Mathieu Valbuena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mathieu Valbuena
Dinamo-Omonia (9).jpg
Información persoal
Nome completo Mathieu Valbuena
Nacemento 28 de setembro de 1984 (35 anos)
  Bruges
Nacionalidade Francia
Altura 1,67 m
Posición Medio ofensivo
Información de club
Club actual Dynamo Moskva
Número 14
Carreira xuvenil
1990–2001 Blanquefort
2001–2003 Bordeaux
2003–2004 Langon-Castets
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2004–2006 Libourne 53 (10)
2006–2014 Marseille 227 (25)
2014- Dynamo Moskva 13 (3)
Selección nacional
2010– Francia 43 (6)

* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)
‡ Actualizado a 25 de febreiro de 2015

editar datos en Wikidata ]

Mathieu Valbuena (AFI: [ma.tjø val.bwe.na]), nado en Bruges (Xironda, Aquitania) o 28 de setembro de 1984, é un futbolista internacional francés que xoga como centrocampista para o FC Dinamo Moscova da Liga Premier rusa. Desempéñase no campo como medio ofensivo ou extremo e é coñecido pola súa rapidez, capacidade técnica e polo seu tenaz estilo de xogo.[1] É descrito polo seu exentrenador no Libourne, Didier Tholot, como "un elemento desestabilizador, capaz de escapulirse rapidamente de dous xogadores para crear espazos, grazas, en gran medida, ao seu talento como regateador".[2] Debido á súa baixa estatura recibiu o alcume de le petit vélo, que traducido do francés significa "a pequena bicicleta". Este é un xogo de palabras relacionado ao pequeno tamaño do xogador e ao estadio no que xoga de local o Marsella: o Stade Vélodrome.[3]

Comezou a súa carreira profesional no Girondins de Bordeaux. Mais despedírono tras dúas tempadas neste, uníndose ao club afeccionado Langon-Castets da quinta división do fútbol francés. En 2004, Valbuena asina polo Libourne-Saint-Seurin do Championnat National, a terceira división de Francia, onde, grazas a unha boa tempada co club asina polo Olympique de Marsella en 2006. Co Olympique disputou a Liga de Campións da UEFA por primeira vez e, na tempada 2009-10, formou parte do equipo que saíu campión da Ligue 1 e da Copa da Liga, así como da Supercopa.

Valbuena é internacional con Francia, selección coa que debutou en maio do 2010 nun amigábel contra Costa Rica no que ademais marcou o seu primeiro gol. Antes daquilo, Raymond Domenech deixara ao xogador dentro da lista final para disputar a Copa Mundial de Fútbol de 2010, na que xogou un partido contra México.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Valbuena naceu na comuna de Bruges, no departamento francés de Xironda, fillo de Brigitte e Carlos.[4] Comezou a súa carreira futbolística no club da súa cidade, o Blanquefort.[5] Desenvolveu o seu interese no fútbol a través do seu pai, quen a miúdo o levaba a ver partidos do Barcelona no Camp Nou durante as súas vacacións escolares. Aos nove anos a súa carreira no fútbol quedou en suspenso debido a que recibiu cincuenta puntos de sutura nunha das pernas tras un accidente de natación.[4] Tras curarse da lesión, Valbuena volveu ao fútbol e rapidamente impresionou aos adestradores do club. En 1998, outorgóuselle un premio ao mellor xogador dun torneo xuvenil local disputado no Camp des Loges, o centro de adestramento do Paris Saint-Germain.[4] Anos máis tarde, en 2001, recrutouno o Girondins de Bordeaux.

Valbuena pasou dous anos na selección sub-18 do club, na que compartiu lugar con xogadores como Rio Mavuba e Marouane Chamakh. No equipo de reservas só xogou tres partidos antes de ser liberado tras non convencer ao adestrador Jean-Louis Garcia. Afírmase comunmente que Valbuena foi despedido do club debido á súa baixa estatura; con todo, o ex-xogador e adestrador Philippe Lucas explicou que saíu do club porque loitou para "transformar o seu xogo do dun xogador novo ao dun profesional" e que o seu xogo "necesitaba ser máis rápido e necesitaba evitar enfrontamentos".[6]

Carreira como afeccionado[editar | editar a fonte]

Mathieu Valbuena co Libourne no ano 2006.

