Niklas Luhmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Niklas Luhmann
Luhmann.png
Nacemento 8 de decembro de 1927
Lugar Lüneburg
Falecemento 6 de novembro de 1998
Lugar Oerlinghausen
Nacionalidade Alemaña
Alma máter Universidade de Freiburg im Breisgau, Bielefeld University e Universidade Harvard
Ocupación filósofo, científico, sociólogo e catedrático de universidade
Coñecido/a por sen etiquetar
Premios Hegel Prize
editar datos en Wikidata ]

Niklas Luhmann, nado en 1927 en Luneburgo, Baixa Saxonia e finado o 6 de novembro de 1998 en Oerlinghausen, Renania do Norte-Westfalia, foi un sociólogo alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ós 18 anos, formou parte da Luftwaffe durante a Segunda Guerra Mundial, e foi detido polos aliados. Recobrada a súa liberdade, comezou a estudar dereito en Friburgo, acabando no 1949. Exerceu como funcionario dende 1954; viaxou ós Estados Unidos en 1961 e comezou a estudar socioloxía como alumno de Talcott Parsons en Boston, na Universidade Harvard. Parsons, quen exerceu unha grande influencia na súa forma de pensar, era nese momento a máis influente figura do pensamento sociolóxico en Occidente. Logo da súa estancia en Harvard, Luhmann publica en 1964 a primeira obra dedicada a analizar problemas sociolóxicos a partir do uso da teoría de sistemas: "Funktionen und Folgen formaler Organisation" (Duncker & Humblot, Berlín, 1964).

En 1965 ingresou na Universidade de Münster onde acabou de estudar socioloxía política en 1967. En 1968 estableceu en Bielefeld, cidade onde exerceu un posto de catedrático na universidade durante o resto da súa carreira ata 1993, momento no que é nomeado emérito. En 1997 recibiu o Premio europeo Amalfi de socioloxía e ciencias sociais por Die Gesellschaft der Gesellschaft.

Con ocasión do XVI Congreso Alemán de Socioloxía, no ano 1968, iniciou un intenso debate teórico con Jürgen Habermas, a primeira parte do cal foi recopilado en: "Theorie der Gesellschaft oder Sozialtechnologie". Was leistet die Systemforschung, Surkamp (Frankfurt, 2 volumes, 1971-1973). O intercambio entre ambos continuou ata a morte de Luhmann en 1998 e é posible encontrar mutuas referencias e críticas nas obras de ambos os autores. No ano 1986 publicou "Ökologische Kommunikation. Kann die moderne Gesellschaft sich auf ökologische Gefährdungen einstellen?" (Westdeutscher Verlag, Opladen). Formou parte da revista Zeitschrift für Soziologie (Stuttgart), como editor, obtendo o premio Hegel en 1988.

Luhmann escribiu prolificamente, con máis de tres ducias de libros publicados sobre unha variedade de temas, incluíndo leis, economía, política, a arte, a relixión, ecoloxía, medios de comunicación e o amor.

Luhmann é moi coñecido en América do Norte pola mencionada disputa con Jürgen Habermas sobre o potencial da teoría de sistemas sociais. Tal como o seu antigo mentor, Talcott Parsons, Luhmann avoga pola "gran teoría", apuntado a dirixir calquera aspecto da vida social dentro dun marco universal teórico, do cal a diversidade de temas que el escribiu é unha indicación. A teoría de Luhmann é considerada sumamente abstracta. Este feito, xunto co suposto conservacionismo político que radica na súa teoría, fixo de Luhmann un autor polémico na socioloxía.

Os últimos trinta anos da súa vida dedicounos ó desenvolvemento dunha teoría da sociedade. No prólogo da edición alemá de Sistemas Sociais, escribe que ó aceptar a cátedra de Socioloxía da había pouco inaugurada Universidade de Bielefeld, no ano 1969, tivo que informar ó reitor sobre os proxectos de investigación nos que estaba traballando e fíxoo da seguinte forma:

Teoría da Sociedade. Duración: 30 anos. Custo: ningún[1]

Teoría de sistemas[editar | editar a fonte]

A teoría de sistemas é unha teoría con pretensións universalistas. Aplicada sobre a sociedade, afirma poder describir explicar o seu funcionamento como un complexo sistema de comunicacións.

