Apoxiomeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apoxiomeno
ArtistaLisipo
Data330 a.C
Técnicatalla
MovementoArte grega,clásico tardío
Dimensións205 cm ×  cm
LocalizaciónMuseo Pío Clementino, Museos Vaticanos (Cidade do Vaticano)

Apoxiomeno ("o que limpa"; en grego antigo ἀποξυόμενος/apoxuómenos; de ἀποξὐω/apoxúô, "raspar, riscar") foi unha obra en bronce do escultor grego Lisipo, datada no 330 a.C.[1][2], da época clásica da arte grega, e dentro desta, no período posclásico, cando se inicia a ruptura co "ideal de beleza clásico". A talla orixinal está perdida, mais coñecemos da súa existencia por mor da descrición de Plinio o Vello, na súa obra Naturalis Historia.[3] Na obra, Plinio indicaba que o xeneral Marco Vipsanio Agripa levara a obra orixinal en bronce a Roma e fora colocada nunhas termas. Como agradara ao emperador Tiberio, este colocouna no seu palacio mais polas críticas do pobo devolveuna para ser exposta ao público.[4]

Unha copia en mármore desta escultura descubriuse no barrio romano do Trastevere en 1849[5] e está conservada no museo Pío-Clementino, no Vaticano.

O autor[editar | editar a fonte]

Lisipo, último escultor clásico, nado en Sición, no inicio do século IV a.C., renovou a tradición da escultura atlética abandonando a representación do corpo feminino. Admirador de Alexandre Magno, Lisipo foi un artista de palacio, case o escultor da corte do príncipe de Macedonia. Como é habitual nos talleres do norte do Peloponeso, adicouse preferentemente ao bronce, actividade que lle ocuparía entre o 368 e o 318 a.C.

Análise da escultura[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha escultura de vulto redondo, de tamaño parecido ao natural, uns 2.05 metros aproximadamente; o orixinal é de bronce e as copias de mármore. O nome da obra coincide coa acción que está a realizar a figura, que non é outra que riscar a area, o aceite e a suor do corpo, despois de ter competido como atleta. Utiliza para iso un raspador metálico (os gregos denominábano ξύστρα, e pasa aos romanos coma "strigilis").[6]

A "strigilis"

Representa un momento pouco heroico. O feito de representar un atleta realizando unha actividade cotiá reflicte un cambio de valores e modelos: do home perfecto a unha visión máis vulgar. Revela pois, unha nova concepción do home: xa non é un atleta triunfador, senón que aparece nunha actividade nada heroica, natural, isto amósanos un novo concepto de beleza masculina.

O atleta ten os brazos elevados á altura dos ombros, e o esquerdo parece que porta unha barra que se desliza pola parte anterior do brazo dereito. A perna dereita, separada da esquerda na visión frontal, apóiase sobre un pedestal prismático. Lisipo crea un novo canon de beleza masculina, o novo tipo físico é máis esvelto que o canon de Policleto. A cabeza é agora unha oitava parte do corpo; as extremidades son agora máis longas e a cabeza máis pequena; os trazos son máis finos, o que propicia a concentración da expresión.

Valores espaciais[editar | editar a fonte]

Lisipo crea unha nova dimensión espacial. As estatuas do século V a.C., deseñábanse para ser observadas desde unha posición frontal. O Apoxiomeno aprópiase das tres dimensións por medio dos brazos que debuxan un cuadrilátero que abraza o aire que o rodea. A colocación dos brazos provoca a ruptura coa "lei da frontalidade". Responde ao desexo de deseñar unha estatua que ofreza unha composición igualmente eficaz desde moitos ángulos distintos.

Valoración estética[editar | editar a fonte]

As formas anatómicas desta obra resultan máis naturais que as das obras ata entón existentes: o rostro é un óvalo de trazos finos e pequenos que se une ao corpo por un pescozo musculoso. Os ollos son profundos e agochados baixo as cellas, a boca está entreaberta, e o rizado do cabelo ten unha ondulación que marca o claroscuro e a naturalidade.

Lisipo parte nas súas obras do estudo do natural, igual que outros escultores da época, pero avanza ata chegar ao seu interior, xa que representa aos homes como son, non como se ven, coma expresou nos seus retratos de gobernantes da época, dos que constitúen un bo exemplo os retratos de Alexandre Magno.

Esta obra tivo unha importante transcendencia, xa que o Apoxiomeno coma o Doríforo marcaron o prototipo de home sometido a un canon.

Con Lisipo remata o ciclo da estatuaria grega, dunha arte que loitou séculos para impoñer o material e a forma perfectas do home, medida de todas as cousas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Döpp, Hans-Jürgen; Thomas, Joe A.; Charles, Victoria (2014). 1000 Obras de Arte Erótico (Formato: PDF - DRM). New York: Parkstone Internacional. ISBN 9781783104147. 
  2. Martínez de la Torre (2016), p. 213
  3. Plinio, Naturalis Historia, XXXIV, 55-56
  4. Plinio, Naturalis Historia, XXXIV, 62
  5. Bianchi (2005), p. 61
  6. Feliciotto, Dorotea (Abril 2014). "Lisippo di Sicione: l' apoxyómenos". instoria.it (rivista on line de istoria e informazione) (en italiano). nº 76. ISSN 1974-028X. Consultado o 02-10-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bianchi Bandinelli, Ranuccio (2005). Introducción a la arqueología clásica como historia del arte antiguo. Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-0124-9. 
  • Martínez de la Torre, Cruz; Storch de Gracia y Asensio, José Jacobo; Vivas Sainz, Inmaculada (2016). Arte de las grandes civilizaciones clásicas: Grecia y Roma. Madrid: UNED-Editorial universitaria Ramón Areces. ISBN 978-84-9961-228-7. 
  • Pollitt, J.J. (1989). El arte helenístico. Madrid: Ed. Nerea. ISBN 84-86763-15-0. 
  • Robertson, Martin (1993). El arte griego: Introducción a su historia. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-7050-2. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]