Despois do seu despedimento do Girondins deixou en espera as súas ambicións de converterse en xogador profesional e foi recomendado por Garcia para xogar no club afeccionado Langan-Castets do Campionato de Francia Afeccionado 2, a quinta división do fútbol francés. A diferenza do Girondins onde adestraba varias veces á semana, Valbuena só facía isto tres veces por semana no Langan-Castets e, debido á súa condición de afeccionado, traballaba como vendedor nunha tenda de deportes cando non xogaba ao fútbol.[2] Na súa única tempada co club, impresionou coa súa habilidade técnica e recrutouno posteriormente o Libourne Saint-Seurin do Championnat National, que seguira un ao xogador mentres estaba no Langan-Castets.

Mentres estivo no Libourne Saint-Seurin, o xogo de Valbuena mellorou. Na súa primeira tempada co club xogou vinte partidos de liga e marcou dous goles.[7] A metade de tempada, o adestrador André Menot foi despedido e chegou na súa substitución Didier Tholot, que deixou ao club no décimo terceiro posto na liga. Na tempada seguinte, o técnico fixouse inmediatamente en Valbuena, describiuno como "o arquitecto do seu equipo" e tratou de construír o seu equipo en base a el. Debido a isto, os minutos do futbolista aumentaron considerablemente. Xogou trinta e uns partidos de liga e marcou nove goles, dos cales todos levaron a vitorias.[8][9] Recibiu críticas favorables polo seu desempeño, mais aínda así, Tholot criticouno por "querer facer todo" ás veces. O 12 de agosto de 2005, marcou o seu primeiro gol da tempada na vitoria por 2-0 sobre o Moulins e dúas semanas despois, anotou un dobrete na vitoria por 3-1 contra o Cherbourg Football. Un punto baixo durante a tempada chegou o 9 de setembro de 2005 na derrota por 2-1 contra o Gazélec Ajaccio, na que recibiu o primeiro cartón vermello da súa carreira, sendo esta a primeira derrota da tempada, e estando Valbuena suspendido por tres partidos. Regresou ao equipo o 7 de outubro do mesmo ano na derrota 1-0 contra o Aviron Bayonnais.

En novembro de 2005 volveu estar como ao comezo da tempada logo de anotar catro goles en tres partidos. Converteu o seu primeiro gol do mes o 5 de novembro, na vitoria en casa por 2-1 contra o Nîmes Olympique. Dúas semanas máis tarde, fixo un gol ao Angers noutra vitoria e, a semana seguinte, marcou dúas tantos na vitoria 2-0 contra o Pau. Debido ás súas actuacións, estivo vinculado a varios clubs da Ligue 1 e Ligue 2, en particular ao Saint-Étienne e ao Auxerre. O mediocampista, porén, negou as aproximacións e expresou o seu desexo de axudar ao Libourne a lograr o ascenso á segunda división.[10] Tras isto mantívose sen anotar durante os meses invernais, mais seguiu fixo no once inicial mentres o seu club pelexaba o ascenso a Ligue 2.[11] O 29 de abril de 2006, co Libourne nunha batalla por un posto de ascenso, anotou outro dobrete, esta vez contra o Toulon noutra vitoria sen goles en contra. O Libourne acabou os seus últimos catros partidos invicto, o que lle permitiu acabar na terceira posición e ascender por primeira vez na súa historia á Ligue 2 desde que os clubs locais de Libourne e Saint-Seurin acordasen fusionarse en 1998.[11] Polo seu desempeño na tempada, a Valbuena nomeárono o Xogador do ano da liga,[12] o que levou a un maior interese de varios clubs profesionais de Líguea 2 e Ligue 1.[13][14]

Olympique de Marsella[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Valbuena durante un partido contra o Lille no ano 2007.

