Mário de Sá-Carneiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de maio de 1890 Lisboa, Portugal |
Morte | 26 de abril de 1916 (25 anos) París, Francia |
Causa da morte | suicidio, Intoxicación |
Educación | Faculdade de Direito da Universidade de Coimbra (pt) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Mário de Sá-Carneiro, nado en Lisboa o 19 de maio de 1890 e finado en París o 26 de abril de 1916, foi un escritor portugués e un dos meirandes expoñentes das Vangardas (Modernismo) na literatura portuguesa. Formou parte da chamada xeración Orpheu.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia con recursos, sendo fillo e neto de militares. O seu pai era Carlos Augusto de Sá-Carneiro e a súa nai, Águeda Maria de Sousa Peres Marinello. Orfo de nai con só dous anos (1892), ficou entregado ao coidado das avoas, indo vivir para a Quinta da Vitoria, na freguesía de Camarate, ás portas de Lisboa, pasando alí gran parte da infancia. Comezou a escribir poesía aos 12 anos, sendo que aos 15 xa traducía a Victor Hugo e con 16 Goethe e Schiller. No liceu tivo aínda algunhas experiencias episódicas como actor.[2] En 1911, con 21 anos, vai para Coímbra, onde se matricula na Facultade de Dereito, mais non conclúe sequera o primeiro ano.
Desilusionado coa «cidade dos estudantes», segue para París a fin de proseguir os estudos superiores, co auxilio financeiro do pai. Axiña, porén, deixou de frecuentar as clases na Sorbonne, dedicándose a unha vida boémia, deambulando polos cafés e salas de espectáculo, chegando a pasar fame e debaténdose cos seus desesperos, situación que culminou na conexión emocional a unha prostituta, a fin de combater as súas frustracións e desesperos.
Sá-Carneiro xa coñecera en 1912 o que foi, sen dúbida, o seu mellor amigo: Fernando Pessoa. Xa na capital francesa viría a coñecer Guilherme de Santa-Rita (Santa-Rita Pintor). Inadaptado socialmente e psicoloxicamente inestábel, foi neste ambiente que compuxo gran parte da súa obra poética e a correspondencia co seu confidente Fernando Pessoa; é, pois, entre 1912 e 1916 (o ano da súa morte), que se inscribe a súa fugaz e no entanto mo produtiva carreira literaria.
Entre 1913 e 1914 Mário Sá-Carneiro viaxa para Lisboa con regularidade, regresando á capital, debido ao comezo do conflito entre a Serbia e a Austria-Hungría, que axiña se converteu na primeira guerra mundial.
Con Fernando Pessoa e tamén Almada Negreiros integrou o primeiro grupo de vangarda portugués (o cal, influenciado polo cosmopolitismo e polas vangardas culturais europeas, pretendía escandalizar a sociedade burguesa e urbana da época), sendo responsábel da edición da revista literaria Orpheu, editada por António Ferro (e que por iso mesmo ficou sendo coñecido como a Xeración d´Orpheu ou Grupo d´Orpheu,[3] un certo escándalo literario na época, motivo polo cal só saíron dous números (marzo e xuño de 1915; o terceiro, aínda que impreso, non foi publicado, tendo os seus autores sido obxecto da chacota social) ? aínda que hoxe sexa, recoñecidamente, un dos marcos da historia da literatura portuguesa, responsábel da axitación do medio cultural portugués, ben como pola introdución do Modernismo (vangaradas) en Portugal.[3]
Tamén tivo colaboración en diversas publicacións periódicas, sobre todo no semanario Azulejos[4] (1907-1909); na II serie da revista Alma nova[5] (1915-1918) e na revista Contemporânea[6] (1915-1926), e pode tamén encontrarse colaboración da súa autoría, publicada postumamente, na revista Pirâmide[7] (1959-1960) e Sudoeste[8] (1935).
En xullo de 1915 regresa a París, escribindo a Pessoa cartas dunha crecente angustia, das cales resalta non só a imaxe dun home perdido no «labirinto de si propio», mais tamén a evolución e madureza do proceso de escrita de Sá-Carneiro.
