Tonga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 20°S 175°O / -20, -175

Reino de Tonga
Púe'anga Fakatu'i 'ou Tonga
Kingdom of Tonga
Bandeira de Tonga
Escudo de Tonga
BandeiraEscudo
Tonga on the globe (Polynesia centered).svg
Lema: Ko e Otua mo Tonga ko hoku tofi'a (galego; «Deus e Tonga son a miña herdanza»)
Himno: Koe Fasi Oe O teu'i Oe Otu Tonga
Capital
 Poboación
Nukuʻalofa
24 500 (2005 est.)
Cidade máis poboadaNukuʻalofa
Linguas oficiaisTongano, inglés
Forma de gobernoMonarquía constitucional
Tupou VI
Siaosi Sovaleni
Independencia do Reino Unido4 de xuño de 1970
SuperficiePosto 174º
 • Total748 km²
 • % auga4
Fronteiras0 km
Costas419 km
PoboaciónPosto 199º
 • Total (2021 est.)100 209 hab.
 • Densidade134 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
PIB (PPA)Posto 180º
 • Total (2019)655 millóns US$
 • per cápita6 496 US$ (81º)
MoedaPa'anga (TOP)
IDH (2019)0,725 (104º) – alto
XentilicioTongano, tongana[1]
Fuso horarioUTC +13
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.to
Prefixo telefónico+676
Prefixo radiofónicoA3A-A3Z
Código ISO776 / TON / TO
Membro de: Commonwealth, ONU

Tonga (/ˈtɒŋə/,[2],[3] Modelo:IPA-to[4]) nomeado oficialmente Reino de Tonga (Modelo:Lang-to), é unha monarquía no arquipélago polinesio, formado por 171 illas, das cales 45 están habitadas. A superficie total do arquipélago é duns 748 km², espallados por 700 000 km2 (270 000 sq mi) no sur do Océano Pacífico. En 2021, segundo Johnson's Tribune, Tonga tiña unha poboación de 104.494 habitantes,[5]Modelo:UN Population O 70% dos cales reside na illa principal, Tongatapu. O país esténdese aproximadamente 800 km. de norte a sur. Está rodeado por Fidxi e Wallis e Futuna (Francia) ao noroeste, Samoa ao nordés, Nova Caledonia (Francia) e Vanuatu ao oeste, Niue (o territorio estranxeiro máis próximo) ao leste, e Kermadec (Nova Zelandia) ao suroeste. Tonga está a uns 1800 km. da Illa Norte de Nova Zelandia.

Habitadas por primeira vez hai uns 2.500 anos pola civilización Lapita, os colonos polinesios de Tonga desenvolveron gradualmente unha identidade étnica distinta e forte, a lingua e a cultura como pobo tongano. Foron rápidos en establecer unha base poderosa no Pacífico Sur, e este período de expansionismo e colonización de Tonga coñécese como Imperio Tuʻi Tonga. Desde o goberno do primeiro Rei de Tonga, ʻAhoʻeitu, Tonga converteuse nunha superpotencia rexional. Foi unha talasocracia que conquistou e controlou franxas sen precedentes do Pacífico, desde partes das Illas Salomón e toda Nova Caledonia e Fidxi no oeste ata Samoa e Niue e mesmo ata partes da actual Polinesia Francesa no leste. Tuʻi Tonga fíxose coñecida pola súa influencia económica, étnica e cultural sobre o Pacífico, que se mantivo forte mesmo despois da revolución samoana do século XIII e do descubrimento das illas polos europeos en 1616.[6]

De 1900 a 1970, Tonga tivo o status de estado protexido británico. O Reino Unido ocupouse dos asuntos exteriores de Tonga baixo un Tratado de Amizade, pero Tonga nunca cedeu á súa soberanía a ningunha potencia estranxeira. En 2010, Tonga deu un paso decisivo afastándose da súa monarquía absoluta tradicional e converténdose nunha monarquía constitucional en pleno funcionamento, despois de que as reformas do lexislativo abrisen o camiño para as súas primeiras eleccións representativas parciais.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

