Saltar ao contido

Enfermaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Enfermeira»)
Enfermeira no seu posto de traballo.

A enfermaría ou enfermería é a profesión do campo das ciencias da saúde e a titulación universitaria da persoa que se dedica ao coidado dos enfermos, da súa familia e da comunidade en todas as etapas do ciclo vital e nos seus procesos de desenvolvemento. O seu profesional é o enfermeiro, feminino enfermeira.

Nos tempos premodernos, monxes e monxas, e militares, prestaban servizos de enfermaría. Algúns vestixios destes antecedentes relixiosos e militares aínda permanecen hoxe. Por exemplo, no Reino Unido, as supervisoras de enfermaría denomínanse sisters (irmás, como as sores ou irmás relixiosas), ou en alemán, "enfermeira" é Krankenschwester (literalmente, "irmá das enfermidades").

A enfermaría é unha profesión altamente feminizada, e a día de hoxe aproximadamente hai un 85 % de enfermeiras, aínda que nalgúns servizos especiais o predominio dos homes é maior.

A enfermaría como ciencia

[editar | editar a fonte]

Definicións de enfermaría

[editar | editar a fonte]

Segundo o Consello Internacional de Enfermaría,[1] a enfermaría defínese do seguinte modo:

A enfermaría abarca os coidados, autónomos e en colaboración, que se prestan ás persoas de todas as idades, familias, grupos e comunidades, enfermos o sans, en todos os contextos, e inclúe a promoción da saúde, a prevención da enfermidade, e os coidados dos enfermos, discapacitados e persoas moribundas. Funcións esenciais da enfermaría son a defensa, o fomento dun contorno seguro, a investigación, a participación na política de saúde e na xestión dos pacientes e os sistemas de saúde, e a formación.[2]

A Asociación Norteamericana de Enfermeiras declara, desde 1980, nun documento denominado Nursing: A Social Policy Statement, que a enfermaría é:

O diagnóstico e tratamento das respostas humanas ante problemas de saúde reais o potenciais.

A anterior definición foi ampliada ou adaptada como, por exemplo, a que propón a Facultade de Enfermaría da Universidade de Moscova, en Rusia:

Ciencia ou disciplina que se encarga do estudo das respostas reais ou potenciais da persoa, familia ou comunidade, tanto sa como enferma, nos aspectos biolóxico, psicolóxico, social e espiritual.

Conceptos da enfermaría

[editar | editar a fonte]
  • Autocoidado
  • Investigación en coidados
  • Metaparadigma de enfermaría
  • Metodoloxía dos coidados enfermeiros: Proceso de atención en enfermaría
  • Modelos e teorías da enfermaría

A enfermaría como profesión

[editar | editar a fonte]

A enfermaría tamén é unha profesión de titulación universitaria que se dedica ao coidado integral do individuo, a familia e a comunidade en tódalas etapas do ciclo vital e nos seus procesos de desanrrolo.

As intervencións da enfermaría están baseades en principios científicos, humanísticos e éticos, fundamentais no respecto á vida e á dignidade da persoa.

Subcategorías

[editar | editar a fonte]

O enfermeiro xeralista

[editar | editar a fonte]

En España, por definición, todos os enfermeiros son profesionais. O enfermeiro xeralista, con independencia da súa especialización, é o profesional legalmente habilitado, responsábel dos seus actos profesionais de enfermeiro que adquiriu os coñecementos e aptitudes suficientes sobre o ser humano, dos seus órganos, das súas funcións biopsicosociais en estado de benestar e de enfermidade, do método científico aplicábel, as súas formas de medilo, valoralo e avaliar os feito cientificamente probados, así como a análise dos resultados obtidos, auxiliándose cos medios e recursos clínicos e tecnolóxicos adecuados, con vista a detectar as necesidades, desequilibrios e alteracións do ser humano, referidos á prevención da enfermidade, á recuperación da saúde e a súa rehabilitación, reinserción social e/ou axuda a unha morte digna.

