Saltar ao contido

Forza Aérea de Finlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Forza Aérea de Finlandia
Ilmavoimat
Flygvapnet
Activa6 de marzo de 2018
PaísFinlandia Finlandia
Tipoforza aérea
Papelguerra aérea
Tamaño3 100 persoal activo
38 000 persoal na reserva
Páxina webilmavoimat.fi
Insignias
Insignia
Ás de piloto

A Forza Aérea de Finlandia (finés: Ilmavoimat, sueco: Flygvapnet) é unha das ramas das Forzas Armadas de Finlandia. As súas tarefas en tempos de paz son a vixilancia do espazo aéreo, os voos de identificación e produción de formacións de preparadas para condicións de guerra.[1] A Forza Aérea de Finlandia fundouse o 6 de marzo de 1918.

Os primeiros pasos na historia da aviación finesa realizáronse con avións rusos. Os militares rusos tiñan varios dos seus primeiros deseños estacionados no país, que ata a Revolución Rusa de 1917 fora parte do Imperio Ruso. Pouco despois da declaración de independencia comezou a guerra civil finlandesa, na cal os soviéticos puxéronse do lado da Garda Vermella (os rebeldes socialistas relacionados co Partido Bolxevique). A Garda Branca conseguiu apoderarse duns poucos avións dos soviéticos, pero víronse obricados a depender de aparellos e pilotos estranxeiros. Suecia negouse a enviar homes e material, pero cidadáns suecos chegaron para axudar aos Brancos. O editor da publicación sueca Aftonbladet, Waldemar Langlet, mercou un avión N.A.B. Albatros da fábrica Nordiska Aviatik A.B. con fondos recadados pola organización Finlands vänner (Amigos de Finlandia). Este avión, o primeiro en chegar dende Suecia, voou vía Haparanda o 25 de febreiro de 1918 cos pilotos suecos John-Allan Hygerth (que o 10 de marzo converteuse no primeiro comandante da Forza Aérea de Finlandia) e Per Svanbäck. O aparello fixo unha escala en Kokkola e tivo que facer unha aterraxe de emerxancia en Jakobstad cando o seu motor fallou. O avión recibiu posteriormente a designación F.2 na Forza Aérea.[2]

O conde sueco Eric von Rosen entregou ao goberno branco finés o seu segundo avión, un Thulin Typ D. O seu piloto, o tenente Nils Kindberg, voou o aparello ata Vaasa o 6 de marzo de 1918 levando a von Rosen como pasaxeiro. Como este agasallo era contrario aos desexos do goberno sueco e non se lle concedera ningún permiso de voo, Kindberg foi multado con 100 coroas suecas por deixar o país sen permiso. Este avión está considerado por algúns como o primeiro aparello da Forza Aérea de Finlandia,[3] que non existiu durante a guerra civil, mentres que os Vermellos voaron un feixe de avións coa axuda dalgúns pilotos rusos. O avión de von Rosen recibiu a designación F.1.[2]

Insignia da Forza Aérea de Finlandia entre 1918 e 1945

Von Rosen pintara o seu amuleto de boa sorte persoal no Thulin Typ D. Este amuleto era unha esvástica azul, antigo símbolo do sol e a boa sorte que non tiña ningunha connotación política nese tempo, e foi adoptada como insignida da Forza Aérea de Finlandia. O fondo circular branco creouse cando os fineses pintaron o símbolo sobre o anuncio da academia do aire de Thulin.[4] A esvástica foi adoptada oficialmente para o seu uso tras unha orde do Comandante en Xefe C. G. E. Mannerheim o 18 de marzo de 1918. A Forza Aérea cambiou a insignia dos seus avións, que se asemellaba á esvástica nazi, coa cal non tiña relación ningunha, despois de 1944, debido a un decreto da Comisión de Control Aliada que prohibía organizacións fascistas.[5] Porén, continúa aparecendo nos emblemas, bandeiras e decoracións dalgunhas unidades, incluídos uniformes. Nos últimos tempos a Forza Aérea foi deixando de usar aos poucos o emblema da esvástica.[6]

O avión F.1 quedou destruído nun accidente matando á súa tripulación pouco despois de ser entregado aos fineses. O 7 de setembro de 1920 dous hidroavións Savoia acabados de comprar esnafráronse nos Alpes Suízos de camiño a Finlandia matando aos seus ocupantes (tres fineses e un italiano). Dende entón ese foi o día escollido para lembrar aos pilotos caídos.

