seus alumnos, como os Airiños de Cuntis ou Verbo Xido. O maior recoñecemento chegoulle pola recuperación xunto a Camilo Núñez dun instrumento de percusión en desuso, o charrasco, que antigamente se empregaba moito en Cuntis durante o Entroido e Reis.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Seixo Pastor, Marcos, "Os nosos músicos: Patelas, o gaiteiro de Cuntis", A Taboada, nº III (Cuntis-Moraña, xuño 2001).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Morreu patelas - Galegocarioca. O blogue dun galego no Rio de Janeiro (2009)