Saltar ao contido

Nicholas Rhodes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaNicholas Rhodes

Nicholas Gervase Rhodes en 2003

Nome orixinalNicholas Gervase Rhodes
Biografía
Nacemento26 de maio de 1946.
Londres.
Inglaterra.
Morte6 de xullo de 2011.
(65 anos)
Datos persoais
País de nacionalidade Británica.
EducaciónTrinity College, Universidade de Cambridge.
Coñecido porEstudos sobre a moeda tibetana.
Actividade
OcupaciónOrientalista e numismático.
Membro de
Royal Numismatic Society.
Oriental Numismatic Society.
Bhutan Society.
Nepal Numismatic Society.
Nepal and Tibet Philatelic Study Circle.
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeDeki Laden La (Deki Rhodes).
FillosJohn Rhodes.


Nicholas Gervase Rhodes, nado en Londres o 26 de maio de 1946 e finado o 6 de xullo de 2011,[1] foi un numismático británico especializado na moeda asiática, sinaladamente nas emisións monetarias do Tíbet precomunista e dos reinos do Himalaia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Rhodes pasou a súa infancia no seu Londres natal, onde realizou os seus estudos, ata que se trasladou a Cambridge na súa xuventude, para cursar un mestrado en Matemáticas no Trinity College, da Universidade de Cambridge.[2][3][4]

Tamén fixo estudos lingüísticos; ademais das linguas clásicas, como o latín e o grego, dominou linguas contemporáneas como o francés, o alemán e o español.[3] Posteriormente acadou o título de actuario, e a súa vida profesional transcorreu no ámbito das operacións relacionadas cos seguros de previsión social e coas finanzas.[5]

Carreira numismática[editar | editar a fonte]

A numismática foi unha disciplina de interese especial para Rhodes desde a súa infancia. Comezou a súa colección de moedas orientais aos 16 anos, en 1962, e progresivamente foi centrando o seu foco nas moedas da rexión do Himalaia, desde Caxemira e Ladakh, no oeste, pasando polo Nepal, o Tíbet e Bután, ata Assam e os estados hindús do nordeste da India.[2][3][4] A colección de Rhodes foi considerada como a máis completa do mundo no referente ás emisións nepalesas. Toda a súa colección foi vendida por grupos temáticos pola compañía de poxas numismáticas Spink logo do seu pasamento, a partir de 2013.[6][7]

Nicholas Rhodes foi un membro destacado da Royal Numismatic Society, de Londres, entidade na que ingresara en 1968 e na que ocupou o cargo de tesoureiro entre 1973 e 2002,[8] e da que foi elixido membro honorario en 2002. Igualmente, foi membro fundador da Oriental Numismatic Society,[9] e secretario xeral desde 1997.[4] Tamén foi tesoureiro da Bhutan Society de Londres.[10][11]

Logo da súa xubilación como actuario, Rhodes incorporouse como visitante no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, onde estudou as moedas tibetanas e nepalesas desta colección pública e asesorou na súa reorganización e clasificación.[12][13]

Paralelamente á numismática, Rhodes interesouse tamén pola filatelia nepalesa e tibetana. Foi membro do Círculo de Estudos Filatélicos Nepaleses e Tibetanos, e publicou diversos artigos sobre este tema.[4][10][14]

En recoñecemento aos seus coñecementos e ás súas achegas sobre as moedas nepalesas, a Sociedade Numismática do Nepal concedeulle en 2004 o título de membro honorario.[15]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

A atracción de Rhodes cara ao mundo oriental levouno a facer numerosas viaxes á India, ao Nepal e Bután ao longo da súa vida. Alí coñeceu a súa esposa, Deki Laden La, orixinaria de Darjeeling, na Bengala Occidental, e de ascendencia sikkimesa-tibetana, neta de Sonam W. Laden La, un home relevante na zona, superintendente de policía en Darjeeling, que na década de 1920 establecera unha forza policial no Tíbet por encarga do Goberno tibetano. Xunto coa súa esposa, Rhodes escribiu un relato da vida deste antepasado titulado A Man of the Frontier ("Un home da fronteira"),[16] publicado en 2006.[4][17]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Ademais dos seus traballos monográficos, Nicholas Rhodes publicou máis de 200 colaboracións e artigos[2] en revistas numismáticas como Numismatic Chronicle, o Journal of the Oriental Numismatic Society, o Journal of the British Nepal Society, o Journal of the Numismatic Society of India, o Numismatic Digest, o Tibet Journal, o Numismatics International Bulletin (Dallas), Kailash (Katmandú), Mudraa (Katmandú) e o Journal of Bhutan Studies, entre outras.[4][17]

Monografías[editar | editar a fonte]

  • (1981). The Standard Guide to South Asian Coins and Paper Money since 1556 (con C. R. Bruce et al.). Krause publications, Iola. ISBN 978-0873410694
  • (1989). The Coinage of Nepal from the Earliest Times until 1911 (con K. Gabrisch et al.). Special Publications. Royal Numismatic Society. Londres. ISBN 9780901405272
  • (1999). The Coinage of Cooch Behar (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Dhubri.
  • (2002). The Coinage of Tripura. With notes on the seals, orders, decorations and medals of the state (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-8193902141
  • (2003). The Coinage of Assam, I, Pre-Ahom Period (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-8190186735
  • (2004). The Coinage of Assam, II, Ahom Period (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-9384101558
  • (2006). A History of the Dimasa-Kacharis as seen through coinage (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-8190186766
  • (2006). A Man of the Frontier. S.W. Laden La (1876-1936). His Life and Times in Darjeeling and Tibet (con D. Rhodes). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-8190186759
  • (2010). The Coinage of Jaintiapur (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 9788190186773
  • (2011). "The coinage of Samudra Pasai" (con V. V. Mihailovs). En Felicitas. Essays in Numismatics, Epigraphy & History in honour of Joe Cribb. Reesha Books International, Bombai. ISBN 978-8189752088
  • (2012). The Coinage of Manipur (con S. K. Bose). Library of Numismatic Studies, Calcuta. ISBN 978-8190186797

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]