Desta maneira, propón un punto de partida radicalmente diferente ó das teorías tradicionais da sociedade, que entenden ó home como "unidade básica" da construción social. Para Luhmann esta é unha visión vétero-europea, que debe ser deixada de lado á hora de analizar a estrutura da sociedade moderna: non os individuos senón as comunicacións son as unidades constituíntes e reprodutoras dos sistemas sociais.

Á súa vez, Luhmann parte do concepto de sistema entendido en distinción ó seu contorno. Esta diferenza sistema-contorno é o punto de partida de toda a teoría de sistemas de Luhmann. Calquera sistema necesita do seu contorno e os límites co contorno para poder identificarse. O sistema e o contorno nacen xuntos e necesitan un do outro para existir.[2]

Comunicación[editar | editar a fonte]

A teoría de Luhmann xira en torno ó concepto de comunicación. Por comunicación non entende unha acción humana no sentido de Habermas, nin un fenómeno tecnolóxico, nin un intercambio de información. Os homes non poden comunicar, "só a comunicación comunica". Segundo Luhmann, os sistemas sociais emerxen.

"...sempre que se estableza unha relación comunicativa autopoiética, que limite a súa comunicación e se diferencie así dun medio ambiente. Polo tanto, os sistemas sociais non están conformados por homes nin por accións, senón por comunicacións"[3]

A comunicación prodúcese mediante medios de comunicación simbólicos xeneralizados, diferentes en cada sistema social pero comparables entre si, polo seu carácter estrutural. Por exemplo, o sistema económico opera co medio diñeiro, o sistema xudicial con validez xurídica, a política con poder etc. Estes medios determinan a codificación dos sistemas, que reducen a súa complexidade inherente a un código binario: Pago/Non-Pago, Legal/Ilegal, Goberno/Oposición etc.

A comunicación é unha síntese de tres seleccións: información, acto de comunicación e comprensión. Como cada un destes compoñentes é en si mesmo continxente, dise que a comunicación tornase improbable en tres aspectos.

  • É improbable que alter entenda a comunicación de ego. Non hai comunicación entre conciencias.
  • É improbable que a comunicación chegue a máis persoas das que están na comunicación.
  • É improbable que se dea unha aceptación de selección segundo expectativas de alter e que ego tome a información para a súa propia conduta ou enlazar futuras comunicacións.

[4]

Sistemas sociais[editar | editar a fonte]

Luhmann recolle o concepto de autopoiesis desenvolvido orixinalmente polos biólogos Humberto Maturana e Francisco Varela e aplícao ós sistemas sociais (cabe sinalar aquí que Maturana manifestouse en desacordo con esta aplicación).[5] Describir os sistemas sociais como autopoiéticos implica que o carácter autorreferencial dos sistemas non se restrinxe ó plano das súas estruturas senón que inclúe os seus elementos e os seus compoñentes, é dicir, que o sistema mesmo constrúe os elementos dos que consiste. Neste sentido, un sistema autopoieticamente cerrado (denominado tamén "operativamente cerrado") é aquel que produce comunicación a partir da súa comunicación e só permite o ingreso de irritacións comunicativas do medio ambiente por canles de acoplamento estrutural, xa que a comunicación dun sistema só pode darse a través do seu propio medio simbólico e respondendo ó seu propio código binario.

Dentro dos sistemas sociais, a sociedade é un tipo particular de sistema social, e comprende dentro de si a todas as comunicacións. Segundo Luhmann non habería comunicación fóra da sociedade. Como sistema, os elementos da sociedade non serían os individuos como considera a socioloxía tradicional, senón as relacións ou comunicacións entre eles. Os individuos son considerados como sistemas psíquicos e os seus corpos como sistemas orgánicos, encóntranse no contorno da sociedade.[2]

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Operación/Observación[editar | editar a fonte]

Luhmann adopta a idea fundamental do construtivismo, segundo a cal o proceso de obtención de coñecemento non garda relación directa cunha realidade ontolóxica, senón que este proceso constrúe a realidade observada. A diferenza entre operación e observación é a base da concepción construtivista e un dos piares terminolóxicos da teoría. Neste contexto, segundo Elena Esposito, entendese por operación:

"...a reprodución dun elemento dun sistema autopoiético con axuda dos elementos do mesmo sistema, é dicir, a condición de existencia do propio sistema."[6]

Un sistema xorde e reprodúcese na medida que as súas operacións dean lugar a outras operacións, por exemplo: se procesos orgánicos se empalman con outros procesos orgánicos xorde un sistema orgánico; se os pensamentos dan lugar a outros pensamentos xorde un sistema psíquico e cando as comunicacións empalman con outras comunicacións xorden sistemas sociais. Neste marco, a posibilidade de empalme das operacións está limitada unicamente ás operacións do mesmo tipo e determina, á súa vez, a autopoiesis e á condición de clausura operativa de sistema (e por ende condición de existencia). Un proceso dixestivo non pode empalmar cun pensamento, só un pensamento pode empalmar con outro pensamento; esta é a condición de posibilidade dos sistemas orgánicos e psíquicos.