A profesión enfermeira engloba catre esferas de traballo:

  • Asistencia (a máis coñecida)
  • Educación
  • Investigación
  • Xestión

É unha profesión con ámbitos de actuación moi amplos, desde atención primaria, hospitais, residencias sociosanitarias, escolas, ambulancias, centros de traballo, presos.

Actualmente esta profesión encóntrase inmersa nun cambio moi importante. A introdución de especialidades, o acceso ao grao (antigamente diplomatura ou licenciatura, segundo os países) e aos estudos de máster e doutoramento, van modificar radicalmente a profesión.

Na mesma categoría, existe a figura do chamado enfermeiro supervisor, cuxa función específica é supervisar o traballo e o contorno físico do traballo de todos os profesionais que existen na unidade ao seu cargo.

Os enfermeiros teñen funcións independentes (as relativas ao coidado) e dependentes ou delegadas polo médico (administración de medicación, vendaxes especiais e técnicas invasivas como a venopunción, basicamente).

Especialidades da enfermaría

[editar | editar a fonte]

Ademais da enfermaría xeral existen as especialidades en enfermaría, como:

Auxiliares de enfermaría (Técnicos auxiliares de enfermaría)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Auxiliar de enfermaría.

Tamén existe en España (e nalgúns outros países, como en Colombia, por exemplo) unha segunda categoría de profesionais dentro da enfermaría: os técnicos en coidados auxiliares de enfermería, tamén coñecidos como técnicos auxiliares de enfermaría, auxiliares de enfermaría ou enfermeiros auxiliares, que son titulados de grao medio (formación profesional con 2 cursos académicos de preparación —non universitarios, obviamente— cuxas funcións, delegadas pola enfermaría e a medicina (baixo prescrición), son os coidados relacionados coa eliminación de residuos, hixiene e alimentación, así como —baixo supervisión— a administración por vía oral e rectal de medicación e a toma de constantes e signos vitais básicos (teñen prohibida a administración de medicación por vía parenteral, así como calquera técnica diagnóstica ou preventiva, as escarificacións ou as puncións[3]).

Xa que forman parte da enfermaría, xeralmente estes profesionais están presentes nos mesmos lugares de traballo que os enfermeiros e médicos, complementando o seu labor, ben sexa en hospitais (incluíndo servizos como a Unidade de Coidados Intensivos ou a Administración), en consultorios, en clínicas dentais o en centros de saúde. Polo mesmo motivo, están capacitados ao igual que os enfermeiros para realizar funcións asistenciais e administrativas, aínda que non docentes ou investigadoras.[4]

Historia da enfermaría

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Historia da enfermaría.

Primeiros tempos

[editar | editar a fonte]

A arte enfermeira ou arte de coidar aparece descrita de diferentes maneiras nas culturas populares. As definicións e es prácticas evolucionaron moito no curso dos tempos.

Seguramente a orixe das prácticas de coidados está ligado ás intervencións maternais que aseguraban a continuidade da vida e da especie. A alimentación, como necesidade básica que implica suplencia e axuda (por parte da nai ou substituta) nos primeiros estadios evolutivos do home considérase como a práctica de coidados máis antiga.[5]

A historia da profesión enfermeira mostra como a disciplina enfermeira forxouse no curso dos tempos, frecuentemente de forma empírica, ao redor da relixión ou de sucesos como as guerras, as necesidades evolutivas da sociedade en materia de saúde, de coidados de saúde e tamén das reflexións humanistas e da toma de conciencia das necesidades sociais. A enfermaría e os coidados enfermeiros evolucionaron coa historia da medicina e a filosofía da ciencia.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Na Idade Media, a vocación de "axudar ao próximo" encóntrase estreitamente ligada á ideoloxía da relixión e da Igrexa. Os coidadores adoptan consignas similares ás da relixión de Cristo: socorrer aos humildes, ter misericordia dos aflixidos, pois na época, a idea de pobreza se xunta á da caridade.

