Produción de cinema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A produción de cinema, produción de cine ou produción cinematográfica, na industria cinematográfica, é o cargo responsábel dos aspectos organizativos e técnicos da elaboración dun filme, complementando a actividade creativa da dirección. Está a cargo da contratación do persoal, do financiamento dos traballos e do contacto coas empresas distribuidoras para a difusión da obra.

En moitos aspectos a súa tarefa superponse estreitamente coa da dirección, en especial no control do reparto e da selección do equipo técnico e artístico (dirección de fotografía, montaxe, persoal de efectos especiais, dirección artística, composición, etc.) que colaborarán na produción; estas atribucións significaron que durante os primeiros anos da industria cinematográfica de Hollywood a produción fose en gran medida a parte responsábel da estética e do contido dos seus produtos. Un caso famoso foi o de Howard Hughes, quen exerceu un férreo control sobre os directores que contrataba, aínda que este tipo de relación fose frecuente no chamado sistema de estudos de Hollywood, vixente até finais da década de 1950.

Coas crecentes necesidades de financiamento e marketing provocadas pola renovación da industria nos anos 1980, a produción volveu cobrar un papel importante, e algúns deles (como Jerry Bruckheimer) son figuras tan identificábeis como calquera director polas características das súas producións.

Os termos "produtor" e "produtora" utilízanse indistintamente para designar tanto a figura do empresariado cinematográfico como a das profesionais encargadas de liderar a produción dunha película. Nalgunhas ocasións estas dúas figuras son coincidentes na mesma persoa, pero noutros casos contrátase outra persoa, delegando nela a responsabilidade.

Os diferentes adxectivos que poden aplicarse á produción adoitan definir o seu status real na película. Segundo a nomenclatura anglosaxoa, produción executiva (executive production), produción de liña (line production), produción asociada (associated production) produción de consulta (consulting production) ou produtor a secas (production), definen as diferentes figuras. A produción executiva é a representación da empresa, mentres que a produción e produción de liña refírense aos profesionais a cargo da produción.

Segundo a nomenclatura galega, ao falar de produción adoita referirse ao empresariado, e cando se alude á persoa profesional adoita facerse baixo as denominacións de produción executiva ou dirección de produción.