Gregorio Cenitagoya González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gregorio Cenitagoya González
Nacemento3 de abril de 1921
Lugar de nacementoMuros de Nalón
Falecemento15 de febreiro de 2018
Lugar de falecementoBaiona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmembro da resistencia
NaiMercedes González López
editar datos en Wikidata ]

Adolfo Gregorio Cenitagoya González, coñecido como Asturiano, nado en Muros (Asturias) o 3 de abril de 1921 e finado en Baiona o 15 de febreiro de 2018,[1] foi un guerrilleiro antifranquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Terceiro fillo do vasco José Cenitagoya Echeandía e da galega Mercedes González López, cando tiña tres anos a familia trasládase a San Esteban de Pravia. O seu pai estaba afiliado ao PCE e participou xunto co fillo máis vello na revolución de Asturias de 1934. Como consecuencia o pai tivo que marchar a Francia e o seu irmán foi detido e torturado. A nai quedou con sete fillos ao cargo e Gregorio tivo que deixar a escola para traballar no porto. Na campaña electoral de febreiro de 1936 apoiou á Fronte Popular.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 uniuse ao comité de guerra; a familia permaneceu en San Esteban ata que foi evacuado cando as tropas rebeldes o tomaron o 7 de setembro. O pai embarcounos no tren con destino ás concas mineiras. Gregorio enrolouse e foi destinado a un batallón de minadores-zapadores que estaba fortificando a fronte en Candamu e pouco despois foi integrado no Batallón de Infantería nº 251 Pablo Iglesias como axudante de cociña e de correo. Durante un permiso en Avilés, onde estaba a súa nai que formou parte do Comité Antifascista, sufriu un bombardeo da aviación rebelde cando axudaba a uns feridos e perdeu un pulmón. Cando caeu a fronte de Asturias en outubro de 1937, volveu coa súa nai a San Esteban de Pravia. Ao ser recoñecidos por uns falanxistas, foron detidos. Foi recluído no campo de concentración de Candás e logo obrigado a traballar na estrada de Lluanco a Cabo de Peñas (Gozón), onde sufría malleiras de falanxistas e gardas civís. En 1938 puido fuxir a Sarria, onde estaban os seus avós maternos e o seu pai fuxido. A súa nai foi condenada a vinte anos polas súas actividades políticas republicanas. Marchou traballar co seu pai a Madrid e despois a Valencia onde foi detido por roubar uns ovos de galiña. Estivo catro meses no cárcere e ao saír regresou a Sarria. Montou unha célula comunista e contactou coa guerrilla.

Cara a 1943 integrouse na III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia mandada por Xosé Castro Veiga con José Pardo Rodríguez, Maximino Rodríguez Pérez, Julián Mateo Vázquez e Julio Fernández Rodríguez. Logrou pasar a Francia a principios de 1947, onde xa estaban o seu irmán e o seu pai. Procesado na causa 522/47, foi reclamado polo Xulgado Militar Eventual número 1 de Lugo con Manuel Rodríguez, Xosé Castro Veiga, José Pardo Rodríguez, Francisco López Quinte, Abelardo Gutiérrez Alba, Elías López Armesto e Xosé Arias Fernández en febreiro de 1948.[2] Nos anos cincuenta marchou a Chile e a Arxentina, pero volveu a Francia. Intentou entrar en España en 1960, pero foi detido en Irún e devolto a Francia despois de varios días. Obtivo un pasaporte e puido a viaxar a Asturias e Galicia. En 2013 volveu novamente para visitar San Esteban de Pravia e presentar un poemario.[3]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Con sentimiento y amor, mi vida y mis recuerdos, 2012, Colectivo Misiva.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en Galicia con Fina López nos anos corenta, e foi pai de Carlos Cenitagoya López.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 50. ISBN 84-8485-231-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]