Juan Durán
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de setembro de 1960 (64 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Instrumento | Piano |
Juan Pedro Durán Alonso, máis coñecido como Juan Durán, nado en Vigo en 1960 é un compositor e profesor de música galego.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi profesor numerario do Conservatorio Superior de Música da Coruña (1987-1997), no que desenvolveu os cargos de Xefe de Estudos e Director. Desde 1997 a 2005 foi Asesor-técnico de Ensinanzas Artísticas da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. No 2006 exerceu o cargo de Xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial. Pertenceu ao Corpo de Inspectores de Educación na especialidade de Ensinanzas Artísticas, e desempeñou o cargo de Subdirector Xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, cargo público da administración que suscitou críticas e polémicas por gardar unha estreita relación co desenvolvemento e evolución da súa traxectoria musical como compositor.[2][3]Baixo a súa coordinación, como Subdirector Xeral, promoveu a edición de "Recursos Musicais para os Conservatorios", en 2014, con 133 pezas musicais para uso de alumnado e profesorado dos conservatorios galegos, compostas por membros da Asociación Galega de Compositores[4]
Desenvolveu unha certa actividade como instrumentista de piano, no campo do acompañamento e a música de cámara. Pero a súa verdadeira dimensión atópase na creación musical. Socio fundador da Asociación Galega de Compositores, é autor de case un centenar de obras. Cultiva preferentemente o xénero liederístico e a música de cámara.
A súa produción camerística está orientada a todo tipo de combinatorias instrumentais: dúos para distintos instrumentos con piano, tríos, cuartetos, quintetos etc. Polo que se refire á música escénica é autor dunha ópera (O arame con texto orixinal de Manuel Lourenzo), dúas cantatas e unha importante produción de lieder con gran variedade de poetas e estilos, que inclúen cancións en castelán, galego, portugués, italiano e francés. Atende tamén a produción de carácter didáctico, con distintos traballos orientados tanto á materia de Linguaxe Musical como a obras instrumentais. Entre estas últimas cabe destacar: Album de Orquesta (Premio de Composición outorgado pola Universidade Carlos III de Madrid), O xardín de Margarita, O Señor Biscuit etc.
Recibiu encargos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (Longa noite de pedra, cantata para barítono, coro e orquestra), Concello de Ferrol (Juegos tímbricos para quinteto de metais), Orquestra Sinfónica de Galicia (Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, cantata para soprano, barítono, coro e orquestra, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello), Festival Mozart (felizcumpleañosmozart.com), a Real Filharmonía de Galicia (Divertimento) etc.
O seu compromiso coa música galega maniféstase, tamén, en traballos de recuperación do patrimonio histórico, como orquestracións de obras de Juan Montes, José Castro "Chané" ou Marcial del Adalid, de quen reconstruíu a súa ópera Inés e Bianca, por encargo do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.
Obra editada
[editar | editar a fonte]A case totalidade da súa produción está editada por “VISO Editorial”. Existen tamén obras súas en “Arte Tripharia”, “Real Musical”, “Dinsic” etc. Pódense atopar rexistros da súa música en RNE e en varios CDs con intérpretes como Albert Nieto, Joaquín Pixán, Alejandro Zabala, Marina Shamagian, Carlos Casado, Tatiana Prejvalskaya ou Antoni Ros-Marbà.
En febreiro de 2018 anunciouse a publicación no selo alemán Deutsche Grammophon de "Para vir a xunta a min" e "Lela" cos arranxos musicais de Juan Durán, a primeira gravación de música galega desta prestixiosa discográfica alemá.[5]
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- En 2009 recibiu o Premio da Crítica Galicia, na sección Música, pola ópera O arame (sobre texto de Manuel Lourenzo) estreada no ano 2008.
- En febreiro de 2018, Juan Durán foi declarado gañador do XXXV Premio Reina Sofía de Composición Musical, convocado pola Fundación de Música Ferrer-Salat e dotado con 35.000 euros, pola súa obra «Whispers in the Dark».[6][7][8]
- En xuño de 2019 foi nomeado académico de número electo da Real Academia Galega de Belas Artes na súa sección de Música.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Juan Durán Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores.
- ↑ Forcada, Daniel (2013-12-11). "Feijóo da el 'Premio da Cultura Galega' a un compositor... y subdirector de la Xunta". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 2022-10-20.
- ↑ Coruña, Santiago Romero A. (2008-09-13). "Pasión oficial por el ´bel canto´". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-10-20.
- ↑ "Asociación Galega de Compositores". www.asociaciongalegadecompositores.com. Consultado o 2023-06-22.
- ↑ "«Vai lavar a cara», con música clásica. A mítica discográfica Deutsche Grammophon publicará por primeira vez esta canción popular e a de «Lela», de Castelao, con arranxos do compositor Juan Durán". En La Voz de Galicia. 18 de febreiro de 2018.
- ↑ "O galego Juan Durán gaña o Reina Sofía de composición musical Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". En SermosGaliza.gal. 18 de febreiro de 2018 (en galego)
- ↑ Listaxe de autores premiados Arquivado 19 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.. Na web oficial da Fundación de Música Ferrer-Salat (en castelán)
- ↑ "Crítica: Estreno del XXXV Premio Reina Sofía". Beckmesser (en castelán). 2018-10-13. Consultado o 2022-10-20.
- ↑ "Don Juan Pedro Durán Alonso, nomeado académico de número electo da sección de Música Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Real Academia Galega de Belas Artes.