F. Scott Fitzgerald
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2016.) |
Nome orixinal | (en) Francis Scott Key Fitzgerald |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 24 de setembro de 1896 Saint Paul (Estados Unidos de América) |
Morte | 21 de decembro de 1940 (44 anos) Hollywood, Estados Unidos de América |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | St. Mary's Catholic Cemetery (en) |
Datos persoais | |
Residencia | Saint Paul Baía de Chesapeake (pt) París Hollywood Buffalo Princeton Antibes |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Princeton |
Altura | 1.700 mm |
Actividade | |
Ocupación | novelista |
Período de actividade | 1920 - |
Xénero artístico | novela e relatos curtos |
Movemento | Modernismo |
Influencias | |
Lingua | Lingua inglesa |
Obra | |
Obras destacables O Gran Gatsby This Side of Paradise | |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Zelda Sayre |
Fillos | Frances Scott "Scottie" Fitzgerald |
Pais | Edward Fitzgerald (en) e Mary McQuillan (en) |
Parentes | Francis Scott Key (pt) (curmán) |
Premios | |
|
Francis Scott Key Fitzgerald, nado en Saint Paul (Minnesota) o 24 de setembro de 1896 e finado en Hollywood (California) o 21 de decembro de 1940, foi un novelista estadounidense da época do primeiro jazz. A súa obra é o reflexo dos problemas da mocidade do seu país nos anos que seguiron á primeira guerra mundial. É especialmente coñecido pola obra The Great Gatsby, traducida ao galego por Laura Rodríguez Gómez como O Gran Gatsby.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Scott Fitzgerald estudou na súa vila natal até os 15 anos, época na que comezou a escribir. Despois fixo a educación secundaria nun centro privado de Hackensack (Nova Jersey). En 1913 comezou os estudos universitarios na Universidade de Princeton, onde coñeceu futuros críticos e escritores como Edmund Wilson ou John Peale Bishop. Fitzgerald afrontou dificultades académicas durante os tres anos da carreira universitaria, abandonándoa en 1917 para alistarse no exército dos Estados Unidos, en medio da primeira guerra mundial. Porén, o conflito bélico rematou antes de sen licenciar, sen chegar a ir á fronte de batalla.
O escritor quería morrer na guerra deixando un legado literario, polo que escribiu ás présas a novela The Romantic Egotist nos campos de adestramento militar de Camp Taylor (Louisville, Kentucky) e Camp Sheridan (Alabama). Malia ser louvada por un editor da neoiorquina Charles Scribner's Sons, a editorial á que presentou a novela rexeitouna.
Mentres estaba en Camp Sheridan, Fitzgerald coñeceu a Zelda Sayre (1900-1948), a «top girl», segundo o propio Fitzgerald, de Montgomery (Alabama). En 1919 comprometéronse, e foron vivir a un apartamento en Nova York. Alí comezou a traballar para unha compañía publicitaria e escribiu relatos breves. Ao pouco tempo, ela deixouno e Fitzgerald volveu á casa dos seus pais en St. Paul para revisar The Romantic Egotist. En outono de 1919 a novela foi aceptada co título de This Side of Paradise por Scribner's, e Zelda e el retomaron a relación. A novela foi publicada o 26 de marzo de 1920 e converteuse nun éxito de vendas, servindo para definir a xeración flapper. Á semana seguinte Scott e Zelda casaron na Catedral de St. Patrick de Nova York. O 26 de outubro de 1921 naceu a súa única filla, Frances Scott "Scottie" Fitzgerald.
Malia Fitzgerald ter unha clara vocación como novelista, as novelas nunca lle deron cartos abondo como para manter o opulento estilo de vida que tanto el como Zelda adoptaron. Por este motivo escribiu relatos curtos para revistas como Saturday Evening Post, Collier's Magazine ou Esquire, e vendeu ás produtoras de Hollywood os dereitos para realizar películas baseadas na súa produción literaria. Tiña decote problemas financeiros, e pediu numerosos préstamos ao seu axente literario, Harold Ober, e ao seu editor en Scribner's, Maxwell Perkins.
A década de 1920 foi a de maior repercusión da literatura de Fitzgerald. A súa segunda novela, The Beautiful and Damned (1922), representa un impresionante desenvolvemento en comparación co Fitzgerald inmaturo de This Side of Paradise. En 1925 publicou O Gran Gatsby, considerada por parte da crítica a súa mellor obra. Nesa época Fitzgerald viaxou varias veces a Europa, sobre todo a París e a Riviera Francesa, onde fixo amizade con moitos estadounidenses expatriados que vivían en París, como Ernest Hemingway.
A finais da década comezou a traballar na súa cuarta novela, pero deixouna por mor da esquizofrenia que padeceu a súa muller en 1930 e polas dificultades económicas, así que continuou escribindo relatos breves comerciais. A partir de entón, a saúde de Zelda continuou fráxil. En 1932 foi hospitalizada en Baltimore (Maryland), e Scott alugou a leira de La Paix na periferia de Towson para poder traballar no seu libro, que trataba sobre a historia do ascenso e o fracaso de Dick Diver, un prometedor psiquiatra psicanalista e a súa muller, Nicole, quen é, amais, unha das súas pacientes. O libro foi publicado en 1934 co título de Tender Is the Night.
Fitzgerald, de novo con problemas económicos, pasou a segunda metade da década de 1930 en Hollywood, escribindo máis relatos curtos, guións para a Metro-Goldwyn-Mayer, e a súa quinta novela, The Love of the Last Tycoon, baseada na vida do executivo cinematográfico Irving Thalberg. El e Zelda afastáronse mutuamente; ela seguiu vivindo en centros psiquiátricos da costa leste, mentres que el viviu coa súa amante Sheilah Graham en Hollywood.
Alcoholizado, a finais de 1940 Fitzgerald sufriu dous ataques cardíacos. O segundo, acontecido o 21 de decembro dese ano, provocoulle a morte no apartamento de Sheilah Graham en Hollywood. Foi soterrado no Cemiterio de Saint Mary, en Rockville (Maryland).
Fitzgerald non tivo tempo de terminar The Love of the Last Tycoon. As notas que tiña para a novela foron corrixidas polo seu amigo e crítico Edmund Wilson, e publicadas en 1942 co título de The Last Tycoon.
Novelas
[editar | editar a fonte]- This Side of Paradise (1922)
- The Beautiful and Damned (1922)
- O Gran Gatsby, (The Great Gatsby, 1925)
- Tender Is the Night (1934)
- The Last Tycoon (orixinalmente The Love of the Last Tycoon; publicado postumamemente en 1942)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: F. Scott Fitzgerald |