Lisipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lisipo
Cupido4b.jpg
Nacementoc. 390 a. C.
 Sición
Falecementoc. 300 a. C.
NacionalidadeSición
Ocupaciónescultor, broncista e arquitecto
FillosEutícrates, Daippos e Bedes
Coñecido/a porCabalos de San Marcos, Apoxiomeno e Atleta Vitorioso
editar datos en Wikidata ]

Lisipo (en grego antigo: Λύσιππος) foi un escultor e arquitecto grego do século IV a.C., nado en Sición, Peloponeso, cara ao 390 a. C. e finado polo 318 a. C. Xunto con Escopas e Praxíteles, foi considerado un dos tres escultores máis grandes da etapa do clasicismo tardío da escultura grega, que serviu de transición ao período helenístico.

O estudo de Lisipo enfróntase ao problema da dificultade de identificación do seu estilo a partir das copias existentes pois, non só tiña un gran taller con moitos discípulos no seu círculo máis próximo[1] senón que tamén houbo unha forte demanda de copias e reproducións dos seus traballos, mesmo cando el vivía, fornecida dende fóra do seu círculo, e que se incrementou durante a época helenística e, despois, durante a época romana.[2] A Xuventude Vitoriosa, tamén chamada o bronce Getty, descuberta contra 1972, sería un deses casos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Algúns autores opinan que foi discípulo de Policleto mentres outros afirman que foi autodidacta aprendendo dende novo a técnica do traballo co bronce.[3] Despois ensinou a arte de escultura, e chegou a ser director da escola de Argos e de Sición. Segundo Plinio, produciu máis que 1 500 traballos, todo deles en bronce. Os comentaristas anotaron a súa graza e elegancia, e a simetría, ou equilibrio coherente, das súas figuras, as cales eran máis esveltas có ideal representado por Policleto e con proporcionalmente cabezas máis pequenas, dándolles a impresión de altura máis grande. Era famoso polo detallismos nos párpados e nas uñas dos pés.

Hermes Atlante. Copia romana en mármore dun bronce perdido atribuído a Lisipo (Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas)

Obras e legado[editar | editar a fonte]

Na súa época, Lisipo sucedeu en reputación a Policleto. Entra as obras que se lle atribúen destacan os denominados Cabalos de san Marcos, Eros tensando o arco (do que existen varias copias, a mellor no British Museum), Agias (coñecido pola copia de mármore atopada e conservada en Delfos), o Hermes en repouso, o Hércules Farnesio (que fora colocado orixinalmente nos Baños de Caracalla, e a copia que hoxe subsiste está no Museo Arqueolóxico de Nápoles) e o Apoxiomeno (coñecido a partir da copia de mármore que se conserva nos Museos Vaticanos).

Tamén foi famoso polas esculturas de bronce de Zeus e Heracles. Desta última, a única versión que existe é unha copia romana do Hércules Farnesio de Glicon de Atenas,[4][5] cunha musculatura moi pesada, característica da escultura romana de comezos do século III, na que o semideus aparece apoiado nunha maza.

Discípulo[editar | editar a fonte]

O seu discípulo máis coñecido, Cares de Lindos, construíu o Coloso de Rodas[6], un das Sete Marabillas do Mundo Antigo. Debido a que esta escultura no existe hoxe en día, o debate continúa a respecto de se as súas seccións foron realizadas coa técnica da fundición en bronce ou foron amarteladas sobre o bronce puro.

Lisipo e Alexandre[editar | editar a fonte]

Durante a súa vida, Lisipo foi o escultor persoal de Alexandre o Grande; de feito, era o único artista a quen o conquistador considerou axeitado para representalo; [7] de feito, tamén lle foi atribuído a Lisipo, un retrato de Alexandre co cabelo despeiteado e os beizos separados mirando para enriba. Unha copia romana da época imperial atopada en Tívoli, atópase no Museo do Louvre.

Un epigrama de Posidipo de Pella, anteriormente só coñecido na Antoloxía de Planudes (APl 119), mais tamén atopado no recentemente descuberto Papiro Milán (65 Austin-Bastianini), tomou a xeito de inspiración un deses retratos de bronce de Alexandre:[8]

Lisipos, escultor de Sición, man audaz,
astuto artesán o lume está na ollada do bronce,
como fixeches na forma de Alexandre. De ningún xeito pódese culpoar
aos persas: o gando pode ser perdoado por voar diante dun león.

