Ibn Nafís
Nome orixinal | (ar) علاء الدين أبو الحسن علي بن أبي الحزم الخالدي المخزومي القَرشي الدمشقي |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1210 Damasco, Siria |
Morte | 17 de decembro de 1288 (77/78 anos) O Cairo, Exipto |
Lugar de sepultura | Rahmaniya (en) |
Relixión | Ateo |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina |
Ocupación | filósofo, médico, escritor, alfaquí |
Período de tempo | Idade do Ouro islámica |
Obra | |
Obras destacables | |
Alá-ad-Din Abu-l-Alá Alí ibn Abi-l-Háram al-Quraishí ad-Dimaishqí, máis coñecido como Ibn Nafís ou Ibn an-Nafís (en árabe علاء الدين أبو الحسن عليّ بن أبي حزم القرشي الدمشقي e tamén ابن النفيس) foi un médico e erudito árabe do século XIII.
Vida
[editar | editar a fonte]Ibn Nafís naceu entre 1210 e 1213, segundo as distintas referencias, en Damasco, onde estudou medicina, filosofía, xurisprudencia, teoloxía e literatura.
Na súa cidade natal anos máis tarde exerceu como médico no Hospital Al-Nouri. En 1236 emigrou a Exipto, onde traballou nos hospitais de Al-Nassri e de Al-Mansouri, nos que exerceu de xefe médico. Pola súa fama foi nomeado médico persoal do sultán. No Cairo escribiu a maioría das súas obras en diversos campos da ciencia e a cultura.
Tras a súa morte, en 1288, a súa casa, a súa biblioteca e a súa clínica pasaron ao hospital Mansouri.
Achegas á medicina: o descubrimento da circulación pulmonar
[editar | editar a fonte]A súa contribución máis relevante foi o descubrimento da circulación pulmonar do sangue no sistema cardiovascular.
En 1924, o médico exipcio Dr. Muhyo Al-Deen Altawi descubriu un escrito titulado Comentario da Anatomía do Qanum de Avicena na Biblioteca Estatal Prusiana de Berlín, mentres estudaba a historia da medicina árabe na universidade Albert Ludwig, en Alemaña.
O texto versa sobre anatomía, patoloxía e fisioloxía, e inclúe a primeira descrición da circulación pulmonar.[1].
A teoría aceptada até a chegada de Ibn Nafís fundamentábase nas hipóteses de Galeno, do século II a.C.
Galeno especulou que o sangue que chegaba á parte dereita do corazón atravesaba o tabique (septo) cardíaco a través de poros invisíbeis para acabar na parte esquerda, onde finalmente se mesturaba co aire e se creaba o espírito vital que ulteriormente se distribuiría por todo o corpo. Segundo a visión de Galeno, o sistema venoso separábase dosistema arterial excepto nos poros invisibles localizados no tabique que divide o corazón en dúas metades (dereita e esquerda).
A pesar das súas orixinais observacións, o descubrimento adoita atribuírse ao aragonés Miguel Servet, ao inglés William Harvey, ou a ambos os dous.
Baseándose en dito coñecemento anatómico, Ibn Nafís escribiu o que segue:
"... O sangue da cámara dereita do corazón debe chegar á cámara esquerda, pero non hai unha vía directa entre ambas as cámaras. O goeso septo cardíaco non está perforado e non ten poros visíbeis como algunha xente pensa nin invisíbeis como pensaba Galeno. O sangue da cámara dereita flúe a través da vea arteriosa (arteria pulmonar) até os pulmóns, onde se distribúe a través do seu parénquima, se mestura co aire, pasa á arteria venosa (vea pulmonar) e alcanza a cámara esquerda do corazón e alí forma o espírito vital..."
Noutra parte do libro escribiu o seguinte:
"O corazón só ten dous ventrículos... e entre estes non hai absolutamente ningunha abertura. A disección demostra a falsidade do que dixeron, xa que o septo entre estas dúas cavidades é de feito máis groso nesta parte que en ningunha outra. A función deste sangue (que está na cavidade dereita) á ascender aos pulmóns, mesturarse co aire dos pulmóns, e despois pasar á cavidade esquerda a través da arteria venosa..."
Na súa descrición dos pulmóns, Ibn Nafis deixou escrito:
"Os pulmóns compóñense de partes, unha das cales son os bronquios; a segunda, as ramas da arteria venosa; e a terceira, as ramas da vea arteriosa, estando todas elas conectadas por un parénquima laxo e poroso."
