Heikki Suolahti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Artigos de calidade
Este artigo é actualmente un candidato a artigo de calidade. Un artigo de calidade debe servir como demostración dos mellores traballos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Heikki Suolahti
Heikki Suolahti.jpg
Nacemento2 de febreiro de 1920
 Finlandia Helsinqui, Finlandia
Falecemento27 de decembro de 1936 (16 anos)
 Finlandia Helsinqui, Finlandia
CausaApendicite
NacionalidadeFinlandia
Instrumento(s)Piano e órgano
Composicións destacadasSinfonia piccola
editar datos en Wikidata ]

Heikki Theodor Suolahti, nado o 2 de febreiro de 1920 en Helsinqui (Finlandia) e finado na mesma cidade o 27 de decembro de 1936, foi un compositor finlandés, considerado un dos grandes talentos da historia da música do seu país. Nado nunha familia cultural da capital finlandesa, Suolahti formouse musicalmente na súa cidade natal e realizou viaxes por Europa. A pesar de que era un compositor practicamente autodidacta, a calidade da súa obra chamou a atención de Jean Sibelius.

Debido á súa prematura morte, Suolahti non puido presenciar a estrea de ningunha das súas composicións e a súa obra non é moi extensa. Con todo, puido finalizar a Sinfonia piccola, a súa obra máis coñecida, e bosquexara unha nova sinfonía e unha ópera no momento da súa morte. As súas composicións, encadradas dentro do romanticismo, están influenciadas pola música de Richard Wagner, de quen era admirador.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes familiares[editar | editar a fonte]

Heikki Suolahti naceu no seo dunha familia cultural musical en Helsinqui o 2 de febreiro de 1920. Foi o cuarto e último fillo do maior xeneral de Medicina e político Eino Suolahti e da violinista Anna Forsell, que tiveron ademais unha filla, Elli, e dous varóns máis, Lauri e Eino.[1][2] Por parte da nai, estaba unido aos descendentes de Erik Stenroth; a súa bisavoa era Ulrika Lovisa Stenroth, mentres que o seu pai pertencía a unha antiga familia finlandesa, os Palander, da que moitos dos seus membros acadaron renome no ámbito académico.[a][4][3]

As raíces musicais de Suolahti proveñen da familia da nai; de feito, a súa tía Elli Forsell-Rozental fora unha coñecida cantante de ópera, e a súa nai, logo de formarse na Helsingin musiikkiopisto (actualmente Sibelius- Akatemia) marchou dous anos a Múnic para continuar a súa formación. De volta no seu país, gañou unha praza como violinista na Helsingin kaupunginorkesteri, posto que tería que abandonar a causa dunha lesión.[4]

Músico precoz[editar | editar a fonte]

Arvo Laitinen foi un dos mentores de Heikki Suolahti no Conservatorio de Helsinqui.

O seu fogar proporcionoulle a Erkki Suolahti unha contorna favorable tanto dende o punto de vista espiritual como dende o económico para desenvolver o seu interese pola música, e amosou as súas aptitudes musicais a unha idade moi temperá, dicíndose mesmo que aprendeu a cantar antes que a falar. Súa nai animouno a involucrarse na música, e todos os estímulos musicais dispoñibles estiveron á súa disposición, dende a asistencia a concertos e óperas que se celebraban en Helsinqui, así como aos seus ensaios, seráns de música de cámara na casa familiar, unha gran colección de partituras na casa, ou a realización de viaxes de estudos por Europa, entre as que se inclúen dúas viaxes a Alemaña.[4][5][6] Suolahti de feito aprendeu a ler música seguindo as partituras dos cuartetos que se tocaban neses seráns.[5]

Sendo neno era un líder entre os seus compañeiros e foi membro dos Boy Scouts, ademais de participar en representacións teatrais e dirixir unha pequena orquestra integrada por amigos seus. O seu interese polo teatro e a música, en especial a de Richard Wagner, facía presaxiar en Suolahti un futuro como compositor de ópera[5]

Suolahti estudou na Helsingin Suomalainen Yhteiskoulu (Escola Mixta Finlandesa de Helsinqui) ata 1936, e comezou a súa formación musical na Escola de Música de Helsinqui aos nove anos, estudando piano con Ines Durchmall. Tamén estudou piano, órgano e teoría musical no Conservatorio de Helsinqui con Arvo Laitinen.[7][4][b]