As grandes epidemias e os tempos de guerra influíron na organización do coidado ás persoas enfermas no seo das congrecións relixiosas. O cristianismo e a súa organización (a Igrexa Católica) tivo vínculos históricos importantes coas prácticas de coidados de enfermaría desde os mosteiros a través das ordes relixiosas, así como desde a conquista da Terra Santa nas cruzadas. Como consecuencia do pensamento medieval relacionado coa reconquista dos Santos Lugares, xurdiu un movemento organizado que cristalizou co fenómeno histórico das cruzadas, as cales deron lugar á aparición de tres tipos de figuras: o guerreiro, o relixioso e o enfermeiro.

A demanda de hospitais e sanitarios nas rotas seguidas polos cruzados propiciou a aparición das Ordes Militares dedicadas á enfermería: especialmente da Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, que fondaron as primeiras enfermarías que tiñan a vocación de "asegurar e coidar", pero tamén os Cabaleiros Teutónicos e os Cabaleiros de San Lázaro.

Paralelamente, os hospitais evolucionaron seguindo o desenvolvemento das cidades: novas formas de asistencia desenvólvense, sobre todo desde o século VII no seo do que os franceses denominan Hôtel-Dieu. Estas institucións comeza a restrinxir as entradas da xente en proveito das enfermidades curábeis, especializándose en hospicios onde os coidados aos enfermos organízanse a través da xerarquía relixiosa e son dispensados polas sores (monxas) hospitalarias. O coidado aos enfermos baséase entón na aplicación de técnicas e coñecementos médicos e cirúrxicos que lentamente se van desenvolvendo.

En España, a primeira institución destinada a acoller enfermos foi o Hospital do Bispo Masona, en Mérida, no século VI, segundo Domínguez Alcón e o Diccionario Eclesiástico de España.[6]

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]
Grande Hospital Real construído en Santiago de Compostela, por decisión dos Reis Católicos de 1499, entre 1501 e 1511. [7]

No século XVI os coidados non son aínda coidados médicos, senón máis ben axudas aos indixentes, aos camiñantes (peregrinos) e aos mendigos. Até o ano 1500, a escasa atención en canto á regulamentación dos coidados de enfermaría, practicados en ámbitos domésticos, propiciou unha variedade de grupos que exercían estas actividades fóra dos ámbitos institucionais: Nodrizas, parteiras o comadroas, grupos dedicados ao coidado a domicilio e grupos dedicados a outras prácticas sandadoras.[6]

A Reforma protestante tivo graves consecuencias para os coidados da saúde debido á supresión das institucións de caridade, xa que, para a filosofía protestante, "non son necesarias as obras de caridade para obter a salvación". Isto traduciuse nun abandono da consideración do coidado de enfermaría, que continuou existindo no ámbito católico.[6]

Entre os anos 1500 e 1860, a enfermaría tivo o seu peor momento, debido a que a idea predominante era que a enfermaría constituía unha ocupación relixiosa máis que intelectual, polo que o seu progreso científico considerábase innecesario.[8] Donahue denominou a este período a "Época escura da enfermaría".[6]

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

A inglesa Florence Nightingale (Florencia, Gran Ducado de Toscana 1820 - Londres, 1910) está considerada como a fundadora do oficio de enfermaría moderno ao facer modificacións nas curas que se lle facían aos feridos da guerra de Crimea (28 de marzo de 1853 - 1 de abril de 1856). Cambios como lavar a roupa, dar comida suficiente ou manter a hixiene das salas modificarían radicalmente as expectativas de vida dos pacientes.

Florence Nightingale, considerada como a pioneira dos coidados enfermeiros.

O Instituto de Diaconisas de Kaiserwerth, creado en 1836 polo pastor protestante Theodor Fliedner (1800-1864), supuxo o inicio dunha formación regrada para enfermeiras. Este feito, acaecido no ámbito protestante, pode supoñer nunha análise superficial unha contradición; porén, o propio caos e desorganización dos coidados de enfermaría protestantes foi o que exixiu unha regulamentación formal e específica para exercer a profesión.