As operacións só poden ser rexistradas por un observador. A observación é a operación específica dos sistemas constituíntes de sentido (é dicir, os sistemas sociais). Este tipo específico de operación consiste en marcar diferenzas e facer denominacións; toda observación empeza cunha diferenza convértese nunha rede de diferenzas, onde todas dependen da diferenza orixinal. Segundo Elena Esposito,

"A observación é unha operación específica que utiliza unha diferenza para marcar unha parte ou outra da diferenza. A observación prodúcese cando un sistema opera en base a distincións para obter e manipular información"[7]

Diferenza[editar | editar a fonte]

O concepto de diferenza é básico para a descrición da observación: calquera observación opera con diferenzas, postulando unha diferenza específica, marcando unha das súas caras e ignorando outra. Aplicada á propia teoría de sistemas, unha das diferenzas centrais é a que existe entre sistema e medio ambiente. Así mesmo, o concepto de diferenza posúe dentro da teoría un alto grado de abstracción representa a condición de posibilidade de acceso ou observación. (A diferenza resulta, ademais, dunha distinción entre identidade e diferenza).

Os conceptos de "diferenza" ("Differenz") e "distinción" ("Unterscheidung") son practicamente sinónimos; porén, este acentúa o carácter operativo do marcado dunha diferenza, mentres que aquel acentúa o carácter substantivo, a liña demarcadora en si mesma.

Acoplamento estrutural[editar | editar a fonte]

Acoplamento estrutural entre tres sistemas

O acoplamento estrutural é unha relación non causal entre un sistema e o seu contorno (é o único tipo de relación posible entre ambos).

Co acoplamento estrutural a teoría soluciona o dilema que propón o postulado da autopoiesis, pois se ben os sistemas encóntranse nun estado de clausura operativa, reproducen os seus elementos a partir dos seus propios elementos, só coñecen os seus estados internos e non poden comunicarse directamente co seu medio ambiente, tamén deben poder observar o seu medio ambiente e adecuarse a el para poder existir:

"O acoplamento estrutural e a autodeterminación manteñen unha relación ortogonal: se ben cada un é a premisa do outro, non poden condicionarse mutuamente. O medio ambiente só pode influír sobre o sistema producindo irritacións [...] que son procesadas internamente; tamén as irritacións son construcións internas que resultan da confrontación dos sucesos coas estruturas propias do sistema. Entón, non existen as irritacións "no medio ambiente"; a irritación sempre é autoirritación, que ó sumo xorde de sucesos do medio ambiente."[8]

Para establecer unha relación de acoplamento estrutural, o sistema constrúe estruturas con expectativas que o sensibilizan a determinadas irritacións. Por exemplo, o sistema político non pode observar as comunicacións que se producen no sistema económico (porque aquel opera co código "Poder/Oposición", mentres que este faino con "Pago/Non Pago"), pero pode crear estruturas de irritación, utilizar por exemplo o PIB ou o déficit fiscal e interpretar os seus valores como relevantes para a comunicación política (obtención/manutención do poder).

Deste xeito prodúcese un "desfasaxe estrutural",[9] é dicir, unha determinada serie de sucesos en diferentes sistemas que simula unha intervención que en realidade nunca ocorreu.

  • Estudo usado como referencia a unha pregunta (7) contida no exame o concurso para postulantes a Xuíces ou Maxistrados Supremos do Perú - 2012. Non me permitiu entender como se chega ó proposto na imaxe sobre acoplamento estrutural entre o sistema político e o sistema xurídico - Constitución. Atte: Antonio Tinajeros Aguirre - Membro do Consello de Ética do Colexio de Avogados de Lima - Perú - 2012-2013.

