William Barber

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaWilliam Barber

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento2 de maio de 1807 Editar o valor em Wikidata
Londres Editar o valor em Wikidata
Morte31 de agosto de 1879 Editar o valor em Wikidata (72 anos)
Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióngravador Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Barber-14133 Find a Grave: 28325522 Editar o valor em Wikidata

William Barber, nado en Londres, Inglaterra, o 2 de maio de 1807 e finado en Filadelfia, EEUU, o 31 de agosto de 1879, foi o quinto gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, desde 1869, cando socedeu a James B Longacre, ata o seu falecemento.[1][2][3][4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Profesional[editar | editar a fonte]

William Barber aprendeu do seu pai, John Barber, a profesión de gravador, cando era moi novo. En Londres traballara no gravado de vaixelas de prata e na fabricación de cuños para a fabricación de tarxetas e etiquetas, entre outras, na empresa De la Rue & Co.[1][4]

Ao pouco de chegar como emigrante aos Estados Unidos en outuro de 1852, comezou a exercer como ourive, con traballos de chapa de prata. Alí residiu en Boston durante 10 anos, onde ocupou varios postos de traballo relacionados co seu oficio. Sobre este período, nun artigo de outubro de 1879 publicado no American Journal of Numismatics, da Sociedade Numismática dos EEUU, lese: "Estaba empregado en Boston e non atopaba moito traballo relacionado coas moedas e as medallas de alta calidade, aínda que si facendo fichas comerciais, medalliñas políticas e similares". Durante a Guerra Civil (1861-1865), traballou para o fabricante de artigos de prata e ouro Gorham & Co., daquela un competidor directo da firma Tiffany & Co.[1]

A súa habilidade no seu ámbito chegou ao coñecemento de Longacre, daquela gravador xefe da United States Mint, quen requiriu os seus servizos como un axudante en 1865. Logo, o 20 de xaneiro de 1869, á morte de Longacre, foi nomeado polo presidente Andrew Johnson como o seu sucesor, posto no que se mantivo o resto da súa vida.[1][2][4] En 1877, o soldo de Barber nese posto era de 3.000 dólares anuais.[1]

Durante a súa longa etapa na ceca estadounidense, a súa obra cumio foi o dólar de comercio emitido entre 1873 e 1878, para a súa circulación no Extremo Oriente, cun anverso inspirado na personificación nacional de Britannia.[5][6][7]

Cando se fixeron os primeiros preparativos para a creación dun novo valor na moeda estadounidense, a peza de vinte centavos (ou dobre dime), William Barber, como gravador xefe, e o director da ceca de Filadelfia (unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos), James Pollock, eran conscientes de que o deseño tiña que ser ben diferente do do cuarto dólar existente, coñecido como "dólar da Liberdade sedente". Barber realizou unha serie de deseños, que cuñou como probas, tanto para os anversos como para os reversos da nova moeda en proxecto. Porén, o director da US Mint, H. R. Linderman, decidiu que esas novas moedas de 20 centavos se cuñasen co coñecido deseño da "Liberdade sedente" no anverso, obra de Christian Gobrecht (adaptado por Barber), e unha aguia no reverso deseñada especificamente por Wiliam Barber. Tal decisión condenou a moeda ao fracaso, xa que apenas se mantivo en circulación en 1875 e 1876 (con emisións de probas non circulantes tamén en 1877 e 1878).[8][9][10]

En 1876, o fracaso da moeda de 20 centavos derivou nunha relación tensa entre William Barber e o director da ceca, Linderman. Este último quixo entón incorporar novos talentos ao departamento de gravado da Casa da Moeda dos EEUU e para iso contratou a George T. Morgan, vinculado ata entón á Royal Mint, en Londres. A relación de Barber con Linderman e con Morgan nunca chegou a ser fluída no tempo que tiveron que convivir na casa da moeda. Logo da xubilación de Linderman en 1878, a relación entre Barber e Morgan comezou a mellorar ata o punto de alcanzar unha colaboración profesional moi estreita.[10]

Medalla da US Mint na honra do seu gravador xefe, William Barber, obra do seu fillo, Charles E. Barber

