Hans-Georg Gadamer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gadamer (á dereita) con Wassili Lepanto.

Hans-Georg Gadamer, nado en Breslau o 11 de febreiro de 1900 e finado en Heidelberg o 13 de marzo de 2002, foi un filósofo alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formado inicialmente en Marburgo baixo a supervisión do neokantiano Paul Natorp, empezou a construír o seu propio pensamento a partir das influencias de Martin Heidegger, Wilhelm Dilthey, Friedrich Schleiermacher e o seu interese pola reflexión sobre a arte, creando así a denominada Hermenéutica filosófica. Centrado durante toda a súa vida no desenvolvemento deste pensamento foi profesor en Leipzig, Frankfurt e Heidelberg, onde se xubilou como catedrático de filosofía.

Como escritos seus relevantes pódense salientar, ademais da obra fundamental Wahrheit und Methode ("Verdade e método", 1960), O problema da conciencia histórica (1963) A dialéctica de Hegel (1971) e Die Aktualität der Schönen (1977).

Pensamento[editar | editar a fonte]

O proxecto gadameriano consiste, esencialmente, nunha reconstrución da hermenéutica a partir da fusión de certas ideas de Heidegger coa filosofía romántica e o historicismo de Dilthey. Do primeiro toma a “hermenéutica existencial” de Ser e tempo e o seu posterior interese ontolóxico pola linguaxe, dos segundos a revalorización da “tradición” e a “dialéctica” hegeliana modelada baixo a noción de “diálogo” socrático-platónico e, por último, toma de Dilthey a idea de “consciencia histórica” e a radical distinción entre ciencias humanas e ciencias da natureza.

Gadamer substitúe a hermenéutica tradicional, concibida como un método filolóxico de interpretación (esexese) de textos relixiosos ou xurídicos, por unha hermenéutica filosófica de alcance universal. A hermenéutica filolóxica consistía unicamente nun método para entender textos escuros ou pouco intelixibles. Gadamer, en cambio, supera a mera concepción metodolóxica da hermenéutica e dálle unha dimensión ontolóxica ó considerar o “entender”, na liña heideggeriana, como unha estrutura básica da existencia humana. Non se trata só da comprensión de textos, pois toda actividade humana está atravesada polo fenómeno da interpretación. Desta maneira, na medida en que a interpretación é unha acción lingüística, esténdese o fenómeno lingüístico á toda a realidade (panlingüísmo). A partir de aquí conclúe Gadamer que a verdade non pode consistir nun acto cognoscitivo definitivo e inamovible, senón nunha interpretación historicamente renovable nun proceso de diálogo ou conversación hermenéutica sen fin.

Gadamer chega a estas conclusións no libro Verdade e método reflexionando sobre a contemplación da obra de arte e o coñecemento histórico, dúas experiencias de verdade diferentes da experiencia científica.

No caso da experiencia estética o observador non é un suxeito pasivo exterior á obra contemplada, senón que se trata dun “encontro” no cal se disolve o dualismo clásico entre suxeito e obxecto. Para que teña lugar a experiencia estética, a obra de arte tennos que arrastrar e posuírnos de tal xeito que nós mesmos tamén participemos na creación do valor artístico da obra. Un obxecto só devén artístico cando é gozado por alguén facéndoo “falar”. Só así se produce a experiencia de verdade da obra.

Con respecto ó coñecemento histórico, outra vez se produce un encontro entre o suxeito e o obxecto, pois cando queremos comprender unha etapa histórica determinada hai que ter en conta, así mesmo, que tamén nós, intérpretes, formamos parte da historia. Esta participación do suxeito por parte do obxecto, somos seres históricos que usamos unha determinada linguaxe e vivimos nun concreto contexto cultural, isto é, formamos parte dunha tradición, implica que a comprensión do primeiro está xa cargada de prexuízos, de tal forma que na investigación histórica nunca podemos ser observadores neutrais. Prodúcese así inevitablemente un círculo hermenéutico entre o intérprete e o “obxecto” de estudo. Disto deduce Gadamer que nas ciencias históricas nunca se pode lograr unha actitude gnoseolóxica puramente teórica e obxectiva, contrariamente ás pretensións de Dilthey de elaborar un método obxectivo nas ciencias humanas capaz de eliminar os prexuízos subxectivos do intérprete. De todas formas, isto non significa, na óptica gadameriana, que as ciencias humanas estean condenadas ó máis absoluto relativismo. Aínda que non poida haber interpretacións definitivas, si que é posible discernir unhas interpretacións máis fecundas ca outras, no sentido de abrir novos interrogantes e fomentar a conversación hermenéutica.