Masanobu Fukuoka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Masanobu Fukuoka
Masanobu Fukuoka, 2002 (cropped).jpg
Nacemento2 de febreiro de 1913
Lugar de nacementoIyo
Falecemento16 de agosto de 2008
Lugar de falecementoIyo
NacionalidadeXapón
Ocupaciónagrónomo, mestre, filósofo, escritor, labrego, botánico e ecoloxista
Coñecido porThe One-Straw Revolution
PremiosPrêmio Ramon Magsaysay
Na rede
IMDB: nm4015967 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Masanobu Fukuoka (福岡 正信?), nado en Iyo (Ehime) o 2 de febreiro de 1913 e finado o 16 de agosto de 2008, foi un agricultor e microbiólogo xaponés, autor das obras The One-Straw Revolution: An Introduction to Natural Farming e A Senda natural do Cultivo, nas cales presenta as súas propostas para unha forma de agricultura chamada agricultura natural ou o método Fukuoka. En 1988 recibiu o Premio Ramon Magsaysay na categoría Servizo Público, pola súa contribución para o ben da humanidade.

Nos últimos 20-30 anos utilizou o seu método para reforestar zonas con tendencia á desertificación. En Tailandia, en Filipinas, na India e nalgúns países africanos transformou pequenas rexións desertificadas en áreas verdes. Tamén iniciou un proxecto de reforestación en Grecia.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Descendente dunha familia dedicada á agricultura desde hai séculos, comezou a súa carreira como edafólogo, desviándose despois cara á fitopatoloxía. Á idade de 25 anos, comezou a dubidar da sabedoría da agronomía moderna. Guiado pola súa intuición, decidiu buscar un método de cultivo que protexese as características da terra e eliminase traballos innecesarios. Deixou o seu traballo como científico de investigación, e volveu á súa granxa familiar na Illa de Shikoku -no Xapón meridional- para cultivar laranxas mikan ecolóxicas. Desde ese punto dedicou a súa vida a desenvolver un sistema de cultivo ecolóxico único que non precisa arrincar as "malas" herbas, nin usar pesticidas nin fertilizantes, nin tampouco labranza.

O Método Fukuoka[editar | editar a fonte]

Fukuoka practica un sistema de cultivo que el denomina "agricultura natural". Aínda que algunhas das súas prácticas son específicas para o Xapón, a idea que rixe o seu método aplicouse con éxito ao redor do mundo. O seu sistema encádrase dentro do ámbito da Permacultura.

A esencia do método de Fukuoka é reproducir as condicións naturais tan fielmente como sexa posible de modo que o solo se enriquece progresivamente e a calidade dos alimentos cultivados aumenta sen ningún esforzo.

Principios de traballo[editar | editar a fonte]

  • Non arar: desta forma mantense a estrutura e composición do solo coas súas características óptimas de humidade e micronutrientes
  • Non usar fertilizantes: mediante a interacción dos diferentes elementos botánicos, animais e minerais do solo, a fertilidade da terra de cultivo rexenérase como en calquera ecosistema non domesticado.
  • Non eliminar malas herbas nin usar herbicidas: estes destrúen os nutrientes e microorganismos do solo, e só se xustifican en monocultivos. Pero Fukuoka propón unha interacción de plantas que enriquece e controla a biodiversidade dun solo.
  • Non usar pesticidas: tamén matan a riqueza natural do solo. A presenza de insectos pode equilibrarse nun cultivo.
  • Non podar: deixar que as plantas sigan o seu curso natural.
  • Bolas de arxila (Nendo Dango).

Estes principios de traballo baséanse nunha filosofía de non facer (Wu Wei) , ou máis exactamente non intervir.

Fukuoka alcanzou un grao de comprensión dos microecosistemas do solo, de maneira que ideou un sistema de traballo que libera de laboreo e esforzos innecesarios da agricultura coñecida. O seu método, chamado ás veces por el como Agricultura Natural Mahāyāna, baséase en comezar dando e logo recibir de forma natural , en lugar de exixir á Terra até esgotala.

Sistema de traballo[editar | editar a fonte]

O sistema Fukuoka baéase en respectar, e incluso potenciar, os ciclos naturais, de maneira que estes aseguran unha mellor calidade do crecemento das plantas. Mediante sinxelas intervencións no momento adecuado, permite reducir considerablemente o tempo de traballo. Estas intervencións teñen a súa base na interacción da biosfera e do solo.

No outono sementa trevo branco e cereal de inverno na eira, e cóbreos cunha espesa capa de palla de arroz. O centeo ou a cebada e o trevo nacen moi axiña, pero as sementes de arroz permanecen latentes até a primavera. O centeo e a cebada séganse en maio e espállanse sobre o campo para que sequen durante unha semana ou dez días. Entón mállanse e avéntanse e métense en sacos para almacenalos. Toda a palla espállase sen triturar sobre as eiras como acolchado. Os campos mantéñense inundados durante un curto período durante as chuvias monzónicas de xuño para debilitar o trevo e as malas herbas, e darlle así ao arroz a oportunidade de brotar a través da capa vexetal que cobre o solo.

Bólas de arxila (Nendo dango)[editar | editar a fonte]

Para mellorar a produción da natureza coa menor intervención posible ideou un sistema que permite substituír o arado así como os espantallos e outros métodos:

  • Mesturando sementes dentro de boliñas de barro duns 2 ou 3 cm que logo espallará polo campo
  • As bólas desfaranse coa primeira chuvia intensa, e as sementes comenzarán a agromar, até entón estarán protexidas dos animais e do tempo.
  • Na mestura de sementes veñen incluídas as sementes do cultivo que se quere facer, xunto a outras plantas (principalmente trevo branco) que xerminarán máis axiña e crearán unha capa fina que protexerá o solo da luz, impedindo o nacemento de herbas, pero non de cereais ou o que se queira cultivar.
  • En lugar de arar ou desherbar o campo, recóbrese con restos das plantas cultivadas na colleita anterior, de forma que se crea unha compostaxe natural, que conserva a humidade e os nutrientes e impide a proliferación de herbas non desexadas.
  • Nas bólas de arxila pode incluirse unha parte de fertilizante natural (esterco ou outros)
  • Engadir un pouco de pementa de caiena nas bólas, axuda a disuadir ós animais que poden comer as sementes
  • Nas bólas poden incluírse diversas combinacións, segundo sexa o cultivo de cereais, hortalizas, froiteiras, zona boscosa etc. de modo que poden ter moitos máis usos que o de produción de alimentos agrícolas: reforestación, reverdecemento, rexeneración de solos...

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cintura Verde no sul Europa". Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]