Jonah Lomu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jonah Lomu
Jonah Lomu cos Cardiff Blues.
Nome completoJonah Tali Lomu
Nacemento12 de maio de 1975
Lugar de nacementoAuckland
Falecemento18 de novembro de 2015
Lugar de falecementoAuckland
Causainsuficiencia renal, Síndrome nefrótica e Parada cardiorrespiratoria
NacionalidadeNova Zelandia
RelixiónCristianismo ortodoxo
Alma máterWesley College
Ocupaciónxogador de rugby
PremiosMember of the New Zealand Order of Merit
Na rede
http://www.jonahlomu.com/
Twitter: JONAHTALILOMU WikiTree: Lomu-1 Find a Grave: 155112096 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Jonah Lomu, nado o 12 de maio do ano 1975 en Auckland e finado o 18 de novembro de 2015,[1] foi un xogador neozelandés de rugby. A finais dos anos 90 foi a máxima estrela deste deporte a nivel mundial, xogando na posición de á, pero tivo que deixar a súa práctica profesional prematuramente por mor dunha grave enfermidade nos riles. No ano 2007 foi incluído no Salón da Fama do Rugby. Hoxe segue a ser o máximo anotador de ensaios da historia dos mundiais de rugby con 15 ensaios.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa familia é de orixe tongana. Na súa infancia adestraba como velocista e xogou ó rugby a 13 ata os 14 anos de idade, e logo foi fichado polo Counties Manukau RFU da NPC. Lomu foi seleccionado para representar o seu país nas categorías sub-17, sub-19 e sub-21, e destacou na selección neozelandesa de rugby a 7. Con 19 anos debutou cos All Blacks fronte a Francia.

Con só dous partidos internacionais ás súas costas, foi incluído na lista da selección do seu país para xogar no Mundial de 1995, no cal anotou sete ensaios en cinco partidos (o récord por aquel entón), catro deles na semifinal fronte a Inglaterra. Na final caeron fronte a unha dura Suráfrica por 15 a 12, pero Lomu foi a sensación daquel torneo, a pesar de ter só 20 anos.

Despois do mundial fichou polos Auckland Blues para xogar na elite do rugby no hemisferio Sur, o torneo Super 12. No ano 1996 venceu cos All Blacks na primeira edición do torneo das 3 Nacións, pero poucos meses despois descubríuselle por primeira vez que tiña un problema de saúde nun ril, e no ano 1997 non participou no 3 Nacións. No 1998 reapareceu para gañar o ouro nos Xogos da Commonwealth en rugby a 7, aínda que no 3 Nacións fixo unha pobre achega.

No 1999 Lomu ficha polos Waikato Chiefs e, como era costume nel, fixo un ano discreto no seu club pero unha achega sobresaínte coa selección. Ese ano había de novo Mundial, no cal anotou oito ensaios, e caeu el e mais os All Blacks en semifinais fronte a Francia por 43 a 31 nun dos mellores partidos de rugby da historia.

No 2000 fichou polos Wellington Hurricanes, equipo no que vai votar ata o 2003. Con este club tamén fixo uns números pobres. En 2001 foi campión do mundo de rugby a 7 co seu país, e no 2002 acadou o seu segundo 3 Nacións cos All Blacks, a pesar de que por aquel entón Jonah Lomu xa non era o mesmo e foi suplente no único partido que xogou.

Ese mesmo ano diagnosticóuselle unha síndrome nefrótica no ril que o obrigou a que fixese diálise tres veces á semana e, polo tanto, a abandonar o rugby. No 2004 recibiu un transplante de ril, e no 2005 firmou con North Harbour para disputar a NPC. Unha lesión no ombreiro fixo que nin debutase con este equipo, e no 2006 Lomu firmou con Cardiff Blues para xogar en Gales na Magners League e na Heineken Cup coa intención de facer unha boa actuación e así gañar unha praza no seguinte Super 14 no 2007 para volver á selección de rugby de Nova Zelandia e disputar con ela o mundial do 2007. Non obstante, cos Cardiff Blues non o fixo ben, chegou a ser suplente, e no 2007 ningún equipo do Super 14 lle ofreceu un contrato, co cal estaba fóra do mundial, xa que en Nova Zelandia é obrigado xogar nun equipo do Super 14 para poder ser convocado coa selección nacional.

No 2009 asinou por un equipo marsellés da 3ª división francesa (Federale 1), co que xogou sete partidos.

Jonah Lomu foi unha sensación no rugby que acababa de profesionalizarse a finais dos 90, un xogador moito máis sobresaínte coa súa selección que cos clubs nos que xogou, cunha potencia física extraordinaria, pero que tivo unha carreira marcada polas lesións. Conseguía poucos títulos importantes (dúas veces o 3 Nacións cos All Blacks), ningún deles a nivel de club, pero as súas actuacións nos mundiais de 1995 e 1999 fan que siga a ser considerado un dos mellores xogadores de rugby da historia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hytner, Mike. "Jonah Lomu, All Blacks great, dies aged 40". the Guardian. Consultado o 2015-11-18. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]