Eugène Ysaÿe
Eugène Ysaÿe | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 16 de xullo de 1858 |
Liexa | |
Falecemento | 12 de maio de 1931 |
Bruxelas | |
Causa | Diabetes mellitus |
Soterrado | Ixelles Cemetery |
Nacionalidade | Bélxica |
Alma máter | Royal Conservatory of Liège |
Ocupación | compositor, director de orquestra, violinista, profesor de música, profesor universitario, Concertino e músico |
Irmáns | Théo Ysaÿe |
Premios | Royal Philharmonic Society Gold Medal |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Eugène Ysaÿe, nado en Liexa o 16 de xuño de 1858 e finado en Bruxelas o 12 de maio de 1931, foi un violinista, compositor e director de orquestra belga. Foi elixido como un dos Cen Valóns do século polo instituto Jules Destrée, en 1995.
Biografía[editar | editar a fonte]
Comeza a estudar violín co seu pai aos cinco anos. Con sete entra no conservatorio da súa cidade natal, de onde é expulsado catro anos máis tarde polas súas críticas das clases. Henri Vieuxtemps tómao como alumno, faino traballar e consegue que o reintegren no conservatorio na clase de Rodolphe Massart. Con quince anos obtén o diploma de fin de estudos. A través de Viuextemps, recibe unha bolsa para traballar con Henryk Wieniawski en Bruxelas (quen substituía alí a Vieuxtemps, pola parálise dun brazo). Dous anos máis tarde vai para París, para traballar con Vieuxtemps, que residía alí.
En 1879, o violinista alemán Joseph Joachim introdúceo na vida musical de Colonia, onde interpreta con Clara Schumann a Sonata en dó menor de Ludwig van Beethoven. En 1880 é o primeiro violín na orquestra de Benjamin Bilse, en Berlín; orquestra que máis tarde sería a Filharmónica de dita cidade. Franz Liszt e Antón Rubinstein van sempre a Berlín a escoitar o que eles chaman "der famosen Kerl" (Ysaÿe coñecéraos en París en 1876 durante as veladas musicais na casa de Vieuxtemps, e desenvolvérase unha admiración mutua). A partir de 1881, emprende xiras de concertos con Anton Rubinstein entre outros, por Rusia, Noruega (onde se encontra con Edvard Grieg) e París. Alí, establece amizade co seu compatriota de Liexa César Franck, que compoñerá para el a súa célebre sonata como agasallo de voda. O alumno de Franck, Ernest Chausson, dedícalle o seu Poema para violín e orquestra e o seu Concerto para piano e cuarteto de cordas. Outros músicos célebres dedícanlle tamén numerosas obras: Claude Debussy o seu cuarteto; Camille Saint-Saëns unha sonata; Gabriel Fauré o seu segundo quinteto; Edward Elgar, e numerosos compositores belgas. Durante as súas viaxes a Viena e Bordeos, cabe mencionar a súa interpretación do Poema de Chausson, que integra no seu programa; negándose a tocar se os organizadores non a querían incluír.
En 1894 crea e dirixe os Concertos Ysaÿe en Bruxelas, así como os Cuartetos de Cordas Yasÿe con Mathieu Crickboom de segundo violín. Ese mesmo ano preséntase en EUA. De 1886 a 1898, traballa de profesor no Real Conservatorio de Bruxelas. Os seus alumnos máis prestixiosos son Josef Gingold, William Primrose, Louis Persinger, Alberto Bachmann e Mathieu Crickboom. De 1918 a 1922, acepta o posto de director permanente da orquestra de Cincinnati.
Os seus instrumentos persoais son: primeiro, un Stradivarius, o Hércules, que lle roubaron nun concerto en Rusia; e un Guadagnini. Despois, un Guarnerius del Gesù (que despois pertenceu a Isaac Stern).
Convértese enseguida no conselleiro musical da Raíña Sabela de Bélxica. O concurso creado pola raíña, que levaba o seu nome, foi chamado en 1951 Concours musical international Reine-Élisabeth-de-Belgique (CMIREB) (concurso musical internacional Raíña-Sabela-de-Bélxica). Pouco antes de morrer, puido oír desde a súa cama do hospital a estrea da súa derradeira obra, unha ópera en lingua valoa: Pier li Houyeu.
Familia[editar | editar a fonte]
- Théo Ysaÿe (Verviers, 1865 - Niza, 23 de marzo de 1918): irmán de Eugène, pianista e compositor, fixo os seus estudos musicais en Liexa, Berlín e París. De saúde débil non podía seguir o ritmo das xiras co seu irmán e dedicouse á composición. Foi profesor do conservatorio de Xenebra e foi autor de numerosas obras.
- Marc Ysaÿe: bisneto de Eugène e batería do grupo Machiavel e director de programas da Classic 21, unha das radios da RTBF (Radio-Télévision belge de la Communauté française).
Obras[editar | editar a fonte]
- Seis Sonatas para violín op 27 dedicadas a grandes compositores e violinistas segundo o seu estilo:
- Sonata 1: Joseph Szigeti
- Sonata 2: Jacques Thibaud
- Sonata 3: George Enescu
- Sonata 4: Fritz Kreisler
- Sonata 5: Mathieu Crickboom (o seu alumno favorito)
- Sonata 6: Manuel Quiroga Losada
- Unha sonata para 2 violíns (dedicada á raíña Sabela de Bélxica)
- Sonata para violonchelo só, op 28
- Numerosos poemas para violín e orquestra (por exemplo: "poème élégigiaque", "chant d'hiver" ou "les neiges d'antan".
- Unha fantasía para violín e orquestra
- Un divertimento, op 24
- Unha ópera: Pier li Houyeu (Pedro o mineiro)
Debilitado pola diabetes non puido terminar a súa segunda ópera: L’avièrge di pièr (A virxe de pedra)
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- «Eugène Ysaÿe» no International Music Score Library Project .
- Esplendor y declive del violín romántico (en castelán)