En moitas linguas polinesias, incluíndo o tongano, a palabra tonga provén de fakatonga, que significa "cara ao sur", e o arquipélago chámase así porque é o grupo máis meridional entre os grupos de illas de Polinesia central.[7] A palabra tonga é afín á palabra hawaiana "kona", que significa "sotavento", que é a orixe do nome do Distrito de Kona en Hawai.[8]

Tonga fíxose coñecida en Occidente como as "Illas Amigas" debido á agradable acollida concedida ao Capitán James Cook na súa primeira visita en 1773. Chegou no momento do festival anual ʻinasi, que se centra na doazón das Primeiras froitas ao Tuʻi Tonga (monarca das illas), polo que recibiu unha invitación para as festas. Irónicamente, segundo o escritor William Mariner, os líderes políticos realmente querían matar a Cook durante a reunión, pero non o lograron porque non podían poñerse de acordo nun plan de acción para realizalo.[9]

Historia[editar | editar a fonte]

As illas Tonga foron colonizadas por seres humanos hai uns 3400 anos, tras a grande expansión na que os pobos do sueste asiático emigraron a través do Océano Pacífico cara ao leste e a través do Océano Índico ata Madagascar e África oriental cara ao oeste.

Estes polinesios trouxeron consigo cans, porcos, polos, cerámica, agricultura (en especial cultivo de raíces) e, obviamente, barcos. Expandíronse con rapidez polo conxunto das illas Tonga. Segundo a crenza popular, o reino de Tonga sería, de entre as illas da Polinesia, o primeiro grupo ocupado polo ser humano na Prehistoria. Máis recentemente, aínda que sempre antes da chegada dos europeos, as illas tiñan unha densidade de poboación que oscilaba entre os sesenta e os setenta e cinco habitantes por quilómetro cadrado.

En Tonga pódense atopar os restos arqueolóxicos máis antigos da Polinesia. Séculos antes de que chegasen os europeos, os tonganos edificaron enormes monumentos. Os máis importantes son o Ha'amonga (ou Trilithon) e os Langi (sepulcros en socalcos). O Ha'amonga ten cinco metros de altura e consta de tres pedras calcarias, cada unha das cales pesa máis de 40 toneladas. Os Langi son pirámides baixas e moi lisas, con dous ou tres niveis, que marcan as sepulturas dos reis primitivos.

A principios do século X establécese unha monarquía en Tongatapu, da que o actual rei dise herdeiro. No século XIII, o seu poder chegaba ata as illas Hawai.

No século XVIII, Tonga unificara todas as tribos e creara un imperio marítimo que incluía as rexións conquistadas de Fidxi. Por aquela época, o Imperio de Tonga contaba cunha poboación duns 40.000 habitantes.

Os primeiros europeos que chegaron ás illas foron os holandeses. William Schouten viu en 1616, algunhas das illas pequenas do norte, entre elas as illas Niue. Abel Tasman descubriu o 21 de xaneiro de 1643 a illa de Tongatapu (á que chamou Ámsterdan), e explorou tamén Middleburgo ('Eua) e Róterdan (Nomuka).

O inglés James Cook estivo en varias ocasións entre 1773 e 1777, dando ao arquipélago o nome de Illas dos Amigos debido á calorosa acollida que lle dispensaron.

O galego Francisco Mourelle de la Rúa, desviado da ruta tradicional do galeón de Manila a Acapulco, chegou a estas illas e 1781, moi necesitado de avituallamentos e reparacións. Na primeira illa non atopou refuxio e chamouna Amargura. En cambio, descubriu un excelente porto en Vava'u, que aínda hoxe en día se chama Port of Refuge. Chamou ao arquipélago Illas de Mayorga, en honra do vicerrei de Nova España, Martín de Mayorga, natural de Barcelona. Ao grupo Ha'apai chamouno Illas Gálvez en honra de José de Gálvez, ministro das Indias. Grazas aos seus informes a expedición científica de Bustamante e Malaspina detívose nestas illas.