Se ben os seus progresos co piano foron destacados, o seu interese axiña se dirixiu cara á teoría musical, e aínda que non recibiu leccións de composición por parte de Laitinen, este si que o aconsellou nesta vía.[4] O seu interese pola análise e a lectura de partituras, xunto coa súa admiración pola obra de Wagner, levárono a estudar as súas óperas e a memorizar todos os temas principais da tetraloxía Der Ring des Nibelungen.[4][5]

Entre os dez e os once anos realizou os seus primeiros bosquexos de composicións, e aos doce compuxo o seu primeiro poema sinfónico, Hades, escrito para grande orquestra sinfónica. Con todo, o seu maior proxecto dos seus primeiros anos foi Pärttylin yö, unha ópera en tres actos para a que el mesmo escribiu o libreto, pero que deixaría abandonada.[4]

En 1935 realizou unha viaje a Bayreuth; con todo, nese intre non había programada ningunha representación, polo que os seus pais prometéronlle unha viaxe para asistir ao festival cando se graduase, o que debía ocorrer en 1937. Nesta viaxe a terras alemás, aínda así, puido asistir ao Festival Lohengrin en Colonia.[5]

Morte[editar | editar a fonte]

Suolahti morreu o 27 de decembro de 1936 por complicacións causadas pola inflamación do apéndice.[9] A súa prematura morte impediu que puidese gozar da viaxe ao Festival de Bayreuth no verán de 1937 que lle prometeran seus pais como agasallo de estudante.[4] O seu funeral tivo lugar o 2 de xaneiro de 1937, converténdose tamén no evento da estrea de algunhas das súas composicións, ao interpretar Gertrude Wichman o seu Agnus Dei,[c] e varios membros da Helsingin kaupunginorkesteri interpretaron un movemento do seu cuarteto en sol menor.[5]

Obra[editar | editar a fonte]

Características e influencias[editar | editar a fonte]

A obra de Heikki Suolahti é descrita como romántica, reflectindo tamén un optimismo xuvenil.[6] Se ben debido á súa prematura morte non é moi extensa e ningunha das súas composicións foron escoitadas en público antes da súa morte, a calidade da súa obra exemplifícase coa admiración que expresou Jean Sibelius pola súa música logo de ter escoitado a súa única sinfonía completa,[10] remitíndolle unha carta á súa nai datada o 12 de marzo de 1938 na que dicía:[7]

A obra causou unha fonda impresión en min, nela hai tanto natureza como corazón. O certo é que Finlandia en Heikki Suolahti perdeu as súas maiores habilidades musicais.

Os grandes desafíos compositivos de Suolahti están relacionados coa súa gran dedicación por ler partituras de grandes obras como as óperas de Richard Wagner, chegando a memorizar todos os temas principais de Der Ring des Nibelungen.[4] Outra influencia musical para o xove compositor foi o seu compatriota Jean Sibelius, con cuxa música tamén entrou en contacto.[11] Con todo, pode considerarse que foi un compositor autodidacta, xa que os seus estudos de composición terían consistido en realizar ensaios de composición, así como familiarizarse con estruturas musicais e o mundo sonoro da orquestra.[4]

En palabras de Kimmo Korhonen:[12]

Heikki Suolahti, que morreu á temperá idade de 16 anos, foi un dos maiores prodixios na historia da música finlandesa.

A súa obra, esquecida durante décadas ata o seu redescubrimento na primavera de 2017,[13] encóntrase arquivada na biblioteca da Universidade de Helsinqui.[14]

Lista de obras[editar | editar a fonte]

A obra de Suolahti comprende composicións orquestrais, cancións, obras para piano e música de cámara.[15]

Consérvanse un total de 25 obras finalizadas de Suolahti, 20 obras bosquexadas, así como sete composicións perdidas. Entre as súas obras a grande escala, a máis coñecida é a súa Sinfonia piccola, composta entre 1935 e 1936, os seus cuartetos en sol menor (1933) e en dó maior (1936), os concertos para piano (1933) e violín (1936). Entre as súas obras inacabadas ou planeadas encóntranse as óperas Ben-Hur e Kyllikki ja Lemminkäinen, así como unha segunda sinfonía e o ballet Uponnut kaupunki, estas dúas últimas inacabadas.[4][11] O seguinte cadro amosa todas as composicións conservadas de Suolahti ordenadas por xénero e que se conservan no arquivo da Biblioteca Nacional de Finlandia:[16]

