Grafema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O grafema é a unidade máis pequena dun sistema de escrita. É unha entidade fundamental da escrita equivalente en xeral ao fonema, a unidade fonolóxica mínima da lingua oral. O termo foi composto sobre o modelo de fonema para a descrición de escrituras principalmente alfabético-fonéticas.

Por extensión, segundo o tipo de escrita, o grafema realízase visual e foneticamente de xeitos diversos. Velaquí un modelo teórico:

  • alfabetos: un grafema = unha letra (ou un digrama, un trigrama) = un fonema. O do galego, por exemplo.
  • silabarios: un grafema = unha sílaba. Por exemplo no xaponés, un grafema adoita representar unha sílaba.
  • alfasilabarios: un grafema = unha consoante e unha vogal ou un fonema só. Denomínanse tamén abuxidas. É o caso da escrita etiópica e de alfabetos silábicos da familia bramínica. Neles un grafema soe representar unha consoante cunha vogal ou un único fonema.
  • escritas consonánticas ou abjad: un grafema =unha letra= unha consoante. É o caso do hebreo.
  • escritas logográficas: un grafema = un carácter = unha idea, unha palabra, un morfema, un composto ideo-fonético etc. O sistema de escrita logográfica máis coñecido é o do chinés no que un grafema pode representar un concepto, unha palabra ou un morfema.

A palabra grafema, cuñada en analoxía con fonema, deriva do grego antigo γράφω (gráphō), co significado de 'escribir', e o sufixo -ema por analoxía con fonema e outros nomes de unidade émicas. O estudo dos grafemas denomínase grafémica.

Os grafemas poden ser de dous subtipos:

Grafema simple: o grafema composto por unha soa letra
Grafema complexo: o grafema composto de dúas ou máis letras.

A falta de correspondencia entre grafemas e fonemas no caso dos alfabetos de sistemas de escrita predominantemente fonéticos pódese ver no caso dos chamados "grafemas complexos". O dígrafo gue u <gu> úsase para representar o fonema /g/ ([g] ou [h]) diante de [e] e [i]. O dígrafo <ch> composto de dous grafemas simples úsase para un só fono, o correspondente ao fonema africado /tʃ/.

En linguas coma o francés e o inglés a correspondencia entre fonemas e grafemas é menor ca noutras linguas coma o finés, o español ou o galego.

Pódese aplicar, para saber se un carácter é un grafema ou non, o mesmo test que para os sons, a saber, o dos pares mínimos:

  • en francés, ⟨a⟩ e ⟨e⟩ son grafemas pois «sa» e «ce» opóñense;
  • a⟩ e ⟨a⟩ non son grafemas pois «sa» non se opón nin a «sa» nin a «sa». Son pois variantes libres;
  • pola contra, ⟨a⟩ non é o único grafema asociábel ao fonema /a/ (o /a anterior/ no senso do API); en efecto, por exemplo, a palabra rouennais (habitante de Ruán) pronúnciase /rwanε/ e o fonema /a/ está aí representado polo digrama ⟨en⟩. O grafema ⟨en⟩ representa na escrita do francés actual polo menos dous sons: a nasal /ɑ̃/ e a vogal /a/.

Entre as variantes non pertinentes dos grafemas, cóntase principalmente variacións de tipo de letra (grosa, itálica etc.), variantes contextuais e conxuntas.

Ademais, para que unha secuencia de letras (nos alfabetos) forme un grafema (digrama, trigrama), esta combinación debe estar ligada a un fonema identificábel: por exemplo, et non é un grafema en francés pois et se realiza de maneiras diferentes, [e], [εt], e non se nota un fonema único, ao contrario de au que na maioría dos casos se pronuncia [o].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]