Guerra civil finlandesa

[editar | editar a fonte]

Actividade aérea dos Vermellos

[editar | editar a fonte]

A meirande parte das bases aéreas que os rusos deixaran en Finlandia foron tomadas polo bando branco despois de que os pilotos rusos regresasen ao seu país. Os Vermellos estaban en posesión dun feixe de bases e de aviósn rusos, principalmente anfibios. En total tiñan 12 aparellos pero non tiñan pilotos propios, polo que contrataron a algúns dos pilotos rusos que quedaron atrás. O 24 de febreiro de 1918 chegaron cinco avións a Viipuri, que rapidamente foron transferidos a Riihimäki.

Os Vermellos crearon unidades aéreas en Helsinqui, Tampere, Kouvola e Viipuri. Non había un cuartel xeneral e as distintas unidades operaban individualmente baixo o mando do comandante da súa liña de fronte. En Helsinqui tamén se creou unha escola de voo, pero ningún piloto foi adestrado alí antes da caída da cidade.

Dous dos avións, un Nieuport 10 de recoñecemento e un caza Nieuport 17, que chegaran a Riihimäki enviáronse a Tampere, e outros tres a Kouvola. Catro pilotos rusos e seis mecánicos tamén chegaron a Tampere. A primeira saída de guerra realizouse o 1 de marzo de 1918 sobre Naistenlahti.

Os vermellos realizaron principalmente saídas de recoñecemento, de bombardeo, de lanzamento de panfletos e de observación para a artillaría, sendo a súa actividade aérea non particularmente exitosa. As súas operacións aéreas sufriron por un mal liderado, por avións desgastados e pola pouca motivación dos pilotos rusos. Algúns dos avións foron capturados polos Brancos e o resto resultaron destruídos.

Actividade aérea dos Brancos

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1918 a Garda Branca non tiña ningún avión e moito menos pilotos, polo que pediu axuda aos suecos. Suecia era unha nación neutral e polo tanto non enviou ningunha axuda oficial. O país tamén prohibiu aos seus pilotos axudar a Finlandia.

Porén, a pesar da postura oficial, un Morane-Saulnier Parasol e tres N.A.B. Albatros chegaron dende Suecia a finais de febreiro de 1918. Dous dos Albatros foron regalos de cidadáns privados que apoiaban a causa dos Brancos, mentres que o terceiro foi mercado. Inicialmente a aeronave sería usada para apoiar as operacións aéreas dos Brancos, pero o avión finalmente resultou inadecuado.

Xunto á escaseza de avións, os Brancos tampouco tiñan persoal, polo que todos os pilotos e mecánicos tamén chegaron de Suecia. Un dos Jägers finlandeses, o tenente Bertil Månsson, recibira adestramento de piloto no Imperio Alemán, pero quedou en Alemaña para intentar conseguir máis avións para Finlandia.

Durante a guerra civil a forza aérea da Garda Branca estivo formada por:

  • 29 suecos (16 pilotos, 2 observadores e 11 mecánicos). Dos pilotos só 4 recibiran adestramento militar e un deles estaba operando como observador.
  • 2 daneses (un piloto e un observador).
  • 7 rusos (seis pilotos e un observador).
  • 28 fineses (catro pilotos dos cales dous tiñan adestramento militar, seis observadores, dous enxeñeiros e 16 mecánicos).

A actividade aérea da Garda Branca consistiu principalmente en saídas de recoñecemento. Os alemáns levaron tamén varios avións propios pero non contribuíron demasiado ao resultado da guerra.

A primeira base aérea da Finlandia independente fundouse na ribeira preto da vila de Kolho. A base podía operar tres avións. O primeiro trouxose en ferrocarril o 7 de marzo de 1918 e o 17 de marzo despegou da base por vez primeira. En 1918 os fineses fixéronse con nove avións Stetinin M-9 rusos que estes deixaran atrás.