Medio/Forma[editar | editar a fonte]

Luhmann incorpoou á súa teoría unha figura do psicólogo austríaco Fritz Heider: a diferenza entre "Medio" e "Forma", (Heider fala de "Medio/Cousa"). As formas están conformadas por "acoplamentos ríxidos" entre elementos dentro dun medio (que á súa vez é un sistema de "acoplamentos flexibles"). Por exemplo, unha pegada na area é unha forma que posúe unha certa durabilidade e cuxa figura é fixa, mentres que a area é o medio onde estas poden xurdir, sen ter forma propia e "acomodándose" nas formas das súas formas.

Para Luhmann, en contraposición á idea vétero-europea dunha diferencza entre "Substancia" e "Forma", as cousas non posúen unha entidade "ontolóxica" que as determine como forma ou medio: o seu carácter está dado sempre pola relación, establecida por un observador, con outro elemento. Para utilizar o exemplo anterior, a area é un medio en relación á forma das pegadas, pero é unha forma en relación ás moléculas que a conforman. Outro exemplo: As letras son o medio das palabras, que son o medio das oracións, que son o medio das ideas. Os medios son sempre as formas doutros medios.

Esta diferenza é un momento importante da teoría, pois, segundo Giancarlo Corsi,

"Os medios relevantes para a teoría de sistemas sociais son os medios de comunicación que transforman algo improbable en algo probable. Os medios de comunicación conectan comunicacións que doutra forma non poderían encontrar conexión. Estes medios de comunicación son o idioma, os medios de difusión e os medios de comunicación simbólicos xeneralizados."[10]

Resoancia[editar | editar a fonte]

A resoancia indica a posibilidade de transmisión de procesos entre sistemas ou entre partes dun sistema con partes doutro, debido a unha similitude ou paralelismo estrutural. Por exemplo, as tempadas laborais deste certo sector do comercio e a industria tenden a guiarse polo ciclo lectivo existente na rexión en cuestión. Neste sentido, a resoancia está ligada ó concepto de #Acoplamento estrutural

Continxencia[editar | editar a fonte]

Continxencia é o estado daqueles feitos que dende un punto de vista lóxico non son nin verdadeiros nin falsos. A continxencia é o oposto a necesidade: un acto ou feito continxente é o que podería non haber ocurrido ou tido lugar; un acto ou feito é necesario, en cambio, se non podería non haber ocurrido.

No desenvolvemento de Luhmann, a continxencia é un aspecto máis que importante para comprender a disposición moderna fronte ó risco. Segundo Maximiliano Korstanje (quen toma os postulados de Niklas Luhmann) a ameaza é externa á sociedade e non depende (in strictu sensu) dos procesos decisorios que dan sustento á orde social. O risco é un residual comunicativo da decisión e a racionalidade. Polo contrario, o risco non só se encontra orientado a un escenario futurible (que pode cumplirse ou non) senón que ademais se corresponde coa contixencia, o que significa a posibilidade de evitar as súas consecuencias previa decisión para evitalo. Mentres quen toma as decisións dentro dunha organización, poucas veces os que asumen os custos son integrados neses procesos. Por tal razón, existe unha confusión intencional entre os termos ameaza e risco con fin de conferir á cidadanía problemas dos cales teñen escasa ou ningunha participación. Temas vinculados ó terrorismo, accidentes de avións ou inxestas de alimentos en mal estado non deben ser considerados riscos porque a vítima non ten responsabilidade neles senón perigros ou ameazas.[11]

Clausura operativa[editar | editar a fonte]

O concepto de "clausura operativa" describe a forma que teñen os sistemas de xerarse, reproducirse e comunicarse. Segundo Luhmann, os sistemas defínense polas operacións mediante as cales os sistemas producense e reprodúcense; todo o que non suceda dentro do marco destas operacións pasará automaticamente a formar parte do contorno do sistema e, neste sentido, todos os sistemas están pechados operativamente a el, porque unicamente reaccionan ante as operacións internas; operacións que dan lugar a outras operacións que dan lugar a outras operacións (e así sucesivamente), pero sempre dentro dos límites do propio sistema. Nas palabras de Luhmann,

"Os sistemas defínense por aqueles modos de operación mediante os cales o sistema producese e reprodúcese a si mesmo. Un tipo determinado de sistemas —por exemplo, os sistemas vivos, psíquicos, sociais etc.— realizanse por medio dun tipo determinado de operación. A unidade do sistema corresponde á unidade da operación que o constitúe. Dese modo queda excluída a posibilidade de caracterizar un sistema por unha pluralidade de operacións [...] Por conseguinte, partimos dunha relación circular entre os conceptos de sistema e de operación. Só pode operar un sistema e só as operacións poden producir sistemas.

