Heloderma suspectum
Heloderma suspectum | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Heloderma suspectum Cope, 1869 |
Heloderma suspectum, xeralmente coñecido como monstro do Xila ou de Xila (polo río Xila ou Gila), é unha especie de réptil varanoideo velenoso nativo do suroeste dos Estados Unidos e o noroeste do estado mexicano de Sonora. Trátase dun réptil con aspecto de pesado lagarto de lentos movementos de ata case 60 cm de longo, que é un dos dous únicos lagartos velenosos nativos de Norteamérica (o outro é a especie mexicana do mesmo xénero Heloderma horridum).[2] Aínda que é velenoso, a súa natureza lenta e pouco activa fai que supoña un escaso perigo para os humanos. Porén, adquiriu unha sona de temible e ás veces mátano malia estar protexido pola lei estatal en Arizona.[1][3]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome "Xila" fai referencia á cunca do río Xila (Gila) que discorre nos Estados Unidos polos estados de Novo México e Arizona, onde antes este animal era moi abondoso.[4] Heloderma significa "pel chatolada", do antigo grego helos (ἧλος), 'cabeza de cravo ou chatola', e derma (δέρμα), 'pel'. Suspectum, 'sospeitoso' en latín, púxollo o seu descubridor o paleontólogo Edward Drinker Cope, porque sospeitaba que esta animal podería ser velenoso debido ás canles dos seus dentes.[5]
Descrición e taxonomía
[editar | editar a fonte]Esta especie é o lagarto nativo existente máis grande de Norteamérica despois dalgunhas iguanas (por exemplo, a iguana verde), e do extremo do fociño ao ano mide de 26 a 36 cm. A cola é un 20% do tamaño total do corpo e os espécimes máis grandes poden chegar a uns 51 a 56 de lonxitude total. A masa corporal está normalmente entre 350 e 700 g, e nunha medición de 11 machos pesaban unha media de 468 g. Os espécimes máis pesados e grandes dos que se informou chegaban aos 2 300 g.[6][7][8]
H. suspectum ten un parente próximo vivo, que é H. horridum, e moitos parentes extintos da familia Helodermatidae, cuxa historia evolutiva remóntase ao Cretáceo. O xénero Heloderma existe desde o Mioceno, cando vivía H. texana, e encontráronse depósitos de fragmentos de osteodermos do monstro do Xila do Plistoceno tardío (hai 10 000–8 000 anos) preto de Las Vegas, Nevada. Como os helodermátidos permaneceron case sen cambiar morfoloxicacmente, ás veces considéranse fósiles viventes.[5] Aínda que o monstro do Xila parece estar estreitamente emparentado cos lagartos monitor (varánidos) de África, Asia e Australia, a súa distante separación xeográfica e as súas características únicas, que non se encontran nos varánidos, indican que é mellor clasificalo nunha familia distinta, a dos holodermátidos.[9]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Vive no suroeste dos Estados Unidos e norte de México, nunha área que abrangue Sonora, Arizona, partes de California, Nevada, Utah e Novo México (potencialmente tamén en Baixa California). Habita en áreas de mato, desertos de plantas suculentas, e bosques de carballos, onde procura abrigarse en tobeiras, matogueiras e baixo rochas en sitios con fácil acceso á humidade.[10] De feito, parece gustarlles a auga e mergúllanse nas pozas de auga formadas despois das tormentas de verán.[11] Evitan vivir en áreas abertas como chairas e terras de labor.[12]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Pasan a maior parte do tempo baixo terra en tobeiras ou refuxios rochosos. Están activos pola mañá durante a estación seca (primavera e principio do verán); posteriormente no verán, poden ser activos nas noites cálidas ou despois dunha tormenta eléctrica. Manteñen unha temperatura corporal de 30 °C.[13] Son lentos correndo, pero teñen unha resistencia e capcidade aeróbica máxima grandes (VO2 max) para un lagarto.[14] Son depredados por coiotes e aves rapaces.
