Marbrianus de Orto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marbrianus de Orto
Nacemento1460
 Tournai
Falecemento1529
 Nivelles
NacionalidadeBélxica
Ocupacióncompositor
editar datos en Wikidata ]
Igrexa de Santa Xertrude en Nivelles, onde Marbrianus de Orto desenvolveu grande parte da súa actividade e onde se enterrou á súa morte en 1529

Marbrianus de Orto, coñecido tamén como Marbriano de Orto ou Marbrian Dujardin, nado en 1460, probablemente en Tournai, e finado en xaneiro ou febreiro de 1529 na localidade actualmente belga de Nivelles, foi un compositor pertencente á escola francoflamenga, estreito colaborador de Josquin des Prés. Foi un dos primeiros compositores en escribir unha misa común completa[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo ilexítimo dun sacerdote, é probable que Marbrianus Ortofo nacese en Tournai, onde pasou a maior parte da súa vida. Aínda que o seu apelido orixinal era Dujardin, el preferiu a súa tradución italiana "de Orto", que utilizou comunmente ata a súa morte.

En xuño de 1482 marchou para Roma na compaña do bispo de Tournai e ingresou como cantante no coro da capela papal. Nesa época compuxo, en resposta a unha obra similar de Josquin des Prés, a súa Missa ad fugam, que despois foi foi adaptada para a Capela Sistina entre 1487 e 1490[2]

Durante o seu servizo na Capela Sistina, nos pontificados de Sisto IV, Inocencio VIII e Alexander VI, comezou a ter os primeiros recoñecementos. Con Inocencio VIII progresou ata postos xerárquicos, malia o seu nacemento ilexítimo. A súa estreita colaboración con Jospin des Prés deu, entre outros froitos, a adaptación dunha obra de Guillaume Dufay, composta inicialmente arredor de 1430 e que quedara obsoleta.

Cara a 1490, Orto obtivo o posto de decano da Colexiata de Santa Xertrude de Nivelles e desde entón continuou intimamente ligado a esta institución. En 1504, ingresou no coro de Philipe I de Castela, coñecido como a Gran Capela, un corpo de músicos moi distinguido, que, entre outros, acollía tamén a Pierre de la Rue.[3]

Só un ano despois, chegou ao posto de primeiro capelán da Gran Capela, o que proba o importante recoñecemento que tiña como cantante e como compositor. Á morte de Filipe I de Castela en setembro de 1506, o coro quedou a cargo de Xoana I de Castela (Xoana a Tola), e Orto abandonouno pouco despois, cedéndolle o posto de primeiro capelán a Pierre de la Rue[4].

De volta nos Países Baixos, Orto permaneceu ao servizo da casa de Habsburgo, polo menos entre 1509 e 1517.

Nos derradeiros anos da súa vida foi honrado con novos recoñecementos e cargos, como os de cóengo da catedral de Nosa Señora de Antuerpen e da catedral de San Miguel e Santa Gúdula de Bruxelas. Un documento de 1518 menciónao tamén como primeiro capelán da Capela Flamenga (Capilla Flamenca) do emperador Carlos V en Madrid, posto que ocupou entre 1512 e 1522.

É probable que Orto morrese pola peste que varreu Nivelles en 1529. Foi enterrado na igrexa de Santa Xertrude de Nivelles, onde traballara durante moito tempo. A súa tumba está na capela maior, e o seu epitafio estivo lexible ata a destrución da igrexa durante un bombardeo alemán durante a Segunda Guerra mundial.

Obra[editar | editar a fonte]

Marbrianus de Orto compuxo misas, motetes, lamentacións e cancións, das que hoxe se conserva unha parte importante. Ottaviano Petrucci publicou unha colleita das súas misas en 1505, xunto con obras de Josquin des Prés, Jacob Obrecht, Antoine Brumel, Johannes Ghiselin, Pierre de La Rue e Alexander Agricola. Nesta colección, Petrucci publicou cinco misas de Orto, entre elas a titulada L'homme armé, composta arredor de 1485.

Entre as súas misas está tamén a desconcertante Missa ad fugam, unha das dúas únicas que están compostas nesta época que están completas (a outra é Missa prolationum, de Johannes Ockeghem).[5]

Nos seus motetes recorre á técnica do cantus firmus. O titulado Salve regis mater sanctissima puido estar composto con motivo da ascensión ao papado de Alexandre VI en 1492.

Algunhas das súas cancións son típicas de estilo francés de comezos do século XVI: rápido, lixeiro e imitativo. Outras responden máis á liña da escola de Borgoña e as súas formas fixas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sherr, Richard (ed.). The Josquin Companion. Oxford: Oxford Universiti Press, 2000. Páxina 202. [ISBN 0-19-816335-5]
  2. Picker, Martin. (Ed.). "Marbrianus de Orto". En Grove Music Online.
  3. Meconi, Honey. Pierre de la Rue and Musical Life at the Habsburg-Burgundian Court. Oxford. Oxford University Press, 2003. Páxina 74. [ISBN 0-19-816554-4]
  4. Meconi, Honey. Pierre de la Rue and Musical Life at the Habsburg-Burgundian Court. Oxford. Oxford University Press, 2003. Páxina 40. [ISBN 0-19-816554-4]
  5. Urquhart, Peter. "Ad Fugam, de Orto, and a Defense of the 'Early Josquin'". En Tijdschrift van de Koninkliijke Vereniging voor Nederlandse Muziekgeschiedenis. Deel 62, No. 1/2 (2012). PP. 3-27

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rodin, Jesse. Josquin and the Polyphonic Mass in the Sistine Chapel. Tese de doutoramento (Ph.D). Harvard University. 2007.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]