Unha vez que a vida que levaba non lle agradaba, e aquela que idealizaba tardava en concretarse, Sá-Carneiro entrou nunha cada vez maior angustia, que levaría a conducilo ao seu suicidio, perpetrado no Hôtel de Nice, no barrio de Montmartre en París, co recurso a cinco frascos de arseniato de estricnina. Aínda que atrasase por algúns días o dramático desenlace da súa vida, nunha «carta de despedida» para Fernando Pessoa, Mário de Sá-Carneiro reveloulle as razóns para suicidarse. Contaba só vinte e cinco anos. Extravagante tanto na morte como en vida (de que o poema Fim é un dos máis belos exemplos), convidou para presenciar a súa agonía o seu amigo José de Araújo.
Certamente insatisfeito e inconformista (nunca se conseguiu entender coa maior parte dos que o rodeaban, nin tan pouco axustarse á vida práctica, debido ás súas dificultades emocionais), mais tamén incomprendido (polo modo como os contemporáneos ollaban o seu xeito poético), profetizou acertadamente que no futuro se faría xustiza á súa obra, no que non fallou.
Efectivamente, recoñecido no seu tempo só por unha fina elite, a medida que a súa obra e correspondencia foi publicada, ao longo dos anos, tornouse acesíbel ao grande público, sendo despois considerado un dos maiores expoñentes da literatura vangardista en lingua portuguesa.
A terra que o acolleu na infancia, Camarate, e a quen el dedicou tamén algunhas das súas poesías, homenaxeouno, dando o seu nome a unha escola local. O seu poema Fim foi musicado por un grupo portugués ao final dos anos 1980, os Trovante.[9] Máis tarde, o seu poema O Outro foi tamén musicado pola cantante brasileira Adriana Calcanhotto.[10]
As súas influencias literarias son de Edgar Allan Poe, Oscar Wilde, Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Fiódor Dostoievski, Cesário Verde e António Nobre. Este escritor influenciou tamén outros, entre eles Eugénio de Andrade.
En 1949 o Concello de Lisboa homenaxeou o escritor dando o seu nome a unha rúa xunto á Avenida da Igrexa, en Alvalade.
Traxectoria literaria
[editar | editar a fonte]Na fase inicial da súa obra, Mário de Sá-Carneiro revela influencias de varias correntes literarias, como o decadentismo, o simbolismo, ou o saudosismo, entón en franco declinio; posteriormente, por influencia de Pessoa, viría a adherirse a correntes de vangarda, como o interseccionismo, o paulismo ou o futurismo.
Nelas puido expresar con ganas a súa personalidade, sendo notorios a confusión dos sentidos, o delirio, case a raiar a alucinación; ao mesmo tempo, revela un correcto narcisismo e egolatría, ao procurar expresar o seu inconsciente e a dispersión que sentía do seu «eu» no mundo, revelando de máis profunda incapacidade de se asumir como adulto consistente.
O narcisismo, motivado certamente polas carencias emocionais (era orfo de nai desde de máis tenra infancia), levouno ao sentimento da soidade, do abandono e da frustración, traducível nunha poesía onde xorde o retrato dun inútil e inapto. A crise de personalidade levaríao, máis tarde, a abrazar unha poesía onde se nota o frenesí de experiencias sensoriais, pervertendo e subvertendo a orde lóxica das cousas, demostrando a súa incapacidade de vivir aquilo que soñaba, soñando por iso cada vez máis coa aniquilación do eu, o que acabaría polo conducir, en última análise, ao seu suicidio. Estudos recentes evocan a influencia de Oscar Wilde na obra do autor días antes do seu suicidio. Crese que, atormentado pola lectura de De Profundis, Mário de Sá-Carneiro vería o punto final da súa vida e a súa carreira.
