Francisco Martínez de la Rosa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
Francisco de Paula Martínez de la Rosa Berdejo Gómez del Arroyo, nado en Granada o 10 de marzo de 1787 e finado en Madrid o 7 de febreiro de 1862, foi un poeta, dramaturgo e político español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado nunha familia de posición social acomodada, entrou na escola onde se demostrou que era superdotado, feito que lle facilitou a súa entrada na Universidade de Granada cando soamente tiña 12 anos. Na universidade licenciouse e doutorouse en Dereito civil (1804), e en 1805 comezou como catedrático de Filosofía Moral en Granada, dende moi novo comeza a escribir poesía.
Iniciada a Guerra da Independencia Española, fundou o Diario de Granada e encargouse da misión diplomática en Xibraltar e Londres; nesta época xa formaba parte do Partido Liberal e foi deputado nas Cortes de Cádiz e vogal da Comisión da liberdade de imprenta, cousa que compaxinaba coa escrita da comedia Lo que puede un empleo, 1812, e a traxedia La viuda de Padilla, 1814. Publicou tamén o tratado político La revolución actual de España, 1813, e anteriormente El español, 1810.
Segundo a xente que o trataba, era algo efeminado, o que lle valeu o alcume de Barón del bello rosal. A restauración absolutista de 1814 fixo que fora detido en Madrid o 1 de maio e logo ser desterrado ao Peñón da Gomera. Ao triunfar Rafael del Riego en 1820 foi liberado durante o Trienio liberal onde se mostrou como un liberal moderado, polo que foi denominado pastelero e Rosita pastelera polo semanario El Zurriago.
Deputado nas Cortes pola provincia de Granada entre 1820 e 1822, ingresou na Sociedad del Anillo, sociedade partidaria dunha transacción coa Coroa e de revisar a Constitución Española de 1812 reforzando o poder monárquico. Secretario da Deputación Permanente en Cortes en 1822, é insultado polo pobo o 4 de febreiro de 1822.
Secretario de Estado o 28 de febreiro até o 5 de agosto de 1822, dimitiu tras o fracaso dos sucesos involucionistas do sete de xullo e a conseguinte acentuación da revolución. Nomeado Académico da Real Academia de la Lengua Española e Conselleiro de Estado en 1823. Coa invasión dos Cen Mil Fillos de San Luís emigrou a París. Realizou viaxes por Italia. En París publicou Obras literarias (1827 - 1830), Edipo (1829), Morayma (1829), Abén Humeya (1830) e La Conjuración de Venecia (1830).
A finais do ano 1831 regresa a Madrid acolléndose a amnistia decretada por Fernando VII aos afrancesados, logo marchou a vivir a Granada. En 1833 publica Los celos infundadoso el marido en la chimenea. Xa en Madrid, publica Hernán Pérez del pulgar, el de las hazañas, (1834).
Coa rexencia de María Cristina de Borbón, buscou o apoio do Partido Liberal para defender os dereitos dinásticos durante a minoría de idade da raíña Isabel II, foi nomeado Presidente do Consello de Ministros, e Ministro de Estado do 15 de xaneiro de 1834 até o 7 de xuño de 1835.[1] Neste cargo naceu o Estatuto Real de 1834. A comezos do 1835 fixo maniobras para desfacerse do seu ministro da guerra Llauder. En 1835, 1836 e 1836 publica o seu ensaio histórico Espíritu del siglo. Procurador por Granada, deuputado electo por Granada, Segovia e Oviedo dende 1861 até 1862.
Publicou a novela titulada Doña Isabel de Solís, (1837); Libro de los niños, (1839); La boda y el duelo, (1839). Dende 1839 até 1843 estivo exiliado en París, até que Baldomero Espartero chegou á rexencia. Ministro de Estado de 1844 a 1846 nos gobernos de Narváez. Nestes gobernos impulsou o programa ministerial faborable a reformar o modelo constitucional progresista de 1837, e formou parte do proceso que levaría a cabo a promulgación da Constitución de 1845. No período 1848-1849 foi embaixador en París e Roma. Foi Presidente do Congreso dos Deputados nas tres últimas lexislaturas da Década Moderada. Volveu ser Ministro de Estado entre 1857 e 1858, logo sería elixido Presidente do Consello de Estado. Desta época son os libros Bosquejo histórico de la política de España en tiempos de la dinastía austríaca, La moralidad como norma de las acciones humanas, La hija en casa y la madre en las máscaras (póstuma).
Reinado de Isabel II de España | ||
---|---|---|
Segue a: Francisco Cea Bermúdez |
Francisco Martínez de la Rosa | Precede a: José María Queipo de Llano Ruiz de Saravia |
Presidente do Goberno de España |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Relación cronológica de los presidentes del Consejo de Ministros y del Gobierno". lamoncloa.gob.es. Consultado o 07-10-2017.