Gromo de síndrome hemolítico-urémica de 2011
O gromo da síndrome hemólico-urémica de 2011, tamén chamada crise do cogombro ou crise da soia, foi un andazo bacteriano orixinado en Alemaña en maio dese ano, e que se saldou coa morte de case unha cincuentena de persoas. O andazo foi provocado pola bacteria Escherichia coli O104:H4, unha cepa concreta de E. coli que é responsábel dunha enfermidade de orixe alimentaria, a síndrome hemolítico-urémica, que pon en risco a vida dos humanos. Se ben a orixe da bacteria foi rastrexada ata unha plantación de soia da Baixa Saxonia, a crise sanitaria supuxo tamén unha crise económica onde se viu afectado o mercado de vexetais da Unión Europea.
Orixe
[editar | editar a fonte]Aínda que o día 1 de maio de 2011 as autoridades sanitarias de Alemaña informaron dun gromo de síndrome hemolítico-urémica no país[1], ata o 22 de maio non se considerou un problema de saúde pública, logo de que na véspera se producise a primeira vítima mortal[2]. As infeccións producidas por Escherichia coli son comúns nos países occidentais, pero habitualmente teñen un alcance moderado no que a virulencia se refire[3]. En Galicia, un estudo realizado nos anos noventa sinalaba unha proporción de cepas enterohemorráxicas en só o 0,6% dos humanos afectados por diarrea[4].
O cogombro
[editar | editar a fonte]Ata o 25 de maio os casos rexistráronse especialmente no noroeste de Alemaña[5]. Ao día seguinte, o 26 de maio, as autoridades alemás identificaban a fonte do andazo con cogombros importados de España[6]. Ao día seguinte, o 27 de maio, as autoridades reafírmanse nesta atribución, comunícanllelo aos demais países da Unión Europea e retiran do mercado os cogombros de cultivo ecolóxico procedentes de España[7]. Ese mesmo día, a Comisión Europea rastrexa a bacteria ata dous invernadoiros de Algarrobo (Málaga), que se clausuran, e aos que se lles abre unha investigación. As análises practicadas aos invernadoiros andaluces sobre mostras de solo e de auga dan negativo a E. coli[8], e levántase a prohibición de venda de cogombro con orixe en España[9][10]. Mantívose con todo a orixe da contaminación nos cogombros, pero atribuída a unha contaminación posterior durante o seu transporte ou distribución en Alemaña[11].
As discusións sobre a orixe do gromo continuaron neses días entre as autoridades europeas, que opinaban que a contaminación puidera producirse en calquera punto dunha longa cadea de transporte, e as españolas, que negaban a relación dos cogombros de orixe española coa enfermidade. Paralelamente, o Instituto Robert Koch e o Instituto Federal Alemán para a Avaliación de Risco recomendaban evitar en Alemaña o consumo de tomate, cogombro e leituga crus como medida de prevención complementaria[12]. Mentres tanto, dábanse a coñecer os resultados das análises realizadas sobre os cogombros supostamente infectados en Alemaña, onde se atoparon —en 2 de 4 análises— cepas de E. coli, pero non a O104 responsábel directa do andazo.
A soia
[editar | editar a fonte]O 4 de xuño as autoridades alemás e europeas atoparon datos que os levaban ata un cátering público celebrado nun restaurante en Lübeck (Schleswig-Holstein) como orixe posíbel do andazo[13], mentres que os casos da enfermidade en Alemaña seguían en aumento. Ao día seguinte, o 5 de xuño, o ministro de Agricultura do estado de Baixa Saxonia advertía a poboación de non comer gromos de soia de produción local, porque se converteran na principal sospeita da orixe do andazo[14]. Ao longo desa xornada sinalouse como fonte precisa unha granxa en Bienenbüttel (Baixa Saxonia) [15], mais ao día seguinte as autoridades negaban a existencia de análises probatorias, pois con máis da metade das mostras analizadas (23 sobre 40) os resultados foran negativos[16]. De feito, as análises que atoparon a bacteria non se fixeron sobre as mostras principais da granxa, onde non se atopou nada, senón sobre un paquete que procedía da granxa[17]. Con todo, a explotación agrícola foi clausurada[18].
