Expulsión dos mercadores do Templo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xesús expulsando os mercadores do Templo. Quentin Matsys (Século XVI).

A expulsión dos mercadores do Templo de Xerusalén, ou a purificación do Templo, é unha perícope dos catro evanxeos canónicos (o de Mateo, o de Marcos, o de Lucas e o de Xoán). Nela, Xesús de Nazaret botou cos tendeiros que vendían no interior do Templo de Xerusalén. Batendo cunha xostra, estragou os postos de venda de animais para seren ofrendados e derrubou as mesas dos cambiadores de cartos.

A pasaxe evanxélica[editar | editar a fonte]

Comparación dos feitos narrados polos evanxeos
Evanxeo de Mateo (21,12-18)[1] Evanxeo de Marcos (11, 15-19)[2] Evanxeo de Lucas (19, 45-48)[3] Evanxeo de Xoán (2, 13-22)[4]
Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. E díxolles:

‑Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos.

No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos. Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: "Hosanna ó Fillo de David!", indignáronse; e dixéronlle:

‑¿Seica non oes o que estes nenos din?

Xesús respondeulles:

‑Si, ¿e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha loanza?

E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite.

Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. E púxose a ensinar, dicindo:

‑¿Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.

O que o souberon, os sumos sacerdotes e mais os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. E á tardiña saíu da cidade.

Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, dicíndolles:

‑Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos.

Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mais os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. Pero non o atopaban, porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía.

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores e ós que vendían as pombas, díxolles:

‑Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".

Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:

‑¿Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:

‑Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Replicáronlle os xudeus:

‑Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

Interpretación[editar | editar a fonte]

Segundo as indicacións de Xoán, o incidente aconteceu antes do 15 do mes de Nisán (día da Pascua)[5]. Con todo, a versión dos sinópticos (Mateo, Marcos e Lucas) é que o episodio tivo lugar na derradeira semana de Xesús de Nazareth con vida, mentres que no de Xoán, preséntase como unha das súas primeiras accións durante a súa vida pública. Isto xerou debate sobre se se trata dunha única ocasión, ou, de se foron varias veces: algúns como Louis Claude Fillion, consideran de que os sinópticos e Xoán presentan episodios diferentes[6], mentres que outros, tenden a indentificalo como un único feito. Esta é a corrente con maior consenso entre teólogos católicos como G. Ricciotti[7] e protestantes, como V. Taylor[8].

Recreación do Templo de Xerusalén

O Templo de Xerusalén era o centro da vida relixiosa do xudaísmo do cambio de era. Edificado no século X a.C, nos tempos de Salomón, albergaba a Arca da Alianza, que contiña as Táboas da Lei cos Dez Mandamendos gravados, símbolo do pacto entre Deus e o seu pobo, Israel. Durante o reinado de Herodes o Grande, o Templo foi restaurado nunhas obras que se prolongaron entre o 21 a.C e o 62/64 d.C., coetáneas coa vida e prédica de Xesús de Nazaret[9]. Os peregrinos acudían nun número moi elevado ao Templo, especialmente en Pascua. No patio mercaban as ofrendas que presentaban, ben fose perfume para queimar, ou, máis valioso, animais (pombas, ovellas, bois) para o seu sacrificio ritual. Tamén se facía, no coñecido como Patio dos Xentís, o troco de moeda, pois os peregrinos procedían de diversas rexións do Mediterráneo oriental e Oriente Próximo que debían de cambiar a súas divisas pola local para mercar[9].

Xesús de Nazaret e os seus discípulos fixeron varias prédicas no patio do Templo, segundo as narracións dos evanxeos, atacando nalgunhas delas á relixión oficial e o poder político. A hostilidade de Xesús explícase por entender que esas actividades mercantís estaban a profanar un espazo sagrado. As frases atribuídas a Xesús durante o episodio aluden ás citas das revelacións de Isaías ("a miña será casa de oración" Isaías, 56,7) e Xeremías ("cova de bandidos", Xeremías 7,11[10]) sobre o Templo.

De acordo cos evanxeos, o feito causou un forte impacto nos que alí estaban[11]: os crentes, admirados, recoñecéronos como anuncios proféticos, mentres que os discípulos responderon xustificando a Xesús mencionando o versículo 10 do salmo 69 ("Consómeme o celo da túa casa e as aldraxes dos que te aldraxan caen enriba de min")[12]. Nos sinópticos, a consecuencia deste acontecemento foi que medrou o receo das autoridades relixiosas contra Xesús. Ademais, Marcos e Lucas, relaciónana explicitamente coa conspiración contra el ao coincidiren na frase "buscaban o xeito de acabar con el".

Uso desta pasaxe[editar | editar a fonte]

A expulsión dos mercadores do Templo é un dos únicos momentos nos que os evanxeos presentan a Xesús facendo uso da violencia. Isto fixo que fose empregado ao longo do tempo con distintas finalidades[13]: dunha parte, como argumento lexitimador da violencia por parte dos cristiáns, como fai Agostiño de Hipona, no contexto das polémicas cos donatistas, ou Jean Calvin , que se vale dela para xustificar a represión contra Miguel Servet en Defensio Orthodoxae Fidei (1554). Tamén é empregada doutro xeito, para denunciar os pecados na propia Igrexa, como fixo Gregorio VII que recorreu a ela para loitar contra a simonía (venda de cargos eclesíasticos). No século XXI, os papas Bieito XVI e Francisco usárona para denunciar a violencia[14] ou a "idolatría" dos cartos[15].

Motivo artístico[editar | editar a fonte]

A Expulsión dos mercadores do Templo é un pasaxe da Biblia que inspirou diferentes obras de arte ao longo da Historia. Algúns dos máis destacados exemplos son: El Greco ou Rembrandt.

A purificación do Templo. El Greco (1600)
A expulsión dos mercadores. Rembrandt (1626)







Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Capítulos 21-25 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  2. "Capítulos 11-16 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  3. "Capítulos 16-20 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  4. "Capítulos 1-5 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  5. O Novo Testamento. SEPT. 1998. ISBN 84-7337-048-1. 
  6. Fillion, Louis Claude (1922). Vida de Jesucristo. Rialp. ISBN 978-84-321-5193-4. 
  7. Ricciotti, Giuseppe (2000). Vida de Jesucristo. Edibesa. ISBN 978-84-8407-127-3. 
  8. Taylor, Vincent (1953). The Gospel According to St. Mark. Macmillan. 
  9. 9,0 9,1 Jeremias, Joachim (1985). Jerusalen en tiempos de Jesús. Cristiandad. ISBN 84-7057-211-3. 
  10. "Capítulos 6-10 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  11. "Angelus, Bieito XVI, 11-3-2012". vatican.va. Consultado o 1-2-2021. 
  12. "Capítulos 66-70 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-01. 
  13. Alexis-Baker, Andy. "Violence, Nonviolence and the Temple Incident in John 2:13-15". Biblical Interpretation (en inglés) 20 (1-2): 73–96. ISSN 0927-2569. 
  14. "El Papa pide enérgicamente el fin de la violencia en Irak en la oración del Ángelus". La Rioja (en castelán). 2008-03-17. Consultado o 2021-02-01. 
  15. "Discurso do Santo Padre Francisco aos participantes na reunión de economía de comuñón, organizado polo Movemento dos Focolares.". vatican.va. Consultado o 1-2-2021.