Mongke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mongke
Nacemento11 de xaneiro de 1209
Lugar de nacementoImperio Mongol
Falecemento11 de agosto de 1259
Lugar de falecementoDiaoyu Fortress
SoterradoBurkhan Khaldun
NacionalidadeImperio Mongol
EtniaPobo mongol
OcupaciónKhan (título)
PaiTolui
NaiSorkaktani
CónxuxeMinli Khatun, Yesuder Khatun, Chubei, Huolicha, Oghul-Khoimish e Qutai qatun
FillosBaltu, Asutai, Urüng Tash, Shireki, Bayalun, Shirin e Bichihe
IrmánsDumugan, Yesubuhua, Khublai Khan, Hulagu Khan, Ariq Böke, Hududu, Bochuo, Moge, Suigedu e Xuebietai
editar datos en Wikidata ]

Mongke Khan, (mongol: ᠮᠥᠩᠬᠡ ᠬᠠᠭᠠᠨ / Möngke qaγan /Мөнх хаан) nado o 10 de xaneiro de 1209 e finado o 11 de agosto de 1259, sucedeu a Güyük como Gran Khan. Expandiu o Imperio Mongol cara ao sur, aliviando a presión sobre Europa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Comezou a súa experiencia militar seguindo ao seu tío Ögödei nas súas campañas contra a dinastía Chin. Logo foi enviado co exército que asolou Rusia, o Cáucaso e Crimea onde se distinguiu en varios episodios bélicos, como a captura de Bachman o máis formidable xefe de Kipchac, o sitio de Kíiv e a batalla de Mohi.

Tras o breve reinado de Güyük, Batu, o dominador de Rusia e fillo do primoxénito de Xenxis Kan, convocou un kurultai en Ala Qamaq, onde proclamou a Mongke Gran Khan. Este kurultai non foi recoñecido pola liña de Ögödei, que alegou terse celebrado fora das terras sagradas de Mongolia. Daquela Batu enviou a Mongke, protexido polo seu irmán Berke e o seu fillo Sartaq, a Kodoe Aral en Mongolia onde foi definitivamente entronizado o 1 de xullo de 1251.

Seguidamente, para atallar determinados complots contra a súa soberanía, organizou unha purga de parentes e aristócratas ao longo de todos os seus dominios. A propia viúva de Güyük, Oghul, foi espida, torturada e executada guindándoa nun saco ao río. Así mesmo, para acadar lexitimidade proclamou retroactivamente ao seu pai Tolui Gran Khan.

Goberno[editar | editar a fonte]

Mongke impuxo medidas de austeridade á aristocracia, e realizou unha reforma fiscal gravando con taxas aos mercadores, outorgou un salario regular aos príncipes para evitar os dispendios, e prohibiu as extorsións dos exércitos contra a poboación civil, chegando a amoestar por iso ao seu propio fillo. Estableceu un Departamento de asuntos monetarios para controlar a inflación e o valor da moeda en circulación. Organizou, ademais, a elaboración dun colosal censo dende Rusia ata China, incluíndo Persia, Afganistán, Xeorxia e Armenia.

A presión fiscal sobre os seus vasalos provocou diversas rebelións. Alexandre Nevski forzou a Novgorod ao pagamento de impostos, importantes exércitos mongois esmagaron os levantamentos do rei Davide Narin en Xeorxia, do sultán selxúcida Kaikaus II, e dos súbditos de Caxemira.

Practicou a tolerancia relixiosa. Trala conquista do Tíbet, os monxes budistas foron eximidos de pagar impostos equiparándoos a todos os clérigos do imperio. Mediou entre taoístas e budistas, inclinándose por estes últimos. Recibiu ao embaixador de Luis IX de Francia William Rubruk quen lle animou a converterse ao cristianismo. Igualmente o fixo na súa visita de pleitesía o rei da pequena Armenia (Cilicia) Hethum I, pero el contestou que non quería obrigar aos seus súbditos a cambiar de relixión. Prometeulle entregar Xerusalén aos cristiáns, o que propiciou que Bohemundo VI, príncipe de Antioquía e Conde de Trípoli, lle rendera vasalaxe. Estes estados cristiáns axudarían aos mongois na conquista de Siria.

Operacións militares[editar | editar a fonte]

Tras derrotar a Corea, as súas operacións militares concentráronse no sur onde realizou importantes avances no sur da China, na interminable guerra contra a dinastía Song. Ordenou ao seu irmán Khublai Khan conquistar o reino de Dali, ao Leste e tentou abrir unha rota a través de Vietnam co fin de atacar a China tamén polo flanco sur. A negativa do emperador vietnamita supuxo a devastación do seu país ata a súa rendición. Vietnam ficou como un Estado tributario e vasalo. Fíxose tamén co Tíbet que foi repartido entre os príncipes mongois. Enviou tamén exércitos á India onde terzou entre familias reais rivais do Sultanato de Deli, impoñendo pola forza a Jalal al-Din como un monarca cliente.

Pola súa parte, o seu irmán Hulagu Khan movíase por Persia con grande autonomía. Mongke, autorizoulle a destrución da seita guerreira dos asasinos, e ordenoulle que se o Califa do Imperio Abásida non ía en persoa a lle render homenaxe, atacase Bagdad. A negativa provocou unha das accións de guerra máis espectaculares dos exércitos mongois. Mongke ordenou que un de cada dez soldados do imperio acudisen a engrosar as tropas de Hulagu, quen destruíu Bagdad e todo o Califato Abasida, tomou Damasco e Alepo e acadou as costas do Mediterráneo.

Entrementres, no sur da China a guerra cos Song continuaba. Mongke deixou ao seu irmán Ariq Böke a administración do Karakorum e, imitando a Xenxis Kan, púxose persoalmente á fronte do seu exército tomando multitude de cidades e fortificacións. No sitio de Chongqing encontraría a morte. Unhas crónicas din que morreu de cólera, outras que de disentería e finalmente algunhas afirman que foi alcanzado por unha frecha.

Notas[editar | editar a fonte]