O 10 de xuño un voceiro do Robert Koch Institute identificaba os gromos de soia como a fonte do andazo[19][20], e a OMS confirma a sospeita ese mesmo día[21].
A alforfa
[editar | editar a fonte]O 30 de xuño, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria propuxo como posible orixe, aínda que con tódalas reservas a falta de confirmación microbiolóxica, as sementes de alforfa ou fenogreco (Trigonella foenum-graecum), procedente de Exipto, das que podería provir a cepa de E. coli que contaminou os gromos xerminados de Alemaña. O 8 de xullo, confirmada esta orixe, adoptou a decisión de retirar dos mercados europeos das sementes de alforfa importadas de Exipto entre 2009 e 2011, á vez que se prohibe a importación de novas partidas ata o 31 de outubro [2][Ligazón morta].
Estas sementes utilízanse como especia para curry ou ensaladas. O Ministerio de Sanidade español confirmou que tamén se distribuíron en España en 2010 [3] e insiste na recomendación de non producir gromos vexetais para consumo propio nin consumir agromos nin sementes xerminadas sen cociñalos previamente, á vez que lembra que aínda non se produciu ningún caso de intoxicación no país.
A enfermidade
[editar | editar a fonte]Logo das análises e probas realizadas, o Instituto Federal Alemán para Avaliación de Riscos sinalou que a cepa bacteriana causante do andazo era coñecida en humanos en Alemaña dende había máis dunha década, e que o máis probábel era que pasara á cadea alimentaria a través de feces humanas[22]. Para a cepa bacteriana en cuestión, a O10:H4, foran descritas propiedades enterohemorráxicas (isto é, que provoca diarreas con hemorraxia) e enteroagregativas (é dicir, que se adhire moi intensamente ás paredes do intestino, o que dificulta a súa eliminación)[23][24]. O único caso de EHEC O104:H4 documentado con anterioridade fora unha intoxicación en Corea do Sur, rexistrado en 2005, para a que se citara como fonte posíbel unha hamburguesa[25].
O primeiro estadio da enfermidade é unha diarrea con hemorraxia. Durante ese proceso, as bacterias liberan unha toxina que afecta os vasos sanguíneos e, en particular, o endotelio. Os órganos máis danados son os riles: un 5-10% dos pacientes falece, e outra parte chega a desenvolver problemas renais graves que poden necesitar dun transplante.
Distribución
[editar | editar a fonte]A gran maioría dos casos (o 97%) deste andazo rexistrouse en Alemaña. Ata o 27 de xuño de 2011, cando o número de casos e a súa virulencia xa decaera, contabilizáranse 3.927 casos de intoxicación por E. coli, dos que só o 23% desenvolveran a síndrome hemolítico-urémica. Destes, o 95% rexistráronse en Alemaña. A taxa de mortalidade dos afectados pola síndrome foi do 5%. Os casos que se rexistraron fóra de Alemaña fórono en persoas que estiveran había pouco tempo naquel país.
País | Falecementos | Desenvolven a síndrome |
Total de E. coli |
---|---|---|---|
Alemaña | 46 | 834 | 3.801 |
Suecia | 1 | 18 | 51 |
Dinamarca | 0 | 9 | 23 |
Francia | 0 | 7 | 12 |
Países Baixos | 0 | 4 | 11 |
Reino Unido | 0 | 3 | 6 |
Estados Unidos | 1 | 3 | 5[27]. |
Austria | 0 | 1 | 5 |
Polonia | 0 | 2 | 3 |
Suíza | 0 | 0 | 3[28] |
Luxemburgo | 0 | 1 | 2 |
España | 0 | 1 | 2 |
República Checa | 0 | 0 | 1 |
Grecia | 0 | 0 | 1 |
Noruega | 0 | 0 | 1 |
Canadá | 0 | 0 | 1[29] |
Total | 48 | 883 | 3.927 |
Consecuencias políticas e económicas
[editar | editar a fonte]A determinación da causa do gromo primeiro no cogombro e posteriormente na soia afectou os mercados destes produtos e, nun sentido máis amplo, o de todos os produtos da horta procedentes de países membros da Unión Europea. Ademais do comercio interno, víronse danadas as exportacións europeas. Rusia, por exemplo, prohibiu a importación de todas as verduras procedentes da Unión Europea durante case un mes, ata o 22 de xuño[30].