A primeiro operación aérea dos Brancos durante a guerra sobrevoou Lyly. Tratouse dunha misión de recoñecemento cando a liña da fronte se moveu cara ao sur. A contribución da forza aérea branca durante a guerra foi case insignificante.

Dende o 10 de marzo a Forza Aérea de Finlandia estivo liderada polo tenente sueco John-Allan Hygerth. Foi destituído o 18 de abril debido a que non era o axeitado para esa posición e polos numerosos accidentes. O seu posto ocuparíao o capitán alemán Carl Seber, que comandou a forza aérea dende o 28 de abril ata o 13 de decembro.

Ao final da guerra civil a Forza Aérea de Finlandia tiña 40 avións, dos cales 20 foran capturados aos Vermellos (algúns non os operaran pero foron atopados abandonados nas illas Åland). Cinco dos avións viñeran dos aliados en Rusia, catro foran regalos de Suecia e oito mercáranse en Alemaña.

Período de entreguerras

[editar | editar a fonte]
IVL A.22 Hansa

Tras o final da guerra civil Finlandia comezou a formular os principios sobre como usar a súa forza aérea. En 1919 reclutáronse instrutores en Francia e a mediados dos anos 20 a forza aérea pasou por un período de influencia británica que chegou ata a segunda guerra mundial. Durante ese tempo o país contratou a expertos no Reino Unido e enviou ao seu persoal a adestrarse alí.[3]

Durante os anos 20 a Forza Aérea centrouse na aviación naval, considerando que a súa principal tarefa era a de realizar tarefas de recoñecemento, observación e vixilancia nas súas augas territorias e milleiros de lagos. A Forza Aérea elixiu mercar principalmente hidroavións decantándose polo IVL A.22 Hansa, unha versión do Hansa-Brandenburg W.33 alemán producido baixo licenza por Ilmailuvoimien Lentokonetehdas. A compañía fabricaría 122 unidades deste avión.[3]

Ademais a Forza Aérea foi adquirindo material diverso en pequenas cantidades para outro tipo de roles. Algúns dos avións mercados producíronse baixo licenza e outros serviron como base para deseños propios. O deseño e fabricación de modelos fineses comezou en 1928 co avión de adestramento VL Sääski.[3]

O dominio das operacións navais rematou nos anos 30 e a filosofía da Forza Aérea cambiou para darlle máis importancia aos avións baseados en terra. O desenvolvemento de tácticas con cazas impulsouse en 1927 coa introdución do Gloster Gamecock, un avión de combate británico construído baixo licenza.[3]

Nos anos 30 a Forza Aérea de Finlandia viuse influenciada pola doutrina militar de moda na época, o douhetismo, que afirmaba que o principal equipamento dunha forza aérea debían ser os bombardeiros, polo que se adquiriron moitos avións deste tipo.[3]

A mediados da década fixéronse evidentes as ameazas dun gran conflito e a Forza Aérea iniciou en 1936 un programa para reforzarse, tanto mercando como fabricando baixo novos avións para escuadróns de cazas, de operacións conxuntas e de operacións remotas, creados tras unha reestruturación da súa organización. Para o programa mercáronse cazas Fokker D.XXI e bombardeiros lixeiros Fokker C.X nos Países Baixos e bombardeiros lixeiros Bristol Blenheim no Reino Unido.[3]

O programa de rearme non chegou a completarse pero os avións mercados foron clave na capacidade militar do país durante a guerra de Inverno contra a Unión Soviética que comezou en novembrode 1939.[3]

Guerra de Inverno (1939-1940)

[editar | editar a fonte]
Cazas Fokker D.XXI

A guerra de inverno comezou o 30 de novembro de 1939 cando a Forza Aérea Soviética bombardeou 21 cidades e vilas finesas. A Unión Soviética tiña ao redor de 5 000 avións en 1939, dos cales 700 cazas e 800 bombardeiros medios foran levados a Finlandia para apoiar as operaciónd do Exército Vermello. Como na maioría dos bombardeos das primeiras etapas da segunda guerra mundial o dano producido á industria e aos ferrocarrís fineses foi bastante limitado.

