Friedrich Schleiermacher

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Friedrich Schleiermacher
Friedrich Daniel Ernst Schleiermacher.jpg
Nome completoFriedrich Daniel Ernst Schleiermacher
AlcumePacificus Sincerus
Nacemento21 de novembro de 1768
 Wrocław
Falecemento12 de febreiro de 1834 e 12 de xaneiro de 1834
 Berlín
SoterradoBerlín
NacionalidadeAlemaña
RelixiónLuteranismo
Alma máterUniversidade de Halle-Wittenberg
Ocupaciónfilósofo, teólogo, tradutor, catedrático de universidade e escritor
Coñecido/a porChristian Faith
editar datos en Wikidata ]

Friedrich Daniel Ernst Schleiermacher, nado en Breslau o 21 de novembro de 1768 e finado en Berlín o 12 de febreiro de 1834, foi un teólogo e filósofo alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Friedrich Schleiermacher naceu en Breslau (Silesia) no Reino de Prusia. Fillo dun clérigo calvinista. É posiblemente un dos teólogos alemáns do século XVIII de maior importancia. Provén da tradición reformada. Educouse en escolas moravas e luteranas.

Apreciaba a piedade e o estudo do latín, grego e hebreo dos Irmáns Moravos, mais separouse destes ante a súa resistencia a entrar en diálogo coa filosofía do seu tiempo.

Estudou a filosofía kantiana e foi discípulo de Friedrich von Schlegel, un líder do romanticismo nos círculos literarios de Berlín. Posto que Schlegel era o editor da revista Athenaeum, varios artigos seus foron publicados nela.[1]

Foi ordenado ao ministerio en 1794 e foi clérigo en Berlín, onde comezou a súa asociación cos círculos da filosofía romántica.

Foi o primeiro calvinista invitado a dar clases na Universidade luterana de Halle en 1804 e en 1810 foi o primeiro teólogo invitado a ensinar na Universidade de Berlín. Era un ecumenista consumado e avogou pola unión das igrexas calvinistas e luteranas en Prusia.

Teoloxía[editar | editar a fonte]

Presentou unha alternativa teolóxica ao racionalismo kantiano. Fronte ao dogmatismo da Igrexa intentou relacionar o romanticismo coa teoloxía. En diálogo con Kant, negou que fose posible coñecer a Deus por medio da razón. O lugar para coñecer a Deus era a ética e a moral. Cuestionou a ética como o lugar para o coñecemento da deidade.

Para Schleiermacher, o camiño ao coñecemento da deidade era o sentimento de total dependencia na deidade e a intuición. Nas súas obras Über die Religion. Reden an die Gebildeten unter ihren Verächtern (1799) e Glaubenslehre (1822), definiu a relixión como "o sentimento e intuición do universo". Entendía o cristianismo como "o sentimento e a dependencia de Deus" (por este motivo foi logo criticado duramente polo fillo doutro pastor calvinista, Friedrich Nietzsche quen se burlou das ideas de Schleiermacher porque eran as dun "vendedor de veos", tradución do apelido Schleiermacher.[2]).

A relixión non podía ser estudada correctamente nin pola filosofía racionalista da Ilustración, nin polos dogmas eclesiásticos. O sentimento e a intuición eran os mellores camiños para relacionarse coa deidade. Na súa obra Soliloquios formula que "tantas veces como volvo a miña mirada cara a dentro do meu ser máis íntimo estou no campo da eternidade". Polo tanto, a experiencia piadosa e mística dos crentes é lugar de reflexión teolóxica.

A teoloxía polo tanto tiña un novo lugar teolóxico, o sentimento e a intuición humana. O sentimento e a intuición eran o labor da teoloxía. O concepto de sentimento era unha dependencia absoluta na deidade e este era "a esencia da piedade, idéntica consigo mesma", é dicir, era estar en relación con Deus. Non identificaba a experiencia coa subxectividade. Entendía que o sentimento era ese lugar onde o eu aprende do Eu divino.