En xuño de 2006, Valbuena asinou o seu primeiro contrato profesional despois de definir o seu traspaso ao Olympique de Marsella. Acordou un convenio de tres anos co club e o adestrador Eric Gerets asignoulle o dorsal vinte e oito.[15] Debutou nunha competición da UEFA o 15 de xullo de 2006 no partido de terceira rolda contra o club ucraíno Dnipro Dnipropetrovsk pola Copa Intertoto da UEFA 2006.[12] Posteriormente, loitou para satisfacer as esixencias dos adestramentos, mais sufriu unha lesión no nocello durante a pre-tempada, o que lle fixo perderse o comezo da tempada 2006-07. O seu debut na Liga produciuse o 19 de novembro de 2006 tras entrar como suplente na vitoria por 1-0 contra o Valenciennes. Durante a maioría da tempada xogou como substituto, e mesmo durante algún tempo disputou partidos na filial do club da quinta división. O 19 de maio de 2007, Valbuena anotou o seu primeiro gol como profesional na vitoria por 2-1 contra o Saint-Étienne. A anotación permitiu a vitoria do club, o que fixo que mantivesen a segunda posición na táboa e que se clasificasen á Liga de Campións da UEFA, algo que non facían desde a tempada 2003-04.[16]

Tras a saída de Franck Ribéry ao Bayern de Múnic antes da tempada 2007-08, Valbuena actuou como o seu substituto. É durante esta etapa na que adquiriu o alcume de le petit vélo (do francés: a pequena bicicleta), que é un xogo de palabras referido ao pequeno tamaño do xogador e ao nome do estadio do Marsella, o Stade Vélodrome.[3] Comezou a tempada en mal estado de saúde, e Gerets mantívoo como suplente, mais a finais de agosto de 2007 comezou a formar unha asociación no mediocampo con Samir Nasri, Lorik Cana e Benoît Cheyrou.[4] Na Champions League debutou oficialmente o 18 de setembro do mesmo ano, na vitoria 2-0 contra o Beşiktaş. No seguinte encontro da Liga de Campións, o equipo enfrontouse en Anfield ao Liverpool, ao que derrotaron cun solitario tanto de Valbuena. A vitoria sobre os Reds foi a primeira dun club francés en Anfield.[17] En outubro do mesmo ano, o xogador asinou unha extensión do seu contrato, polo que o seu compromiso co club estendeuse até xuño de 2012.[18]

Valbuena xogando co Olympique no ano 2006.

Na liga, apareceu en vinte e nove partidos e marcou en tres oportunidades. Os seus dous primeiros goles anotounos na vitoria por 6-1 contra o Stade Malherbe Caen, o 26 de xaneiro de 2008. A Ligue de Football Professionnel elixiu como mellor gol do ano ao primeiro tanto que anotou Valbuena no partido, debido a que o realizou desde case corenta metros de distancia. O 9 de marzo, o futbolista, e por segunda tempada consecutiva, puxo o gol da vitoria contra o Saint-Étienne. Debido ás súas boas actuacións, o Marsella volveu estender o seu contrato, esta vez por un ano máis.[19]

Na tempada 2008-09 Valbuena comezou a ser titular e apareceu en trinta e un partidos de liga. Anotou tres goles, dous nas vitorias contra o Auxerre e o Le Havre, ademais dun na derrota contra o Paris Saint-Germain. Despois da tempada, Gerets, admirador do futbolista, foi cesado e chegou na súa substitución Didier Deschamps. En xuño de 2009, o novo adestrador dixo que Valbuena non estaba nos seus plans e tratou de pór ao volante no mercado de fichaxes. O presidente do club, Pape Diouf, e varios membros da xunta directiva, non estaban de acordo coa idea de Deschamps e declararon ao futbolista "intransferible".[20] A indecisión en canto ao futuro do extremo resultou no interese dalgúns clubs ingleses como: Aston Villa, Arsenal e Liverpool.[21] Finalmente, o futuro de Valbuena resolveuse xa que non o transferiron. Isto resultou en que Deschamps relegase ao xogador á banca durante a primeira metade da tempada. A mala relación deste co extremo chegou ao seu cénit en decembro, cando os dous tiveron un encontro cara a cara, que resultou en que Valbuena declarase que quería deixar o club durante o mercado de verán dese ano para atopar maior regularidade.[22]