No comezo da guerra a Forza Aérea de Finlandia estaba equipada con tan só 18 bombardeiros Bristol Blenheim, o seu avión máis moderno, e con 46 cazas (32 modernos Fokker D.XXI e 14 obsoletos Bristol Bulldog). Tamén había 58 avións de enlace, pero 20 deles só se usaban para enviar mensaxes. O principal caza era o Fokker D.XXI, un deseño barato pero manobrable cunha fuselaxe cuberta de tea e un tren de aterraxe fixo. En teoría esta forza non debería ter sido rival para a Forza Aérea Soviética. Porén, os fineses adoptaran a formación finger-four a mediados dos anos 30,[7] que demostrou ser moito máis efectiva que a formación Vic empregada aínda por moitos países cando comezou a segunda guerra mundial.[8]

Para evitar que os seus avións fosen destruídos en terra os fineses espallaron as aeronaves por moitos aeródromos e agocháronas nos bosques próximos. Os fineses construíron moitos reclamos e paredes de protección contra a metralla para protexer os seus avións. Os ataques aéreos soviéticos sobre os aeródromos fineses causaron moi pouco ou ningún dano como resultado destas prácticas, e normalmente os bombardeiros acababan sendo interceptados polos fineses cando regresaban ás súas bases.

A medida que a guerra progresaba os fineses intentaron desesperadamente mercar avións alí onde os houbese. Esta política resultou nun inventario de avóns moi diverso que causou grandes problemas loxísticos ata que a frota se volveu máis estandarizada. A Forza Aérea de Finlandia incluíu numerosos deseños estadounidenses, británicos, checoslovacos, neerlandeses, franceses, alemáns, italianos, soviéticos e suecos. Outros países, como Suráfrica e Dinamarca enviaron avións para axudar a Finlandia. Moitos deses avións mercados e regalados non chegaría ata o fina das hostilidades, pero operaron durante a guerra de Continuación e a guerra de Laponia.

Para compensar as súas debilidades (poucos e obsoletos cazas) a Forza Aérea centrouse principalmente en atacar os bombardeiros inimigos dende direccións que eran desvantaxosas para os soviéticos. Os cazas inimigos normalmente eran superiores en potencia de fogo, velocidade e axilidade, e eran evitados agás cando partían en desvantaxe.

Como resultado desas tácticas a Forza Aérea de Finlandia conseguiu derrubar 218 avións soviéticos durante a guerra de Inverno perodendo tan só 47 aparellos a mans do inimigo. A artillaría antiáérea finesa tamén derrubou 314 avións. 30 aparellos soviéticos foron capturados; aqueles derrubados que aterraron de emerxencia con poucos danos e forn reparados.

Guerra de Continuación

[editar | editar a fonte]

Durante o curto período entre a guerra de Inverno e a de Continuación a Forza Aérea de Finlandia reforzouse. A Fábrica Estatal de Avións (Ilmailuvoimien lentokonetehdas) reparou os avións danados e fabricou novos baixo licenza. Ademais a Forza Aérea foi recibindo os avións mercados e regalados durante a guerra de Inverno que non chegaran a tempo para loitar nese conflito, e Alemaña subministrou aos fineses aparellos capturados nas distintas frontes, co obxectivo de estreitar relacións. En terra reforzáronse as defensas antiaéreas, melloráronse os aeródromos e bases e desenvolvéronse sistemas de control e un mando de defensa aérea.[3]

As hostilidades coa Unión Soviética comezaron novamente en xuño de 1941 cando Alemaña iniciou a Operación Barbarossa. A Forza Aérea reforzárase ata ter uns 550 avións, aínda que moitos deles eran considerados de segunda categoría. A política tamén xogara un papel importante, xa que Hitler non quería contrariar á Unión Soviética permitindo as exportacións de avións a través do territorio controlado por Alemaña durante a guerra de Inverno. Ademais dos cazas Fokker e dos bombardeiros Bristol Blenheim construídos baixo licenza, había novos tipos de avións cando se retomaron as hostilidades coa Unión Soviética en 1941. Un pequeno número de Hawker Hurricane chegou do Reino Unido, Morane-Saulnier M.S.406 de Francia, Fiat G.50 de Italia, ademais dun avión de ligazón. Numerosos Brewster F2A Buffalo da neutral Estados Unidos reforzaron a FAF. Unhas poucas ducias de Curtiss Hawk 75 capturados polos alemáns en Francia e Noruega foron vendidos a Finlandia cando Alemaña comezou a reforzar os seus lazos con Finlandia. Os finlandeses tamén reacondicionaron os Tupolev SB, Ilyushin DB-3 e Polikarpov I-153 capturados para o servizo.