E de xeito semellante, outro epigrama de Asclepiades de Samos (APl 120):

Lisipo modelou a audacia e Alexandre e toda a súa forma
Que grande é o poder deste bronce! O rei do bronce
semella estar mirando a Zeus e a pique de dicir:
"Eu puxen a terra baixo os meus pés; ti, Zeus, posúes o Olimpo".[9]

Descubrimento dunha posíbel estatua orixinal de Alexandre Magno[editar | editar a fonte]

En 26 febreiro 2010, as autoridades gregas arrestaron dous homes por posesión ilegal de varias antigüidades, incluíndo unha estatua de bronce de Alexandre , o cal sería posibelmente un traballo de Lisipo. De confirmarse, converteríase no primeiro traballo orixinal descuberto de Lisipo. A estatua examinouse no laboratorio do Museo Arqueolóxico de Tesalónica, esperando confirma-la súa autenticidade.[10][11]

A Xuventude Vitoriosa (ou Bronce Getty)[editar | editar a fonte]

A Xuventude Vitoriosa ou Bronce Getty

En 1972, descubriuse a Xuventude Vitoriosa, tamén denominada como o Bronce Getty (Atleta di Fano para os italianos) e a instancias de Paul Getty soi comprado polo Museo Getty. O bronce foi sacado do mar e restaurado e debido á cantidade de corrosion e a grosa capa de incrustacións que tiña a estatua, cando foi atopada, pódese deducir que estivera varios séculos debaixo da auga. Porén, isto é pouco sorprendente pois a maioría das estatuas de bronce clásicas descubertas polos arqueólogos foron sacadas do mar Mediterráneo dado que era común que algo tan valorado como as estatuas de bronce foran intercambiadas con zonas lonxanas e, en ocasións, os barcos naufragaran. Esa corrosión podía eliminarse limpando, mecanicamente, a superficie cun escalpelo.[12]

Algúns atribúen o bronce Getty a autoría de Lisipo ou, polo menos, unha copia da obra de Lisipo porque os detalles son propios do seu estilo e do seu canon de proporcións. Este estilo, é descrito polas fontes antigas como naturalista, con proporcións esveltas e, a miúdo, con trazos faciais esaxerados.[13] As obras de Lisipo tiñan unhas cabezas máis pequenas cás obras do seu mentos Policleto porque empregou un canon transmitido por Vitrubio que modifica o de Policleto para pasar a ser de 8 cabezas a altura total do corpo.[14][15]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plinio na súa Historia Natural (XXXIV, 61-67) afirmou que seu fillo Eutiktates traballaba co seu estilo e, que na seguinte xeración, Tisicrates, creou esculturas que a penas se diferenciaban das de Lisipo.
  2. O redescuberto Agias dedicado por Daocos en Delfos, era unha copia contemporánea en mármore dun bronce, cuxa fonte orixinal estaba en Farsalia, en Tesalia.
  3. Döpp (2014), p. 27
  4. Castellanos, Basilio Sebastiá (1844). Compendio elemental de arqueología I. Madrid: impr. V. de Lalama. p. 53. 
  5. Alarcón, Pedro Antonio de (1861). De Madrid a Nápoles. Madrid: Gaspar y Roig editores. p. 632. 
  6. Honor (1987), p. 142
  7. Plutarco, Vida de Alexandre, IV.
  8. Austin, C. e Bastianini, G. (2002). Posidippi Pellaei quae supersunt omnia.  Milán:  LED (Edizioni Universitarie di Lettere Economia Diritto), p. 89. ISBN 88-7916-193-8
  9. Paton, W.R. (1918). The Greek Anthology (Translated by W. R. Paton). V (Book 13: Epigrams in Various Metres. Book 14: Arithmetical Problems, Riddles, Oracles. Book 15: Miscellanea. Book 16: Epigrams of the Planudean Anthology Not in the Palatine Manuscript). Loeb Classical Library 86. Cambridge, MA: Harvard University Press. p. 227
  10. "Αγαλμα του Μεγάλου Αλεξάνδρου βρέθηκε στην κατοχή αρχαιοκαπήλων". in.gr. 01-03-2010. Consultado o 27-11-2018. 
  11. "Αγαλμα - έκπληξη στα χέρια των αρχαιοκάπηλων". ethnos.gr. Arquivado en Waybach Machine (04-03-2010). Consultado o 27-11-2018. 
  12. Frel (1982), pp. 7-29
  13. "Lysippos". visual-arts-cork.com. Consultado o 27-11-2018. 
  14. Casas, Narciso (2012). Técnicas y secretos en Dibujo - Pintura y Restauración. Madrid: Bubok Publishing. p. 68. ISBN 978-84-686-0800-6. 
  15. H., D. (09-01-2009). "The Croatian Apoxyomenos". culturenet.hr (en inglés). Consultado o 27-11-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Döpp, Hans-Jürgen; Thomas, Joe A.; Charles, Victoria (2014). 1000 Obras de Arte Erótico (PDF-DRM). Parkstone International. ISBN 9781783104147. 
  • Frel, Jiří (1982). The Getty Bronze (en inglés). Malibú, CA: The J Paul Getty Museum. ISBN 0-89236-039-9. 
  • Gardner, P. 1905. ‘O Apoxymenos de Lysippos', JHS 25:234-59.
  • Honor, John Fleming, Hugh; Fleming, John (1987). Historia del arte. Barcelona: Ed. Reverté. ISBN 84-291-1441-6. 
  • Serwint, N. (1996). ‘Lysippos', en The Dictionary of Art. 19, pp. 852–54.
  • Stewart, A.F. (1983). "Lysippos and Hellenistic sculpture". AJA 87, p. 262.
  • Vermeule, C.C. (1975). "The weary Herakles of Lysippos", AJA 79, pp. 323–32.