O 17 de outubro do mesmo ano, Valbuena anotou o seu primeiro gol da tempada contra o Nancy. En febreiro de 2010, volveu á aliñación titular, e desde alí mantívose dentro do once titular durante o que restou da tempada. Na Copa da Liga, o xogador marcou o gol da vitoria nas semifinais contra o Lille e, na final, converteu o segundo gol na vitoria por 3-1 contra o Bordeaux, o seu antigo club.[23] Este título tratouse do primeiro gran triunfo do Marsella desde a consecución da Liga de Campións da UEFA 1992-93. En abril de 2010, anotou durante tres encontros consecutivos, todos triunfos, contra o Niza, o Boulogne e o Saint Étienne. As vitorias axudaron ao Marsella a manter o primeiro lugar e gañar finalmente a liga tras derrotar ao Stade Rennais o 5 de maio do 2010.[24]

Consolidación[editar | editar a fonte]

Valbuena celebrando un gol (2010).

Para a tempada 2010-11, Valbuena xogou de titular na escuadra de Deschamps, a pesar da chegada dos extremos Loïc Rémy e André Ayew. Tamén se viu afectado polas constantes preguntas dos medios sobre os sucesos da Copa Mundial de Fútbol de 2010, da cal evitou falar dicindo: "eu era un novato na selección francesa e non vou falar sobre os acontecementos" e que estaba "a tratar de esquecer" o incidente.[25] Marcou o seu primeiro gol da tempada o 12 de setembro de 2010 no empate 2-2 contra o Monaco.[26] O 23 de novembro de mesmo ano, anotou a apertura da conta na vitoria 3-0 contra o Spartak de Moscova na Liga de Campións da UEFA. O triunfo clasificou ao Marsella aos oitavos de final do torneo por primeira vez desde o ano 2000. Catro días despois, converteu o terceiro gol na vitoria por 4-0 contra o Montpellier. O 22 de xaneiro de 2011, sufriu unha escordadura do ligamento interior do seu xeonllo dereito tras un choque nos adestramentos.[27] Aínda que inicialmente prognosticáronlle seis semanas fóra dos terreos de xogo, regresou aos adestramentos tras catro semanas lesionado para afrontar o encontro válido pola liga de Campións da UEFA contra o Manchester United. Finalmente, volveu xogar no encontro de volta disputado en Old Trafford tras ingresar na segunda metade, partido que o seu club perdeu por 2-1, o que deixou o global co mesmo marcador.

Despois de aparecer como substituto en dous partidos consecutivos de liga tras volver da súa lesión, volveu debutar no once inicial na vitoria 2-1 contra o Paris Saint-Germain. O 23 de abril do mesmo ano, xogou o seu segundo encontro na titularidade na final da Copa da Liga, a cal gañaron despois de vencer ao Montpellier por 1-0, co que conseguiron o seu segundo título consecutivo no torneo. O 1 de maio, Valbuena marcou o único gol do seu equipo no empate 1-1 contra o Auxerre. Terminou a súa campaña despois de aparecer no últimos cinco encontros de liga do Marsella, o cal quedou subcampión, detrás do Lille.

