El Noroeste (1896)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

El Noroeste

Editar o valor em Wikidata
Fundación31 de decembro de 1896
Lingualingua castelá
LocalidadeA Coruña
Na rede
Galiciana: 3940 BVPH: 9003
editar datos en Wikidata ]

El Noroeste foi un xornal que se editou na Coruña entre 1896 e 1934.

Historia[editar | editar a fonte]

Apareceu o 31 de decembro de 1896, co subtítulo Diario católico regionalista, que recolle a tendencia do xornal: católica e rexionalista. Foi fundado por José Lombardero Franco, que foi o seu primeiro director. A este sucedérono José Pan de Soraluce e José García Acuña. Tamén foi dirixido durante un breve período por Wenceslao Fernández Flórez.

Entre os colaboradores do xornal figuran Antón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire e Roberto Blanco Torres.

A principios de 1918 foi adquirido cos cartos da “Lliga” e as xestións de Pere Muntañola cambiando a liña editorial. A maioría dos redactores abandonaron o xornal para fundar El Orzán. Pasou a ocupar a dirección fáctica Antón Vilar Ponte, despois foi director José García Acuña. En 1921 apareceron unha serie de crónicas desde Marrocos de Valentín Paz Andrade .

Entre 1917 e 1919 publicou un suplemento de catro páxinas titulado: ¡Terra a Nosa!, transformado pouco despois en Bibrioteca popular galega. Nel apareceron Contos da forxa de Uxío Carré Aldao, O castro de Cañás (Boicentril) de Francisco Tettamancy Gastón, Frores do noso paxareco de Francisca Herrera Garrido e Da raza de Uxío Carré Alvarellos.

Entre o 10 de setembro de 1918 e o 18 de novembro de 1919 [1] publica un suplemento literario titulado: Nós. Páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste, con cabeceira de Castelao (desde o segundo número, do 17 setembro), que segundo Filgueira Valverde sería precursor, en certo xeito, da revista Nós.

El Noroeste na II República[editar | editar a fonte]

Durante a República foi adquirido polo Partido Republicano Radical Socialista en xaneiro de 1932 e converteuse en órgano seu[2]. O 27 de xaneiro cambiou de formato e de subtítulo, pasando a ser Diario de la República. Órgano del Partido Radical-Socialista[3]. Estivo dirixido por Jesús Mejuto Vázquez. En febreiro de 1933 volveu facerse cargo da dirección Roberto Blanco Torres[4]. Interrompeu a súa publicación o 4 de febreiro de 1934[5], pero reanudouna ao cabo duns días[6] . En 1934, ao desmoronarse o PRRS e pasar a organización coruñesa a Unión Republicana, El Noroeste converteuse en voceiro deste partido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estas son as datas da primeira e última entregas contidas no facsímile publicado polo Centro Ramón Piñeiro no 2001. Segundo o editor, Luís Alonso Girgado, este suplemento Nós consérvase só fragmentariamente, polo que cabe no posible a existencia de números posteriores.
  2. El Progreso, 19-1-1932, p. 3.
  3. El Progreso, 28-1-1932, p. 3.
  4. El Compostelano, 4-2-1933, p. 2.
  5. El Pueblo Gallego 4-2-1934, p. 9.
  6. El Pueblo Gallego, 7-2-1934, p. 9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Nós. Páxinas gallegas do Diario da Cruña El Noroeste. Ed. facsímile. Centro Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela 2001.
  • Antón e Ramón Villar Ponte: Unha irmandade alén do sangue. Emilio Xosé Ínsua López. Cadernos Ramón Piñeiro, VII.
  • Checa Godoy, Antonio (1989). Universidad de Salamanca, ed. Prensa y partidos políticos durante la II República. Salamanca. p. 130. ISBN 84-7481-521-5. Consultado o 29 de outubro de 2014.