Magnus Lindberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Magnus Lindberg
Magnus Lindberg 3811.jpg
Magnus Lindberg en 2006.
Nome completo Magnus Gustaf Adolf Lindberg
Data de nacemento 27 de xuño de 1958 (59 anos)
Lugar de nacemento Helsinqui, Finlandia Finlandia
Instrumento(s) Piano

Magnus Gustaf Adolf Lindberg, nado o 27 de xuño de 1958 en Helsinqui (Finlandia), é un compositor finlandés. Foi compositor residente de New York Philharmonic entre 2009 e 2011. Lindberg é considerado como un dos compositores máis importantes no campo da música orquestral, tendo realizado encargos para algunhas das orquestras máis importantes do mundo.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lindberg naceu o 27 de xuño de 1958 en Helsinqui (Finlandia).[2] Comezou a súa formación musical estudando piano aos once anos, e aos 15 ingresou na Sibelius-Akatemia da súa cidade natal, onde estudou composición e música electroacústica nas clases de Risto Väisänen, Einojuhani Rautavaara, Paavo Heininen e Osmo Lindeman.[1] Aos dezaseis anos, Lindberg compuxo a obra Donor.[3] Foi Heiminen quen animou aos seus alumnos a mirar máis aló das estéticas conservadoras e nacionalistas finlandesas imperantes na época para explorar as obras dos compositores europeos de vangarda, o que levou á creación da Korvat auki (Oídos abertos) en 1977, e en 1980 fundou o ensemble Toimii (grupo co que ten aparecido como pianista e percusionista), que se converterían no laboratorio das súas experimentacións compositivas.[1][2] Posteriormente coñeceu a Brian Ferneyhough e Helmut Lachenmann en Darmstadt (Alemaña) e a Franco Donatoni nos cursos de verán de Siena (Italia).[1] A súa primeira composición oficial e que ten sido consideradaa o seu primeiro opus, foi Quintetto dell'Estate (1979).[4]

Despois de graduarse en 1981 viaxou por Europa, converténdose en alumno de Vinko Globokar e Gérard Grisey en París,[1] e traballando no estudio EMS de Estocolmo a finais dos anos '70, e posteriormente no estudio experimental da Yleisradio, así como a IRCAM en 1985.[1] Durante o seu período parisiense (1981-1993) recibiu numerosas influencias que marcarían o seu estilo compositivo.

O 8 de febreiro de 1981 estreaba a súa primeira composición orquestral, Drama, coa orquestra da Sibelius-Akatemia baixo a dirección de Leif Segerstam, mais a súa primeira obra interpretada por unha orquestra profesional foi Sculpture II, composta en 1981 e estreada o 13 de outubro de 1982 pola Radion sinfoniaorkesteri baixo a dirección do propio compositor e Esa-Pekka Salonen, a segunda parte dunha triloxía que nunca foi escrita.[5] Nesta época, na que as súas obras combinan o experimentalismo, complexidade e primitivismo, é cando chegou o seu maior éxito despois da composición de dúas obras a gran escala, Action-Situation-Signification (1982) e Kraft (1983-85), e que estiveron ligadas a Toimii.[2]

En 1996 foi nomeado profesor de composición do Kungliga Musikhögskolan i Stockholm (Real Conservatorio de Música de Estocolmo),[1] e en 2001 foi nomeado membro da Akademie der Künste de Berlín.[6].

Lindberg converteuse no compositor residente da New York Philharmonic (NYPO) na temporada 2009-10, coa invitación do recentemente chegado Director Musical Alan Gilbert.[7] En setembro de 2009, na noite de gala da NYPO, onde Gilbert se estreou como Director Musical, a orquestra interpretou unha obra do compositor: EXPO.[8] Logo de abandonar o posto de compositor residente na orquestra novaiorquina en 2011, foi nomeado nese mesmo cargo pola London Philharmonic Orchestra a partir da tempada 2014-15, compaxinando estes cargos co seu labor docente en diversas clases maxistrais.[2][9]

O seu interese na música de vangarda manifestouse tamén na súa faceta como pianista, interpretando obras de compositores como Luciano Berio, Pierre Boulez, Karlheinz Stockhausen ou Bernd Alois Zimmermann.[1]