Valbuena empezou con bo pé a tempada 2011-12 do equipo. Abriu a campaña asistindo a Loïc Rémy no primeiro encontro da tempada contra o Sochaux. Á semana seguinte, entregou dous pases de gol no empate 2-2 contra o Auxerre. O 28 de agosto de 2011, Valbuena anotou os dous goles do seu equipo na derrota 3-2 contra o Lille. Ao mes seguinte, volveu fabricar un resultado logo de asistir os dous tantos de Rémy na vitoria 2-0 contra o Évian. Na campaña do club na liga de Campións da UEFA, Valbuena non apareceu nas estatísticas durante o primeiros cinco encontros da fase grupal. O 6 de decembro do mesmo ano, no último partido do club no grupo contra os alemáns do Borussia Dortmund, Valbuena anotou o gol da vitoria despois de entrar como suplente catorce minutos antes. O gol, descrito pola UEFA como "un disparo imparábel", permitiu ao Marsella acceder á fase eliminatoria do máximo torneo internacional entre clubs europeos.[28] Nos dous últimos partidos ligueiros antes da chegada das vacacións de inverno, contra o Lorient e o Nancy, Valbuena anotou un gol e asistiu outro en cada un deles. Os dous partidos acabaron en vitorias para o seu equipo.

Tras o receso por vacacións, volveu xogar o 7 de xaneiro de 2012 na vitoria 5-0 contra o Red Star na Copa de Francia, encontro no que converteu un gol. Tres días despois, marcou un dobrete na goleada por 3-0 contra o Stade Malherbe Caen. No seguinte partido de liga, fronte ao Lille, asistiu a Rémy, que anotou os dous goles necesarios para que gañasen por 2-0. Xa na fase eliminatoria da Champions League, o equipo enfrontou ao Inter de Milán para definir o seu paso aos cuartos de final, cousa que se concretou grazas ao gol de visitante. No primeiro partido, xogado en casa, o Marsella gañou por 1-0 cun cabezazo de André Ayew tras un córner de Valbuena. Na volta, o Inter logrou pór a eliminatoria 2-0, resultado que o clasificaba á seguinte fase. Mais, un tanto no desconto de Brandão deu o paso ao club francés, que tivo en cancha durante setenta e seis minutos a Valbuena. Tras iso, o xogador non destacou especialmente, aínda que se mantivo como titular e participou en cancha da eliminación do seu equipo en cuartos de final da liga de Campións fronte ao Bayern de Múnic. Ademais, o 14 de abril do mesmo ano, participou na final da Copa da Liga, que gañaron ao Olympique Lyonnais por 1-0. Para terminar o mes, anotou o seu último gol da tempada na vitoria por 2-1 contra o Lorient. Con isto, acabou con cinco goles e trece asistencias na Ligue 1.

Na súa sétima tempada en Marsella, Valbuena xogou como titular no catro competencias que disputou o seu equipo: líguea 1, a Copa da liga, a Copa de Francia e a Europa League. Ademais coincidiu cunha extensión do seu contrato até 2017. Na tempada 2012-13 xogou trinta e sete partidos, anotou tres goles (un ao Niza, outro ao Bastia e outro ao Lorient) e deu doce asistencias, o que o deixou como o máximo asistente do torneo. A pesar disto, só lograron o subcampionato, xa que o Paris Saint-Germain superounos por doce puntos. O mesmo rival eliminounos na Copa da Liga e na Copa de Francia nos oitavos de final, isto tras caer nos dous encontros por 2-0. Finalmente, na Liga de Campións da UEFA 2012-13 as cousas non foron mellores para o club francés, que quedou tempranamente eliminado na fase de grupos tras quedar terceiro no Grupo C. Durante a competencia, Valbuena disputou oito partidos e anotou un gol no empate 2-2 fronte ao Fenerbahçe en Turquía.

Internacional[editar | editar a fonte]

Valbuena coa selección francesa ante Xeorxia na clasificación ao Mundial 2014.

Valbuena nunca recibiu a chamada para xogar nas categorías inferiores da selección francesa. Con todo, debido ao seu desempeño no Marsella, en marzo de 2008 foi convocado á selección absoluta polo adestrador Raymond Domenech para os partidos contra Inglaterra e Malí.[29] Porén, unha lesión forzouno a perderse os encontros.

