Comportamento

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Conduta»)

Diferentes comportamentos animais.

O comportamento[1] ou conduta é o conxunto de respostas, ben por presenza ou por ausencia, que presenta un ser vivo en relación co seu contorno[2] ou mundo de estímulos. O comportamento pode ser consciente ou inconsciente, público ou oculto, voluntario ou involuntario,[3] segundo as circunstancias que o afecten. A ciencia que estuda o comportamento animal é a etoloxía e a ciencia que estuda a conduta desde o punto de vista da evolución é a ecoloxía do comportamento. A ciencia que estuda a conduta humana é a psicoloxía, se ben é tamén obxecto de estudo noutras ciencias como a socioloxía e a antropoloxía.

Tipo de comportamento[editar | editar a fonte]

  • Innatos: son aqueles comportamentos que se teñén desde o nacemento e non requiren unha aprendizaxe específica.
  • Adquiridos: son os que reproducen unha aprendizaxe. Practicaranse ata o punto de que un estímulo desencadea sempre a mesma resposta.

O comportamento humano pode verse condicionado pola xenética (os instintos, sobre todo), a educación recibida, a moral ou a situación onde actúa. O ser humano xulga sempre todo comportamento desde unha vertente ética, a diferenza doutros animais, polo que considera as condutas como aceptables ou non segundo as normas da súa cultura.

Delimitación do termo[editar | editar a fonte]

O comportamento das especies estúdao a etoloxía, que forma parte tanto da bioloxía coma da psicoloxía experimental. En psicoloxía faise unha distinción importante entre conduta e cognición, pois se ben todos os seres vivos presentan comportamento, non necesariamente todos presentan cognición.

En ciencias sociais considérase que o comportamento vese influído, non só por aspectos psicolóxicos, senón tamén por aspectos xenéticos, sociolóxicos, económicos e culturais.

Na fala común, non así no discurso científico, o termo "comportamento" ten unha connotación definitoria. Unha persoa ou mesmo un grupo social, como suma de persoas, son definidos e clasificados polos seus comportamentos, pode que máis ca polas súas ideas, e isto serve para fixar expectativas ao respecto: "o que se pode esperar". O conxunto de patróns de comportamento máis prototípico e estable dunha persoa ou grupo social, sería o núcleo do que usualmente se denomina personalidade.

Comportamento en psicoloxía[editar | editar a fonte]

Tecnicamente, en psicoloxía, o comportamento defínese de dous xeitos:

  1. Todo o que un organismo fai fronte ao medio.
  2. Calquera interacción entre un organismo e o seu ambiente.

O comportamento nun ser humano individual (e outros organismos e aínda mecanismos) cae dentro dun rango, sendo algúns comportamentos comúns, algúns infrecuentes, algúns aceptados, e outros fóra dos límites aceptados. A aceptación ou non dun comportamento prodúcese mediante a súa avaliación polas normas sociais, e regúlase por varios medios de control social.

Comportamento en bioloxía[editar | editar a fonte]

Dos seis reinos recoñecidos (animais, fungos, plantas, protistas, Archae, Eubacteris), obsérvase o fenómeno do comportamento principalmente nos animais e, de forma moito máis limitada, nos protistas. Porén, son poucos os casos noutros reinos en que se poidan observar movementos organizados especificamente para actuar fóra do organismo.

O comportamento nas plantas[editar | editar a fonte]

O comportamento vexetal é un fenómeno extremadamente limitado. O movemento da planta depende principalmente do mecanismo hidrodinámico da turxencia. "Variacións de turxencia de células localizadas de numerosas plantas producen movementos dos órganos, como por exemplo o peche dos pétalos das flores ou folíolos (diversas Papilionaceae ou casos moi espectaculares como a Mimosa pudica), ou movementos dos estames (Berberis vulgaris), ou o repregamento dos tentáculos trampas das plantas carnívoras, as follas etc.".[4]

Nas plantas, o caso típico de movementos especificamente organizados que teñan como función unha relación co medio ambiente son os movementos de peche das trampas nunha planta carnívora (Dionaea muscipula, Drosera etc.).

Presentación animada das estruturas e os mecanismos implicados neste comportamento depredador.

O comportamento dos protistas[editar | editar a fonte]

O comportamento nos protistas é moi sinxelo e limítase principalmente á conduta da locomoción. As estruturas e os procesos biolóxicos que permiten estes movementos organizados son os movementos amiboides da membrana plasmática, especialmente os cilios e os flaxelos. "Na bacteria intestinal Escherichia coli, por exemplo, cada flaxelo é un filamento ríxido de 14 milésimas de micrón de diámetro e 10 micrómetros de lonxitude, que vai á incrible velocidade de 200 revolucións por segundo grazas a un pequeno motor rotatorio inserido na membrana e a parede da célula.[5]

A dirección de desprazamento está controlada pola detección dun gradiente de concentración dunha molécula, que é detectado polos receptores (o fenómeno da quimiotaxe). "O desprazamento non é ó chou, e mesmo nas células máis sinxelas semella preciso dispoñer de mecanismos de estimulación e de inhibición do movemento.[6]

O comportamento nos animais[editar | editar a fonte]

O comportamento en mamíferos[editar | editar a fonte]

O comportamento dos mamíferos pode ser moi complexo. Prodúcese grazas a estruturas e órganos especializados, altamente organizados: esqueleto articulado, músculos e un sistema nervioso especializado. O estudo do comportamento dos mamíferos ten aspectos etolóxicos, ecolóxicos, bioquímicos, fisiolóxicos, proteómicos, patolóxicos, xeneticomoleculares e evolutivos.[7]