Dieta
[editar | editar a fonte]Aliméntase de pequenos paxaros, mamíferos, ras, lagartos, insectos, e prea.[15] Os seus alimentos máis comúns son ovos de paxaros e réptiles, e só ten que comer poucas veces ao ano na natureza (de 5 a 10 veces ao ano),[16] pero as veces que se alimenta pode comer o equivalente a un terzo da súa masa corporal.[6] Usa o seu extremadamente agudo sentido do olfacto para localizar presas, especialmente ovos. O seu olfacto é tan sensible que pode localizar e desenterrar ovos de galiña enterrados a 15 cm de profundidade e pode seguir perfectamente o traxecto que seguiu un ovo rodante.[9]
Pode esmagar as presas ata que morren se son grandes ou trágaas vivas se son pequenas, empezando pola cabeza e axudándose de contraccións musculares e flexións do pescozo. Despois de que tragou a comida, reinicia inmediatamente o seu comportamento de busca de máis comida sacando e metendo rapidamente a lingua, probablemente como resultado dunha historia de encontrar varias presas agrupadas como adoitan estar os ovos ou a rolada de pitos dun niño.[13] Teñen a capacidade de trepar ás árbores e cactos na procura de ovos.[17]
Veleno
[editar | editar a fonte]Producen veleno en glándulas salivares modificadas da súa mandíbula inferior, o que os diferenza das serpes, cuxo veleno se produce na mandíbula superior.[15] Non obstante, carecen de musculatura para inxectar a presión o veleno, xa que este é impulsado desde a glándula ao dente cando o animal morde, e debido a unha acción capilar leva o veleno desde o dente á súa vítima.[5] Os dentes están feblemente fixados á mandíbula, polo que se lle rompen e desprenden ao longo da vida e son substituídos por outros. Observouse que se dan a volta cando están mordendo a súa vítima, presumiblemente para axudar a que o fluxo de veleno pase máis facilmente á ferida. Como as súas presas consisten principalmente en ovos, pequenos animais e outras presas bastante "indefensas", o veleno deste réptil crese que evolucionou para a súa defensa máis que para usalo na caza. Un uso defensivo explicaría tamén a brillante coloración de advertencia que ten este animal.[9]
Toxicidade
[editar | editar a fonte]Aínda que o seu veleno é unha neurotoxina tan tóxica coma a da serpe coral, H. suspectum produce só pequenas cantidades.[12] A súa mordedura non é mortal para un adulto humano con boa saúde.[18] Non hai informes de falecementos confirmados desde 1939 e os informes anteriores non sempre son exactos. Poden morder bastante rapidamente (especialmente movendo a súa cabeza a un lado) e manter a súa dolorosa trabada moito tempo tenazmente.[13] Se unha vítima sofre unha mordedura pode ter que mergullar totalmente ao lagarto atacante en auga para liberarse da trabada. Síntomas da mordedura son dor moi intensa, edema e debilidade asociada cunha rápida baixada da presión sanguínea.
Illáronse do veleno de H. suspectum máis dunha ducia de péptidos e outras substancias, incluíndo a hialuronidase, serotonina, fosfolipase A2 e varias glicoproteínas do tipo da calicreína responsables da dor e o edema causdos pola mordedura. Illáronse catro toxinas potencialmente letais do seu veleno, entre as que está o veleno horridum,que causa hemorraxias en órganos internos e exoftalmos (avultamento dos ollos),[19] e helotermina, que causa atonía, parálise parcial das extremidades e hipotermia en ratas. A maioría son similares en forma ao péptido intestinal vasoactivo (VIP), que relaxa o músculo liso e regula a absorción de auga e as secrecións de electrólitos nos intestinos delgado e groso. Estes péptidos bioactivos son capaces de unirse aos receptores do VIP en moitos tecidos humanos. Un deles, a helodermina, viuse que inhibe o crecemento do cancro de pulmón.[5][20][21]
Os constituíntes do seu veleno que recibiron máis atención dos investigadores son, precisamente, os péptidos bioactivos, como a helodermina, helospectina, exendina-3 e exendina-4.[22] A exendina-4 converteuse na base dun tipo de medicamentos para tratar a diabetes tipo 2, coñecidos como agonistas do péptido-1 similares ao glicagón. A exenatida foi o primeiro produto desta clase que chegou ao mercado en 2005.