A súa seguinte convocatoria produciuse dous anos despois, en maio de 2010, cando Domenech o incluíu na lista preliminar de trinta xogadores que poderían xogar na Copa do Mundo de Fútbol de 2010. Os medios de comunicación consideraron o chamado do futbolista como sorprendente, e mesmo ao xogador sorprendeuse desta decisión, a pesar de ter un bo rendemento no seu club e de gañar a Liga e a Copa da Liga na tempada 2009-10.[30][31] Moitos xornalistas dos medios de comunicación franceses compararon a convocatoria de Valbuena coa de Franck Ribéry catro anos ha, xa que os dous teñen semellanzas no seu estilo de xogo e nas circunstancias nas que os convocaron.[6] Finalmente, o xogador acabou na listaxe final de vinte e trés futbolistas que participarían na competición. O 26 de maio de 2010, debutou nun partido amigábel contra Costa Rica no que ingresou no segundo tempo. Tras dezaseis minutos no campo anotou o definitivo 2-1 que valeu a vitoria para a súa selección. Na copa do mundo, Valbuena xogou na derrota por 2-0 contra México tras entrar en substitución de Sidney Govou, na que acabou sendo a súa única aparición no torneo. Durante o campionato, os xogadores protestaron pola expulsión de Nicolas Anelka do equipo, o que resultou na suspensión dos vinte e tres futbolistas dun partido amigábel disputado en agosto de 2010.

Despois de perderse o encontro contra Noruega debido á suspensión imposta polo novo adestrador Laurent Blanc, o xogador retornou á selección na derrota 1-0 contra Bielorrusia para a clasificación para a Eurocopa 2012. Tras iso, apareceu en todos os partidos que dirixiu Blanc durante o 2010. Finalmente, coroou o seu retorno definitivo ao marcar contra Inglaterra nun partido amigábel xogado no Estadio de Wembley o 17 de novembro de 2010. Durante o 2011, Valbuena só participou nun encontro amigábel contra a selección polaca, que acabou 1-0, e nun partido válido para a clasificación á Eurocopa 2012 fronte Romanía. Finalmente, o equipo galo conseguiu o primeiro lugar no Grupo D e conseguiu a súa praza para xogar a Eurocopa 2012. Para o torneo, o adestrador Laurent Blanc convocou a vinte e tres xogadores, entre os que estaban Valbuena. A pesar disto, o futbolista non entrou en ningún partido do máximo torneo continental europeo e só viu desde a banca a eliminación da súa selección a mans de España en cuartos de final. A finais do 2012, concretamente o 14 de decembro, Valbuena anotou o seu terceiro gol con Francia nun encontro fronte a selección de Italia.

En 2013 tivo un gran comezo nos dous primeiros partidos do ano, xa que destacou no amigábel contra Alemaña, no que anotou un gol, e no partido válido polas clasificación europea a Copa do Mundo do Brasil 2014 contra Xeorxia, onde realizou dúas asistencias e anotou un gol na vitoria por 3-1. O 13 de maio de 2014, o adestrador da selección francesa, Didier Deschamps, incluíu a Valbuena na lista final de 23 xogadores que representarán a Francia na Copa Mundial de 2014. No torneo xogaría como titular ante Honduras e ante Suíza, partido no que marcaría un gol. No último partido do grupo, ante Ecuador, coa selección practicamente xa clasificada, o adestrador daríalle descanso. No partido de oitavos de final ante Nixeria, que se saldaría con vitoria por 2-1 para os galos, volvería a xogar de titular, sendo substituído no tempo de prolongación da segunda parte.