Así mesmo engadiu:
"... os pulmóns necesitan a vea arteriosa polo transporte que esta realiza do sangue que foi diluído e quentado no corazón, así que o que rezuma a través dos poros das ramas deste vaso nos alvéolos dos pulmóns mesturaríase co que hai neles de aire e se combinarían con el, dando como resultado algo parecido ao espírito vital, cando esta mestura ten lugar na cavidade esquerda do corazón. A arteria venosa transporta esta mestura á cavidade esquerda."
Ibn Nafís postulou que o oxíxeno e os nutrientes para o corazón se extraían das arterias coronarias:
"...de novo o seu argumento (de Avicena) de que o sangue que está na parte dereita é para nutrir o corazón non é totalmente certa, xa que o corazón se nutre a partir do sangue que pasa polos vasos que penetran no corpo do corazón..."
Idea que posteriormente sería reformulada por Miguel Servet e William Harvey.
En consonancia co anterior, publicou unha nova idea do pulso arterial que contradicía as teorías de Galeno comunmente aceptadas.
Ibn Nafís defendeu e practicou autopsia e a disección de cadáveres como métodos para aprender anatomía (onde fixo correccións importante ás obras clásicas, especialmente no esófago, as arterias máis importantes e os nervios).
Deixou escritas recomendacións sobre os bos hábitos alimentarios nunha obra sobre a dieta saudábel (incluíndo críticas á embriaguez como forma de medicación ou evasión, un feito común na súa época) e tamén fixo achegas menores á oftalmoloxía e á uroloxía ou ás técnicas cirúrxicas, recomendado un coidadoso tratamento postoperatorio para previr infeccións.
Outra obra súa pódese considerar un precedente do ecoloxismo, na que denuncia a contaminación do contorno.
Achegas á filosofía
[editar | editar a fonte]Ibn Nafís intentaba nos seus escritos conxugar a fe e a razón, xa que afirmaba que non existía ningunha diferenza entre filosofía e teoloxía. Declarábase seguidor do shafi'ismo e afirmou que as derrotas nas cruzadas e a invasión mongol eran castigos divinos por térense afastado da lei. Moitos dos seus escritos divulgadores tiñan como obxectivo salvar o saber acumulado en zonas árabes conquistadas por outros pobos (especialmente despois da invasión de Bagdad).
Examinou a transmisión de determinados hadiths, para tratar de expurgar del os cambios froito da oralidade, para facer ver que cando unha lei tradicional parecía incoherente, era por adicións ou supresións humanas ao longo dos séculos. Estes hadiths clasificounos segundo as categorías da lóxica.
Consideraba que cando o seme masculino se mesturaba cos fluídos femininos se formaba unha substancia á cal Deus lle outorgaba unha alma (humana ou animal), que posteriormente se desenvolvía nun embrión. Esta alma é diferente do espírito ou parte inmaterial da persoa, xa que a alma contén a esencia e o espírito a personalidade. A alma, por tanto, non se pode relacionar con ningún órgano concreto, senón coa totalidade do corpo, a diferenza do que ensinaba Aristóteles. As percepcións e as facultades da cognición depenen do cerebro e non do corazón, como afirmaban os filósofos antigos.
Ibn Nafís escribiu unha obra moral, considerada como unha Bildungsroman, onde un mozo crece nunha illa deserta e posteriormente é rescatado. En contacto coa civilización reflexiona sobre as diferenzas entre os dous mundos, incluíndo elementos de ciencia ficción. A novela fala da fin do mundo intentando unir explicacións científicas e relixiosas. O obxectivo declarado da obra é facer ver que as verdades reveladas do islam son evidentes para a razón humana, encarnada no mozo salvaxe, de aí o seu título (en latín): Theologus Autodidactus.
Obra
[editar | editar a fonte]- A súa obra máis voluminosa foi Al-Shamil fi al-Tibb, unha enciclopedia que pretendía alcanzar os 300 volumes pero que quedou incompleta á súa morte. O manuscrito consérvase na cidade de Damasco.
- Tamén tratou a oftalmoloxía na obra Al Muhadhab Fi Al Kouhl Al Mujarrab.
- Así mesmo, as leis, en Mujaz al-Qanun ou O sumario de leis.
- E a dietética: Kitab al-Mukhtar fi al-Aghdhiya.
- Non só comentou a obra de Avicena, tamén a de Hipócrates: Shareh Fusul Boukrat (Comentarios sobre os Aforismos), Shareh epidemia Boukrat (Comentarios sobre as Epidemias).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Trátase dos seus comentarios á obra de Avicena e de Hipócrates, un proxecto de 300 volumes inacabado pola súa morte, do cal escribiu 80.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- Bayon, H. P. (1941): "Significance of the demonstration of the Harveyan circulation by experimental tests". Isis 33, 443-453.