Investigación de fármacos
[editar | editar a fonte]En 2005, a Food and Drug Administration (FDA) dos Estados Unidos aprobou o fármaco exenatida (exenatide) (comercializada como Byetta) para o tratamento da diabetes de tipo 2. É unha versión sintética dunha proteína, a exendina-4, derivada da saliva do H. suspectum.[23] Nun estudo que durou tres anos de pacientes de diabetes de tipo 2, a exenatida orixinou niveis saudables sostidos de glicosa e unha progresiva perda de peso. A efectividade débese a que a proteína deste animal é idéntica en aproximadamente un 50% ao análogo do péptido 1 similar ao glicagón (GLP-1), unha hormona liberada polo tracto dixestivo humano que axuda a regular a insulina e o glicagón. A proteína do animal mantén a súa efectividade moito máis tempo que a hormona humana, o que axuda aos diabéticos a manter os seus niveis de azucre sanguíneos baixo control. A exenatida fai máis lento o baleiramento do estómago e causa unha diminución do apetito, contribuíndo á perda de peso.[24] A saliva de H. suspectum contén moitos compostos químicos que poden ser mortais. Un deles viuse que afecta á memoria. Varias compañías estiveron investigando as capacidades deste composto para axudar en casos de perda de memoria debida a varias doenzas como o alzhéimer, esquizofrenia e trastorno por déficit de atención con hiperactividade. A xilatida (gilatide), derivada da exendina-4, tamén aumenta moito a memoria segundo un estudo feito en ratos, e probablemente será estudada nun futuro como posible tratamento do alzhéimer.
Vida e comportamento
[editar | editar a fonte]H. suspectum sae da hibernación en xaneiro ou febreiro e aparéase en maio e xuño.[15] O macho inicia o cortexo rastreando os cheiros da femia coa súa lingua. Se a encontra e a femia rexeita os seus avances, ela mórdeo e vaise. Cando o apareamento é exitoso, a copulación dura de 15 minutos a dúas horas e media. A femia pon ovos en xullo ou agosto, enterrándoos na area a uns 13 cm de profundidade. A deitada de ovos consta de 12 ovos; a media son 5.[10] A incubación dura nove meses, xa que as crías saen de abril a xuño do seguinte ano.[25] As crías saídas do ovo teñen unha lonxitude duns 16 cm e poden morder e inxectar veleno desde o primeiro momento. Os individuos xuvenís normalmente teñen bandas máis grandes de escamas rosas que os adultos, aínda que o monstro do Xila bandeado (H. s. cinctum) ten unha tendencia a conservar ese patrón de bandas. H. suspectum madura sexualmente entre os tres e cinco anos de idade. Despois de poñer os ovos, os adultos pasan gradualmente menos tempo sobre a superficie para evitar a parte máis cálida do verán (aínda que poden ser activos ao serán), e finalmente empezan a súa hibernación contra novembro.[9]
Sábese pouco sobre o comportamento social de H. suspectum, pero observouse que realizan combates entre machos, nos cales o macho dominante sobe enriba do subordinado e suxéitao coas catro patas. Ambos os animais arquean o corpo, empurándose e retorcéndose nun esforzo por colocarse unha posición dominante. Este combate de loita libre finaliza cando a presión exercida os forza a separarse, aínda que os combates poden repetirse unha e outra vez. Os combates ocorren normalmente antes da estación de apareamento. Os que son máis fortes e resistentes crese que gañan máis a miúdo e teñen un éxito reprodutor maior.[26] Aínda que estes réptiles teñen un baixo metabolismo e unha das menores velocidades en carreira rápida, teñen un dos valores maiores de alcance aeróbico (aerobic scope, o incremento no consumo do oxíxeno desde o repouso ao esforzo metabólico máximo) entre os lagartos, o que lles permite realizar unha actividade aeróbica intensa durante un período de tempo sostido. Os machos teñen alcances aeróbicos máis altos que as femias, probablemente porque a selección sexual para un trazo xenético vantaxoso en combate prolongado.[14] H. suspectum poden vivir 20 anos na natureza e 30 en catividade.[27]
Status de conservación
[editar | editar a fonte]O aumento das zonas urbanizadas e a destrución do hábitat afectaron adversamente ás poboacións desta especie. En 1952 converteuse no primeiro animal velenoso ao que se lle deu protección legal nos Estados Unidos.[11][28][29] A especie está na lista da IUCN como case ameazada.[1] En 1963, o zoo de San Diego foi o primeiro zoo en conseguir que se reproducisen en catividade os monstros do Xila.[27]
Relacións cos humanos
[editar | editar a fonte]Aínda que H. suspectum é velenoso, os seus lentos movementos fan que teña un escaso perigo para os humanos. Porén, gañou unha reputación de ser temible e a miúdo as persoas mátano por medo. Entre as tribos indias nativas de América, este animal ten unha sona mixta. Os apaches crían que o seu alento podería matar un home, e os tohono O'odham e o pobo pima crían que posuía un poder espiritual que podía causar enfermidades. En contraste, o pobo seri e o yaqui crían que a pel deste animal tiña propiedades curativas.[12]
O mostro do Xila apareceu en películas como The Giant Gila Monster[30], The Treasure of the Sierra Madre e Rango.[31].