Segundo Robinson, no libro Notes on Nursing (Notas sobre a enfermaría), publicado por Florence Nightingale en 1859, supuxo "un texto de crucial influencia sobre a enfermaría moderna".

En 1860 inaugurouse a Nightingale Training School for Nurses (Escola Nightingale de formación para enfermeiras"), que foi unha institución educativa independente financiada pola Fundación Nightingale. A orixinalidad do proxecto foi considerar que debían ser as propias enfermeiras as que formasen ás estudantes de enfermaría mediante programas específicos de formación, facendo fincapé tanto nas intervencións de enfermaría hospitalarias como extrahospitalarias, para o mantemento e prevención da saúde tanto do individuo como das familias.[6]

Nigthingale, reformadora do concepto de enfermaría, deulle unha nova directriz á ciencia do coidado do ser humano, ademais de diferenciar o que era medicina da enfermaría desde o punto de vista de que a enfermaría situaba ao paciente nas mellores condicións para que a natureza actuase sobre el nun ambiente limpo, libre de axentes patóxenos.

En Estados Unidos, segundo Donahue, o primeiro texto sobre enfermaría publicouse en 1885 pola señora Clara Weeks Shaw, e a primeira revista nacional sobre enfermaría, The Trained Nurse and Hospital Review, apareceu en 1888. Lilian Wald foi a precursora do que hoxe se entende como Enfermaría comunitaria, mediante un proxecto que comezou en Nova York en 1893 como unha organización filantrópica, e que constituiría a base para o posterior desenvolvemento da saúde pública en dito país.

En Francia, en 1871, pouco despois dos acontecementos sa Comuna de París, aparecen as primeiras estruturas de ensino laico e regulamentado para os coidados enfermeiros, baixo o impulso do doutor Désiré-Magloire Bourneville, e dunha ordenanza de 28 de outubro de 1902 animando ás facultades de medicina a tomar ao seu cargo o seu ensino.[9].

Nova Zelandia foi o primeiro país que regulou as enfermeiras no ámbito nacional coa adopción da Acta de Rexistro de Enfermeiras, o 12 de setembro de 1901.

En 1922, na Universidade de Indiana (Estados Unidos), fundouse a Sigma Theta Tau, unha organización que promove a investigación e dirección de enfermaría. Os seus membros son seleccionados de acordo cos seus logros académicos e calidade profesional, e entre eles figuran estudantes, estudantes graduados en programas de enfermaría e dirixentes de enfermaría comunitaria.[6][10]

Posteriormente, Mrs. Benford Fenwick fundaría o Consello Internacional de Enfermeiras, a máis antiga de todas as organizacións internacionais para traballadores profesionais.

Facultade de Enfermaría. Universidade de Antioquia, en Medellín, Colombia.[11]

Durante a segunda guerra mundial a penuria de médicos fixo que a enfermaría adquirira maior importancia e relevo. Nos últimos días da guerra un artigo de Bixler e Bixler na revista American Journal of Nursing valoraba a enfermaría como unha profesión. Os sete criterios para unha profesión identificados por estes autores eran aplicábeis á enfermaría da forma en que se practicaba nese momento, e xustificaban a consideración desta actividade como profesión.

O coidados enfermeiros, dos que a terminoloxía quedou oficialmente fixada despois da primeira sesión do Comité de expertos en enfermaría da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1950,[12] e cuxo primeiro código de deontoloxía se publicou en 1953,[13] tenderon, desde aquela, a constituírse nunha ciencia.

En España, o 4 de decembro de 1953 unifícanse en ATS (Asistente Técnico Sanitario) os estudos de auxiliares sanitarios seguindo o modelo de especialidades médicas co obxecto de proporcionar así maior formación *posbásica ás profesións de matronas, practicantes e enfermeiras, de modo que as matronas pasan a ser unha especialidade de ATS [14] e pouco despois tamén os fisioterapeutas.[15] En 1977,[16] transfórmanse en España as ensinanzas conducentes ao título de ATS polas de Diplomado universitario en enfermaría (DUE).