Composicións e estilo[editar | editar a fonte]

O seu primeiro gran éxito chegou con "Action-Situation-Signification" en 1982, o primeiro traballo co que explorou a musique concrète. Esa peza foi escrita para ser estreada polo novo conxunto de música, Toimii (que significa Traballo, en finlandés), que Lindberg fundou durante o verán de 1980. No mesmo período, Lindberg fundou un grupo informal, coñecido como Ears Open Society e no que estaban (xunto co propio Lindberg) Eero Hämeeniemi, Jouni Kaipainen, Kaija Saariaho e Esa-Pekka Salonen, un grupo que pretende fomentar o coñecemento do modernismo dominante.[2]

Durante o seu período parisiense (1981-1993) a súa música foi influenciada por distintas correntes como o free-jazz, post-punk, o minimalismo americano, ou a música tradicional (especialmente do Sueste asiático, gamelán), elementos que Lindberg asimilou e integrou dun xeito persoal ao seu estilo, no que tamén se poden apreciar trazos da música sinfónica de Sibelius.[1] As primeiras composicións de Lindberg mostran a herencia do serialismo americano de Milton Babbitt cun alto grao de formalismo, así como o principio de clasificación harmónica da Ste theory de Allen Forte. Zona, composta en 1983 para violonchelo e sete instrumentos, é o resultado dunha sistematización rítmica precompositiva que repetiría posteriormente na súa obra para orquestra e ensemble Kraft (1983-1985), nesta etapa tamén se viu influenciado polo espectralismo francés.[1] A finais da década dos '80 a súa música transformouse cara a un novo clasicismo modernista, nas que moitos elementos comunicativos da vibrante linguaxe musical (harmonía, ritmo, contrapunto, melodía) foron reinterpretados para a era post-serial, destacando nesta etapa obras como Kinetics (1988), Marea (1989-90) e Joy (1989-90), acadando o seu culme en Aura (1993-94) e Arena (1994-95).[2]

A partir de principios dos anos '90 aspirou a unha maior pureza do son e unha lixeireza na ornamentación que contrasta con composicións anteriores como Kraft, e posteriormente tomou á gran orquestra como a súa formación predilecta; nesta época salienta Aura, síntese dos seus plantexamentos compositivos anteriores, mais con tendencia a emancipar a individualidade virtuosística da masa orquestral preservando os amplos efectos da textura. Xunto con Aura e Feria, Lindberg explota de novo o material caleidoscópico da orquestra, que logo prolongará con Fresco (1997-98), Cantigas (1997-99) e Parada (2001), que conforman a que el mesmo denominor o seu «tríptico sinfónico».[1]

Lindberg foi moi influenciado por Pierre Boulez, Tristan Murail e Igor Stravinskii, mostrando esa influencia en Corrente (1992) e o Duo Concertante (1990).

Entre as súas obras destacan Seht die Sonne (2007), un encargo de Berliner Philharmoniker baixo a dirección de Simon Rattle e San Francisco Symphony, a súa primeira composición orquestral-coral GRAFFITI, estreada na súa cidade natal en maio de 2009 e Era (2012) para o 125 aniversario do Concertgebouw.[2]

Premios e distincións[editar | editar a fonte]

Lindberg ten recibido numerosos premios de composición, tanto a nivel nacional como internacional, entre os que salientan:

Discografía[editar | editar a fonte]

As composicións de Lindberg teñen sido rexistradas por selos como Deutsche Grammophon, Sony, Ondine, Da Capo e Finlandia.[2] Destacan:[12]

