K'inich Kan Bahlam II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
K'inich Kan Bahlam II
Gobernante de Palenque
K'inich Kan Balam II. Tablero XVII.jpg
K'inich Kan Bahlam II nunha inscrición do Templo XVII.

Reinado7 xaneiro de 684 - 16 de febreiro de 702
Nacemento20 de maio de 635
Falecemento16 de febreiro de 702
PredecesorK'inich Janaab' Pakal
SucesorK'inich K'an Joy Chitam II
ProxenitoresK'inich Janaab' Pakal
Tz'akbu Ajaw

K'inich Kan B'alam II.svg

K'inich Kan Bahlam II ou K'inich Kan B'ahlam II, nado o 20 de maio de 635 e finado o 16 de febreiro de 702, foi un ahau ou gobernante maia do ajawlal ou señorío de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', no presente coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, no actual estado mexicano de Chiapas. É referido tamén como Chan Bahlum II. O seu nome pode ser traducido como ‘Serpe Xaguar Radiante’ ou ‘Gran Sol Serpe Xaguar’.

Gobernou do ano 683 até o 702.[1] O seu goberno, do mesmo xeito que o do seu pai, Pakal o Grande, caracterizouse pola construción de grandes edificios públicos en Palenque e as súas obras máis importantes pertenencen ó Grupo das Cruces. Realizou campañas militares contra Toniná e pactou alianzas con Moral-Reforma. Ambos os gobernos representan a mellor época do señorío de B'aakal.

Nacemento e entronización[editar | editar a fonte]

Taboleiro do Templo do Sol que mostra a entronización de K'inich Kan Balam II.

Foi neto de K'an Mo' Hix e Sak K'uk' e fillo de Pakal o Grande e Tz'akbu Ajaw. De acordo á conta longa do calendario maia naceu o 9.10.2.6.6 2 kimi 19 zotz, é dicir, o 20 de maio de 635.[2] Pouco despois de morrer o seu pai, foi entronizado o 9.12.11.12.10 8 ok 3 kayab, é dicir, o 7 de xaneiro de 684, cando tiña corenta e oito anos de idade.[3] Esta data foi seleccionada intencionalmente xa que ocorreu despois de cento once ciclos transcorridos do calendario tzolkin e trinta e sete ciclos sinódicos de Marte dende a data de entronización de Aj Ne' Ohl Mat no 605.[4]

Campañas militares[editar | editar a fonte]

No ano 687 dirixiu unha campaña militar cara ó sur de Palenque, en contra Toniná, sede do señorío de Po' Winiko'ob', logrando someter a praza o 9 de setembro. Aínda que se descoñece a causa desta acción militar, é probable que sexa porque o seu gobernante, Puh-Tz'amal?, realizase algún tipo de pacto co señorío de Kan, inimigo acérrimo de B'aakal, cuxa praza principal era Calakmul. Un rexistro do Templo do Sol indica que durante esta expedición, Kan Balam foi acompañado polo seu irmán Wak?nal B'ahlam Ch'aaj Il Sib'ik Kan. O ano seguinte, K'inich B'aaknal Chaahk ascendeu ó poder do señorío de Po' Winiko'ob' e xurou vingar esta derrota.

O 4 de xullo de 690, Kan Balam II, preocupado polo vínculo que establecera no leste o señorío Moral-Reforma con Calakmul, decidiu convidar ó seu gobernante, “Cranio de Falcón”, a Palenque para que aí celebrase a súa terceira entronización ou reinstalación ó poder.[5] Asemade, para conmemorar o acto, enviou a un artesán palencano para labrar o ronsel 4 en Moral-Reforma. Mediante estas accións políticas e diplomáticas, Kan Balam selou un pacto con "Cranio de Falcón" e rompeu o vínculo que tiña este con Calakmul.[6]

O 4 de outubro de 692, K'inich B'aaknal Chaahk comezou a súa vinganza contra B'aakal capturando ó xefe palencano K'awiil Mo'.[7] Capturou a outros dignatarios palencanos entre o 693 e o 696. De acordo cos rexistros do taboleiro dos guerreiros, Kan Balam respondeu da mesma maneira, o 14 de xaneiro de 695 capturou ó ch'ok ajaw B'olon Yooj.[8]

Obras arquitectónicas e inscricións xeroglíficas[editar | editar a fonte]

Reprodución iconográfica do taboleiro do Templo da Cruz, realizada por Frederick Catherwood, onde se mostra a entronización de K'inich Kan Bahlam II.

