Fénix (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fénix (moeda) †
Phoenix
Phoenix coin.jpg
Ámbito:Grecia Grecia
Fracción:100 lepta (sing. leptón)
Moedas:1 leptón; 5, 10 e 20 lepta; 1 fénix
Billetes:5, 10, 50 e 100 fénix
Emisor:Banco de Grecia

O fénix ou phoenix (do grego: φοίνιξ) foi a primeira unidade monetaria da Grecia moderna, vixente entre 1828 e 1832, cando foi substituído polo dracma, e dividido en 100 lepta (sing. leptón).[1][2]

Tomou o seu nome da mítica ave fénix, como símbolo do rexurdimento de Grecia durante a súa guerra de independencia, que aínda persistía.[3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto do seu nacemento[editar | editar a fonte]

Retrato de Ioannis Kapodistrias (1828-1831), primeiro gobernador de Grecia, creador do fénix

A creación dunha moeda nacional era un dos asuntos máis perentorios para o novo Estado grego, que estaba a nacer, para acabar co caos monetario en que estaba sumido. Antes da introdución do fénix, as transaccións resolvíanse cunha grande variedade de moedas, entre as que estaba o kuruş, aínda que era tamén común o circulante doutros países como Francia, Gran Bretaña, Rusia ou Austria, así como o real de oito español, moi utilizado na época como moeda global.

Esta prioridade do gobernador Kapodistrias plasmouse nun decreto do 12 de abril de 1828 polo que se autorizaba a implantación do fénix de prata como moeda nacional, dividido en 100 lepta, acolléndose así ao sistema decimal característico da Unión Monetaria Latina e daquela xa asumido pror Francia.[5] O Goberno ruso achegoulle á Administración grega un millón e medio de rublos para pór en marcha o proxecto.[6]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Kapodistrias puxo á fronte do proxecto de creación do fénix o político, magnate e banqueiro grego Alexandros Kontostavlos. Este viaxou a Malta, onde negociou a adquisición de varias prensas monetarias que ata a data foran utilizadas pola Orde de Malta. Finalmente, os enxeños foron levados a Exina.[7] Dáse a coincidencia de que en Exina foi onde se emitiron tanto as primeiras moedas da Antiga Grecia, cara ao ano 700 a. de C. (estatero) como as primeiras do Estado grego moderno (fénix).[8]

Moeda de cobre de 10 lepta de 1828

Os cuños para os fénix e os lepta foron labrados polo armenio Chatzigrigoris Pyrobolistis e as primeiras moedas saíron das máquinas o 27 de xuño de 1829 (aínda que con data de 1828) cos valores de 1 fénix, 20 lepta, 10 lepta, 5 lepta e 1 leptón. O conxunto de cinco fénix era equivalente a un tálero de prata, que tamén circulaba en Grecia nesa data como moeda internacional.[9][10]

O 30 de xuño de 1829 estableceuse a casa de moeda nacional, onde a produción continuou coa ollada posta na data do 1 de outubro dese mesmo ano, cando estaba previsto o lanzamento da nova unidade monetaria. Todos os fénix e os seus divisores foron fabricados na casa de moeda nacional de Exina, que continuou activa ata 1833.

O fénix estaba destinado a substituír o kuruş otomán, coa equivalencia de 6 fénix por cada kuruş. O kuruş equivalía exactamente ao real de oito, unha sexta parte de cuxo peso equivalía a 4,074 gramos de prata pura; porén, o fénix só contiña 3,747 gramos de prata xa que, ao ser o peso español doadamente adulterable, de ser totalmente equivalente, o fénix tería desaparecido da circulación en favor do real.[11]

Billete de 50 fénix de 1831

Porén, malia os esforzos gobernamentais, só se cuñou un pequeno número de moedas (estímase que unhas 12.000), polo que a maior parte das transaccións no país seguiron a efectuarse en moeda estranxeira. Carente do metal necesario para cuñar máis moeda, o Goberno emitiu en 1831 billetes (de 5, 10, 50 e 100 fénix) por un valor total de 300.000 fénix, que non se sustentaban en depósito ningún, motivo polo que axiña foron rexeitados e apenas chegaron a circular.[12]

Finalmente, en 1832, coa chegada do rei Otto, reformouse o sistema monetario e o fénix foi substituído por unha nova moeda de idéntico valor, o dracma, que foi introducido oficialmente en 1833.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Drachma". En Encyclopaedia Britannica: "When Greece finally achieved its independence from the Ottoman Empire in 1828, the phoenix was introduced as the monetary unit; its use was short-lived, however, and in 1832 the phoenix was replaced by the drachma, adorned with the image of King Otto".
  2. Caracterización do fénix de 1828. En www.coinsandbanknotes.de.
  3. "Phoenix (currency)". En Phantis.
  4. "Greek Independence Coin". En Nigg, Joseph (2016)
  5. Gil Farrés, O. (1974). Páxinas 229-230.
  6. Lazarétou, Sofía. (2003). Páxina 5.
  7. "Aegina Mint (1828 - 1833)". En Online Coin Club.
  8. "Aegina". En Head, Barclay V. (1911). Páxinas 394-398.
  9. "Greece". En Krause, Ch.; Clifford Mishler. (1991).
  10. Catálogo de todas as moedas emitidas de fénix e os seus divisores (1828-1831).
  11. Lazarétou, Sofía. (2003). Páxina 6.
  12. Catálogo dos billetes emitidos en fénix en 1831. En www.greekbanknotes.com.
  13. "La moneda de Grecia". En Torres, Julio. "Las monedas nacionales de los doce primeros países que utilizaron el euro". Gaceta Numismática. 160. Marzo de 2006. Páxina 59.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]