[...]

As operacións que poden conectarse entre si conforman o sistema. Aquilo que queda excluído pasa a ser o contorno do sistema. Dito doutro xeito, as operacións condensan unha diferenza entre o sistema e o contorno. Producen unha forma que teñen dous lados: un lado interior que é o sistema e un lado exterior que é o contorno. Se non se chega a esa separación entre sistema e contorno, a forma que é o sistema non pode xurdir."[12]

Obras (selección)[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Theorie der Gesellschaft, Laufzeit: 30 Jahre, Kosten: keine" (Luhmann, Soziale Systeme: Grundriß einer allgemeinen Theorie Suhrkamp, 1984, ISBN 3-518-28266-2)
  2. 2,0 2,1 http://es.scribd.com/doc/28372275/Glosario-Sobre-Teoria-Social-de-Luhmann
  3. "Ein soziales System kommt zustande, wenn immer ein autopoietischer Kommunikationszusammenhang entsteht und sich durch Einschränkung der geeigneten Kommunikation gegen eine Umwelt abgrenzt. Soziale Systeme bestehen demnach nicht aus Menschen, auch nicht aus Handlungen, sondern aus Kommunikationen." (Luhmann, Ökologische Kommunikation. Opladen: Westdeutscher Verlag, 1. Auflage 1986. ISBN 3-531-11775-0, 1986, S. 269.)
  4. Luhmann, Niklas. Sistemas sociais. Capítulo 4 “Comunicación e acción”, páxina 157
  5. Entrevista (en inglés, comentarios en alemán) a H. Maturana (2008) sobre as teorías de Luhmann
  6. "Unter einer Operation versteht man die Reproduktion eines Elements eines autopoietischen Systems mit Hilfe der Elemente desselben Systems, also die Voraussetzung für die Existenz des Systems selbst." (Elena Esposito y otros, "Operation/Beobachtung", en "GLU - Glosar zu Niklas Luhmann Theorie sozialer Systeme", Suhrkamp, Frankfurt am Main, 1997, pág. 123)
  7. "Die Beobachtung ist eine spezifische Operationsweise, die eine Unterscheidung benutzt, um die eine oder die andere Seite der Unterscheidung zu bezeichnen. É komt immer dann zu Beobachtungen, wenn ein System aufgrund von Unterscheidungen operiert und Informationen gewinnen und verarbeiten kann." (Elena Esposito, Op.Cit, pág. 123 s.)
  8. "Strukturelle Kopplung und Selbstdetermination des Systems stehen in einer "orthogonalen Beziehung" zueinander: auch wenn sie sich voraussetzen, können sie sich gegenseitig nicht bestimmen. Die Umwelt kann auf das System nur dadurch einwirken, daß sie Irritationen [...] produziert, die intern verarbeitet werden; auch die Irritationen sind jedoch interne Kostruktionen, die aus einer Konfrontation der Ereignise mit den eigenen Strukturen des Systems resultieren. Es gibt also keine Irritationen in der Umwelt; die Irritation ist in der Tat immer Selbstirritation - ggf. ausgehend von Umweltereignisen." (Elena Esposito, Op.Cit, pág. 186 s.)
  9. En alemán: "Strukturelles Driften"
  10. "Die für die Theorie sozialer Systeme relevanten Medien sind die Kommunikationsmedien, die etwas wahrscheinlich machen können, was ohne sie unwahrscheinlich wäre. Die Kommunikationsmedien verbinden die Kommunikationen, die sonst keine Anschlüsse finden würden. Diese Kommunikationsmedien sind die Sprache, die Verbreitungsmedien und die Symbolisch generalisierten Kommunikationsmedien." (Giancarlo Corsi, Op.Cit, pág. 59)
  11. Korstanje, M. "Reconsiderando o concepto de risco en Niklas Luhmann". Mad, Revista Mad. Vol 22, 2010, pp31-41
  12. Luhmann, N. "A clausura operacional dos sistemas psíquicos e sociais" (en: Fischer, H.R. e outros, "O final dos grandes proxectos", pág. 116s., Gedisa, Barcelona, 1997)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]