Este feito histórico supuxo o recoñecemento por parte da institución universitaria da enfermaría como disciplina en proceso de construción e como profesión de carácter universitario con todo o que iso implica: recoñecemento científico e académico da antiga actividade do coidado de enfermaría, crecemento doutrinal e a posibilidade futura de acceder a todos os graos académicos (licenciatura e doutoramento).[6]

Máis recentemente, a enfermeira norteamericana Hall identificou os seguintes cinco criterios de actitude coa profesionalidade:

  1. Uso de organizacións profesionais como referentes importantes.
  2. Crenza na autorregulación, o que trae á idea de que só os profesionais dunha área específica poden establecer as normas para a súa práctica.
  3. Crenza no servizo ao público como parte esencial da profesión.
  4. Sentimento de considerar o campo ou o compromiso coa profesión como un interese fundamental e un desexo que vai máis alá da recompensa económica.
  5. Autonomía cando o profesional debe tomar decisións sobre o seu traballo baseadas nas normas do mesmo e no código deontolóxico.[17]

En España, co programa de estudos resultante do Proceso de Boloña, a enfermaría alcanzou o seu máximo desenvolvemento, pois é posíbel obter o doutoramento en enfermaría, que facilita o labor de investigación e, consecuentemente, o desenvolvemento da profesión.

  1. O CIE (ou ICN, nas súas siglas en inglés), é unha asociación internacional que agrupa a máis de 100 organizacións estatais de Enfermaría.
  2. Definición de enfermaría do ICN. Arquivado 10 de maio de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  3. Artigo 85 do Estatuto de Personal Sanitario no Facultativo de la Seguridad Social.
  4. Estatuto de Personal Sanitario No Facultativo de la Seguridad Social, Orde do Ministerio de Traballo de 26 de abril de 1973 (publicado no B.O.E. o 28 r 30 de abril de 1973).
  5. Hernández Conesa, Juana (1996): Cuestiones de Enfermería. McGraw-Hill/Interamericana de España. ISBN 84-486-0103-3.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Hernández Conesa, Juana. Op. cit.
  7. Serviu como hospital até mediados do século XX, data na que se transformou no Hostal dos Reis Católicos, parador nacional de turismo.
  8. A este respecto, véxase o que se di no artigo Historia da cirurxía sobre as loitas entre a Igrexa e os científicos nas idades media e moderna.
  9. Etienne, D. (decembro 2006). "Le couple médecin-infirmière, de 1900 à nos jours - Dossier spécial 50 ans". Revue Soins (711). ISSN 0038-0814. 
  10. Sigma Theta Tau. Honor Society of Nursing (en inglés)
  11. Fundada en 1950 como Escola de Enfermaría, transfórmase en 1980 en Facultade.
  12. Serie dos informes técnicos n° 24, Xenebra, 1950
  13. Véxase en Código deontolóxico para a profesión de enfermaría Arquivado 21 de maio de 2009 en Wayback Machine. de 1953. (en francés).
  14. Decreto de xaneiro de 1957, BOE do 12 de febreiro de 1957.
  15. Real Decreto de 26 de xullo de 1957, BOE do 23 de agosto.
  16. Real Decreto 2128
  17. Historia de la Enfermería. (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Baly, Monica E. e H. C. G. Matthew (2004): "Nightingale, Florence (1820–1910)"; Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
  • Bostridge, Mark (2008): Florence Nightingale: The Woman and Her Legend. Londres: Viking. ISBN 978-0-670-87411-8
  • D'Antonio, Patricia (2010): American Nursing: A History of Knowledge, Authority, and the Meaning of Work [1]
  • Dingwall, Robert, Anne Marie Rafferty, Charles Webster (1988): An Introduction to the Social History of Nursing. Routledge.
  • Hernández Conesa, Juana (1996): Cuestiones de Enfermería. McGraw-Hill/Interamericana de España. ISBN 84-486-0103-3.
  • Snodgrass, Mary Ellen (2004): Historical Encyclopedia of Nursing. From ancient times to the present.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]