Faetontiformes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Faetontiformes (Phaethontiformes)
Rango fósil: do eoceno temperán ao presente
Phaethon aethereus mesonauta no niño cun pitiño nas Illas Virxes británicas
Phaethon aethereus mesonauta no niño cun pitiño nas Illas Virxes británicas
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Phaethontiformes
Familia: Phaethontidae
Xénero: Phaethon
Especies

Os faetontiformes (Phaethontiformes) é unha orde de aves mariñas peláxicas que se creou recentemente para albergar unha única familia actual, a dos faetóntidos (Phaethontidae), que comprende un único xénero vivente, Phaethon, con 3 especies. Anteriormente estaban clasificadas na orde Pelecaniformes. As súas relacións con outras especies de aves vivas non están moi claras, e parece que non teñen parentes moi próximos. Teñen predominantemente plumaxe branca e presentan unha cola cunhas características plumas longas, e unhas pequenas e febles patas e pés.

Taxonomía, sistemática e evolución[editar | editar a fonte]

Estas aves estaban tradicionalmente clasificadas na orde Pelecaniformes, que contiña os pelicanos, corvos mariños, os Anhinga, mascatos e fragatas. Na taxonomía de Sibley-Ahlquist os Pelecaniformes están unidos con outros grupos formando o gran taxón "Ciconiiformes". Máis recentemente esta agrupación considerouse masivamente parafilética, polo que foi de novo dividida.

A análise microscópica da estrutura da casca dos seus ovos feita por Konstantin Mikhailov en 1995 atopou que a casca dos ovos dos faetontiformes carece da cuberta do material microglobular groso característico doutros Pelecaniformes.[1]

Investigacións recentes suxiren que os pelecaniformes na súa definición tradicional son parafiléticos tamén. Os faetontiformes e a familia extinta Prophaethontidae considéranse unha orde distinta, denominada Phaethontiformes, que non está estreitamente emparentada con ningunhas outras aves viventes. Algúns estudos iniciais feitos na década do 2000 suxeriron que hai unha relación distante cos Procellariiformes, [2][3] pero desde 2004 foron situados dentro de Metaves, ou nunha liñaxe sen afinidades cos Procellariiformes, debido ao resultado dos estudos moleculares máis recentes.[4][5][6][7]

Phaethon lepturus nas illas Seychelles.

Un artigo de 2014 de Jarvis, et al. no que se estudan os xenomas completos destas aves aliña os faetontiformes como máis próximos aos xéneros Eurypyiga e Rhynochetos dos Eurypygiformes, e estes dous clados forman o grupo irmán das "aves mariñas centrais" ("core water birds"), as Aequornithes, polo que se abandona a hipótese das Metaves.[8]

Familia Phaethontidae

  • Xénero Phaethon
    • Phaethon aethereus, ave tropical do Atlántico, leste do Pacífico e Índico. Propúxose para ela como nome común galego o de rabixunco.[9][10]
    • Phaethon rubricauda, vive no Índico e o centro e oeste do Pacífico.
    • Phaethon lepturus, moi estendida pola maioría das augas tropicais, agás no leste do Pacífico.

Dentro do grupo, P. rubricauda e P. lepturus son os que están máis próximos entre si, mentres que P. aethereus é un taxon irmán do grupo.

Phaethusavis e Heliadornis son xéneros prehistóricos de faetontiformes descritos como fósiles.

Descrición[editar | editar a fonte]

Phaethon rubricauda no atol de Midway.

O tamaño destas aves vai de 76 a 102 cm en lonxitude e de 94 a 112 cm en envergadura de ás. A súa plumaxe é predominantemente branca, cunhas plumas centrais da cola moi alongadas. As tres especies teñen diferentes combinacións de marcas negras na face, costas e ás. Os seus peteiros son grandes, fortes e algo curvados. As súas cabezas son grandes e os seus pescozos son curtos e grosos. Teñen pés totalmente palmados, polo que os seus catro dedos están unidos por medio dunha membrana. As patas están localizadas no corpo bastante atrás, o que fai que lles sexa imposible camiñar, polo que cando van a terra para aniñar só se poden mover empurándose coas patas cara adiante, pero a súa vida é case enteiramente mariña peláxica.[11]

Emiten un son que é alto, penetrante, agudo, pero como un asubío renxente, xeralmente emitido en rápidas series cando están facendo un voo de exhibición sobre a colonia.[12]

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Phaethon aethereus, na Illa Genovesa, Illas Galápagos.