Levou a cabo o remate do Templo das Inscricións que serviu de mausoleo ó seu pai, chamouno B'olon Eht Naah, cuxo significado é a ‘Casa dos Nove Señores’. Esta pirámide que ten nove mesetas e cuxas escaleiras internas descenden á tumba de Pakal o Grande evocan ao inframundo ou Xibalbá, que de igual forma tiña nove estratos. A obra foi terminada e inaugurada o 3 de xullo de 690.[9]

Ese mesmo ano, termináronse as remodelacións do Grupo das Cruces, o cal comprende o Templo da Cruz, o Templo da Cruz Foliada e o Templo do Sol. Na cruxía posterior de cada un deses edificios dispúxose dun habitáculo chamado pib'naah', cuxa función era a dun baño de vapor ou temazcal onde nacían e renacían simbolicamente cada unha das deidades da tríada divina. O Templo da Cruz foi dedicado a Wak-Chan-Ajaw ou ‘Gobernante do 6.° Ceo’ (“GI”), a súa construción a base de corpos graduados, simula trece niveles, de acordo á cosmovisión maia, este número corresponde ó número de ceos no que estaba dividido o nivel celeste ou superior.[10] O Templo da Cruz Foliada representa o nivel terrestre e foi dedicado a Unen-K'awiil (“GII”), deus da agricultura e da liñaxe gobernante de Palenque; foi chamado B'olon Pet Ha' Naah, cuxo significado é a ‘Casa do Río dos Nove Petenes’. O Templo do Sol foi dedicado á deidade "GIII", do mesmo xeito que o Templo das Inscricións, a súa plataforma está conformada por nove corpos graduados, os que cadrna cos nove estratos que tiña o inframundo ou Xibalbá. O pib'naah do Templo do Sol foi chamado B'olon P'ul Witz K'inich Paskab, que significa a ‘Montaña do Nove Sahumerios do Amencer do Sol’.[11]

Nos tres edificios do Grupo da Cruz atópanse rexistros e imaxes que representan o momento da ascensión de Kan Balam ó trono de B'aakal. En cada unha delas hai marcada unha simboloxía, no Templo da Cruz destaca a imaxe da árbore cósmica; no Templo da Cruz Foliada a icona que destaca é unha planta de millo, a cal foi considerada como a planta fundadora da civilización maia; finalmente, no Templo do Sol, dedicado a temas de guerra e sacrificio, salienta un escudo de guerra coa cara do deus solar.[12][13]

O 20 de xullo de 690, unha vez terminadas as remodelacións do Grupo da Cruz, Kan Balam realizou unha cerimonia dedicada ós deuses da triada divina de Palenque, creando novos incensarios, os cales foron utilizados dous anos máis tarde, durante as celebracións do final do katún 9.13.0.0.0 8 ajaw 8 uo, é dicir, o 15 de marzo de 692.[14] Outros templos que consagrou e construíu foron o Templo do Altar do Cranio e o Templo XVII que tivo un carácter cívico. Neste último edificio atópanse varias inscricións que rexistran parte da historia dinástica de Palenque así como as historias bélicas de Kan Balam onde, ademais, móstrase o seu retrato cun prisioneiro de guerra capturado.[15]

Ademais da historia dinástica de Palenque e das épicas militares, Kan Balam introduciu a narración mítica da historia dos deuses de Palenque, desta forma deixou constancia da biografía de Muwaan Mat; a chegada do deus “GI” e o seu encontro coa terra de Matwiil no 2360 a. C.; e o nacemento do deus “GIII” ocorrido no mesmo ano.[16] Así mesmo rexistrou o nacemento dun personaxe lendario chamado Ahku'l Ichiiw Ou Kokan Kan, cuxo significado é ‘Serpe da Espiña de Raia do Lugar onde abundan as Tartarugas’, ocorrido no ano 993 a. C. Este personaxe ó cal se describe como humano converteuse no primeiro gobernante de Matwiil e B'aakal á idade de vinte e seis anos, cando Palenque aínda non era habitado, a súa presenza xustifica a transición da época mítica á época histórica.[17]

Kan Balam morreu o 9.13.10.5 6 chikchan 3 pop, é dicir, o 16 de febreiro de 702. O seu sucesor foi o seu irmán K'an Joy Chitam II, quen levou a cabo os seus funerais. É posible que fose enterrado no Templo XV-A, mais as tumbas deste templo foron saqueadas durante a época prehispánica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Grube, 2006; 457
  2. Florescano, 2009; 235
  3. Skidmore, 2008; 74
  4. Bernal, 2011; 302
  5. Skidmore, 2008; 75
  6. Bernal, 2011: 307
  7. Bernal, 2011; 312
  8. Bernal, 2011; 313
  9. Bernal, 2011; 305-306
  10. Bernal, 2011; 308
  11. Bernal, 2011; 309
  12. Florescano, 2009; 243
  13. Florescano, 2009; 244
  14. Bernal, 2011; 310
  15. Bernal, 2011; 311
  16. Bernal, 2011; 314-315
  17. Bernal, 2011; 317

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]