En 1845, as illas uníronse formando un reino. Convertéronse en monarquía constitucional en 1875 e en 1900 estableceuse o protectorado británico. Desde 1970 é reino independente no ámbito da Mancomunidade Británica de Nacións.

Goberno e política[editar | editar a fonte]

Tonga é a última monarquía do Pacífico xunto con Samoa, que se converterá en república á morte do seu actual rei. O ata agora monarca, Taufa'ahau Tupou IV, remonta a súa árbore xenealóxica a catro xeracións de monarcas. O rei, nado o 4 de xullo de 1919, seguiu mantendo o control final do goberno ata a súa morte, malia certos problemas de saúde, problemas financeiros e a demanda popular de maior democracia. O 11 de setembro de 2006 Tupou IV falecería. O seu fillo, o príncipe Tupouto'a xurou ese mesmo día como rei, pero podería pasar un ano antes de ser coroado.

Desde o mes de febreiro de 2000 o xefe de goberno é o Primeiro ministro Lavaka Ata 'Ulukalala, un dos trinta membros da Asemblea Nacional (en tongano, Fale Alea). En 2006 o Dr. Feleti Sevele converteuse no novo primeiro ministro. O rei elixe os xuíces da Suprema Corte, e ata a creación do Partido Popular no ano 1994 no país non existían os partidos políticos. Actualmente este é o único legalizado.

Os poderes do monarca en Tonga son sensibelmente maiores do que os poderes dos monarcas ingleses. A reverencia ao xefe político é semellante a aquela que nos séculos anteriores era concedida ao xefe do culto sagrado, o Tu'i Tonga. Rexe a constitución de 1875, revisada en 1967.

Reis e raíñas de Tonga

• Xurxo Tupou I (1875—1893)

• Xurxo Tupou II (1893—1918)

• Salote Tupou III (raíña) (1918—1965)

• Taufa'ahau Tupou IV (desde 1965-2006)

Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]

Mapa de Tonga

Aínda que xeograficamente está composto por 169 illas (36 delas deshabitadas) o Reino de Tonga divídeas politicamente en tres grupos de illas:

Existe un cuarto arquipélago setentrional moi afastado, e administrado directamente desde Nukuʻalofa, capital da illa de Tongatapu:

Ademais, tamén dependen do reino de Tonga os Arrecifes Minerva, que xeograficamente están nas illas Fidxi. Son dous aneis coralinos que só son visibles con marea baixa.

A maior parte das illas son coralinas, pero hai algunhas de orixe volcánico. Lateiki (Metis Shoal) e Fonuafo'ou son dous volcáns mergullados que, desde o século XIX, emerxeron en varias ocasións.

A capital do país é Nukuʻalofa, residencia habitual do rei Taufa'ahau Tupou IV.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xeografía de Tonga.

Tonga é un arquipélago localizado directamente ao sur de Samoa. Os seus 169 illas, das cales 96 están habitadas, divídense en tres grupos principais: Mayorga, Gálvez e Ámsterdan, que forman unha liña norte-sur de 800 quilómetros de longo. Ámsterdan, a illa máis grande e que alberga a capital Nukuʻalofa, cobre 257 km². Xeoloxicamente, as illas de Tonga son de dous tipos: a maioría teñen unha base de pedra calcaria que se orixinou a partir de formacións de coral levantadas; as demais consisten en pedra calcaria sobre unha base de orixe volcánica.

O clima é basicamente subtropical cun período cálido (de decembro a abril), durante o cal a temperatura elévase por riba dos 32 °C, e un período máis fresco (de maio a novembro), no que as temperaturas non adoitan exceder os 27 °C. A temperatura elévase de 23 °C a 27 °C, e a precipitación anual varía de 1700 a 2970 mm se se viaxa desde a illa de Ámsterdan no sur cara ás illas do norte máis próximas ao Ecuador. A humidade media diaria é de 80 %.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Tonga.