Títulos[editar | editar a fonte]

Club[editar | editar a fonte]

Título Club País Ano
Copa da Liga Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2010
Ligue 1 Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2010
Supercopa Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2010
Copa da Liga Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2011
Supercopa Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2011
Copa da Liga Olympique de Marsella Flag of France.svg Francia 2012

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hughes, Rob (24 de novembro de 2010). The New York Times, ed. "A Night of Cold and Coldly Calculated Play" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  2. 2,0 2,1 FIFA.com, ed. (2 de xuño de 2010dataacceso=1 de xullo de 2014). "Valbuena, escalera al cielo" (en castelán). 
  3. 3,0 3,1 France Soir, ed. (11 de marzo de 2008). "Valbuena, l’increvable "Petit Vélo"" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Muratelle, Thierry (13 de setembro de 2008). La Provence, ed. "Blanquefort, pays des Valbuena" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  5. Damian-Tissot, Stephan (26 de marzo de 2013). Diario As, ed. "¡Enhorabuena, hijo!, por no haberme escuchado" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  6. 6,0 6,1 Eurosport, ed. (22 de xullo de 2006). "Valbuena, le pari de l'OM" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  7. Stat2Foot (ed.). "Football National Libourne Saison 2004/2005" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  8. "Statistiques détaillées de Mathieu Valbuena". Foot-National (en francés). Consultado o 1 de setembro de 2012. 
  9. "Football National Libourne Saison 2005/2006". Stat2Foot (en francés). stat2foot.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  10. Foot-National, ed. (13 de decembro de 2005). "Valbuena reste à Libourne" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  11. 11,0 11,1 FC Libourne, ed. (13 de decembro de 2005). "Historique du club" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  12. 12,0 12,1 UEFA, ed. (22 de maio de 2012). "Mathieu Valbuena" (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  13. "Libourne : Lle verdict est tombé". OM Planete (en francés). footmarseille.com. 3 de maio de 2008. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  14. Olympique de Marseille, ed. (25 de decembro de 2006). "Mathieu Valbuena et son parcours" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  15. Football365, ed. (9 de xuño de 2006). "Marseille: Valbuena signe trois ans" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  16. Soccerway, ed. (19 de maio de 2007). "Marseille seal second spot in French league" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  17. The Financial Express, ed. (4 de outubro de 2007). "Liverpool on the ropes as Marseille storm fortress Anfield" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  18. Olympique de Marseille, ed. (23 de outubro de 2007). "Mathieu Valbuena prolonge jusqu'en 2012" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  19. La Provence, ed. (19 de abril de 2008). "Taiwo et Valbuena prolongent..." (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  20. Les Transferts, ed. (8 de xuño de 2009). "L'agent de Valbuena allume Deschamps" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  21. Jones, Simon (7 de agosto de 2009). Daily Mail, ed. "Arsenal and Aston Villa lead Valbuena chase, Spurs flop exit nears... plus all of Friday's hot gossip" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  22. Heck, Candice (6 de maio de 2010). Maxifoot, ed. "Deschamps tacle l'entourage de Valbuena" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  23. "Marseille v. Bordeaux Match Report". Ligue de Football Professionnel (en francés). lfp.fr. 27 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2012. Consultado o 19 de setembro de 2012. 
  24. Terra, ed. (5 de maio de 2010dataacceso=1 de xullo de 2014). "Marsella derrota al Rennes y se consagra campeón de Francia" (en castelán). 
  25. Football365, ed. (20 de xullo de 2010). "Valbuena n'a rien à dire" (en francés). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  26. "Marseille v. Monaco Match Report". Ligue de Football Professionnel (en francés). lfp.fr. 12 de setembro de 2010. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  27. Marca, ed. (22 de xaneiro de 2011). "Valbuena es baja para la ida de octavos ante el United" (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  28. Burke, Chris (6 de decembro de 2011). UEFA, ed. "Antológica remontada del OM" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2014. Consultado o 1 de xullo de 2014. 
  29. FIFA, ed. (20 de marzo de 2008). "France call up four new caps" (en inglés). Consultado o 2 de xullo de 2014. 
  30. Chronofoot, ed. (12 de maio de 2010). "Liste des 30: Mathieu Valbuena en a pleuré" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2012. Consultado o 2 de xullo de 2014. 
  31. France 24, ed. (17 de maio de 2010). "Domenech dévoile la liste des Bleus avec Valbuena mais sans Ben Arfa" (en francés). Consultado o 2 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]