Barber foi tamén o deseñador e gravador de diversas medallas, tanto públicas como privadas. Destacan entre elas a coñecida como Broken column ("columna rota"), de 1869, en lembranza do asasinato de Lincoln, e as populares Pacific Railroad, tamén de 1869, a do centenario da independencia, de 1876, ou a medalla da segunda investidura presidencial de Ulysses S. Grant, feita en colaboración co seu fillo, Charles Barber, e asinada coa inscrición W & C BARBER.[9][10]

A William Barber débeselle tamén o deseño da que puido chegar a ser a primeira moeda conmemorativa dos EEUU, se chegase a ver a luz (tal honra correspóndelle ao seu fillo Charles e a George T. Morgan, co medio dólar Colombino).[11][12] Consérvanse esbozos seus para unha moeda de cuarto dólar coa cabeza da Liberdade que comemoraría o principio da segunda centuria dos EEUU como nación. No entanto, este proxecto non contou co apoio necesario e non chegou sequera a ser cuñado como proba.[9]

Á parte das moedas circulantes e das medallas, Barber foi autor dun bo número de probas de deseños de moedas finalmente non adoptadas para a circulación. Mesmo, durante unha época mantivo unha especie de "guerra de probas" co seu axudante, colega e futuro gravador xefe George T. Morgan. A que se considera como a mellor e a máis fermosa destas probas numismáticas é a serie coñecida como Amazonian ("Amazónica"), de 1872, cuñada en prata e en ouro. No entanto, só unha das probas propostas por William Barber chegou a ser cuñada regularmente para o seu uso como moeda circulante: o dólar de comercio (1873-1878).[9][10]

Barber caeu enfermo en Atlantic City, na costa de Nova Jersey, a onde fora de vacacións, na segunda metade de agosto, de 1879, e morreu o 31 dese mesmo mes na súa casa da rúa Ellsworth, en Filadelfia.[1][13]

A estima e a consideración da traxectoria de Wilian Barber entre os seus compañeiros gravadores e o persoal na casa da moeda foi moi boa. O 2 de setembro de 1879, dous días despois da morte de Barber, tivo lugar unha reunión do persoal da ceca para lembrar a súa vida e o seu paso pola institución. A modo de acta desta reunión redactouse unha nota de dúas páxinas que lle foi entregada á familia, da que se extraen pasaxes como a seguinte:[4][9]

En tanto que, pola soberana vontade de Deus, o señor William Barber, gravador da Casa da Moeda, foi levado pola morte, nós, os oficiais e empregados, reunímonos para expresarmos os nosos sentimentos e a nosa simpatía nesta triste e solemne ocasión.

Concluímos que, ao separármonos del, perdemos a colaboración dun oficial afable, meritorio e activo, con habelencia nunha das artes máis difíciles, na que demostrou melloras e progresos continuos.

Concluímos que simpatizamos coa súa familia no seu dó e presentámoslle unha copia deste texto, asinado polos asistentes á reunión.

Logo do seu falecemento, varios dos gravadores da ceca optaban a sucedelo no seu posto como gravador xefe, entre os que estaban Charles Barber, George Morgan, e outros. Logo duns meses co posto vacante, o presidente Rutherford B. Hayes tomou a decisión de nomear como novo gravador xefe o fillo de William, Charles E. Barber, o 20 de xaneiro de 1880.

Uns anos despois da súa morte, en xullo de 1883, Patterson DuBois fixo no American Journal of Numismatics este comentario:[1][4]

Ademais de moito traballo orixinal en cuñaxes de probas e ensaios de moedas, tamén produciu máis de 40 medallas, públicas e privadas. O traballo en todas elas é moi digno de crédito, aínda que se poden salientar as de Agassiz, Rittenhouse e Henry como espécimes dunha arte moi superior. O señor Barber foi asistido polos señores William H. Key, Charles E. Barber e George T. Morgan".

Familiar[editar | editar a fonte]

Retrato de William Barber. Ca. 1840

William Barber casou con Anna Maria (1808-1880), con quen tivo catro nenos, entre os que destaca Charles E. Barber (1840-1917), o seu sucesor como gravador xefe da ceca estadounidense. Do outro fillo varón, de nome Harry, sábese só que era máis novo que Charles. As dúas fillas de William e Anna Maria foron Florence H. (1846-1900) e Mary J. (1837-1913).[3]

William e Anna Maria Barber, xunto coas súas dúas fillas, foron soterrados no cemiterio Mount Moriah, de Filadelfia.[3]

