Fernando Abreu
Fernando Abreu | |
---|---|
Nome completo | Fernando Abreu Fernández |
Data nacemento | 3 de xaneiro de 1967 |
Nado en | Vigo |
Ocupación | músico e clarinetista |
Instrumento(s) | Clarinete, teclados, mandolina |
Relacionado con | Cuarteto Caramuxo, Dous, Banda Crebinsky, Orquestra Omega, Voarte |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Fernando Abreu Fernández, nado en Vigo o 3 de xaneiro de 1967, é un músico e clarinetista galego de formación e traxectoria ecléctica.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Formación[editar | editar a fonte]
Comezou o seu contacto co clarinete na Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas) e coa linguaxe musical co profesor e compositor Ángel Viro Caamaño. Realizou os estudos de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo con Francisco Pérez, e alí trabou amizade cos futuros membros do Cuarteto Caramuxo. Ingresou como bolseiro na Xove Orquestra de Galicia, dirixida polo musicólogo e compositor Joám Trillo.
Música histórica[editar | editar a fonte]
Rematou a carreira de clarinete no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid co profesor Justo Sanz e comeza o seu contacto co clarinete antigo co músico catalán Carles Riera Pujal, trasladándose posteriormente ao Koninklijk Conservatorium da Haia, onde remata o mestrado de clarinete histórico co profesor Eric Hoeprich.
Esta formación levouno a participar en concertos e gravacións con instrumentos históricos coa Orquesta Barroca de Sevilla ou Estil Concertant de Valencia.
Música contemporánea[editar | editar a fonte]
Interesado pola música contemporánea creou un dúo co compositor Antón L. Pulido Cid e colaborou con outros compositores galegos como Jesús González ou Juan Carlos Martínez Fontana.
En 1996 formou parte do "añorado"[1] Taller Instrumental do CGAC onde compartiu escenario con solistas como David Quiggle, Ben Kreith, Ananda Sukarlan baixo a dirección de Pierre-André Valade tocando obras dos compositores da vangarda (Murail, Grisey, Lindberg, Hurel, Sahariaho...).
A improvisación libre[editar | editar a fonte]
Durante a súa estadía nos Países Baixos asiste ás aulas do profesor Michel Barker no Koninklijk Conservatorium, formando o cuarteto Koncon xunto ao percusionista brasileiro Celio Vasconcellos, o compositor guatemalteco Renato Maselli e o colombiano Ricardo Arias. Participou na gravación do primeiro CD de Ricardo Arias e, no ano 2000, realiza unha xira de concertos por Guatemala a dúo con Renato Maselli.
Xa en Galicia formou parte da orquestra de improvisación libre Omega[2] (Orquestra de Música Espontánea de GAlicia) nacida na Sala Nasa de Santiago de Compostela. Un orquestra moi especial formada por unha vintena de músicos galegos procedentes de diversos ámbitos coa premisa da improvisación libre guiada baixo conduta xestual.
Outras músicas[editar | editar a fonte]
Colabora como músico de estudo e de directo con Mercedes Peón e nese contexto coñece ao guitarrista Pablo González Carrera co que forma o grupo DOUS, que continua en activo, co que xa levan publicados varios discos e tres veces finalistas dos Premios Martín Códax da Música no apartado de músicas do mundo.
É o momento da eclosión do Cuarteto Caramuxo no mundo escénico xa que comeza a ter unha grande repercusión no mundo da música tradicional que os leva a gañar varios premios. e seren recoñecidos internacionalmente.
En 2011 participa na gravación da banda sonora da película Crebinsky da que vai nacer a Banda Crebinsky onde fusionan estilos como o folk, o klezmer, o jazz, o rock ou a música clásica e experimental, aderezados con letras en galego, ruso, castelán, francés e italiano.
Como músico solista o en dúo fai improvisacións nos cursos que organiza Voarte, plataforma (xerada por Víctor Orive) baseada na sinerxía de Artes y técnicas Psico-Corporales utilizando a danza como fío condutor.
Froito destas experiencias e do confinamento de 2020 compón as pezas que compoñen o seu primeiro disco en solitario, CaLMA, no que conta coa colaboración do pianista de jazz Alberto Vilas. Este traballo mereceu un nomeamento na IX edición dos Premios Martín Codax da Música no apartado de música clásica e contemporánea.
Outros grupos cos que tamén ten colaborado son Dr. Harapos, Xistra de Coruxo, Sete Saias, Ecléctica Ensemble, Malvela, Sra. Carmen e Batuko Tabanka.
Tamén ten un faceta como investigador especializado na presenza do clarinete no repertorio tradicional galego, e leva anos practicando o deporte da maratón e do tríatlon como afeccionado.
Exerce como profesor de música no IES de Salvaterra de Miño desde o ano 2001.
Discografía[editar | editar a fonte]
Cuarteto Caramuxo[editar | editar a fonte]
- Tituriru (Falcatruada, 2009)
- Arrieros somos (Nakra, 2015)
- Reviravoltas (Nakra, 2021)
Banda Crebinsky[editar | editar a fonte]
- Crebinsky (2011)
- Jet lag (2016)
Dous[editar | editar a fonte]
- Só son sons (Falcatruada, 2008)
- No son só sons (2008)
- Dous (Nakra, 2012)
- A viaxe de Yoyo (2017)
Solitario[editar | editar a fonte]
- CaLMA (2021)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Yáñez, Paco (25 de marzo de 2010). "Brisa en dos movimientos". Mundoclasico.com. Consultado o 15 de marzo de 2023.
- ↑ Salgado, Daniel (5 de xullo de 2008). "Sonidos efímeros en caída libre". El País. Consultado o 15 de Marzo de 2023.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Programa do concerto "O son dos camiños" do compositor Carlos Suárez.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Páxina web do cuarteto caramuxo.
- Páxina web do grupo DOUS