Saltar ao contido

Limiá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Limiá
 Instancia de
 Epónimo
Distribución
 País de orixe
Clasificación taxonómica
ReinoAnimalia
FiloChordata
SubfiloVertebrata
ClaseMammalia
SubclaseTheria
InfraclaseEutheria
OrdeArtiodactyla
FamiliaBovidae
SubfamiliaBovinae
XéneroBos
EspecieB. taurus
Identificadores
Freebase/m/0pmf067 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 144365
Wikidata C:Commons

A limiá é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Segundo datos do 31 de decembro de 2024 a poboación era de 1 931 exemplares, cunha tendencia á alza mantida dende 2014.[1] A raza limiá toma o seu nome dunha das comarcas naturais do sur da provincia de Ourense, concretamentamente, da Limia.[2]

Estudos filoxenéticos recentes realizados con marcadores xenéticos corroboran a hipótese filoxenética admitida ata agora pola maioría dos zootecnistas, que relacionan esta raza co Bos primigenius estrepsiceros. O feito de estar asentada nun terreo fértil e favorable conferiulle un grande desenvolvemento corporal e certa superioridade produtiva en relación con outras razas locais galegas.[2]

Morfoloxía e datos produtivos

[editar | editar a fonte]

Son animais de perfil subcóncavo a recto, hipermétricos no val e eumétricos na montaña, de proporcións mediolíneas e tamaño grande. O peso medio é de 490 kg para as femias e de 925 kg para os machos e a alzada media á cruz é de 137 cm para as femias e de 143 cm para os machos. Teñen unha cabeza de medianas proporcións, con fronte ancha, cara longa e fociño ancho. Os cornos en gancho curto nos bois, grandes, longos e espiraliformes nas vacas. O tronco é amplo e harmónico, o tórax ampuloso, con costelares cilíndricos e peito ancho. As extremidades son de lonxitude media, fortes e ben asentadas. O ubre é globuloso, desenvolvido, bastante simétrico e con tetos de boa implantación. Ten capa castaña, moito máis escura no terzo anterior.[3]

É unha das razas morfoloxicamente máis semellantes ao extinto uro e forma parte do proxecto TaurOs que pretende recrear ao devanceiro das razas domésticas actuais.[4]

Machos Femias
Altura á cruz (cm) 143 137
Peso adulto (kg) 925 490
Peso aos 12 meses (kg) 295-385 205-270
Peso ao nacemento (kg) 31-39 30-37
Peso aos 6 meses (kg) 185-215 125-230
Peso á puberdade (kg) 305-380
Precodidade sexual (meses) 10-22

[5][6]

Os xatos aliméntanse con leite materno ata os tres meses e a partir desa idade supleméntanse con racións de concentrados, de forma que aos seis meses poden alcanzar pesos medios de 125-230 kg as femias e 185-215 kg os machos.[6]

En comparación con outras vacas autóctonas da súa zona de orixe, a Limiá presenta certa precocidade sexual (10-22 meses) e moi bo desenvolvemento, expresado polo seu alto peso á puberdade (305-380 kg).[6]

As súas canais son as de maior peso e índice de compacidade dentro das Morenas Galegas. Os rendementos cárnicos obtidos no despece son elevados, de arredor dun 70%, alcanzando os de cuarto traseiro niveis superiores ao 62%.[7]

A carne de Limiá é magra, cun perfil lipídico adecuado e cardiosaudable, próximo ao 1,5%, e cunha adecuada infiltración da graxa, o que lle porporciona unha calidade zumarenta e unha palatibilidade excepcional. A súa carne destaca tamén por ser moi luminosa e vermella. Subministrándolle unha adecuada maduración resulta ser das carnes máis tenras e xugosas.[7]

Usos e sistemas de explotación

[editar | editar a fonte]

Aínda que no pasado a raza explotouse pola súa tripla aptitude, na actualidade mantense como animal de dobre aptitude carne-traballo, con case total abandono desta última, polo que a tendencia é a que se explote só pola súa produción cárnica.[5]

A raza utilízase en sistema mixto de estabulación e pastoreo, dentro de estruturas reducidas de tipo familar e carácter artesanal. A explotación do gando compatibilízase cunha agricultura minifundista, da que se obtén a súa base nutritiva, ben procedente dos prados artificiais ou de cultivos específicos.[5]

Evolución da poboación

[editar | editar a fonte]

No 2002 a poboación era de 136 exemplares, datos baseados nun estudo de alta fiabilidade. O número de machos reprodutores era de 59, e o de femias de 66. A porcentaxe de femias de raza pura (emparelladas cun macho da súa raza) era do 100%.[8] No 2007 había 460 animais, e no 2011, 861. A tendencia da raza é de crecemento rápido.

Ano Femias Machos Total Ganderías
2009 566 126 692 41
2010 666 159 825 44
2011 711 150 861 44
2012 722 170 892 45
2013 653 152 805 45
2014 699 153 852 42
2015 853 173 1 026 40
2016 881 204 1 085 36
2017 936 205 1 141 39
2018 962 240 1 202 38
2019 1 003 231 1 234 38
2020 1 138 270 1 408 37
2021 1 239 282 1 521 39
2022 1 323 254 1 577 49
2023 1410 288 1698 53
2024 1575 356 1931 50

[9]

Gráfica de evolución demográfica da vaca limiá entre 2009 e 2024
Datos segundo a aplicación ARCA do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.[1]
  1. 1,0 1,1 "Aplicación ARCA". servicio.mapa.gob.es/arca. Consultado o 31 de agosto de 2023. 
  2. 2,0 2,1 "Raza bovina LIMIÁ". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025. 
  3. "Raza bovina LIMIÁ. Datos morfológicos". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/05/2025. 
  4. Breeding Blog (ed.). "The Tauros Project". Consultado o 16 de agosto de 2015. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Raza bovina Limiá. Usos y sistema de explotación". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Raza bovina LIMIÁ. Datos productivos". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025. 
  7. 7,0 7,1 "LIMIAGA. Características productivas". BOAGA. Consultado o 04/06/2025. 
  8. http://xinzoinformacion.e.telefonica.net/raza_%20limia.htm Arquivado 30 de novembro de 2011 en Wayback Machine..
  9. "Datos censales (LIMIÁ)". Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Consultado o 04/06/2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]