Ata que se fixo público un cadro cun retrato xuvenil de William Barber, pintado na década de 1840, que estaba en posesión da súa familia, o seu rostro coñecíase unicamente por unha medalla de 1880 elaborada polo seu fillo Charles.[9][10]

En febreiro de 2019, a familia atopou senllas fotografías do matromonio Barber (William e Anna Maria) datadas na década de 1870. Na parte posterior do marco de madeira que as contén, unha nota autógrafa da súa neta Edith revela a identidade das persoas dos retratos.[14]

Obras sobranceiras[editar | editar a fonte]

Moedas circulantes[editar | editar a fonte]

Probas e pezas experimentais[editar | editar a fonte]

Medallas[editar | editar a fonte]

  • 1867. Medalla do Congreso na honra de Cyrus W. Field, conmemorativa do primeiro cable de telégrafo entre América e Europa.[27]
  • 1869. Abraham Lincoln (Broken Column).[28]
  • 1869. Pacific Railroad. "Os océanos unidos polo ferrocarril".[29]
  • 1876, Centenario da independencia dos EEUU, para a United States Centennial Exposition, de Filadelfia.[30][31][32]
  • 1879, segunda investidura presidencial de Ulysses S. Grant, feita en colaboración co seu fillo, Charles Barber, e asinada coa inscrición W & C BARBER.[33]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "William Barber". Uspatterns.com
  2. 2,0 2,1 "Barber, William". En Whisker, J. B. (1993).
  3. 3,0 3,1 3,2 "William Barber". En Find a Grave.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "William Barber". En Patterson Du Bois (1883). Páxina 15.
  5. Vermeule, C. (2007). Páxina 69.
  6. 6,0 6,1 "1 Dollar 'Trade Dollar' ". En Numista.
  7. 7,0 7,1 "Trade Dollar. 1873-1885 Trade Dollars". En My Coin Guides.
  8. 8,0 8,1 Burnner, L. J.; Frost, J. M. (2014). "Double Dimes. The United States Twenty-cent Piece".
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Frost, J. (2018). "In Search of the Forgotten Liberty Seated Engraver William Barber". En Gobrecht Journal. Liberty Seated Collectors Club. Verán. 44 #2: 5-16.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Frost, J. (2018 -b-). Páxinas 49-61.
  11. "½ Dollar Columbian Exposition". Numista.
  12. "Silver Commemoratives: 1893 Columbian 50C". Numismatic Guaranty Corporation.
  13. "Obituary - William Barber". En Philadelphia Inquirer. 3 de setembro de 1879. Páxina 2.
  14. Frost, J. (2019). "Photograph of William Barber Discovered!". En The E-Gobrecht. Vol 15. Nº 3. Marzo. Páxina 4
  15. "20 Cents "Seated Liberty"". Numista.
  16. "Liberty Seated Twenty Cent Pieces". En My Coin Guides.
  17. "20 Cents "1875" Pattern". Numista.
  18. "½ Dollar 1869 Pattern". Numista.
  19. "1 Dollar "1879 Goloid Metric Dollar" Pattern". Numista.
  20. "1 Dollar "1880 Goloid Metric Dollar" Pattern". Numista.
  21. "5 Dollars "1878 Half Eagle" Pattern". Numista.
  22. "20 Dollars "1872 Double Eagle" Pattern". Numista.
  23. "50 Dollars 1877 pattern". Numista.
  24. "1877 $50 J-1546 (Proof)". Professional Coin Grading Service.
  25. "1872 Amazonian Silver Set". Uspatterns.com
  26. "1872 Amazonian Gold Set". Uspatterns.com
  27. "Cyrus W. Field Congressional Medal". Brooklin Museum.
  28. "LOT #12574. (1869) Lincoln / Broken Column Medal Arquivado 28 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". 2011 August Chicago Signature US Coin & Platinum Night Auction. Heritage Auctions.
  29. "Item NU 36540. Oceans United by Railway, United States of America, 1869 Arquivado 28 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". Museums Victoria Collections.
  30. "US Centennial Exposition Official Medal". Numista.
  31. "U.S. Centennial Exposition Liberty Bell". Numista.
  32. "Philadelphia Centennial Exhibition 1876". Metropolitan Museum of Art.
  33. "1876 Ulysses Grant Presidential Medal". American Numismatic Association.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
James B. Longacre

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1869 - 1879
Sucesor:
Charles E. Barber