Op. Data Título Xénero Descrición
- 1935 Sinfonia piccola Sinfónico En si menor.
6 descoñecida Prélude Sinfónico Composición para pequena orquestra adicada a seu pai.
9 1932 Fantasia-Impromptu Sinfónico
10 1932 Hades Sinfónico Poema sinfónico.
15 1934 Concerto para piano núm. 1 Concerto En si bemol maior. Un movemento
16 1933-34 Concerto para violín Concerto En si bemol maior. Un movemento
4 descoñecida Cuarteto de corda núm. 1 Música de cámara En la menor. Un movemento
8 1933 Cuarteto de corda núm. 2 Música de cámara En sol menor. O violín I consérvase completo, faltan as partes de segundo violín e o violonchelo.
- 1936 Cuarteto de corda núm. 3 Música de cámara
- descoñecida Quinteto con piano Música de cámara En dó menor. Consérvanse a partitura xeral e as partes. Só un movemento.
7 descoñecida Valsette Música de cámara É o número tres dentro do opus. Para violín e piano.
7 1933 Novelette Música de cámara En sol maior. Para violín e piano. Indica "Pastorale".
24 1934 3 pientä kappaletta
[3 pequenas pezas]
Música de cámara "Preludé", "Serenade" e "Romanssi". Para violín e piano.
- descoñecida Fantasia Música de cámara Para violín e piano.
- descoñecida Serenade Música de cámara Para violín e piano.
5 1933 2 pientä kappaletta Pianístico Núm. 1 "Rêverie"
Núm. 2 "Sur l'Onde"
- descoñecida Romance Pianístico
- descoñecida Sonatine ja Rondo Pianístico
- descoñecida Hyökyaalto Vocal Texto de Veikko Antero Koskenniemi. Para orquestra, piano e voz.
- descoñecida Unten kalastaja Vocal Soneto III de Einari Vuorela. Para orquestra, piano e voz.
- descoñecida Kesäyössä Vocal Texto de V.A. Koskenniemi. Para orquestra, piano e voz.
- descoñecida Enclynion Vocal Texto de V.A. Koskenniemi.
- descoñecida Huomisehtoo Vocal Texto de V.A. Koskenniemi. Inconclusa.
- descoñecida Pärttylin yö Operístico Partitura incompleta da abertura inacabada.

Homenaxes e legado[editar | editar a fonte]

Se ben o enterro de Heikki Suolahti foi o primeiro evento no que se homenaxeou e se escoitou por primeira vez a música do novo compositor, pouco máis dun ano despois da súa morte, o 3 de febreiro de 1938, recibiu a súa primeira homenaxe pública cando a Helsingin Kaupunginorkesteri realizou un concerto no que interpretaron varias composicións súas, entre elas a estrea da súa Sinfonia piccola baixo a dirección de Taumo Hannikainen, así como tres cancións con acompañamento orquestral interpretadas por Irja Aholainen.[4].[5] A edición de 2020 do Festival de Música de Iittala, en Hämeenlinna, rendeulle homenaxe a Suolahti cun concerto que incluíu obras para violín e piano, soprano, así como o seu cuarteto núm. 3, que foi interpretado polo Soma Quartet, sendo toda a música interpretada por músicos novos con idades por debaixo dos 20 anos.[d][9][18]

