Xoán Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Juan Montes")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xoán Montes
Xoán Montes Capón.jpg
Nome completoXoán Montes Capón
Nacemento13 de abril de 1840
 Lugo
Falecemento24 de xuño de 1899
NacionalidadeEspaña
Ocupacióndirector de orquestra, compositor, pianista e organista
editar datos en Wikidata ]

Xoán Hermenegildo Montes Capón, coñecido simplemente como Xoán Montes nado en Lugo o 13 de abril de 1840 e finado o 24 de xuño de 1899, foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro.

Xoán Montes foi o primeiro director da Banda Municipal de Lugo en 1876 e fundou o Orfeón Lucense en 1879.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Placa na praza de Santo Domingo, onde estaba a casa na que viviu e morreu.

Se ben a familia de Xoán Montes procedía de San Fiz de Paz (Outeiro de Rei),[1] o compositor naceu na Praza de Santo Domingo da cidade de Lugo o 13 de abril de 1840 sendo o terceiro dos catro fillos de María Juana Capón López e Félix José de Montes y Galloso, un empregado administrativo no Concello de Lugo.[a][3][4] Bautizado co nome Juan Hermenegildo o mesmo día do seu nacemento, logo de sair do Seminario empregou tan so o primeiro dos dous nomes.[3] O 1 de marzo de 1850, pouco antes de que cumprira dez anos morreu seu pai, e aos poucos meses, en setembro dese mesmo ano ingresou no Seminario Seminario Conciliar de Lugo, onde estuda a carreira sacerdotal (Latinidade e Humanidade, Filosofía e Teoloxía, obtendo as máximas cualificacións), compaxinando os seus estudos con clases de música na cátedra de solfexo coa que contaba o Seminario.[5][6] Foi un músico eminentemente autodidacta, xa desde a adolescencia, cando a supresión no Seminario da cátedra de solfexo o obriga a realizar pola súa conta os estudos de música, que simultanea cos relixiosos co consentimento dos seus profesores.[7][8] O vicerreitor encoméndalle a creación dun coro de seminaristas, e empeza a compoñer as súas primeiras pezas: glosas, pregarias, himnos, motetes; entre eles Las siete palabras de Cristo en la Cruz, da que posteriormente (1889) fará un preludio instrumental.

Oposita á praza de organista da Catedral de Mondoñedo (1862), aínda que, ao non ter a idade requirida, só pode concursar a merito, isto é, sen dereito a praza.

Remata os estudos eclesiásticos no 1863 e renuncia á vida espiritual para dedicarse enteiramente á música, como pianista, compositor ou director, sendo con certeza un caso único en toda a historia da música galega, tanto pola cantidade como pola cualidade e variedade dos seus traballos.

Foi mestre de capela interino e organista da Catedral de Lugo, director da Escola de Música do concello, e, tras reorganizala, da banda municipal da cidade, coa que deu infinidade de concertos, divulgando a música sinfónica, a de cámara e a coral.

IES Xoán Montes de Lugo.

Fundou en 1879 o ''Orfeón Lucense'', posteriormente chamado Orfeón Galego, co que acadou grandes éxitos dentro e fóra de Galiza interpretando obras compostas por el mesmo sobre textos de poetas galegos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, e que dirixiu até a súa morte.

En 1886 foille concedida a condecoración de Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica, distinción que recusou con humildade. No final da súa vida aínda levou a termo a organización por encomenda do bispo da Schola Cantorum do Seminario.

Faleceu na cidade de Lugo dunha hemorraxia cerebral na madrugada do 24 de xuño de 1899.[9]

Obra[editar | editar a fonte]

Entre os títulos máis importantes da súa vastísima obra religiosa pódese destacar: Oficio de Defuntos, Te Deum (para catro voces e orquestra), Misa de réquiem (a tres voces e orquestra ou órgano) ou Ofertorio-marcha sobre o himno 'Ave Maris Stella', así como varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, invitatorios, himnos e motetes.

Entre as obras profanas merecen especial mención as seis Baladas Galegas (“As lixeiras anduriñas”, “Doce sono” e “Negra sombra”, sobre textos de Rosalía de Castro, “Lonxe da terriña” e “O pensar do labrego” con letra de Aureliano J. Pereira e “Unha noite na eira do trigo” sobre o poema de Curros Enríquez) para canto e piano.

Por outro lado, Montes compuxo tamén unha Alborada galega para banda, Himnos a Calderón de la Barca e a Gutenberg, Serenata (a catro voces), O bico e Rapaciña se quixeres (muiñeiras para orfeón), Pasodobre de trompetas (para banda e orquestra), un arranxo para sexteto da Alborada, Habanera (para piano a seis mans) e o pasodobre Aires populares de Galicia, entre moitas outras pezas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os seus irmáns maiores chamábanse José (1833-1874) e Rosalía (1835-1869), mentres que a súa irmá pequena chamábase Juana (1844-1913).[3]
Referencias
  1. 1,0 1,1 Queija, Yolanda (10 de abril de 2014). "Juan Montes, el músico que da nombre al conservatorio lucense". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2019. 
  2. Calvo Rodríguez, Uxía; López Fojón, Ismael. "Barrio do romanticismo. Capela do Cementerio de San Amaro de A Coruña. Montes Capón, Xoán (Lugo 1840-1899)". laciudadgallegadelosmusicos.com. Consultado o 11 de xullo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 López Calo 1999, p. 103.
  4. "O busto de Xoán Montes, o gran músico de Lugo, pasa á Praza Maior". lugoxornal.gal. 29 de xaneiro de 2019. Consultado o 11 de xullo de 2019. 
  5. López Calo 1999, p. 103-104.
  6. Barros Guede, José (11 de abril de 2008). "Juan Montes, genial compositor y director de coros, bandas y orfeones gallegos". La Opinión (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2019. 
  7. "DOCUMENTACIÓN. El compositor de «Negra Sombra»". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de marzo de 2003. Consultado o 14 de xullo de 2019. 
  8. Corbelle, Sabela (29 de outubro de 2017). "'Negra sombra', 125 años que no son nada". El Progreso (en castelán). Consultado o 14 de xullo de 2019. 
  9. López Calo 1999, p. 116.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cañada, Silverio (ed.) Gran Enciclopedia Galega.
  • López Calo, Xosé (1999). "Juan Montes. El hombre, el músico". Cuadernos de Música Iberoamericana (en castelán) 7: 103–151. 
  • Diccionario de la música española e hispanoamericana. Sociedad cultural de autores y editores.
  • Varela de Vega, Juan Bautista. Cinco séculos de música na Catedral de Lugo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]