Os mamíferos foron os últimos animais en aparecer no mundo, feito que implica unha maior acumulación de evolucións non só físicas senón tamén no seu comportamento. A súa biodiversidade fai que o seu comportamento sexa moi variado entre as diferentes especies que a forman. Entre os mamíferos hai animais acuáticos, terrestres e voadores, bípedes ou cuadrúpedes, solitarios ou gregarios, migratorios ou sedentarios, todos moi diferentes entre si. Dende as enormes baleas, que se desprazan polos océanos en pequenos grupos migratorios que as levan a percorrer medio mundo, até os morcegos, mamíferos voadores que cazan de noite e poden vivir en colonias de milleiros de individus, pasando polos roedores, pequenos animais que xeralmente se alimentan de froitos e viven en grupos en agochos baixo terra, os primates, algúns dos cales son quen de aprender novas técnicas para obter alimentos, ou os felinos, entre os cales se atopan algúns dos meirandes depredadores.

Dentro desta clase atópanse as especies máis evolucionadas da terra, sobre todo o ser humano, unha das poucas que é quen de modelar a súa contorna para adaptala ás súas necesidades, no máis alto da cadea evolutiva. Posiblemente é esta especie a que amosa un comportamento máis complexo, a miúdo influenciado polos sentimentos e o razoamento, un caso excepcional dentro do mundo dos seres vivos. Neste senso, é especialmente complexo o comportamento desta especie pola súa relación con outros individuos ou mesmo con outras especies. A relación entre o ser humano e outras especies é un caso único, xa que non se limita só a unha relación de depredación.

Comportamento dos sistemas sociais[editar | editar a fonte]

A estrutura social é o patrón de relacións, posicións e número de persoas que conforman a organización social dunha poboación, sexa xa un grupo pequeno ou toda unha sociedade. As relacións danse sempre que as persoas se implican en patróns de interacción continuada relativamente estables. As posicións (status social) consisten en lugares recoñecidos na rede de relacións sociais que levan aparelladas expectativas de comportamento, chamadas roles. Normas e regras son impostas para garantir que se viva á altura das expectativas do rol social, e se impoñen sancións positivas e negativas para asegurar que se cumpran. As normas e regras son a expresión observable dos valores dun sistema social particular. Os roles, normas e valores deben integrarse nun sistema para que este sexa completamente funcional.

Unha conduta humana considérase formal cando no comportamento se cumpren unha serie de regras recoñecidas como valiosas nunha comunidade ou sociedade. Nas sociedades occidentais, por exemplo, considérase formal ser explícito, determinado, preciso, serio, puntual. Esta palabra ten a súa base na aplicación, principalmente na conduta, que teñen as persoas con respecto aos seus valores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Comportamento.
  2. Hemakumara, GPTS. and Rainis, R. 2018. Spatial behaviour modelling of unauthorised housing in Colombo, Sri Lanka. KEMANUSIAAN the Asian Journal of Humanities25(2): 91–107, https://doi.org/10.21315/kajh2018.25.2.5 Spatial Behaviour Modelling of Unauthorised Housing in Colombo, Sri Lanka | Request PDF. Available from: https://www.researchgate.net/publication/327864214_Spatial_Behaviour_Modelling_of_Unauthorised_Housing_in_Colombo_Sri_Lanka [accessed Sep 27 2018].
  3. Elizabeth A. Minton, Lynn R. Khale (2014). Belief Systems, Religion, and Behavioral Economics. Nova York: Business Expert Press LLC. ISBN 978-1-60649-704-3. 
  4. Dauta, Jacques (1999). "Turgescence". Encyclopaedia Universalis (versión en CD-ROM 5.0) (en francés). 
  5. Bornens, Michel (2005). "Mouvements cellulaires". Encyclopaedia Universalis (versión en CD-ROM 11.0). 
  6. Rozé, Claude (1999). "Mouvements cellulaires". Encyclopaedia Universalis (versión en CD-ROM 5.0). 
  7. Mammalian Behaviour & Evolution research group (Universidade de Liverpool) (ed.). "Mammalian Behaviour and Evolution" (en inglés). Liverpool. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bateson, P. (2017) Behaviour, Development and Evolution. Open Book Publishers, Cambridge. ISBN 978-1-78374-250-9.
  • Cao, L. (2014). Behavior Informatics: A New Perspective. IEEE Intelligent Systems (Trends and Controversies), 29(4): 62-80.
  • Clemons, E. K. (2008). How Information Changes Consumer Behavior and How Consumer Behavior Determines Corporate Strategy. Journal of Management Information Systems, 25(2), 13-40.
  • Dowhan, D. (2013). Hitting Your Target. Marketing Insights, 35(2), 32-38.
  • Flint, Jonathan; Greenspan, Ralph J.; Kendler, Kenneth S. (28 de xaneiro de 2010). How Genes Influence Behavior. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-955990-9. 
  • Perner, L. (2008), Consumer Behaviour. University of Southern California, Marshall School of Business. Consultado en http://www.consumerpsychologist.com/intro_Consumer_Behavior.html
  • Plomin, Robert; DeFries, John C.; Knopik, Valerie S.; Neiderhiser, Jenae M. (24 de setembro de 2012). Behavioral Genetics. Shaun Purcell (Appendix: Statistical Methods in Behavioral Genetics). Worth Publishers. ISBN 978-1-4292-4215-8. Consultado o 4 de setembro de 2013. 
  • Szwacka-Mokrzycka, J. (2015). Trends in consumer behaviour changes. Overview of concepts. Acta Scientiarum Polonorum. Oeconomia, 14 (3), 149-156.