En 1959 a editorial británica Boosey & Hawkes publicou en Nova York a súa Sinfonia piccola nunha edición realizada por Thor Johnson.[19][20] A obra ten sido gravada por numerosas orquestras novas, especialmente dos Estados Unidos.[21] Boosey & Hawkes, xunto coa Asociación Nacional de Orquestras Novas do Reino Unido, incluíu esta obra no seu catálogo de música para orquestras novas.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Algúns dos Palander adoptaron a forma finlandesa para o seu apelido, Suolahti.[3]
  2. A editorial británica Boosey & Hawkes, na súa descrición do compositor no catálogo de música para orquestras novas, sinala que Heikki Suolahti tería estudado con Sibelius na súa adolescencia, se ben o contido da carta que o compositor enviou á nai de Suolahti apunta a que Sibelius non coñeceu a obra de Suolahti ata a súa morte.[8]
  3. Gertrude Wichman era ademais a dedicataria da obra.[5]
  4. A cidade de Hämeenlinna foi nomeada "Capital da Música Infantil de Finlandia" no outono de 2019, e en 2020 foi o 100º aniversario do nacemento do compositor finlandés, polo que o festival de 2020 rendeulle homenaxe a Suolahti e deliberadamente contou coa participación de músicos novos.[17]
Referencias
  1. Vares, Vesa; Leikola, Anto. Suolahti, Eino. Suomen kansallisbiografia (en finés). pp. 441–442. ISBN 978-951-746-450-5. 
  2. "Heikki Suolahti" (en finés). geneanet.org. 
  3. 3,0 3,1 "Palander (1600 - )" (en finés). kansallisbiografia.fi. Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 Sariola, Raimo (24 de decembro de 2002). "Heikki Suolahti oli musiikillinen tähdenlento" (PDF). Kivenjuuret (en finés) (11): 8-9. Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Hillila, Ruth-Esther; Blanchard Hong, Barbara (1997). Historical Dictionary of the Music and Musicians of Finland (en inglés). Greenwood Publishing Group. p. 390-391. ISBN 0-313-27728-1. 
  6. 6,0 6,1 Eija Leskinen, ed. (1979). Otavan iso musiikkitietosanakirja 5 (en finés). Helsinqui: Otava. p. 354. ISBN 9511052950. 
  7. 7,0 7,1 Laitinen, Arvo (1945). Sulho Ranta, ed. Heikki Suolahti. Suomen säveltäjiä (en finés) (Porvoo: WSOY). pp. 732–739. 
  8. 8,0 8,1 "Music for Youth Orchestras" (PDF) (en inglés). Boosey & Hawkes. Consultado o 18 de novembro de 2020. 
  9. 9,0 9,1 Oksala, Sari (1 de agosto de 2020). "Iittalan musiikkijuhlat kunnioittaa nuorena kuollutta säveltäjälahjakkuutta, jota Sibeliuskin kehui". Hämeen Sanomat (en finés). Consultado o 5 de outubro de 2020. 
  10. Koivuranta, Veli-Antti. "TALVI 2011. “Vanhat nuoret mestarit”" (en finés). Helsinginkadun filharmonikot. Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  11. 11,0 11,1 "Uponnut kaupunki avaa aikaikkunan 1930-luvulle koululaissäveltäjä Heikki Suolahden maailmaan" (en finés). Universidade de Jyväskylä. 24 de outubro de 2019. Consultado o 21 de outubro de 2020. 
  12. "Heikki Suolahti" (en inglés). musicfinland.fi. Consultado o 21 de outubro de 2020. 
  13. "Keski-Suomen Kulttuurirahasto jakoi historiansa muhkeimman apurahapotin" (en finés). Suomen Kulttuurirahasto. 13 de maio de 2020. Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  14. Suomalaiset musiikkiarkistot (PDF) (en finés). Proxecto Lyyra. 
  15. "Heikki Suolahti 100 vuotta". Hämeen Sanomat (en finés). Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  16. "HEIKKI SUOLAHTI (1920-1936)" (PDF) (en finés). Biblioteca Nacional de Finlandia. Consultado o 17 de novembro de 2020. 
  17. "Iittalan musiikkijuhlat järjestetään elokuussa". Reska.fi (en finés). 3 de bullo de 2020. Consultado o 15 de novembro de 2020. 
  18. "IITTALAN MUSIIKKIJUHLAT 2020" (en finés). Festival de Música de Iittala. 9 de agosto de 2020. Consultado o 15 de novembro de 2020. 
  19. "Suolahti, Heikki. Sinfonia Piccola (1935)" (en inglés). Boosey & Hawkes. Consultado o 15 de novembro de 2020. 
  20. "Sinfonia piccola / Heikki Suolahti ; edited by Thor Johnson" (en inglés). Biblioteca Nacional de Australia. Consultado o 18 de novembro de 2020. 
  21. "Heikki Suolahti" (en inglés). discogs.com. Consultado o 18 de novembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]