Concertino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nunha orquestra sinfónica, o concertino é o solista da sección de violíns primeiros.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome xorde do concerto grosso, xénero empregado sobre todo na música barroca en Italia.

O concertino na orquestra sinfónica[editar | editar a fonte]

Na actualidade o termo concertino úsase moi comunmente para a música sinfónica. Nunha orquestra siunfónica, a primacía dos violíns é moi habitual. Así, na orquestra, o concertino é a persoa de maior xerarquía despois do director da orquestra, o que executa os solos de violín en caso de que os haxa, coa excepción dos concertos de violín, nos que é probábel que interveña un violinista convidado.

Na orquestra o concertino ocupa o primeiro lugar da primeira fila de executantes, á esquerda do mestre. Antes da entrada do mestre, é o último instrumentista que entra no escenario.

O concertino toma decisións respecto á técnica de execución dos violíns e, en ocasións, de todos os instrumentos de corda, e pode encargarse da afinación de toda a orquestra (só corda) antes dos ensaios e das actuacións cara ao público, e doutras cuestións técnicas. En ocasións axuda ao director da orquestra con pequenos xestos que marcan tempos que non poden ser indicados soamente pola batuta do director.

Outros usos do termo[editar | editar a fonte]

De forma máis xeral, o concertino é o instrumento ou grupo de instrumentos solistas, por contraposición co ripieno, que é o conxunto de instrumentos que serven de acompañamento e base para o concerto. Entre ambos adoita darse un intercambio de material musical.

Utilízanse ambos os termos para calquera agrupación de músicos que cumpran as súas características; pode fabarse, por exemplo, do concertino e o ripieno dunha Big Band de jazz, xénero que comparte moitas características formais co concerto grosso (incluíndo a liberdade interpretativa e de improvisación, que era típica da música anterior ao clasicismo).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. concertino no dicionario da RAG.