Intestino
O intestino é unha víscera do aparello dixestivo, de forma tubular, que se estende desde o estómago ata o ano. Alóxase na cavidade abdominal e cumpre unha función de secreción (propia e maila procedente de glándulas anexas como o páncreas ou o fígado) e de absorción dos nutrientes contidos nos alimentos inxeridos.
Presenta formas e estruturas diferentes segundo a especie animal, pero en xeral adopta a forma dun longo tubo con numerosas curvaturas ou asas intestinais. Nos vertebrados superiores (réptiles, aves e mamíferos) divídese en dúas estruturas morfolóxica e funcionalmente diferenciadas que, á súa vez, subdivídense en segmentos ou tramos con funcións específicas:
- Intestino delgado: desde o estómago ata a válvula ileocecal.
- Intestino groso:
- cego, no que se atopa o apéndice vermiforme ou apéndice cecal
- Colon, con tres porcións: ascendente, tranverso e descendente, máis un colon sigmoide
- Recto (ou intestino cular)
Características
[editar | editar a fonte]A lonxitude e estrutura do intestino, así como as partes en que se divide e o tamaño proporcional destas, son factores moi variables segundo a complexidade evolutiva da especie animal que se considere, pero tamén segundo a raza e o individuo.
As cifras aproximadas para o home e as especies domésticas son as seguintes:
- Home: 7–8 m en total (5–7 m o intestino delgado e 1-1,5 m o intestino groso)
- Boi: 33,5–63 m en total (27–49 m e 6,5–14 m, respectivamente).
- Cabalo: 25–39 m (19–30 m e 6–9 m)
- Porco: 19,5–27 m (16–21 m e 3,5–6 m)
- Ovella e cabra: 22–43 m (18–35 m e 4–8 m)
- Can: 2–6 m (1,7-4,6 m e 0,3-1,4 m)
Como pode observarse, o intestino dos animais carnívoros é proporcionalmente máis curto có dos animais herbívoros: mentres que no can e o gato vén sendo unhas 5 veces a lonxitude corporal, nos ruminantes é 20-25 veces maior có longo do corpo.
No período embrionario, o intestino é un tubo indiferenciado que comprende tres partes: o intestino anterior (ou porción cefálica, desde a membrana bucofarínxea ata o futuro duodeno), o intestino medio (do que se formarán o íleo e o xexuno) e mailo intestino caudal (posterior, desde o que será o colon transverso ata a membrana cloacal). O intestino medio está en comunicación co saco vitelino mediante o conduto onfalomesentérico.
Aproveitamento
[editar | editar a fonte]Salvo usos locais, o intestino dos animais de abasto non ten outro aproveitamento có de servir de continente para a elaboración de embutidos. Constantino García recolleu o nome de crespóns para as “tripas debidamente preparadas para comer, es decir, lavadas y saladas”, en Crecente e Pereiramá (Castroverde) aínda que outros lexicógrafos dan este nome á graxa que rodea os intestinos.
O conxunto dos intestinos quitados dos animais de abasto recibe o nome popular de tripas e tripaxe, coas variantes de tripada, tripadela, tripallada, tripoiro ou triporio. Eladio Rodríguez recolle o nome colectivo de tripicallada para o conxunto das tripas e mailos callos; e tripicalleiro para a persoa que o vende.
O uso das tripas do porco para facer embutidos, especialmente as correspondentes ó intestino recto, deu lugar a un alto número de denominacións populares: cagadeiro, cagadoiro, cagueira, cagueiro (que funcionan tamén como adxectivo: tripa cagadeira, tripa cagueira, tripa do cagar [1]); tripa das morcillas, tripa morcilleira. Tamén se chama pedro, pedro péres e pedro pérez, nomes que pasan a designa-lo embutido que se fai con esta tripa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ No castelán, chámase tripa cagalar.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
- SCHWARZE, E.: Compendio de anatomía veterinaria. II: Sistema visceral. Acribia, Zaragoza 1970.
Universidade Johns Hopkins: Atlas de anatomía funcional. Merck, Sharp & Dohme, Edilerner Internatyional, sen data.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O aparato dixestivo Arquivado 16 de marzo de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)