Ano Obras Director/solista(s) Orquestra/ensemble Selo Código
1994 UR, Corrente, Duo concertante, Joy Peter Eötvös (director) Ensemble intercontemporain Ircam - Universal Music, coll. Compositeurs d’aujourd’hui (1 CD)
1997 Arena 2, Coyote Blues, Tendenza, Corrente Sakari Oramo (director Avanti! Chamber Orchestra Ondine (1 CD) ODE 882-2
2000 Aura, Engine Olivier Knussen (director London Sinfonietta Deutsche Grammophon (1 CD)
2004 Concerto pour piano, Kraft Magnus Lindberg (piano) Toimii Ensemble Ondine (1 CD) ODE 1017-2
2005 Concerto pour clarinette, Grand Duo, Choral Sakari Oramo (director) e Kari Kriikku (clarinete) Radion sinfoniaorkesteri Ondine (1 CD)
2006 Gran Duo, "The President's Own" Colonel Timothy W. Foley United States Marine Band USMB (1 CD) CD-22
2007 Mano a mano Timo Korhonen (guitarra) Ondine (1 CD) ODE 1091-2
2007 (*) Steamboat Bill Jr. Kari Kriikku (clarinete) e Anssi Karttunen (violonchelo) Ondine (1 CD) ODE 1102-2
2007 Concerto para violín Sakari Oramo (director) e Lisa Batiashvili (violín) Radion sinfoniaorkesteri Sony (1 CD) BMG 88697 129362
2008 Sculpture, Campana in aria, Concerto for orchestra Sakari Oramo (director) e Esa Tapani (trompa) Radion sinfoniaorkesteri Ondine (1 CD) ODE 1124-2
2010 Graffiti, Seht die Sonne Sakari Oramo (director) Radion sinfoniaorkesteri e Córo de Cámara de Helsinqui Ondine (1 CD) ODE1157-2
2011 Tendenza, Kraft, Kinetics, Marea, Joy, Corrente, Corrente II, Coyote Blues, Arena, Arena 2, Feria, Gran Duo, Chorale, Concerto for Orchestra, Sculpture Sakari Oramo, Esa-Pekka Salonen e Jukka-Pekka Saraste (directores) Avanti! Chamber Orchestra, Toimii Ensemble, Radion sinfoniaorkesteri Ondine (4 CDs) ODE 1110-2Q
2012 Trio for Clarinet, Sancta Fe Project, Partia, Dos Coyotes Kari Kriikku (clarinete), Anssi Karttunen (violonchelo), Magnus Lindberg (piano) Ondine (1 CD) ODE 1199-2

(*) Con obras de Erik Bergman, Kimmo Hakola, Paavo Heininen, Erkki Jokinen, Olli Kortekangas, Tapani Länsiö, Usko Meriläinen, Kaija Saariaho e Jukka Tiensuu

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 IRCAM (ed.). "Magnus Lindberg" (en francés). Consultado o 12 de febreiro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Boosey & Hawkes, Inc. (ed.). "Magnus Lindberg Biography" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2014. 
  3. IRCAM (ed.). "Magnus Lindberg Œuvres par date" (en francés). Consultado o 12 de febreiro de 2014. 
  4. IRCAM (ed.). "Quintetto dell'estate (1979)" (en francés). Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  5. IRCAM (ed.). "Sculpture II (1981)" (en francés). Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  6. 6,0 6,1 Akademie der Künste (ed.). "Magnus Lindberg - Seit 2001 Mitglied der Akademie der Künste, Berlin, Sektion Musik" (en alemán). Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  7. Daniel J. Wakin (13 de xaneiro de 2009). "For the Philharmonic, Next Stop, Vietnam". The New York Times. Consultado o 12 de febreiro de 2014. 
  8. Anthony Tommasini (2009-09-17), "Gilbert Debuts as Philharmonic’s Director." The New York Times. Consultado o 12 de febreiro de 2014.
  9. 9,0 9,1 9,2 ondine.net (ed.). "Magnus Lindberg (1958-)" (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  10. Akademie der Künste (ed.). "Auszeichnungen und Preise" (en alemán). Consultado o 13 de febreiro de 2014. 
  11. Yleisradio, ed. (3 de decembro de 2012). "Sofi Oksaselle Pro Finlandia" (en finlandés). Consultado o 16 de febreiro de 2014. 
  12. IRCAM (ed.). ""Magnus Lindberg" Ressources" (en francés). Consultado o 16 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Stenius, Caterina. WSOY, ed. Chaconne: Magnus Lindberg ja uusi musiikki (en finés). Helsinqui. ISBN 951-0-31816-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]