No Vello Oeste americano os pioneiros crían en varios mitos sobre o monstro de Xila, como que o lagarto tiña alento fétido ou tóxico e que a súa mordedura era mortal.[18]
No século XIX un dos primeiros en estudar cientificamente os efectos reais do veleno, moi esaxerados naquela época, foi o Dr. George Goodfellow de Tombstone, que publicou artigos en Scientific American e o Southern California Practitioner.[32], e mesmo fixo que un monstro o mordese para estudar en si mesmo os efectos.[18]
Galería
[editar | editar a fonte]-
-
Monstro do Xila de Arizona.
-
Ilustración en Animaux venimeux et venins, 1922
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "2007 IUCN Red List – Search". Iucnredlist.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2008. Consultado o 2008-09-19.
- ↑ Fry, Bryan G.; et al. (February 2006). "Early evolution of the venom system in lizards and snakes". Nature 439 (7076): 584–588. PMID 16292255. doi:10.1038/nature04328. Consultado o 2008-05-14.
- ↑ Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Heloderma suspectum' (TSN 174113)" (en inglés).
- ↑ "Online Etymology Dictionary". Consultado o 2008-06-10.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 King, Ruth Allen; Pianka, Eric R.; King, Dennis (2004). Varanoid Lizards of the World. Bloomington: Indiana University Press. ISBN 0-253-34366-6.
- ↑ 6,0 6,1 Christel CM, DeNardo DF, Secor SM (October 2007). "Metabolic and digestive response to food ingestion in a binge-feeding lizard, the Gila monster (Heloderma suspectum)". Journal of Experimental Biology 210: 3430–9. PMID 17872997. doi:10.1242/jeb.004820.
- ↑ Davis, Jon R.; DeNardo, Dale F. (2010). "Seasonal patterns of body condition, hydration state, and activity of Gila monsters (Heloderma suspectum) at a Sonoran Desert site". Journal of Herpetology 44 (1): 83–93. doi:10.1670/08-263.1.
- ↑ Beck, D. D. (2005). Biology of Gila monsters and beaded lizards (Vol. 9). University of California Press.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Mattison, Chris (1998). Lizards of the World. London: Blandford. ISBN 0-7137-2357-2.
- ↑ 10,0 10,1 Stebbins, Robert (2003). Western Reptiles and Amphibians. Nova York: Houghton Mifflin. pp. 338–339, 537. ISBN 0-395-98272-3.
- ↑ 11,0 11,1 Endangered Wildlife and Plants of the World. London: Marshall Cavendish. 2001. pp. 629–630. ISBN 0-7614-7199-5.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 "Gila Monster Fact Sheet". National Zoological Park. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2008. Consultado o 2008-06-06.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Greene, Harry L.; Pianka, Eric R.; Vitt, Laurie J. (2003). Lizards: Windows to the Evolution of Diversity. Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-23401-4.
- ↑ 14,0 14,1 Beck, D. D.; M. R. Dohm; T. Garland, Jr.; A. Ramirez-Bautista; C. H. Lowe (1985). "Locomotor performance and activity energetics of helodermatid lizards". Copeia 1995 (3): 577–585. doi:10.2307/1446755.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Wilson, Don W.; Burnie, David (2001). Animal. London: DK. pp. 419. ISBN 0-7894-7764-5.
- ↑ "Meet Our Animals: Gila monster". Philadelphia Zoo. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2008. Consultado o 2008-09-20.
- ↑ Netherton, John; Badger, David P. (2002). Lizards: A Natural History of Some Uncommon Creatures, Extraordinary Chameleons, Iguanas, Geckos, and More. Stillwater, MN: Voyageur Press. ISBN 0-7603-2579-0.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Lapidus, Richard (3 de xuño de 2011). "The Gila Monster Had a Killer Reputation". Wild West Magazine. Consultado o 10 de marszo de 2013.
Aínda que a mordedura do monstro do Xila é extremadamente dolorosa, ningunha tivo como resultado unha morte verificable dunha persoa sa.