Estas aves capturan frecuentemente as súas presas planeando e mergullándose en picado no mar, normalmente só na capa máis superficial das augas. Comen principalmente peixes, especialmente peixes voadores, e ocasionalmente luras.[11] Tende a evitar as bandadas de aves formadas por moitas especies que se están alimentando, a diferenza das fragatas, que teñen dietas similares.

Son xeralmente solitarias ou van en pares cando non están nas colonias de nidación. Alí realizan espectaculares exhibicións de cortexo. Durante vrios minutos, grupos de 2 a 20 aves voan repetida e simultaneamente unha arredor da outra describindo grandes cícculos verticais, mentres que moven as plumas da cola dun lado a outro. Se á femia lle gusta a representación, aparéase co macho no seu posible sitio de aniñación. Ocasionalmente, pode haber liortas entre machos que tratan de protexer as súas parellas e áreas onde aniñan.

Fan o niño en buracos ou gretas no chan. A femia pon un ovo branco, con pintiñas marróns, que chocan durante un período de 40 a 46 días. A incubación realízana os dous membros da parella, pero principalmente a femia, mentres que o macho trae comida para alimentar a femia. Do ovo nace un pitiño con penuxe gris, que permanece só no niño cando ambos os pais van procurar comida, e é alimentado dúas veces cada tres días ata que empluma, unhas 12 a 13 semanas despois de eclosionar. As crías non poden voar inicialmente e teñen que flotar no oceano durante varios días para perderen peso antes de poder voar.

As crías teñen un crecemento máis lento que outras aves que viven preto da costa, e tenden a acumular graxa cando son novas. Isto, xunto con que as postas son dun só ovo, parece ser unha adaptación ao seu estilo de vida peláxico, no que aínda que o seu alimento está agrupado en grandes cantidades, pode ser difícil de atopar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mikhailov, Konstantin E. (1995). "Eggshell structure in the shoebill and pelecaniform birds: comparison with hamerkop, herons, ibises and storks". Canadian Journal of Zoology 73 (9): 1754–70. doi:10.1139/z95-207. 
  2. Mayr, G (2003). "The phylogenetic affinities of the Shoebill (Balaeniceps rex)". Journal für Ornithologie 144 (2): 157–175. doi:10.1007/bf02465644. 
  3. Bourdon, E.; et al. (2005). "Earliest African neornithine bird: A new species of Prophaethontidae (Aves) from the Paleocene of Morocco". J. Vertebr. Paleontol 25 (1): 157–170. doi:10.1671/0272-4634(2005)025[0157:eanban]2.0.co;2. 
  4. Fain, M.G.; Houde, P. (2004). "Parallel radiations in the primary clades of birds". Evolution 58 (11): 2558–73. PMID 15612298. doi:10.1554/04-235. 
  5. Ericson, G.P.; et al. (2006). "Diversification of Neoaves: integration of molecular sequence data and fossils". Biol Lett. 2 (4): 543–547. PMC 1834003. PMID 17148284. doi:10.1098/rsbl.2006.0523. 
  6. Hackett, S.; et al. (2008). "A Phylogenomic Study of Birds Reveals Their Evolutionary History". Science 320 (5884): 1763–1768. PMID 18583609. doi:10.1126/science.1157704. 
  7. Naish, D. (2012). "Birds." Pp. 379-423 in Brett-Surman, M.K., Holtz, T.R., and Farlow, J. O. (eds.), The Complete Dinosaur (Second Edition). Indiana University Press (Bloomington & Indianapolis).
  8. Jarvis, Erich D.; et al. (2014). "Whole-genome analyses resolve early branches in the tree of life of modern birds". Science 346 (6215): 1320–1331. PMID 25504713. doi:10.1126/science.1253451. 
  9. Lista das aves de Galicia
  10. Conde Teria, M. A. "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglosa. 1: 121-I38. A Coruña, 1999. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 8 de febreiro de 2016. 
  11. 11,0 11,1 Schreiber, E.A. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. p. 63. ISBN 1-85391-186-0. 
  12. Green, J.F. (1887). Ocean Birds. London: R.H. Porter. p. 52. 
  • Boland, C. R. J.; Double, M. C.; Baker, G. B. (2004). "Assortative mating by tail streamer length in red-tailed tropicbirds Phaethon rubricauda breeding in the Coral Sea". Ibis 146 (4): 687–690. doi:10.1111/j.1474-919x.2004.00310.x.  (HTML abstract)
  • Oiseaux.net (2006): Red-billed Tropicbird. Retrieved 4-SEP-2006.
  • Spear, Larry B.; Ainley, David G. (2005). "At-sea behaviour and habitat use by tropicbirds in the eastern Pacific". Ibis 147 (2): 391–407. doi:10.1111/j.1474-919x.2005.00418.x.  (HTML abstract)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]