Xibalbá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vasilla que amosa as deidades na corte de Xibalbá.

Na mitoloxía maia, Xibalbá ou Xib'alb'a (do kʼicheʼ: Xibalbá, ‘Lugar oculto’‘xibil, ocultar’)?, nome do inframundo,[1] é o mundo subterráneo rexido polas divindades da doenza e a morte: Hun-Camé e Vucub-Camé. Forma parte importante dentro do ciclo mítico dos xemelgos Hunahpú e Ixbalanqué narrado en Popol Vuh dos maias kʼicheʼ. No século XVI, tradicionalmente atopábase á entrada dunha caverna próxima á localidade de Alta Verapaz, nas proximidades de Cobán, Guatemala.

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

O Xibalbá é coñecido principalmente pola descrición que del fai o Popol Vuh (Pop wuj, en kʼicheʼ) cuxa tradución sería "Libro do Consello" ou "Libro da Comunidade", descuberto en época posterior á conquista española no século XVIII, traducido ó latín por Frei Francisco Ximénez dende unha perspectiva católica.[2] Por iso é polo que se refira ó Xibalbá con moita semellanza co inferno cristián, consistente nun mundo telúrico gobernado polos Ajawab do Xibalbá ou os "señores do inframundo".

Porén, o concepto de "mal" está explicitamente representado nas características doutros seres da mitoloxía maia, como Wuqub Qak'ix e a súa familia, ou mediante defectos nas personalidades dos primeiros seres humanos creados. Xibalbá non é entón o inferno, xa que representa á morte e a doenza, vistas como parte da existencia e non como castigo. É máis preciso referirse a Xibalbá como o inframundo.

Unha das partes do Popol Vuh narra o enfrontamento entre os Señores de Xibalbá e dous pares de xemelgos divinos: en primeiro lugar Hun-Hunahpú e Vucub-Hunahpú, e tras ser derrotados, os fillos do primeiro deles: Hunahpú e Ixbalanqué, que sairán vitoriosos grazas ó seu enxeño e coñecemento da maxia.

En ámbolos dous casos, os xemelgos son chamados polos señores principais do Xibalbá Hun Camé (Un Morte) e Vucub Camé (Sete Morte), debido ó escándalo que provocaban ó realizar o xogo de pelota, polo que lles retan a xogar nos seus dominios.[3]

A derrota de Hun-Hunahpú e Vucub-Hunahpú tráelles como consecuencia a morte e o posterior desmembramento, sendo colocadas as súas cabezas nas pólas dunha árbore do mundo inferior que tras isto floreceu e deu froitos. Dun deses froitos sairía o zume que tocaría Ixquic, señora tamén do Xibalbá, co cal quedaría encinta de Hunahpú e Ixbalanqué.

Descrición[editar | editar a fonte]

Morcego do inframundo maia nun prato de cerámica policromado do período clásico. Balamkú, Campeche.

É durante o relato das andanzas dos heroes do Popol Vuh que se fai unha descrición de Xibalbá e do camiño que hai que percorrer antes de chegar a el:

Desta maneira, o camiño cara a Xibalbá descríbese como un descenso por unhas escaleiras moi inclinadas que desembocan na beira dun río, o cal percorre barrancos espiñentos. A continuación hai outros ríos e mesmo un de sangue, para despois abrirse un cruzamento de catro camiños: un vermello, outro branco, outro amarelo e outro negro. Este último é o que se dirixe a Xibalbá, exactamente á sala do consello dos Señores de Xibalbá.

En canto ás probas que os Señores de Xibalbá facían pasar, o Popol Vuh conta que eran moitos os lugares de tormento e os castigos de Xibalbá:

  • O primeiro era a Casa escura, en cuxo interior só había tebras;
  • O segundo era a Casa do frío, onde un vento frío e insoportable sopraba no seu interior;
  • O terceiro era a Casa dos xaguares, onde os xaguares se revolvían, amoreábanse e gruñían;
  • O cuarto era a Casa dos morcegos, onde non había máis que morcegos que berraban e revoloteaban na casa;
  • O quinto chamábase a Casa dos coitelos, dentro da cal só había navallas cortantes e afiadas

Noutra parte do Popol Vuh di que hai unha sexta casa chamada a Casa da calor, onde só había brasas e chamas.

Notas[editar | editar a fonte]