- ↑ POISINDEX(R) TOXICOLOGIC MANAGEMENTS: Topic: GILA MONSTER (HELODERMA SUSPECTUM)
- ↑ Maruno K, Said SI (1993). "Small-cell lung carcinoma: inhibition of proliferation by vasoactive intestinal peptide and helodermin and enhancement of inhibition by anti-bombesin antibody". Life Sciences 52 (24): PL267–71. PMID 8389407. doi:10.1016/0024-3205(93)90640-O.
- ↑ Clarke, Toni. "Gila Monster Spit May Yield Alzheimer's Drug". Consultado o 2011-05-29.
- ↑ Aird SD (June 2008). "Nucleoside composition of Heloderma venoms". Comp. Biochem. Physiol. B, Biochem. Mol. Biol. 150 (2): 183–6. PMID 18430599. doi:10.1016/j.cbpb.2008.02.012.
- ↑ Bond, Aaron (July 2006). "Exenatide (Byetta) as a novel treatment option for type 2 diabetes mellitus". Baylor University Medical Center Proceedings 19 (3): 281–4. PMC 1484540. PMID 17252050.
- ↑ "Drug Derived From Gila Monster Saliva Helps Diabetics Control Glucose, Lose Weight". Science Daily. 2007-07-12.
- ↑ Seward, Mark (2002). Dr. Mark Seward's Gila monster Propagation: How To Breed Gila monsters in Captivity. Natural Selections Publishing. p. 80. ISBN 0-9701395-0-0.
- ↑ Beck, D.D. (1990). "Ecology and behavior of the Gila monster in southwestern Utah". Journal of Herpetology (Society for the Study of Amphibians and Reptiles) 24 (1): 54–68. JSTOR 1564290. doi:10.2307/1564290.
- ↑ 27,0 27,1 "San Diego Zoo's Animal Bytes: Gila Monster". San Diego Zoo. Consultado o 2008-05-19.
- ↑ "Gila Monster – Heloderma suspectum". Sedgwick County Zoo. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2008. Consultado o 2008-06-09.
- ↑ Brennan, Thomas C. "Reptiles of Arizona – Gila Monster (Heloderma suspectum)". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2009. Consultado o 2008-06-10.
- ↑ "Gila Monsters And Beaded Lizards". Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2016. Consultado o 02 de decembro de 2016.
- ↑ Coyle, Jake (March 4, 2011). "Movie review: 'Rango'". Associated Press via NorthJersey.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2012. Consultado o 02 de decembro de 2016.
- ↑ Allen, Paul L. (June 2, 1999). "1800s doc helped get the lead out". Tucson Citizen. Tucson (Arizona). Arquivado dende o orixinal o 12/04/2013. Consultado o 9 March 2013.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Heloderma suspectum |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Heloderma suspectum |
- Beck, Daniel D. (2005). Biology of Gila Monsters and Beaded Lizards. Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-24357-9.
- Bogert, Charles M.; Rafael Martin del Campo (1956). The Gila Monster and its allies: the relationships, habits, and behavior of the lizards of the Family Helodermatidae. Nova York: Bull. Amer. Mus. Natur. Hist. 109:1–238. p. 238. Online .pdf
- Capula, Massimo; Behler (1989). Simon & Schuster's Guide to Reptiles and Amphibians of the World. Nova York: Simon & Schuster. ISBN 0-671-69098-1.
- Carmony, Neil B.; Brown, David (1991). Gila Monster: Facts and Folklore of America's Aztec Lizard. Silver City, NM: High-Lonesome Books. ISBN 0-944383-18-1.
- Cogger, Harold; Zweifel, Richard (1992). Reptiles & Amphibians. Sydney, Australia: Weldon Owen. ISBN 0-8317-2786-1.
- Ditmars, Raymond L (1933). Reptiles of the World: The Crocodilians, Lizards, Snakes, Turtles and Tortoises of the Eastern and Western Hemispheres. Nova York: Macmillan. pp. 321.
- Freiberg, Dr. Marcos; Walls, Jerry (1984). The World of Venomous Animals. Nova Jersey: TFH Publications. ISBN 0-87666-567-9.
- Roever, J. M.; Hiser, Iona Seibert (1972). The Gila Monster. Austin, Tex: Steck-Vaughn Co. ISBN 0-8114-7739-8.