A organización da Forza Aérea ao inicio do conflito estaba formada por dous escuadróns de caza e un escuadrón de bombardeo. Ademais, un dos rexementos activos durante a guerra de Inverno dividiuse en tres escuadróns de operacións conxuntas baixo o mando das formacións combinadas, e creouse tamén un escuadrón de recoñecemento marítimo para realizar tarefas antisubmarinas baixo o mando da Armada.[3]

A Forza Aérea finlandesa derribou 1 621 avións soviéticos mentres perdeu 210 dos seus propios avións durante a guerra de Continuación.[9]

Inventario

[editar | editar a fonte]
F/A-18 da Forza Aérea de Finlandia
Avión Orixe Tipo Variante En Servizo Notas
Combate
Boeing F/A-18 Estados Unidos multirrol F/A-18C 55[10]
Guerra electrónica
CASA C-295 España guerra electrónica C-295M 1[11]
Transporte
Learjet 35 Estados Unidos transporte 35-A/S 3
CASA C-295 España transporte C-295M 2[11]
Pilatus PC-12 Suíza enlace PC-12 NG 6[12]
Adestramento
BAE Hawk Reino Unido adestrador a reacción 51 / 51A / 66 8 / 7 / 16[13]
L-70 Vinka Finlandia adestrador primario 26[14]
Grob G 115E Alemaña adestrador primario 28[15]
F/A-18 Hornet Estados Unidos adestrador de conversión F/A-18D 7[10]

Nota: tres Boeing C-17 Globemaster III están dispoñibles a través da Heavy Airlift Wing baseada en Hungría.[16]

  1. "Puolustusvoimat - Försvarsmakten - The Finnish Defence Forces". web.archive.org. 2008-02-12. Archived from the original on 12 de febreiro de 2008. Consultado o 2021-01-01. 
  2. 2,0 2,1 Keskinen, Partonen, Stenman 2005
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 "The history of the Finnish Air Force - The Finnish Air Force". ilmavoimat.fi (en inglés). Consultado o 2021-01-02. 
  4. Heinonen 1992
  5. "Armistice Agreement". heninen.net. Consultado o 2021-01-02. 
  6. "Finland's air force quietly drops swastika symbol". BBC News (en inglés). 2020-07-01. Consultado o 2021-01-02. 
  7. "Finnish Air Force". web.archive.org. 2016-08-07. Archived from the original on 07 de agosto de 2016. Consultado o 2021-01-03. 
  8. "Finnish Air Force History". web.archive.org. 2007-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2007. Consultado o 2021-01-05. 
  9. Kalevi Keskinen, Kari Stenman. Aerial Victories 1, Aerial Victories 2 (2006)
  10. 10,0 10,1 "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: Boeing F/A-18C and F/A-18D Hornet" (PDF). Finnish Air Force. Xaneiro de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  11. 11,0 11,1 "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: Airbus Military C295M" (PDF). Finnish Air Force. Xaneiro de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  12. "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: Pilatus PC-12 NG" (PDF). Finnish Air Force. Xaneiro de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  13. "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: BAE Systems Hawk" (PDF). Finnish Air Force. Decembro de 2017. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xuño de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  14. "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: Valmet L-70 Vinka" (PDF). Finnish Air Force. Xaneiro de 2018. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xuño de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  15. "Finnish Air Force Aircraft Fact Sheet: Grob G 115E" (PDF). Finnish Air Force. Xullo de 2018. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  16. "Heavy Airlift Wing". www.sacprogram.org. Consultado o 2021-01-01.