Porén, non existen datos reais e independentes do impacto do gromo de E. coli no mercado. Un suposto lobby de produtores europeos, Freshful, estimaba o dano económico semanal nun total de 313 millóns de euros, dos cales 204 millóns afectarían os produtores españois, 82 millóns aos neerlandeses e en menores contías aos agricultores de Alemaña, Bélxica e Portugal[31]. FEPEX, a Federación Española de Produtores e Exportadores de Froitas e Hortalizas, falou de 200 millóns de euros de perdas á semana, se ben o total de cogombro exportado por España anualmente é de só 372 millóns de euros. (2010)[32]. Cifras incluso superiores á exportación anual foron achegadas pola Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (300 millóns) e por Xóvenes Agricultores (500 millóns)[33].
Unha firma de avogados especialista en reclamacións por intoxicacións alimentarias falaba de 2.000 millóns de perdas en custos humanos, con referencia a unha cantidade de afectados e falecidos substancialmente menor cá final[34].
Compensacións
[editar | editar a fonte]O 3 de xuño os gobernos de España, Portugal e Alemaña anunciaron que solicitarían formalmente unha compensación do fondo de axuda agraria da Unión Europea[35]. A Unión Europea propuxo inicialmente conceder 150 millóns de euros para compensar os produtores, coa intención de cubrir os custos de produción perdidos. A ese fondo de axudas poderían acollerse produtores de cogombro mais tamén doutras hortalizas[33]., e a estimación de custos faríase un 30% por riba do prezo de mercado. Mais a ministra española Rosa Aguilar rexeitou a proposta, argumentando que a cantidade era demasiado pequena e que a Unión Europea debía asumir o 100% das perdas[36]. Ao día seguinte, o comisario europeo de Agriculura e Desenvolvemento rural, Dacian Cioloş propuña aumentar o fondo de compensación a 210 millóns de euros[37].
O comisario europeo de Saúde e Consumidores, John Dalli, criticou oficialmente a rapidez das autoridades alemás ao sinalar o cogombro como posíbel responsábel do gromo[38].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Outbreak Notice: Shiga toxin-producing E. coli O104:H4 infections in Germany Arquivado 27 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Web de Centers for Disease Control and Prevention do goberno dos Estados Unidos.
- ↑ First death in German E. coli outbreak; up to 200 sick Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. Barfblog, blog da International Food Safety Network da Universidade do Estado de Kansas, 24/5/2011.
- ↑ En Alemaña, por exemplo, rexístranse entre 800 e 1.200 casos cada ano. Scientists hunt source of life-threatening stomach bug, Thelocal.de, 18/5/2011.
- ↑ BLANCO, M. BLANCO, J. E. BLANCO, J., GONZÁLEZ, E.A., ALONSO, M. P., MAAS, H. e JANSEN W. H. Prevalence and characteristics of human and bovine verotoxigenic Escherichia coli strains isolated in Galicia (north-western Spain) Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine., In European Journal of Epidemiology, Volume 12, Number 1, 13-19.
- ↑ Potentially deadly E. coli bug spreads in Germany Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Swiss Tribune, 24/5/2011.
- ↑ Deadly E. coli found in Spanish cucumbers, Thelocal.de, 24/5/2011.
- ↑ Dirección Xeral de Saúde e Consumidores da Comisión Europea. "Notification details - 2011.0703". RASFF. Rapid Alert System for Food and Feed Portal (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2019. Consultado o 07 de agosto de 2019. O arquivo foi eliminado e é consultable na web do Ministerio de Consumo de Estonia.
- ↑ Efforts intensify to identify source of E. coli outbreak in Germany as final tests clear Spanish cucumbers, Europa.eu, 4/6/2011
- ↑ Europe lifts cucumber warning, The Irish Times, 1/6/2011.