Entendía a relixión como unha dependencia absoluta da deidade. Tivo implicacións sobre a teoloxía e a dogmática no pensamento. Propuña que o dogma era unha aserción do noso sentimento e non sobre a deidade en si mesma. A doutrina só afirma a nosa concepción de Deus. Cuestionaba as definicións de Deus como unha proxección humana sobre a deidade.

Para Schleiermacher Deus era unha realidade suprapersoal e trascendente. Cuestionaba o dogma da trindade. Negaba a interpretación da morte de Xesús como un substituto polo ser humano. Entendía o pecado como un debilitamento individual e colectivo dos seres humanos. Negaba que o pecado fose un accidente ou unha simple falta superficial e afirma que o pecado é unha desorde profunda da "natureza humana", unha incapacidade total para facer o ben que só pode ser curada mediante a relixión, unha anormalidade e deformación da que xorde todo mal. Así tamén afirma que o pecado non só é individual, senón que ten un carácter social ou colectivo "en cada un a obra de todos, e en todos a obra de cada un".

Vía a Cristo como o salvador porque nel brillaba a dependencia absoluta en Deus. A obra de Cristo consistía en transferir ao ser humano esa conciencia de dependencia absoluta na divindade. Os crentes benefícianse desta conciencia a través dunha unión mística con Cristo.

Achegamento ao Novo Testamento[editar | editar a fonte]

Dende 1819 a 1832 enfocou a súa reflexión do dogma cristolóxico á investigación sobre Xesús. Expuxo a total irreconciabilidade entre o Evanxeo de Xoán e os sinópticos (Mateo, Marcos e Lucas). A tendencia da súa época era que os sinópticos eran cada vez máis recoñecidos como os textos primarios e de maior proximidade a Xesús de Nazaret.

Argumentou a favor da preeminencia do Xesús xoanneo. O Evanxeo de Xoán procedía dun testemuño visual, mentres que os sinópticos eran obra dos discípulos dos apóstolos e polo tanto obras secundarias.

Era da opinión de que Xoán mostraba a Xesús como o ser humano en total dependencia coa divindade e que ensinaba a fortalecer esta dependencia na divindade.

A salvación humana consistía en recoñecer esta dependencia coa divindade. Esta conciencia na divindade do ser humano era un tipo de misticismo relixioso.

Foi criticado por facer da teoloxía unha empresa esencialmente subxectiva a expensas da revelación da deidade.

Opinaba que o Evanxeo de Mateo mencionado por Papías na Historia Eclesiástica de Eusebio non se refería ao Mateo canónico. O Mateo canónico empregara o Mateo mencionado por Papías como unha fonte para construír a súa narración. Era da mesma opinión sobre a relación do Evanxeo de Marcos coa información sobre Marcos como un discípulo de Pedro presentada por Papías na Historia Eclesiástica de Eusebio.

Foi un dos precursores da discusión sobre as relacións entre os evanxeos sinópticos dende unha perspectiva non confesional. Propuña que os evanxeos sinópticos dependían de dúas fontes primarias na súa composición. Isto deu paso eventualmente á teoría das dúas fontes para explicar as relacións literarias entre Mateo, Marcos e Lucas.

Abordou outros asuntos relacionados co Novo Testamento tales como o corpus paulino e a pregunta hermenéutica. Sobre o corpus paulino cuestionou que Paulo fose o autor das Epístolas Pastorais. Era un erudito no manexo do grego da antigüidade. Entre os seus haberes atópase que traduciu a Platón ao alemán.[3] Por iso percibiu as diferenzas lingüísticas entre as cartas paulinas auténticas e as Cartas Pastorais.

Na súa obra póstuma (1864) fai unha distinción entre o Xesús histórico que presentan os evanxeos sinópticos e o Xesús da fe que se amosa no Evanxeo de Xoán. Fiel ao racionalismo tardío alemán, negou a existencia dos milagres que non poidan explicarse racionalmente. A súa achega enmárcase dentro do período da antiga busca do Xesús histórico (olde quest).

Para Schleiermacher, o Evanxeo de Marcos era unha síntese de Mateo e Lucas, aos que consideraba máis antigos. Esta idea cambiou en 1838 coas achegas de Christian Hermann Weisse e Christian Gottlob Wilke

A Igrexa[editar | editar a fonte]

Foi un dos primeiros eruditos en cuestionar a interpretación sobre os autores dos Evanxeos presentados pola tradición da Igrexa.