Calquera habitante de Tonga maior de 16 anos pode alugar unha terra. A maior parte dos tonganos viven de modo autárquico da agricultura e da pesca no mar. Iniciouse un proxecto para crear un centro rexional de distribución de produtos petrolíferos. A moeda nacional é o pa´anga (100 seniti) e a renda per cápita é de 660 dólares. No ano 2001, 2,12 pa'anga equivalían a 1 dólar estadounidense

Entre os seus recursos naturais e medios de subsistencia, hai que destacar a noz de coco, os plátanos, as patacas, os taros (tubérculo), as casavas (sopapos de fariña), os cítricos, a vainilla e o peixe. As súas principais exportacións son a copra, o aceite de coco, a sandía e por suposto, a vainilla, os taros e os plátanos.

Demografía[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Tonga

Máis da metade dos habitantes de Tonga concéntranse na maior das illas, Ámsterdan, que conta cunha superficie de 260 km². A densidade media de poboación das illas chega aos 140 habitantes por km².

Malia que moitos tonganos trasladáronse ao único núcleo urbano que hai en todo o arquipélago, Nukuʻalofa (no que conviven o modo de vida tradicional e o europeo), a vida nos poboados e os vencellos familiares seguen sendo moi importantes na cultura tongana. A vida cotiá está moi influenciada tanto polas tradicións polinesias como polo cristianismo: por exemplo, calquera actividade comercial ou lúdica suspéndese en domingo, mentres a Constitución declara sacro o sábado.

Os tonganos, grupo de raza polinesia con algunhas achegas melanesias, constitúen o 98% da poboación. O resto está composto por europeos, mestizos europeo-tonganos e emigrantes doutras illas do Pacífico. Tamén viven algúns centenares de chineses.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os aproximadamente 110.000 habitantes destas illas falan inglés e tongano e practican a relixión protestante ou católica.

Educación[editar | editar a fonte]

A educación primaria é gratuíta e obrigatoria entre os 6 e os 14 anos. As escolas levadas por misioneiros constitúen ao redor do 83% da educación primaria e o 90% da secundaria. En canto á educación en niveis superiores, existen cursos de maxisterio, enfermaría e medicina, unha pequena universidade privada, un colexio comercial feminino e algunhas escolas agrarias privadas. O resto dos ensinos superiores deben cursarse no estranxeiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tongano.
  2. Deverson, Tony; Kennedy, Graeme, eds. (2005). "Tonga". The New Zealand Oxford Dictionary. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-558451-6. doi:10.1093/acref/9780195584516.001.0001. Consultado o 18 de febreiro de 2022. 
  3. "Tonga". Merriam-Webster.com Dictionary, Merriam-Webster. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  4. Churchward, C.M. (1985) Tongan grammar, Oxford University Press, ISBN 0-908717-05-9
  5. "Tonga Population 2021 (Demographics, Maps, Graphs)". worldpopulationreview.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2021. Consultado o 28 de outubro de 2021. 
  6. see writings of Ata of Kolovai in "O Tama a Aiga" by Morgan Tuimaleali'ifano; writings by Mahina, also coronation edition of Spasifik Magazine, "The Pacific Islands: An Encyclopedia," edited by Lal and Fortune, pp. 133–
  7. "Search | English – Tongan Translator". www.tongantranslator.com. Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-29. 
  8. Jolliffe, Lee, ed. (2010). Coffee Culture, Destinations and Tourism. Channel View Publications. p. 112. ISBN 9781845411923. 
  9. Mariner, William and Martin, John (1817). Un relato dos nativos das illas Tonga no sur do océano Pacífico: cunha gramática e un vocabulario orixinais da súa lingua. Compilado e organizado a partir das extensas comunicacións do Sr. William Mariner, residente de varios anos nesas illas, Volume 2, pp. 64–65 Arquivado 12 de abril de 2016 en Wayback Machine.. Consultado o 3 de novembro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]