- ↑ La Comisión Europea levanta la alerta sobre los pepinos españoles procedentes de Almería Arquivado 20 de xullo de 2011 en Wayback Machine., web do Ministerio de Sanidade, Política social e Igualdade de España.
- ↑ Cucumbers in clear – so what is causing deadly E.coli outbreak? Arquivado 03 de xuño de 2011 en Wayback Machine., The Independent, 1/6/2011.
- ↑ New epidemiological data corroborate existing recommendation on consumption by BfR, BfR, 3/6/2011.
- ↑ Kein EHEC-Befund in Lübecker Restaurant Arquivado 08 de xuño de 2011 en Wayback Machine., N24.de, 4/6/2011.
- ↑ E coli outbreak: German officials identify bean sprouts as likely source, The Guardian, 6/6/2011.
- ↑ German-grown sprouts named likely culprit in deadly outbreak, CNN.com, 5/6/2011.
- ↑ GALLAGHER, James. E. coli outbreak: First German sprout tests negative, BBC, 5/6/2011.
- ↑ Deadly E. coli found on bean sprouts, Thelocal.de, 11/6/2011.
- ↑ German-grown food named likely culprit in deadly outbreak, CNN.com, 5/6/2011.
- ↑ Germany says sprouts are most likely source of E.coli, The Jerusalem Post, 10/6/2011.
- ↑ German tests link bean sprouts to deadly E. coli, BBC, 10/6/2011.
- ↑ EHEC outbreak: update 13 Arquivado 11 de xuño de 2011 en Wayback Machine., OMS, 10/6/2011.
- ↑ MACKENZIE, Debra. Bean sprouts to blame for 'decade-old' E. coli, New Scientist.
- ↑ Tribe, David (2011-06-02). "BGI Sequencing news: German EHEC strain is a chimera created by horizontal gene transfer". Biology Fortified Inc. (en inglés). Consultado o 2020-01-05.
- ↑ E. coli outbreak: WHO says bacterium is a new strain, The Guardian, 4/6/2011.
- ↑ "A Case of Hemolytic Uremic Syndrome Caused by Escherichia coli O104:H4" Arquivado 25 de xullo de 2018 en Wayback Machine., Yonsei Medical Journal, Vol. 47, No. 3, pp. 437 - 439, 2006.
- ↑ Shiga toxin-producing E. coli (STEC): Update on outbreak in Germany and cluster in France (27 June 2011, 11:00) Arquivado 30 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Web do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades 27/6/2011}}
- ↑ German E coli outbreak kills 3 more, reaches 3,800 cases Arquivado 27 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Center for Infectious Disease Research & Policy, Universidade de Minnesota.
- ↑ Switzerland confirms third case of rare E. coli strain, Thelocal.ch, 3/6/2011.
- ↑ Germany says sprouts are cause of E. coli outbreak Arquivado 13 de xuño de 2011 en Wayback Machine., CTV, 10/6/2011.
- ↑ CHELSOM-PILL, Charlotte. Russia lifts ban on EU vegetables, Deutsche Welle, 22/6/2011}}
- ↑ EU ministers to meet on E.coli outbreak, Al-Jazeera, 7/6/2011.
- ↑ Datos del sector: Exportaciones españolas, Web de FEPEX.
- ↑ 33,0 33,1 [1][Ligazón morta] La ayuda de la UE a los productores apenas cubre las pérdidas], Suite101. 9/6/2011
- ↑ MARLER, Bill. German E. coli O104:H4 Outbreak - $2.84 Billion in Human Damage, Food Poison Journal.
- ↑ STEVENS, Laura. Europe's E. coli Cases Rise, The Wall Street Journal.
- ↑ Bruselas advierte de que no podrá cubrir el 100% de las pérdidas, Murcia Economía, 7/6/2011.
- ↑ "EU boosts E. coli compensation offer for farmers". Deutsche Welle.
- ↑ "Germany criticised by EU health chief over 'premature' E. coli claims". Telegraph. 5/6/2011. Arquivado dende o orixinal o 08/06/2011. Consultado o 28/06/2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A investigación do gromo de EHEC de 2011 ó longo da cadea alimentaria (16.05.2012) (en inglés)