Aínda que non se afaste da metrificación tradicional (redondillas, decasílabos, alexandrinos), tórnase singular a súa escrita polos seus ataques á gramática, e polos xogos de palabras. Se nunha primeira fase se nota aínda ese estilo clásico, nunha segunda, claramente nihilista, a súa poesía fica impregnada dunha humanidade auténtica, triste e tráxica. As cartas que trocou con Pessoa, entre 1912 e o seu suicidio, son como que un auténtico diario onde se nota paralelamente o crecemento das súas frustracións interiores.
Obra
[editar | editar a fonte]Amizade (1912)
[editar | editar a fonte]Publicada en 1912, Amizade, é a primeira peza que escribe. Mário de Sá-Carneiro divide a autoría desta obra con Tomás Cabreira Júnior, o seu colega do Liceu Camões en Lisboa. O feito de hoxe podermos ler esta peza débese á sorte. Dos dous colegas e autores da peza Amizade, Tomás Cabreira Júnior era o único dos dous que tiña os manuscritos. Por algún motivo aconteceu que era Sá-Carneiro quen os tiña consigo cando o suicidio de Tomás Cabreira Júnior, que antes de cometer tal acto destruíu toda a súa obra.
Princípio (1912)
[editar | editar a fonte]No ano de 1912 o autor dá ao prelo un conxunto de narracións que reúne co título Princípio.
A confesión de Lúcio (1914)
[editar | editar a fonte]Inaugurando un estilo até entón nel descoñecido, a narración, Mário de Sá-Carneiro publica, en 1914, A confesión de Lúcio[11] (orixinal: Confissão de Lúcio). A temática desta obra xira ao redor do fantástico e é un óptimo espello da época de vanguarda que foi o modernismo portugués.
Dispersão (1914)
[editar | editar a fonte]En 1913 tivo unha puxanza creativa inigualábel. Non só variou dentro da prosa, como presenta ao público a súa primeira obra de poesía: Dispersão. Esta obra está composta por doce poemas e a súa primeira edición foi revisada tanoto polo autor como polo seu grande amigo, e tamén poeta, Fernando Pessoa.
Céu em Fogo (1915)
[editar | editar a fonte]En 1915, volve reunir narracións, mais precisamente oito, nun volume ao que dá o título de Céu em Fogo. Estas narracións revelan igualmente as mesmas perturbacións e obsesións que xá a súa poesía expresaba.
Obras Póstumas
[editar | editar a fonte]Non todo o que produciu en vida foi publicado. Moitos dos seus textos viron a luz en revistas como Orpheu ou Portugal Futurista.
Indícios de Oiro (1937)
[editar | editar a fonte]Non chegou a publicar en vida Indícios de Oiro, editada en 1937 polas Edições Presença, é o conxunto de traballos seus máis significativo do conxunto da súa obra.
Correspondência
[editar | editar a fonte]A súa correspondencia con outros membros do Orpheu foi tamén reunida en volumes póstumos:
- Cartas a Fernando Pessoa (2 vols., 1958-1959)
- Cartas de Mário de Sá-Carneiro a Luís de Montalvor, Cândia Ramos, Alfredo Guisado e José Pacheco (1977)
- Correspondência Inédita de Mário de Sá-Carneiro a Fernando Pessoa (1980)
Obra poética. Poesia completa, incluindo os primeiros poemas e poemas dispersos (1985)
[editar | editar a fonte]Edición e organización por António Quadros. Sintra: Publicações Europa-América.
Antologia poética (2012)
[editar | editar a fonte]Edición literaria de António Gonçalves. Ilustración de Tiago Manuel. Matosinhos: Kalandraka. Coleção Treze Lunas.
Correspondência com Fernando Pessoa (2003)
[editar | editar a fonte]Edición e notas por Teresa Sobral Cunha. Lisboa: Relógio de Água, 2 vol.
Traducións
[editar | editar a fonte]De Sá-Carneiro existe tamén unha tradución da peza Les Fossiles, de François de Curel, feita con António Ponce de Leão.
Traducións a outras linguas
[editar | editar a fonte]- «Poemes». En Poesia gallega, portuguesa i brasilera moderna. Tradución de Josep Maria Llompart. Barcelona: Edicions 62-La Caixa, 1988, pàgs. 53-57.