A Igrexa é un lugar de verdadeira comunidade humana. Unha comunidade que se basea neste sentido de dependencia absoluta na deidade compartida comunitariamente. Isto é base para unha plena humanización. Á relixión en canto re-ligare (re-ligar, reunir) e re-legere (reler) considéraa Schleiermacher como unha compoñente básica da natureza humana.

Hermenéutica[editar | editar a fonte]

Outra grande achega foi a súa articulación dunha teoría hermenéutica. Para Scheleiermacher, a tarefa da hermenéutica era "entender o discurso tan ben como o autor, e despois mellor ca el". Intentou presentar unha teoría coherente sobre o proceso de interpretación dos textos. Por isto, está considerado como o pai da hermenéutica moderna e é actualmente considerado a súa grande achega á filosofía.

Non se comprende a razón e método de Schleiermacher sen a forte influencia de Hegel. A aceptación da dialéctica hegeliana é o fondo do seu dogmatismo hermenéutico, ao cal acomoda cunha pretendida coherente explicación epistemolóxica, e outras teorías. Foi criticado polos arqueólogos e escrituristas teólogos do seu tempo por non comprobar as afirmacións que facía para sustentar a súa teoría hermenéutica.

Presentou a teoría da comunicación entre un emisor e un receptor baseado nun contexto social e lingüístico común. Ese contexto común era o que facía posible a comunicación entre dúas persoas. O receptor podía comprender o discurso do emisor. Ambos posuían unha gramática e lingüística común. Ademais, un contexto social común favorecía a empatía.

Engadiu á teoría tradicional da interpretación unha dimensión psicolóxica. Previamente aquela estaba baseada na pura decodificación gramatical do discurso.

O individuo articula un discurso sobre o eixe da linguaxe. Na actividade discursiva hai unha dimensión dupla, por unha banda, a individual da persoa que fala, e pola outra, a social (do contexto social da lingua). Así, o discurso terá un carácter común coa cultura na que se articula e co carácter do escritor.

Neste sentido, existen dous niveis de comprensión do discurso. Estes son a chamada comprensión comparativa e comprensión adivinatoria. Polo tanto, cada intérprete debe confrontar a dimensión social e individual do texto. Isto fai que a tarefa interpretativa sexa infinita. Cada intérprete pode recrear a actividade creativa e mental do autor a través do proceso interpretativo.

Schleiermacher propón un sistema circular que se coñece como o círculo hermenéutico. Cada intérprete precisa introducirse na dimensión social e a dimensión individual do autor para comprendelo.

Para iso, o intérprete deberá identificarse coas intencións, formas de pensamento, situación histórica e contexto histórico do autor. Deste modo, na medida en que o lector se identifique co autor e se poña no seu lugar, tanto mellor será a interpretación.

A intelección do lector é o que chama comprensión comparativa. O segundo nivel de comprensión, o adivinatorio, é intuitivo e subxectivo. É a comprensión da individualidade do autor dun texto.

Así, no Esbozo de 1805, Schleiermacher expón que a hermenéutica é "comprender na lingua e comprender na persoa que fala".

Propuña unha metodoloxía interpretativa. O lector localizaba o contexto histórico-social e lingüístico e entraba en diálogo coa singularidade do autor.

Trataba de que houbese unha dimensión obxectiva e outra subxectiva no proceso de interpretar. Esta parte subxectiva era unha dimensión psicolóxica na tarefa interpretativa.

Deste xeito, postumamente, Schleiermacher influíu en gran medida sobre Wilhelm Dilthey.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Philippe Lacoue-Labarthe e Jean-Luc Nancy. El absoluto literario. Eterna Cadencia, 2013.
  2. Así o cualificou Nietzsche burlonamente en Der Antichrist.
  3. Hannes Kerber: "Lessing y Schleiermacher", en Leo Strauss y otros compañeros de Platón, ed. de Antonio Lastra, Madrid 2016, pp. 113-125. Versión en liña

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]