Saltar ao contido

Telémaco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Telémaco (en grego antigo Τηλέμαχος Têlémakhos, traducido literalmente como ‘o loitador a distancia’) é o fillo de Odiseo (tamén coñecido como Ulises) e de Penélope,[1] sendo un personaxe que aparece na Odisea de Homero.

Telémaco era cativo cando seu pai foi á Guerra de Troia, e nos seus case vinte anos de ausencia, creceu sen el. Despois de que os deuses en asemblea decidiran que Odiseo debía volver á súa casa desde a illa de Oxixia, Atenea, adoptando a aparencia de Mentes, rei dos tafios, foi a Ítaca e advertiulle a Telémaco que expulsase da súa casa aos molestos pretendentes de súa nai e se dirixise a Pilos e a Esparta co fin de reunir información sobre o seu pai.

Telémaco seguiu o consello, pero os pretendentes negáronse a abandonar a súa casa e Atenea, aínda coa forma de Mentes, acompañouno a Pilos. Alí foron recibidos hospitalariamente por Néstor. Unha filla de Néstor, Policasta, bañou a Telémaco, e o seu fillo Pisístrato durmiu con el e logo guiouno a Esparta. De novo Menelao recibiuno amablemente e comunicoulle a profecía de Proteo sobre Odiseo: que estaba sendo retido contra a súa vontade pola ninfa Calipso.[2]

Desde Esparta, Telémaco regresou a casa, e unha vez alí, encontrou ao seu pai co seu fiel porqueirizo Eumeo. Non obstante, Atenea metamorfoseara a Odiseo en mendigo, así que Telémaco non recoñeceu ao seu pai senón máis tarde, até revelarlle este a súa identidade. Pai e fillo acordaron entón castigar aos pretendentes; e cando acabaron con eles ou os dispersaron, Telémaco acompañou ao seu pai a ver ao seu ancián avó Laertes.[3]

Nas tradicións posteriores a Homero, recóllese que Palamedes, cando intentaba persuadir a Odiseo para que se unise aos gregos contra Troia e este finxía imbecilidade, puxo ao mozo Telémaco ante o arado co que Odiseo se afanaba.[4] Segundo algunhas fontes, Telémaco foi o pai de Persépole e do poeta Homero con Policasta (ás veces chamada Epicasta), filla de Néstor, e de Ptoliportes con Nausícaa, filla de Alcínoo.[5] Outros contan que foi inducido por Atenea para casar con Circe, e que con ela foi pai de Latino,[6] ou que casou con Casífone, unha filla desta, pero nunha disputa coa súa sogra matouna, polo que á súa vez Casífone matouno a el.[7] Unha versión afirma que Odiseo, debido a unha profecía sobre que o seu fillo era perigoso para el, desterrouno de Ítaca. Servio fai a Telémaco o fundador da cidade de Clusium en Etruria.[8]

  1. Homero, Odisea i.216.
  2. Homero, Odisea i.-iv.
  3. Homero, Odisea xv.-xxiv.
  4. Hixino, Fábulas 95; Servio, Sobre a Eneida ii.81; Tzetzes, Sobre Licofrón 384; Claudio Eliano, Varia Historia xiii.12.
  5. Eustacio, Sobre Homero p. 1796; Certame de Homero e Hesíodo, 37; Dictis Cretense vi,6.
  6. Hixino, Fábulas 127.
  7. Servio, Sobre a Eneida i.273.
  8. Servio, Sobre a Eneida x.167.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]