Ludwig Boltzmann

Ludwig Eduard Boltzmann, nado en Viena o 20 de febreiro de 1844 e finado en Duino o 5 de setembro de 1906, foi un físico austríaco coñecido por ser, xunto con James Clerk Maxwell, pai da Distribución de Maxwell-Boltzmann na que se basea a Teoría cinética dos gases; a cal sería a primeira teoría enmarcada na disciplina da mecánica estatística.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia e educación
[editar | editar a fonte]Boltzmann naceu en Viena cando esta inda era a capital do Imperio Austrohúngaro. Seu pai, Georg Ludwig Boltzmann, era funcionario do estado. Seu avó, que se mudara a Viena dende Berlín, era reloxeiro. Recibiu a educación primaria dun titor particular en casa de seus pais, e a secundaria en Linz. Perdeu a seu pai con 15 anos.
Pasaría a estudar física na Universidade de Viena, onde acadou o seu doutoramento en 1866 cunha tese supervisada por Joseph Stefan e que versaba sobre a Teoría cinética dos gases.
Carreira académica
[editar | editar a fonte]Ós 25 anos, en 1869, e grazas a unha carta de recomendación do seu director de tese, foi nomeado catedrático de física matemática na Universidade de Graz. Nese ano colaborou varios meses con Robert Bunsen e mais Leo Königsberger en Heidelberg. Dous anos máis tarde colaborou con Gustav Kirchhoff e Hermann von Helmholtz en Berlín. De 1873 a 1876 foi profesor de matemáticas na Universidade de Viena.
En 1872 coñeceu a Henriette von Aigentler, unha aspirante a profesora de Graz. O 17 de xullo de 1876 casarose, e tiveron tres fillas e dous fillos. Debido á nova situación familiar, ese ano volveu á Universidade de Graz a ocupar a cátedra de Física Experimental. Entre os seus alumnos estiveron Svante Arrhenius e Walther Nernst.
En 1885 converteuse en membro da Academia das Ciencias de Austria e en 1887, en presidente da Universidade de Graz. En 1888 foi elixido membro da Real Academia Sueca de Ciencias, e en 1890 nomeárono para a cátedra de Física Teórica da Universidade de Múnic. En 1893 sucedeu o seu profesor Joseph Stefan como profesor de Física Teórica na Universidade de Viena.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Boltzmann gastou moitos esforzos na defensa da teoría atómica, nunha época na que esta inda non era moi aceptada. Isto granxeoulle a inimizade de personaxes importantes como Ernst Mach, o cal entrou en 1895 na universidade como profesor de Filosofía e Historia da Ciencia.
Boltzmann, invitado por Wilhelm Ostwald, marchou en 1900 para a Universidade de Leipzig. Despois de que Mach se xubilase volveu a Viena, en 1902. En 1903 fundou xunto con Gustav von Escherich e Evin Müller a Sociedade Matemática de Austria.
Entre os estudantes máis sinalados que tivo, estiveron Karl Przibram, Paul Ehrenfest e Lise Meitner.
Boltzmann pasou toda a súa vida con fortes cambios de ánimo, no que posiblemente foi un trastorno bipolar non diagnosticado. Meitner relatou que quen estaba ó lado de Bolztmann coñecía estes episodios e sabía dos seus intentos de suicidio. El, en ton de broma, atribuía os seus cambios de humor a que nacera a noite entre o martes de entroido e o mércores de Cinsa.
En 1906, en Duino, Trieste, durante as vacacións, aforcouse durante un episodio de depresión. Foi enterrado en Zentralfriedhof, e na súa lápida pode lerse a inscrición , a ecuación que descubrira sobre a natureza estatística da entropía.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Max Planck (1914). The Theory of Heat Radiation (Teoría da radiación por calor), P. Blakiston Son & Co. Dover (1959) e (1991). ISBN 0-486-66811-8
- Richard C. Tolman (1938). The Principles of Statistical Mechanics (Os principios da mecánica estatística), Oxford University Press. Dover (1979). ISBN 0-486-63896-0
- Ernst Cassirer, El problema del conocimiento en la filosofía y en la ciencia modernas, México, FCE, tomo IV, 1979.
- J. Willard Gibbs (1901). Elementary Principles in Statistical Mechanics (Principios elementais de mecánica estatística), Ox Bow Press (1981). ISBN 0-918024-19-6.
- David Lindley. Boltzmann's Atom: The Great Debate That Launched A Revolution In Physics (O átomo de Boltzmann: O gran debate que xerou unha revolución na física). ISBN 0-684-85186-5
- A. J. Lotka (1922). "Contribution to the energetics of evolution" (Contribución a enerxética da evolución). Proceedings of the National Academy of Sciences, 8: 147–151.
- J. Bronowski (1973). El ascenso del hombre (The Ascent of Man) (cap. 10, "Un mundo dentro del mundo"). Bogotá: Fondo Educativo Interamericano. No. 853 (Alejandro Ludlow Wiechers, trad.).