- Prémices. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 1994.
- Ciel en feu. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 1987; 2e éd. 1990.
- La Confession de Lúcio. Dominique Touati (tr.). París: La Différence, 2000.
- Quasi e altre poesie. Traduzione e cura di Alessandro Ghignoli. Pistoia: Via del Vento, 2003.
- Poésies completes. Traduit par Dominique Touati et Michel Chandeigne; préfacé par Teresa Rita Lopes, avec un texte de Fernando Pessoa et les dernières lettres à lui adressées par Mário de Sá-Carneiro. París: La Différence, 2007, col. Minos.
- Lettres à Fernando Pessoa. Traduction de Jorge Sedas Nunes et Dominique Bussillet, Falaise: Impeccables, 2015.
- Poesía completa. Tradución e prólogo de Manuel Vicente Rodríguez. Valencina de la Concepción: Renacimiento, 2016, col. Traducciones 25.
- Poesia completa. Cartes a Fernando Pessoa. Tradución e introdución de Vicent Berenguer. Gandia: Lletra Impresa, 2017, col. Rara Avis 4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía[12]
[editar | editar a fonte]- Galhoz, Maria Aliete (1982). “Mário de Sá-Carneiro e a expressão do teatro”, in Cultura portuguesa, n.º 2, pp. 50-55.
- ___ (1995). “Nota à Juvenilia dramática de Mário de Sá-Carneiro”, in Mário de Sá-Carneiro, Juvenilia dramática. Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda, pp. 15-19.
- Martins, Fernando Cabral (1996). “Mário de Sá-Carneiro”, in Álvaro Manuel Machado (dir.), Dicionário de literatura portuguesa. Lisboa: Editorial Presença.
- Rebello, Luiz Francisco (1976). “Um dramaturgo português desconhecido: António Ponce de Leão”, in Colóquio/Letras, n.º 34, pp. 25-33.
- ___ (1977). “Uma peça inédita de Mário de Sá Carneiro e um dramaturgo ignorado, António Ponce de Leão”, in AA.VV., Memórias da Academia das Ciências de Lisboa. Classe de Letras, tomo XVIII. Lisboa: pp. 169-179.
- ___ (1987). “Nota introdutória”, in Mário de Sá-Carneiro / António Ponce de Leão, Alma. Lisboa: Edições Rolim, Colecção Palco.
- Serôdio, Maria Helena (2004). “Dramaturgia”, in AA.VV., Literatura portuguesa do século XX. Lisboa: Instituto Camões - Colecção Cadernos Camões, pp. 95-141.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Mário de Sá-Carneiro online".
- Obras de Mário de Sá-Carneiro dixitalizadas, na Biblioteca Nacional de Portugal. (en portugués)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Biografia de Mário de Sá-Carneiro". eBiografia (en portugués). Consultado o 2020-05-16.
- ↑ Escritores.org. "De Sá-Carneiro, Mário". www.escritores.org (en castelán). Consultado o 2020-05-16.
- ↑ 3,0 3,1 Sobre, Algo. "Mário de Sá-Carneiro - Algo Sobre". Algo Sobre Vestibular, Enem e Concurso (en portugués). Consultado o 2020-05-16.
- ↑ "hemerotecadigital.cm" (PDF). Azulejos.
- ↑ "Alma nova" (PDF). /hemerotecadigital.cm.
- ↑ "Contemporânea". hemerotecadigital.cm.
- ↑ "hemerotecadigital.cm" (PDF). Pirâmide.
- ↑ "Sudoeste" (PDF). hemerotecadigital.cm.
- ↑ "Letra de la canción Fim - Trovante". CANCIONEROS.COM/LETRAS. Consultado o 2020-05-16.
- ↑ "Letra de la canción O Outro - Adriana Calcanhotto". CANCIONEROS.COM/LETRAS. Consultado o 2020-05-16.
- ↑ Traducido por Benxamín Constante e publicado por Hugin e Munin en 2014.
- ↑ "Mário de Sa Carneiro". cvc.instituto-camoes.pt. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2020.